BiosBardia

O país dos libros en galego

Roberto Abuín: “O comunitarismo é patrimonio inmaterial do pobo galego”

César Lorenzo Gil.

A editorial Axóuxere leva desde o 2011 creando pensamento crítico desde Rianxo. Falamos cun dos seus responsables, Roberto Abuín (Rianxo, 1979), sobre unha proposta singular para a lingua galega que vai máis alá dos textos dos libros.

Roberto Abuín.

Cónteme, que é Axóuxere?

Axóuxere é un proxecto cultural que nace en Rianxo como resposta ao oco que había na nosa produción cultural de ensaio e pensamento crítico. Queriamos poder dispoñer en galego de textos imprescindibles nestas áreas e tamén favorecer que as persoas que están a pensar arestora en Galicia tivesen un lugar onde publicar.

Como chega vostede ao proxecto?

Eu estudei Filosofía na Universidade de Santiago e logo Antropoloxía en México. Alí fun un dos fundadores da editorial Almadía. Ao volver a Galicia, porque eu son galego e quería estar aquí, despois de xuntanzas e intercambio de ideas, creamos un grupo de traballo que funda Axóuxere. Ese grupo fundador estaba composto tamén por Nora Viéitez, Rafa Xaneiro e Xosé Manuel Tubío.

Que feitura ten ese proxecto?

No primeiro momento é un proxecto asembleario ao que lle temos que dar unha forma que nos permita traballar no sector editorial con normalidade. Barallamos varias opcións e chegamos á conclusión de que nos gustaría que fose unha cooperativa a que xestionase Axóuxere. Pero aínda a día de hoxe ese é un obxectivo que non podemos atinxir, así que primeiro formamos unha sociedade civil, que nos permite operar como unha empresa cos demais axentes do sistema editorial pero que serve de ponte se posteriormente puidésemos converternos en cooperativa. Ese modelo tras unha modificación legal converteuse en comunidade de bens.

Tiña vostede experiencia no sector?

Eu xa traballara como editor en Libros da Frouma e para a Xunta de Galicia. Rafa Xaneiro tamén tiña experiencia na edición e na crítica literaria. Viéitez colaborara con varias editoras españolas.

Antes indicábame que había un oco na edición galega de ensaio.

Correcto. É curioso porque o interese polo ensaio e o pensamento era fundamental na Xeración Nós pero a verdade é que a día de hoxe a maior parte da produción editorial en galego é literaria. O noso interese era reverter esa situación e sermos ambiciosos. Queriamos que os textos relevantes do pensamento crítico da actualidade estivesen accesibles na nosa propia lingua.

Case sempre unha editorial que nace con eses obxectivos tan claros e especializados ten os seus libros fetiche que quere publicar. Foi ese o seu caso?

Foi. Nós queriamos publicar a tradución de dous textos. E así o fixemos. Hai dous textos fundacionais: Zona Temporalmente Autónoma, de Hakim Bey, que é un libro que reflexiona sobre o fenómeno hacker, a crítica ciberespacial, a relación entre tecnoloxía e pensamento. Fíxonos moita ilusión publicar este libro porque ademais o autor, que é un anarquista que vive nunha cabana nunha zona rural do estado de Nova York, sabemos que recibiu con agrado a versión galega.

O outro libro fundacional é Chamamento, un libro anónimo que xorde do denominado Comité Invisible, unha fonte de pensamento crítico en Francia que nos propón un novo sistema de relación co poder. Este libro reivindica o comunitarismo, unha maneira realista e inmediata de superar os límites do capitalismo grazas á vontade persoal de construír novas formas de relación. Este comunitarismo é moi acaído para a sociedade galega, que conta con ese ideario comunitario na súa tradición social desde hai séculos. Neste sentido é bo recordar isto, que o comunitarismo é un dos bens inmateriais do noso pobo e hai que reivindicalo.

Amais de autores internacionais, vostedes publican autores galegos. Destaca, do meu punto de vista, pola súa valía e proxección, Rebeca Baceiredo.

Non só ela. A nómina de autores galegos, de pensadores que están participando do proxecto Axóuxere medra. Estamos moi orgullosos de contar con nomes de moita valía: Antón Fernández de Rota, Xosé Díaz, Carlos Lema, Xavier Turnes, Ignacio Castro, Almudena Otero, María Alonso…

Rebeca Baceiredo está vinculada a Axóuxere desde o primeiro momento. É unha pensadora que leva anos desenvolvemento un traballo moi interesante. E un exemplo. Neste sentido teño que recoñecer que nos está a custar moito conseguir que publiquen pensadoras mulleres. Temos atopado autoras moi interesantes que queremos ter no noso catálogo pero cústanos que dean o paso para publicar. É unha materia que recoñezo que temos pendente.

Tamén, se me permites, quero destacar a publicación de Presenza dunha Ausencia. Sobre Maurice Blanchot, obra póstuma de Anxo Rei Ballesteros. Este libro é froito dun traballo arduo de edición que realizou o equipo de Axóuxere coa axuda da viúva do escritor, María Xesús Armada, a partir do manuscrito que o escritor deixou. Un manuscrito complexo, desordenado, inconcluso. Mais coido que é unha obra que consolida a Rei Ballesteros como un dos grandes ensaístas da historia do pensamento galego.

Sempre que falo con editores, por moi especializados que estean os seus selos, dinme que acaban recibindo orixinais fóra das súas áreas de publicación. E moitas desas editoriais acaban por ampliar o seu foco orixinal. Como levan isto en Axóuxere?

Por unha banda, é certo que en efecto todas as editoriais acabamos recibindo orixinais que ultrapasan a nosa área de interese. Nese caso nós intentamos ser cercanos e axudar os autores a atoparen o seu editor ideal. Coido que entre as editoriais galegas debemos cultivar a colaboración. Aquí non sobra ninguén, aquí cadaquén está pelexando por encontrar o seu espazo e por cumprir co seu traballo do mellor xeito. Cantos máis sexamos e mellor nos levemos, coido que mellor.

Dito isto, cando configuramos Axóuxere como editorial crítica, reflexionamos en que había modelos semellantes ao noso en Francia ou Portugal que consideraban a literatura como parte intrínseca do pensamento crítico. En Galicia as grandes editoriais e algunha outra publican principalmente literatura encadrada nun concepto moi concreto de literatura. E queda fóra, digamos, unha ficción non convencional. Poéticas non ortodoxas que non encaixan nesas formas habituais no mercado editorial. Estou pensando en autores da liña de Sebald ou Clarice Lispector, por dar dous exemplos ben diferentes. De aí é que nacen as coleccións Euterpe e Calíope.

Euterpe publica xustamente libros na fronteira dos xéneros e dos formatos, xogando coas poéticas transmediais, poéticas non convencionais, arriscadas e experimentais en tema ou medio.

Calíope engloba textos de carácter literario que moven as fronteiras dos xéneros, especialmente cara ao ensaio. Que non parecen encaixar en compartimentos estancos pero que teñen moito interese para o lector actual. Nesta colección publicamos libros moi interesantes e diversos: Afonso Pexegueiro, Xosé Lorenzo Tomé, Xosé Luís Santos Cabanas e Héitor Pose con fotos de Alberte Rodríguez Fariña.

Amais de editar, en Axóuxere organizan unha residencia creativa en Rianxo. Fáleme dela.

No 2011 fundamos a Residencia Literaria. É unha iniciativa cun concepto moi sinxelo: un escritor pasa un mes nunha aldea de Rianxo para traballar no seu proxecto creativo. A cambio ten que impartir un seminario sobre literatura e participar tamén en obradoiros e recitais e dar conferencias.

Esa residencia suspéndese de aí a uns anos e rexorde no verán do 2017 cun novo concepto. Amais dunha residencia de escritores quixemos tamén unha residencia de pensamento. Os criterios son os mesmos que para os escritores pero en vez de traballaren nun proxecto literario, os pensadores pensan. Pasan un mes entre nós para traballaren nunha proposta concreta de pensamento.

Como responden os creadores?

Moi ben. Chega a moitos e interesantes creadores de varios continentes. Recibimos iniciativas moi orixinais e atractivas. Curiosamente, de onde menos recibimos é procedentes de Galicia. E a súa experiencia, inmellorable, tal e como nos contan cada ano. Tanto é así que este ano tivemos problema para escoller as iniciativas que habían vir para Rianxo. Ao final escollemos dous proxectos literarios e dous de pensamento.

Nesta iniciativa ten que ser fundamental o interese institucional.

Contamos co apoio inequívoco e estable do Concello de Rianxo. Participan na escolla das iniciativas das residencias e tamén no seu financiamento.

E como reacciona o pobo de Rianxo. Participa nas actividades que promoven os creadores?

Rianxo participa e moito. Por unha banda, na aldea na que están as residencias hai un ambiente de curiosidade e cariño. As persoas que chegan de fóra interactúan coa veciñanza, van comprar o pan á panadaría do lugar, falan coa xente. É un ambiente moi especial. E nas actividades nótase amais orgullo da xente porque notan que Rianxo está a participar en primeira liña dunha xeración clara de riqueza cultural. Isto é algo moi interesante de Rianxo. Temos unha tradición galeguista e de esquerdas que se nota día a día. En todo o concello hai un compromiso coa cultura e co seu poder de activación social.

Que outros proxectos lle gustaría que nacesen a partir de Axóuxere.

Hai moitos. Pero quero destacar dous.

Por unha banda, coido que nos fai falta unha revista de pensamento. Unha publicación de pensamento, crítica e análise feita cun criterio moi plural. Coido que nos falta en xeral dialogar, entender os argumentos das persoas que pensan diferente a nós. Conseguir un espazo de debate razoado é unha arela á que non renunciamos.

E pola outra, gustaríame moito que se crease unha comunidade de aprendizaxe, a nivel galego, que favorecese o intercambio e o diálogo entre creadores e pensadores. Que viñesen escritores, filósofos, sociólogos, etc. de Galicia e doutros lugares e falasen de temáticas vinculadas coa creación, coa sociedade ou con asuntos abstractos de teoría. Unha convivencia semellante á que se establecía nos seminarios de verán do Laboratorio de Formas de Sargadelos en Cervo. Converter a Rianxo nun punto de desenvolvemento de pensamento contemporáneo e crítico e que desde aquí a iniciativa fose sumando outros espazos ao longo do país para crear unha rede galega interconectada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *