‘Rock and roll’ vs ‘O meu aquel’
Xornada 2 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Pilar Vilaboy e David Botana.
Traba: O relato comeza pola frase: “Tamén che dixen que ía chover”.
‘Rock and roll’
David Botana.
—Tamén che dixen que ía chover. Hahahaha! —A cadea da motocopeta entrou bruando nas entrañas do morto e foi subindo ata que o fendeu á metade. Logo viñeron as detonacións dos cartuchazos, recarga, corte, patada, disparos, xiro e cabezas a voar. Cando rematou a treboada de morte chuviscaba unha densa poalla de sangue. O seu riso era un gato de Cheshire sobre vermello, gustáballe o seu traballo. Ripley observaba o baile fascinada. As lendas non esaxeraban, era un dos poucos boomer que inda se adicaba á caza. Ata deseñaba as súas propias armas. Pai fora tallante: «É o mellor, Ripley, salvoume o cu tantas veces que non as podo nin contar. Vai contigo ou non vas».
—Esa mostruosidade fai demasiado ruído, Axel. Estamos aquí en misión de recoñecemento.
—Relax, paxariño, todo bo armamento anti-zombie debe tender ao factor Mandingo…
—Ao que?
—Santa wifi, estes newborn non podedes seguir nin media liña de cháchara-meme… Por certo, se non quitas o seguro non fai bang, sabes?
—Sei como funciona, tranquilo —dixo Ripley ruborizada. Sabía disparar, todo o mundo sabía, pero odiaba facelo. O seu papel como necrobióloga era o estudo, non a exterminación—. A que te adicabas antes da caída?
—Eu? A aburrirme, paxariño.
Evitaron sixilosamente o resto de perdidos. Como se rumoreaba, as pautas de comportamento daquel rabaño eran estrañas. Non seguían trazados aleatorios, non perseguían os sons nin ventaban o ar. Carretaban materiais, facían parapetos, semellaban estar a construír algo. Fixeran ben en vir investigalo.
—Que era este lugar, Axel?
—Unha tenda de mobles Ikea. Non vaias pensar que cambiou demasiado o ambiente.
Na zona infantil había un grupo grande completamente inmóbil, ficaban anicados mirando algo. No centro do grupo había unha zombie cun recén nacido. Semellaba estar vivo, tiña a pel rosada, era grande e fermoso. Un raio de luz entre tanta escuridade. A morta arrolábao con dozura, parecía durmir.
—Meu deus!
—Tranquilo, Axel.
A perdida ergueu a cabeza sorprendida. O bebé comezou a rir dunha maneira incriblemente doce. Os zombies ao seu redor imitárono guturalmente.
—Non é normal, Ripley. Non é normal. Teño visto cousas así, enxendros, mutacións do virus. Hai que purgar este puto inferno —Axel acendeu a motocopeta e avanzou. A zombie fixo ademan de protexer o bebé, que se botou a chorar asustado. O rabaño saloucou ao unísono.
—Para! —Tiña que evitalo, era algo único, un zombie coidando un bebé! Un morto con empatía. A chave para unha posible comunicación cos perdidos.
—Rock and roll, paxariño.
A detonación retumbou na nave. A cara de Axel debuxou un signo de interrogación antes de derrubarse. Ripley odiaba disparar, pero sabía facelo. O neno riu, a zombie fíxolle un aceno e ofreceullo, o rabaño deixouna pasar. Ela achegouse tremendo; non entendía o que acababa de acontocer nin o porqué, só sabía que tiña que protexer o meniño. «Mamá», dixo o bebé, mirando para ela con dozura. O cordón umbilical que o mantiña pegado á zombie separouse deixándoa inerte. Logo entrou violentamente na súa nova nai.
O meu aquel
Pilar Vilaboy.
—Tamén che dixen que ía chover. Os ósos non che me enganan, avísancheme sempre que vai cambiar o tempo.
Que tempos aqueles en que seu pai Domingo tiña rixo para facer frases así, aínda que só falase de cambios meteorolóxicos. Agora non daba artellado palabras con tino, encerrado no seu mundo dunha enfermidade dexenerativa que lle daba momentos puntuais de tregua para saudar de lonxe a consciencia. Estas lagoas da memoria foron as que obrigaron o matrimonio a trasladarse a unha residencia. A primeira que lles ofertou dúas prazas libres foi Carballo. Colléronas.
Antía seguía vivindo en Portosín na casa patrucial. Falaba case a diario con súa nai.
—Que tal, mamá? Como vai papá?
—Ségueche igual, sen melloría. Aínda que hai uns días que cando ve un anuncio sinala a televisión e mira para min. Pero non lle entendo o que me quere dicir.
—E que anunciaba, lémbraste?
—Penso que algo de cervexas, pero non che estou segura. Se cadra era de Coca-Cola…
Antía, nada máis colgar, buscou en internet publicidade de bebidas e no terceiro anuncio de cervexa atou cabos. Alí estaba a imaxe dun trabuco de bandoleiro que era moi semellante a algo que fixera seu pai había corenta anos.
De pequerrecha, Antía pensaba que todos os pais do mundo eran inventores porque sempre lembraba o seu deseñando e mesturando cousas raras. Non inventara os centauros porque non se lle dera pola mitoloxía. Lembraba que cando fixera aquel aparello raro preguntáralle curiosa:
—Que é isto? Como se chama?
—Motocopeta ou aquel, Reboliña. Tamén cría que todas as fillas tiñan un sobrenome.
—Para que serve?
—Para aquelar.
—Que é iso de aquelar?
—Aquelar é unha palabra que serve para todo. Vou aquelar o aquel, tanto significa vou amañar a moto coma vou inventar un trebello.
E pensaba que a motocopeta era coma un talismán que valía para pedir desexos. Ata que a madurez lle espetou que non sempre se cumpren os soños que unha imaxina de cativa. Outra entelequia máis. Parou de chamala Reboliña e acabou falando a rebolos.
Foi ao alboio da casa onde podía estar o aparello aquelado. E despois de remover varias caixas cheas doutros inventos, aquelou esa mestura de escopeta e correa de moto.
Ao outro día colleu o trebello e marchou para a residencia de seus pais. Nada máis chegar ao cuarto, Domingo ergueu a man e dixo cun sorriso nos beizos:
—O meu aquel.
Levaba case un ano sen artellar unha soa palabra. Pola tarde acenderon o televisor e, cando saíu o anuncio da cervexa, Domingo volveu rir. Un pequeno progreso que abondaba para que nai e filla chorasen de alegría.
‘Rock and roll’
O/A autor/a do relato colle uns cantos topicos de pelis/series de zombies e monta a sua apocalipse particular. Fai moi ben en non explicar nada que caia fora do relato, para iso xa deixa cousas como “a caida”, os “newborn”, “a caza”, “necrobióloga”… e o lector fai o resto. Por suposto sempre hai algunha molesta cousa que aclarar, como o caracter da mision.
Talvez Ripley sabía algo mais sobre a mision do que se conta no relato. Ó mellor podia aforrarse algunha explicacion situando o enfoque do narrador máis proximo a Axel e deixando na sombra a Ripley (excepto no dialogo ou no que Axel puidese ver ou sospeitar). O problema poderia ser o final, pero en vez de matar a Axel poderia terlle pegado un tiro no xeonllo (se o matase sucederia como no relato co cura das estatuas namoradas, onde o narrador, ben apegado ó parroco, tivo que facer unha viaxe astral para contarnos a quen chamaba o buceador).
Unha vez establecido o setup da historia chega ese final inesperado. un bebé entre os zombies, un bebé jefazo. A imaxe é perturbadora e imaxinarse ós zombies imitandoo inda mais. Penso que Ripley estaba controlada polo bebé dalgun modo -“sabía que tiña que protexelo”- cando lle disparou a Axel, pero iso non cadra ben co concepto de que non lle gustaba disparar, porque nese caso non teria nada que ver co gusto. Sea como sea é unha boa escena rematada con outra imaxe de impacto. Curioso que este “bebé alien” entre dentro dunha “Ripley”. Todo axuda á hora de crear ambiente. Iso faime pensar se Axel se chama así por semellanza con Ash (Bruce Campbell) ou por Axel rose?
pd: confeso que non sei que é o factor Mandingo.
O meu aquel
Este relato tiña todos os ingredientes para montar unha boa historia. Pero, na miña opinion, perdeuse nos detalles. En realidade todo pode reducirse a un unico detalle: a residencia.
Que a nai -estando ben- se trasladase co pai a vivir na residencia, qeudando a filla soa na casa da familia… eu non o entendo. Non vou pontificar con que iso non se fai, pero si que merece mais dunha liña no relato, non se pode dicir asi sen mais. Se o vai estar coidando a nai… para irse a unha residencia? se non o está coidando ela alí, para que vai ela á residencia? ademais di que foron obrigados… obrigados pola filla? a nai polo qeu sabemos poderia ter 60 anos e non estar inda xubilada..
tampouco ten demasiado sentido que a nai diga que siga igual “sen melloria”. As enfermedades dexenerativas non melloran de por si. Foron á residencia para tratalo?
Eliminando a residencia da ecuacion tamen seria moito mais doado enlazar o tema do anuncio. Poderia estar a filla co pai cando ve o anuncio e reacciona. Iso seria mais natural e segue sendo un desafio que se de conta do que o fixo reaccionar.
Por ultimo non podo dar creto a que a deixaran entrar na residencia coa escopeta. Non son capaz de abstraerme diso.
Polo demais non teño queixa, era so cambiar a residencia pola casa familiar e teria o meu voto.
Voto por Rock and roll.
*o relato do cura era o outro, divina pension.
Rock and roll
Con certeza as historias de zombies e apocalipse non son as miñas favoritas, mais debo admitir que me gustou moito a execución deste relato. Os diálogos teñen moita chispa e acompañan ben a acción.
O meu aquel
Pásame o contrario que co seu rival, é unha historia que se me fai moito máis próxima, mais que neste caso non conseguiu emocionarme. Penso que o autor/a non adubou o suficiente a historia, usa unha linguaxe demasiado neutra para o que requeriría un relato tan intimista. É unha historia sólida, na que se sabe o que vai acontecer desde o inicio (cousa que non é mala). Desafortunadamente, non se nos ofrece polo camiño ningún detalle que faga desta historia en concreto algo diferente.
O meu voto vai para Rock and roll.
Estades por amolar.
Creo que no primeiro relato o clima está moi conseguido, a relación coa fotografía é boa e o texto funciona coma un reloxo, levándote coma un parvo ao final que anunciaba o nome da protagonista.
No segundo a relación entre a fotografía e o tema tamén me pareceu ben, o tema e a trama tamén me parecen correctas, pero aquí fáltame algo no estilo. Non sei que, pero paréceme algo desapegado dunha historia tan íntima.
O meu voto vai para “Rock and Roll”, aínda que algo aquelado, diría.
“Rock and Roll”
Gústanme as historias orixinais coma esta, aínda que a min o diálogo e o exceso de referencias me botaron bastante para fóra. Ten humor e está ben escrito. Non me gustou o peche, pero si o final “amplo”.
“O meu aquel”
Pareceume moi ben escrito e moi doce de ler. Unha anécdota fermosa, pero si que é certo que con elementos algo estraños. Fáltalle algo, non sei se traballo, intimidade ou lóxica nalgúns conceptos.
Non é por maioría (neuronal), pero o meu voto vai para “Rock and Roll”.
.
Cumbiote de imaxe a deste duelo, que pide a berros que veña Bruce Campbell co boom stick a perder unha man.
Rock and roll é unha carta de amor a todo o xénero. A escena inicial, a pesar de ser unha carnicería confusa, está descrita con precisión é iso é de admirar. O dialogo mestúranse coa narración. Complementa perfectamente o que está a pasar e consegue retratar a escena como se fose un fotograma. A escena do coro de zombis a repetir o riso do bebé é inquietante polo menos. O final non tira por o bebé zombi de Braindead ☹, pero queda ben redondo, dándolle coherencia ao xogo de nomes. Eu decántome a pensar no Axel-Ash. Vexo a Gun pero non as Roses.
Por favor, súmome ao colectivo que quere saber que contra é o efecto Mandingo.
O meu aquel botase a imaxe ás costas e decide ir en camiño contrario. Un relato tan sentimental é o último que agardaba atopar cunha premisa así. Está ben planeado, preo fáltalle algunha escena que lle de razón de ser; peso máis alá dunha anécdota doce se quere apelar a iso. Aínda así, moito mérito ten sacar isto dunha escopeta pegada a unha motoserra.
O meu voto vai para Rock and roll.
Boas compañeiras,
O primeiro relato, ao meu modo de ver, expón moi ben os clásicos tópicos da escea rock, que tamén me parece que está moi conseguido nas voces. Quizáis ao principio sí que me resultou algo confuso pero a medida que ía lendo íase aclarando máis e máis.
O meu aquel encantoume. Paréceme un relato constumbrista e cotiá, e grazas a iso e ao seu sentimentalismo conseguiu o meu voto!
Parabens
ola Sofía! non che pareza mal a pregunta, pero lendo o teu comentario de rock and roll a min dame a sensacion de que en realidade estás comentando Suspicious minds, do teu duelo con Sabela (os topicos do rock, as voces, a confusion inicial que se vai aclarando…). Pode ser que pasara iso ou é que teño demasiado suspicious mind?
En primeiro lugar parabéns a Pilar. Por un momento vinme contra as cordas. Estaba indo a cousa moi ben, penso que con un pouco máis de traballo che queda un relato moi redondo. Tamén aproveito para felicitarte polo torneo que estás a facer. Notei un salto moi importante nos relatos que estás sacando nesta edición.
En canto ao meu. Tiña demasiadas ideas e un esbozo de final potente…síntome contento de que non se atropelen demasiado os conceptos, pero creo que o formato se lle queda moi curto.
Pd. Se poñedes “Mandingo” en Google pronto entendedes do que falo. Efecto mandindo: dise de cousa aparatosa, excesiva e en xeral exagerada…
Oh.
Moitas grazas David, polos ánimos. Non sei porque tiveches medo, todos os meus contrincantes arrasan, sempre. Pero eu intento velo coma unha aprendizaxe e aprender dos erros que vexo grazas ás vosas críticas. A ver se antes de acabar o duelo consigo que o meu relato gañe algunha xornada. A esperanza é o último que se perde.