BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Santuario’ vs ‘Baixo a árbore’

Árbore.

Xornada 3 e final. Ana Vigo fronte a Carlos Vega.

Santuario

Non se decatou de que se abriran as árbores diante del ata que o tivo diante. Intentaba manter o cerebro nos lugares mais escuros da cabeza, lonxe das troneiras dos ollos. Reunía a consciencia xusta para andar pois se daba a pensar, decataríase de que non sobrevivira ninguén máis que el. Tan so camiñara, deus sabe canto. Sabía que non había unha dirección correcta unha vez entrara no bosque e que Santuario só se deixaría ver cando andase o suficiente. Así o establecera Ela cando ergueran aquel refuxio, tras os primeiros anos de guerra.

A visión da inmensa árbore, cubrindo todo arredor del coas enormes gallas, abriuse paso ata onde escondera a mente, abrindo unha fenda que aproveitaron os recordos daquela noite. Viu caer a Freya e a Lugos baixo as trampulleiras armas dos salvaxes, de gumes curvos que se abrían camiño ata a carne. Cando conseguiu chegar ata o mesmo centro da contenda, e non atopou alí a Bran, foi case peor que velo morto. Fuxiu cara ao bosque profundo, abandonando os poucos homes que aínda se escoitaban, berrando cando o aceiro curvo lles atopaba o corpo. 

—Es ti? —a cortiza pareceu recoñecer a espada bastarda que lle colgaba dos ombreiros, cedendo con suavidade baixo o peso da enorme armadura. Sabía que Ela xa non estaba alí, pero gustáballe pensar que unha parte súa quedara apegada á xigantesca árbore. Mentres chantaba a espada diante súa confirmáronselle aqueles pensamentos, pois as placas de aceiro que lle cubrían o corpo pareceron lucir alí onde, como protección, lle gravara as fórmulas da Vella Lingua. 

Baixo a luz que prestaba a lúa, o vento xa non arrastraba o pranto dos soldados, senón que, maxestoso, traía con el o son dos bailes e do lume. Pode que, se camiñasen o suficiente, conseguisen atopar Santuario, e alí os estaría agardando el. A loita era o ben maior, o mal maior e calquera cousa maior que se podía ocorrer. Estaba listo. Só necesitaba pechar os ollos un momento.

Espertárono as raíces. Comezaran a moverse ao seu arredor, pero non se apresuraban a inmobilizalo, senón que lle buscaban o contacto ca pel, con coidado, como querendo afastar calquera mala intención. As placas da armadura refulxían como se estivesen debaixo do sol. Era Ela. Buscou a espada coa man, pero só atopou o rastro que deixara o gume no chan. Creu entender. 

Acordouse de como prometeran marchar xuntos e de como esquecera cando Ela morrera. Non soportara a idea de afundir a propia espada no ventre e pasara a buscar calquera señor que o puidese levar á guerra, onde atopar morte digna. Como sempre, Ela tiña que ensinarlle o camiño. Deixouse levar polas gallas, que comezaban a tirar del cara ao centro da arbore, baixo a cal se abrira a terra. 

………………………

Baixo a árbore

Dicíase que a Vella nacera na fraga. Tiña casa na vila, pero só era posible atopala entre espesura, sempre antes do solpor. O seu lugar favorito era unha árbore partida tempo atrás por un raio. Pasaba as horas baixo a súa sombra, e no interior do tronco agochaba os seus tesouros.

Eu perdera o interese polos misterios da Vella tempo atrás, cando descubrira que aquel afamado tesouro estaba composto por imaxes e textos relixiosos. Tras a decepción, deixara de pensar na árbore partida e só me importaban asuntos cruciais na miña vida: as notas, os rapaces, unha consola nova que os meus pais me negaban.

Eu era sempre a encargada de pasear a Peixe, o noso samoiedo. Gustábame andar con el polos camiños, e claro, moitas veces entrabamos na fraga para aproveitar as sombras. Foi durante unha daquelas incursións cando escoitei as exclamacións iradas do meu irmán.

Levaba días coa teima de que a Vella lle roubara o salario do mes. Era unha idea ridícula, xa que ela nunca se metía con ninguén, e dende logo non parecía interesada no sobre con cartos dun rapaz. Peixe e mais eu corrimos ata a árbore partida.

O meu irmán zarandeaba a Vella. Esixía a berros que lle devolvese o roubado. Coma sempre, ela permanecía silandeira.

Custoume afastalo dela. Despois dunha breve discusión conseguín que marchase, rosmando ameazas e seguido polo traidor de Peixe. A Vella seguía sen abrir a boca, e dubido que entendese o que pasaba. Tiña bágoas nos ollos. Non me coñecía de nada, pero deille unha aperta e pareceu sentirse mellor. Sorprendeume o aroma floral que desprendía, coma se ela mesma fose un froito da árbore partida.

 

Aquela noite espertoume un cheiro distinto: fume.

Peixe ouveaba fóra, histérico. Erguínme dun chimpo, e vin a través da fiestra a luz na paisaxe. Os veciños berraban e cargaban con mangueiras, cubos e todo o que atopaban. Vestín o primeiro que atopei, e cruceime no salón co meu irmán.

Sóubeno axiña, sóubeno antes de reparar no bidón de gasolina. Víaselle desconcertado, coma se non entendese que o que estaba a suceder era real.

—Fóiseme a man —admitiu—. Eu só quería cargarme esa estúpida árbore.

Tiña bágoas nos ollos, e, dende logo, aperteino.

Eu non podía xulgalo; tamén se me fora a man.

Mentres estreitaba o meu irmán e contemplaba o lume, decidín que a consola nova tería que agardar. Os cartos que agochara no meu escritorio arderían pouco despois, xunto co lugar favorito da Vella.

9 thoughts on “‘Santuario’ vs ‘Baixo a árbore’

  1. Santuario

    Repitese “diante” na primeira liña, non é que sexa terrible pero era evitable. Tamén me pareceu un pouco contraditorio dicir que tenta non pensar porque se pensa se daría conta de certa cousa. Entón é que xa o sabe, non?

    A parte de Lugos, Freya e Bran semella unha segunda intro do relato, incluso diría que este deberia o 1º parágrafo do relato e o anterior o segundo.

    O ton de lenda mistica está ben conseguido. poderia ser unha historia artúrica, vikinga, precristiá ou de calquer outro tipo. E entendo que se precisa certo requintamento da linguaxe para conseguilo, pero penso tamén que ó lle viría ben ó relato algo mais de sinxeleza na exposicion. Hai que ter en conta -e ó mellor aqui estou indo máis aló do que debía- que este tipo dfe historias ían dirixidas a xente pouco estudada, asi que os recursos literarios teñen que estar en equilibrio cunha gran claridade no que se conta.

    un exemplo: “a cortiza *pareceu recoñecer* -recoñeceu- a espada bastarda que lle colgaba dos ombreiros *cedendo* -e cedeu- con *suavidade* baixo o peso da *enorme* armadura ¿?” dou por feito que cedeu a cortiza, ok. Pero que significa que a cortiza cedeu baixo o peso da armadura e que relacion ten coa espada? Non son capaz de ver o que se conta aqui, e é un problema porque se supón que é a descripcion dun proceso físico/visual.

    Dito isto o relato pareceume interesante en forma e contido. Pena que as arbores non me deixaron ver o santuario.

    Baixo a árbore

    O seu lugar favorito era unha árbore partida *tempo atrás* por un raio.
    Eu perdera o interese polos misterios da Vella *tempo atrás*, cando descubrira que
    Bastaba con borralo:
    O seu lugar favorito era unha árbore partida por un raio.
    Eu perdera o interese polos misterios da Vella cando descubrira que
    Non fai falta dicir que foi tempo atrás, vai implícito na frase se non se di o contrario

    Tamen tentaría dexiar claro xa no primeiro parágrafo que o narrador é un “eu”. Se non, parece que a Vella é a prota nun relato en 3º persoa. E pode parecer unha tontería, pero non o é. Ó construir un relato hai que controlar os pensamentos do lector en todo momento. E aquí hai unha fuga.

    Foi unha gran idea dicir que o de que a vella lle roubara os cartos ó irmán era ridículo porque realmente o é. Por desgraza para min non bastou con mencionalo. Resúltame tan rara que o único uqe pudien pensar foi que o rapaz ten algun problema mental, e iso, como outro punto de fuga que o relato non debería ter, tinguiu o argumento dunha cor que non combina coa do que se está contando realmente. Se se dixese que o sobre lle caeu no bosque, bueno. Ou que a vella se cruzou con el e se rozaron, ou que tropezaron…

    Ó final non me qeuda moi claro por que arden os cartos roubados. Polo propio incendio que chegou á casa?

    Ambos relatos teñen virtudes e cousas que mellorar. O meu voto vai para Santuario.

  2. Boas!!

    Santuario

    Unha visión moi epico-mitolóxica a deste relato, que me gustou bastante, aínda que quizais dándolle un pequeno pulido quedaría aínda moito mellor. O mellor do relato é que me desperta o interés por máis historias do mesmo universo que creou o autor.

    Baixo a árbore

    O de comezar coa vella como protagonista no primeiro párrafo, para despois pasar á primeira persoa deixoume un pouco descolocado ó principio do relato. O resto está ben escrito, pero para min ten un problema, a rapaza sorprendese de que o irmán lle bote a culpa á vella, e incluso razona que non ten sentido, que a señora non faría eso, como dando a entender que ela non sabe nada, pero que seguro que a señora non foi. e na segunda parte revela que foi ela a que ten a culpa toda. Aparte de non presentar máis arrepentimento polo sucedido que un “foiseme algo a man”. Tanto ela como o irmán deberían ir botar un ollo a un especialista, porque as cabeciñas funcionanlles daquela maneira…

    O meu voto vai para Santuario

  3. Unha foto deste servidor (tamén a do duelo Natalia-Marisol) que saquei nun souto na Ribeira Sacra. É divertido ver como unha imaxe para a que ti xa montaches unha historia, acaba en mans da imaxinación de outros que elaboran a súa propia película. Participar nos torneos coas fotos tamén ten este acicate.

    Imos ao tema: Dous relatos nas antípodas en estilo. Parabéns os dous. Barroco e espeso o primeiro. Sinxelo e transparente o segundo. Cando o punto de partido é este, faise difícil escoller, sobre todo cando os meus gustos son un pouco viraventos e cambian segundo o día e lle metes o dente a todo. Concordo con Lois que Santuario ten moito forza no ton pero en algunha parte fáltalle claridade para transmitir o que acontece. Ten frases como “A loita era o ben maior, o mal maior e calquera cousa maior que se podía ocorre” que son unha pequena alfaia na historia lendaria que se nos conta. Pola contra quedei algo aparte do que acontece co prota, non acabei de poñerme na súa pel. Punto a favor que si lle dou a Baixo a árbore. Sen ter ese traballiño paciente do adorno estilístico, ten o da simplicidade, que neste caso consigue transmitir sentimentos dos personaxes que pululan pola historia. Vai para Baixo a árbore o meu VOTO.

  4. Santuario

    Non sendo eu moi fan deste tipo de relatos con guerreiros, espadas, árbores máxicas, etc. voulle recoñecer á autora ou autor que o ton está ben conseguido, aínda que a narración se me faga un pouco recargada, repetitiva e ata confusa nalgunha parte, e en xeral demasiado lento todo. Igual é o que se pretendía porque o noso protagonista anda a deambular polo bosque, presumiblemente ferido, pero persoalmente creo que algo máis de síntese non lle viña mal.

    Por exemplo, cando se fala da batalla e da caída de Freya, Lugos, etc. teño a imaxe dos “gumes curvos que se abrían camiño ata a carne” e outra vez “berrando cando o aceiro curvo lles atopaba o corpo”. Sóbrame unha delas.

    Gustáronme especialmente os dous parágrafos finais, coa descrición da rendición do guerreiro e as raíces a atrapalo. Aí hai máis síntese e menos confusión e o relato gaña forza. Ata lle perdoo a parvada esa de prometer morrer xuntos.

    Baixo a árbore

    Concordo con outros comentaristas en que non ten sentido situar á vella coma protagonista no primeiro parágrafo cando o resto do relato se nos conta en primeira persoa. Polo demais, gústame a historia, en xeral, o estilo sinxelo vaille ben co que conta e tamén con esa narradora adolescente. Con todo, hai cousas que penso que se poderían mellorar a nivel de estilo (por exemplo, que a rapaza diga “exclamacións iradas” igual se vai un pouco do rexistro que está a empregar no resto do relato).

    Pero o problema principal do relato é que non se nos dá ningún motivo para que o irmán da rapaza sospeite que a vella lle roubou os cartos. Non ten sona de ladroa, só de excéntrica e relixiosa. O irmán tampouco parece gardarlle xenreira de antes. Por que esa teima, entón? Escoitou rumores, perdeu os cartos precisamente nos camiños, como apuntou Lois? Sen un motivo suficiente a reacción do rapaz vai máis aló dun “fóiseme a man” a “fóiseme a cabeza de todo”. E o que me parce peor, así teño a sensación de que a narradora está a facerme trampa.

    Voto por Santuario.

  5. Outra foto moi suxestiva que nos trouxo un par de bos relatos. Parabéns!

    “Santuario” ten as virtudes do ton e da atmósfera. Está contado como debe, deixa un pouso moi grande a lenda. O problema, máis alá do que custa meterse nel, é a capacidade de retratar ao protagonista e transmitir a información de maneira algo máis transparente. O final gustoume moito, paréceme moi evocador.

    “Baixo a árbore” ten o que lle falta precisamente ao seu rival. E para min sería un relato gañador se apostase fortemente polo que nos presenta. Os dous rapaces están coma tellas, iso queda moi claro, están moito peor que a vella da árbore. Se se chega a facer énfase nese contrapunto, mostrando máis claramente as taras dos dous (eu para iso usaría un narrador omnisciente ou evitaría, cando menos, que a rapaza mentise nos seus pensamentos), mostrando como fan dano de maneira accesoria (unha manipulando, outro porque é violento). Así penso que podería gañar un torneo, porque ten forza. O problema que lle vexo, como sinalou Klaudia, é que parece que a rapaza nos engana ata o final.

