BiosBardia

O país dos libros en galego

Sabela González gaña a Liga Maruxairas da Primavera 2021

Sabela González.

Sabela González gañou a Liga Maruxairas da Primavera 2021 tras o campionato máis igualado da historia. González impúxose a Érica Couto grazas ao desempate propiciado polo resultado na xornada preliminar. González gañou cinco dos sete duelos que disputou e deixou algúns dos relatos que serán máis recordados do torneo.

No segundo posto, a devandita Érica Couto, tamén con cinco vitorias. Couto era a única das participantes que xa conseguira un triunfo anteriormente nalgunha competición de duelos de relatos, concretamente o II Torneo Punto e Coma, no ano 2018.

A Liga Maruxairas da Primavera confirmou un formato, de liga pura a unha volta, que obriga os duelistas a un traballo intenso durante moitas semanas, mais que favorece un dos obxectivos da competición, o adestramento literario que motive os autores e autoras para escribir e escribir, non só relatos para a liga senón tamén proxectos literarios propios.

A Liga volverá no outono, cun formato semellante aínda que con algúns cambios no regulamento, especialmente para facer máis xusto o desempate na clasificación final. Para iso, na próxima edición, introduciranse como factores de desempate o resultado que se dea entre os propios duelistas empatados e o número total de votos.


Sabela González: “Tomei a liga como un exercicio de práctica, un desenferruxar a escrita”

 A súa foi unha vitoria asentada desde o principio. Cal foi o segredo do éxito?

Pois eu non o tiña tan claro! Aínda que quedei primeira na preliminar, logo a cousa foi de empates e derrotas un tempo e perdín a esperanza… e se cadra o segredo foi ese: tomeimo como un exercicio de práctica, un desenferruxar a escrita, lendo as opinións e textos dos compañeiros e intentando aprender deles. Ah! Sen esquecer os comentarios do lector beta, que me axudou moitísimo a ver os textos con outros ollos.

Sete relatos en poucas semanas. Como viviu este alto ritmo de escrita e publicación?

Algúns días vivino cun acelere importante (ri). Fun escribindo moi aos poucos, aproveitando anacos pequenos e, hai que confesalo, con moito Netflix infantil de fondo. Sorpréndeme non ter escrito algo sobre os Octonautas sen querelo… Tiven que pedir prórroga na segunda xornada e, por medo a non dar chegado en xornadas seguintes, tirei de recordatorios no móbil para lembrar irlle adicando anacos do meu tempo, aínda que fose aos poucos. 

Nesta edición conviviron os debutantes cos veteranos; tamén autores publicados, coma vostede. Como valora o nivel do torneo?

Pareceume que o nivel era moi alto, estivo xenial, a verdade. Dubidei en moitas das votacións. Ademais, o rango de estilos, coma se de experimentos literarios fose a cousa, era tal, que foi unha gozada ler as diferentes propostas. 

Que valores literarios lle gustaría deixar como pegada persoal neste torneo?

Creo que me gustaría amosar que podo escribir cousas distintas, que desfruto probando rexistros diferentes, que sei navegar do lirismo á prosa, do profundo ao humorístico. Igual é moito pedir, pero non fai mal ningún aspirar a aprender máis!

Fáleme do seu relato favorito da liga.

De toda a liga? Que difícil… Ía dicir dous, porque estou entre “Alegoxandre Magno” e “Verbas en Irmeá”, pero voume mollar: “Alegoxandre Magno” pareceume xenial, a sucesión de conceptos e frases tan trepidante e noventeira encantoume. Se teño que quedar cun dos meus, quedei encantada co resultado de “Medusa”. Ademais, sempre disfruto relendo mitoloxía (sorrí).

Que modificacións lle gustarían para próximos campionatos?

Vou quedar fatal, pero gustaríame que as votacións fosen en tempo e forma. Axudan moito e son o fondo do torneo pero ás veces chegan tarde e ás présas… Respecto ás datas de entrega, creo que sería mellor poñer os límites á mañá do día seguinte, o das 00:00 é lioso.

Valeulle a liga para a súa vida de autora? Escribe agora máis?

Penso que si me ha valer, estou moi contenta por demostrarme a min mesma que algo xa podo ir facendo, mesmo se é aos poucos. Non sempre é cuestión de vontade o poder escribir; non compro xa os discursos de que non é para tanto, que ben se pode, que cando dorme un bebé hai tempo,… porque ningunha maternidade nin paternidade é igual. E porque a ferida que causa crer que o problema, non dar escrito, é dunha mesma é mala de curar. Pero hai luz ao final do túnel, e a liga axudoume moito a colocala.

Haberá de aquí a pouco algún libro seu nas librarías?

Eu espero que non tarde moito, pero as ideas (demasiadas) do meu caixón xa teñen máis que notas. Bastante máis que notas. Iso é algo. Espero.

Quedou con ganas de defender o título na próxima liga?

Pois a verdade é que si! E de reencontrarme con compañeiros desta liga e da anterior na que participei, aínda que perda un lector beta. Da liga non só saen relatos, tamén boa xente.


RESULTADO FINAL DA LIGA MARUXAIRAS DA PRIMAVERA 2021

Sabela González 5 vitorias

Érica Couto 5 vitorias

Fran Fernández Davila 4

Guillermo Rodicio 4

Carlos Vega 3

María Pais 3

Ana Vigo 2

Anxo Vacca 2


Gañadores e gañadoras dos torneos de relatos

I Torneo 2017 Pablo Fernández Barba

II Torneo 2018 Érica Couto

III Torneo 2020 David Botana

I Liga 2020 Lois Z

II Liga 2021 David Botana

III Liga 2021 Sabela González

5 thoughts on “Sabela González gaña a Liga Maruxairas da Primavera 2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *