Rosa Aneiros: “Non soporto a idea de pensar que lle lin todo a unha autora que adoro e xa morreu”
Abrimos as portas da ‘Biblioteca Íntima’ de Rosa Aneiros, unha autora que leva máis de vinte anos gañando premios e publicando libros, principalmente de narrativa. A súa última obra é Catro plumas de dinosauro (Xerais).
Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?
Supoño que Os tres porquiños, pero o que máis acorda é O Principiño, en tradución de Carlos Casares
Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?
Sombra do aire na herba, de Luís Pimentel
E que obra mestra canónica lle cae das mans?
O Ulises,de James Joyce.
Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a
Anxos Sumai, Eva Mejuto, Carlos Negro… pero non por ser persoas que se dediquen á escrita, senón por amizade pura. Se, ademais, puidese rescatar a Agustín Fernández Paz e Xabier Docampo sería capaz de pasar a noite sen pegar ollo só polo pracer de volver oílos latricar (aínda que non me deixasen meter baza nin para preguntar se o alén paga a pena). E un té con Juana de Vega, Rosalía de Castro e Concepción Arenal había ser do máis estimulante ou un café con Zaddie Smith, Karmele Jaio, Andrea Abreu ou Carson McCullers. Por non desbotar unhas cervexas con Lois Pereiro, Xela Arias ou Manuel Antonio (talvez este último me retase a un duelo de navallas, quen sabe).
E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo?
Sen dúbida, Mario Vargas Llosa, aínda que gustar, gustábanme as primeiras obras.
Un libro recente que lle gustase moito.
Hamnet, de Maggie O´Farrell e Materia, de Yolanda Castaño.
Unha novela que non puido terminar.
Vida e destino, de Vasili Grossman, por dicir algunha… Pero non penses que deixei moitas a medias (agás que me caduque o préstamo da biblioteca).Teño demasiada curiosidade para deixalas quedar e acabar, acáboas, aínda que sexa con lectura en diagonal.
Que novela lle gustaría protagonizar?
Gustaríame ser Clara Soutelo de Corredores de sombra, de Agustín Fernández Paz.
Que novela a reconciliou coa literatura?
Pois foi a poesía: De catro a catro, de Manuel Antonio, pero non podo obviar tampouco a pegada de Gabriel García Márquez.
Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?
Pois se está pendente non sei se será ou non favorito, pero calquera que aínda non lin de Almudena Grandes. Non soporto a idea de pensar que lle lin todo a unha autora que adoro e xa morreu. Necesito saber que me queda algo pendente da súa palabra, algo que me permitirá entrar de novo no seu mundo.
Que libro lle gustaría ter escrito?
Os libros arden mal, de Manuel Rivas, ou Hamnet ou Feliz Idade, de Olga Novo,ou O vello e o mar, de Ernest Hemingway ou O vello que lía novelas de amor, de Luis Sepúlveda.
Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?
Ningún. Todos eles agochan as miñas cicatrices e as miñas costuras, a todos eles me debo e lles debo o que escriba no futuro, así que forman parte de min e sen elas a miña traxectoria sería incomprensible. As lectoras deben ter acceso a eles.
Leva vostede un diario ou un dietario?
Non.
Escribirá as súas memorias?
Non, categoricamente non.
Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
Manuel Rivas, Isabel Allende, García Márquez, Cunqueiro, Manuel Antonio, Anxos Sumai, Hemingway, Agatha Christie, Olga Novo, Agustín Fernández Paz, Fran Alonso…, todos por motivos ben diferentes e mesmo contraditorios, pero as súas lecturas foron un achedón importante para min como creadora
Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?
Un amor, de Sara Mesa, polo que me toleou a protagonista. Miraría como se desfai o papel abaixo da inmensa capa de auga e gozaría ao ver as folerpas flotando logo na superficie para apañalas co salabardo e zorregalas na horta. Talvez é o que a autora pretendía.
Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?
É anterior ao 70, de 1967, Vento ferido, de Carlos Casares. Lino con doce anos e impresionoume tantísimo que non logrei volver collelo nas mans. Feriume moito a súa lectura no seu día e só con só pensar en volver a el recupero esa sensación de desacougo que non son quen de aturar. Supoño que, no fondo, é un piropo para ese libro. E eu era demasiado nova para lelo.
E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
Son moitísimos e algúns xa os citei pero, por recorrer á LIX, sempre esquecida en todas as listaxes: As flores radiactivas, de Agustín Fernández Paz
Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado.
Maxina ou a filla espúrea, ben sei que é por ser a primeira novela en galego, pero así e todo… E como este moitos máis, tal e como sucede con todos os clásicos da literatura universal. Moitas foron significativas no seu momento, pero algunhas non resisten o paso do tempo.
E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?
Feliz Idade, de Olga Novo, unha festa da vida.
Sobre a tradución d’O Principiño por parte de Casares, velaí o que di o gran tradutor (de Artaud, Joyce, Céline, Proust, etc.) español, o madrileño Carlos Manzano nunha entrevista publicada o pasado mércores 23 de novembro en “La Contra”, do xornal barcelonés La Vanguardia:
¿Qué lenguas traduce?
Castellano, catalán, italiano, portugués, gallego, francés, inglés…
¿Con alguna preferencia?
La lengua más hermosa que existe es el gallego.
¿Sí?
Lea Le petit prince en gallego y descubrirá que ¡es más bonito que en francés!