    Tamén me custou decidir neste, ao final está todo moi apretado. VOTO por “Santuario” polo seu final, esperando que os irmáns de “Baixo a árbore” abracen o caos ao que pertencen sen tapuxos.

  6. Coincido con Marcos en que os relatos que se fan sobre a túa foto teñen outro aquel. Eu estiven unhas horas dándolle voltas a esta foto por unha confusión e xa tiña o meu relato montado, e os dous relatos que temos aquí son dobremente millores. Parabéns a ambos autores.
    “Santuario” pareceume un relato excesivo no bo sentido da palabra. Unha narrativa recargada e densa que demostra o bo facer de quen a creou pero todo ese efecto escurece ao meu ver a historia que non teño moi clara. Toda esa narrativa de espadas e batallas paréceme moi interesante pero cústame un mundo entrar nesa atmósfera.
    “Baixo a árbore” foime directamente ao cerebro. Pode ter certos erros no prantexamento, xoga ao despiste cambiando o foco e quizais haxa pequenas incoherencias en como pasa que, como que o irmán sospeite da vella, pero polo demais paréceme unha historia totalmente crible.
    De feito gústoume moito o comentario de David porque estes personaxes non precisan abrazar o caos, aínda non están aí. Creo que este relato tenta retratar ese momento exacto onde o ves como o caos está a xestarse, non son personaxes caídos senón personaxes caendo, nese momento eureka no que te das conta de que o que fixeches está mal, cinco segundos antes non o sabías.
    Voto por “Baixo a árbore”

  7. Boas a todas. Enganchei moito con Baixo a árbore. A historia do incendio e a forma de contar ese drama fixeron que me emocionase.Con Santuario pásame como a Msol Gándara. Fala dunha temática que a min non me chama e fréname moito porque cústame enganchar con esas historias.
    O meu voto vai para Baixo a árbore.

  8. Non teño moito máis que engadir, sería repetirme e de seguro que non o explicaría tan ben coma os compis nin vivindo tres vidas, así que paso directamente ó voto.
    O meu voto vai para “Baixo a árbore”, porque me costa moito avanzar sobre a narrativa densa dos relatos do estilo de Santuario.

    Ó fío do outro tema do que se falou aquí, ler os relatos de unha foto que subes mola, salvo que sexa a dun avión e Botana faga das súas

  9. Copio os coments de Ana, que non da entrado no blog:

    Nunha primeira lectura Santuario fíxoseme moi confuso. Supoño que me perdín nas suas frases
    rebuscadas, nas palabras con maiúscula e na traca final tamén. Busquei “gume” en google porque
    quería saber qué demo pasara coa espada e díxome que era “llantas” en esloveno. Probei no da
    Rag porque eu ó traductor ese téñolle pouca paciencia e díxome o que intuía e seguín sen saber
    qué pasara coa espada nen co dono. Creo que morreu loitando onde a árbore e que o seu corpo
    foi recollido pola árbore. A espada imaxino a levaron os inimigos. Estiven lendo os outros
    comentarios e parece que neste caso resultou confuso para varios. Concordo en que o autor sabe
    crear unha atmósfera, realmente conta moito en pouco espacio e o relato, e mantén unha línea
    sen demasiadas incoherencias pero o final, tan ben descrito que o podes visualizar perfectamente,
    quedase en nada por non saber qué sucede. Se non se quere especificar qué pasa coa espada (eu
    sigo coa miña teima da espada) non fales da espada. Se non queres decir se foi morrer ó pé da
    árbore despois de ser ferido, se o tragou vivo, ou morto, non digas que os inimigos poderían
    chegar alí, que él quería morrer loitando, etc, porque das pé a que o lector lle dé mil voltas a algo
    sinxelo e bonito e acabe sabendo que gume en esloveno significa “llanta”.

    De Baixo a árbore gustoume bastante a primeira metade do relato. Faite entrar na historia e de
    repente estás no relato ti tamén, acariñando ó samoiedo. Aí , xusto no medio do relato, quédache
    cara de pailaroco, porque a ver a quén se lle ocurre e porqué que a vella, que non anda máis que
    de noite según dí o relato, pouco amiga do contacto social, se ía arrimar ó rapaz este a roubarlle o
    sobre do soldo. Obviando esto, facendo un esforzo importante e obviándoo, o relato gustoume.
    O personaxe da rapaza e o da vella resultan interesantes e o final sorprende.

    Voto por Baixo a árbore.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *