BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Se queres fuxir’ vs ‘Buah, tío’

BMW hippy.

Xornada 3 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Carlos Vega e Sabela González.

Traba: O relato debe estar escrito en segunda persoa.

Se queres fuxir

Sabela González.

1

Saes da casa con présa e nerviosa. Trémeche todo. Pechas a porta con máis forza da debida e o silencio da rúa rompe para devolverche o son multiplicado. Unha brisa, un murmurio ao fondo, se cadra un avión. Miras ao teu redor mentres contés a respiración. A rúa semella baleira de xente. Aínda non amenceu de todo. Un gato atravesa polo asfalto, dono do mundo. Paréceche ver movemento tras unha fiestra, un visillo traidor. Ollas para as túas mans ateigadas. Levas un libro, as chaves do BMW de Ramón, un tupper baleiro, o bolso, o portátil e o cargador. Non parece que te siga ninguén. Se decides correr pasa ao parágrafo 4. Se prefires disimular e camiñar a modo pasa ao parágrafo 2.

2

Baixas os escalóns devagar. Sorrís á nada da rúa e, no fondo, non é un disimulo. Sénteste vitoriosa. Non foi unha decisión sinxela. Camiñas ergueita e co peito ben estirado, o pescozo teso, a musculatura que o sostén activada. Entra o flashback: Ramón berrando, Ramón desculpándose. Xa sabes. Ninguén o sabe coma ti. O que amosa a pantalla son exemplos de escenas obvias de abuso, violencia verbal, cando te guindou ao chan… Que se entenda fácil. Sen golpes nin anacos de cristal é máis difícil de comprender, pero non houbo tantos. O que doe por dentro, o que mata aos poucos custa tanto de explicar, verdade? O plano volve aos teus ollos, unha bágoa escorrégache pola meixela. Que foi iso? Aguantas o alento, o corazón sóbeche á gorxa, ollas de novo para a fiestra da veciña, a túa sogra, dúas casas máis abaixo da de Ramón. Hai alguén tras o visillo? Se hai alguén, pasa ao parágrafo 4. Se só foi un engano do teu cerebro, pasa ao parágrafo 3. 

3

Non foi nada. Enganáronte os teus ollos. O medo que te come porque non estás completamente segura de que Ramón non sospeitase, de que ela non andase co cóbado a malmeter. Invádete o terror de que os flashbacks non abonden, de non ter quen te entenda, de non poder chorarte enteira nunha aperta de verdade. Cando a túa respiración xa case era inconsciente oes a porta renxer. Alguén asoma. Tes que escapar.

4

Botas a correr e tes que decidir a que agarrarte. O portátil é a primeira opción, o bolso está asegurado no teu ombreiro. Libro, chaves, tupper e cargador perigan entre os dedos tremorosos. Miras á fronte e ves o rapaz de sempre deitado na súa caixa de cartón, a unhas catro alancadas. A dúas, unha papeleira. Non tes que decidir. Non sería boa idea tirar todo. Dállo ao rapaz. Dálle o libro e as chaves do BMW, iso é, así, chiscando o ollo. Deixa o cargador e tupper porque a ver que carallo de historia é esta para correr coidando de non perder un tupper. Xa fixeches o máis importante. Marchaches. Ás costas escoitas o clac clac clac do spray e o sorriso, de novo, arreda o medo de escapar.


Buah, tío

Carlos Vega.

Ojos contorno

-…-Mimá, tremenda hostia, non? Fostes vós? Ahh, o voso amigo. Pois menos mal que levastes contra o camión, que se non marchabades pola praza abaixo. Quedou bonito o carro, tíos, parece un mini deses. O meu si que é un coche de verdade, mirádeo aí. Un puto BMV, con todas as letras. Un maquinote. Colle polo menos os douscentos vinte. Pois claro que llos meto! Eu engancho pola recta alí en Castromil e mamá, non hai quen me pare. Porque a min non me paran, sabes? Porque non se atreven, que eu son o Fosti. Tamén hai que saber levalo, eh. Eu antes do programa non sería quen… E que aos rapaces non se vos pode deixar conducir así como así. Regálanvos o carné e claro, colledes unha curva medio pechada e pasa o que pasa. Queda o coche feito un cromo, macho, que iso van ter que quitalo os de negro. Que si! Que o fan eles, tío, que eu vinos algunha vez. Levan todo e non deixan rastro ningún. Son cientéficos dos coches, macho. Non queren que saia a luz o de que teño un BNV. Temen o que poida facer. Se engancho o camión ese de Estrella Galicia ábrolle un burato no medio como na peli esa. A do calvo, tío. Buah, que boa eh, eu sentinme súper identificado. Hai moitos efectos pero algún truco deses fágovolo eu. Porque teño un VMB, tío. Mimá como lle pego eu ao pedal. E claro, os policías non se atreven a pararme. Nin os policías nin os homes de negro. Porque mira, hoxe igual veñen ata eles. Boa a armastes. Pero se tivésedes algo como este BVW… A pintura? A pintura foi cousa da Jéssica, que me dixo que era máis fácil camuflalo así. Antes tíñalle un tribal flamísima, e unha caveira do inferno, con ollos vermellos, tío, pero empeñouse e empeñouse e xa sabedes como é unha muller. Si que quedou chulo si, graciñas, bro. Eu non son moito de flores, pero a Jessi fixo media semana de Belas Artes e a verdade, tremenda artista a condenada. Eu pedinlle que me pintase algo no capó, para darme sorte contra os de negro. Un Messi ou un Ronaldinho, pero pintoume a virxe. Que? Ronaldinho, tio, do Pro 2007. Como que non? Tío, estes rapaces xa non saben nada. Pero como non ides saber quen é Ronaldinho? A ver, eu ser, son do Barça, pero de corazón son da Ponferradina. O que pasa é que non subimos. Eu aínda agarro o BÑW e vou ver algún partido, cando non me vixían demasiado. Pero buah, non subimos. Vós de que equipo sodes? Como que de todos? Dalgún teredes que ser. Mira, eu teño a bufanda no maleteiro, para que me dea sorte. Aínda que non a necesito eh, eu esta curva xa a daba feito antes de inscribirme no proxecto. Porque o BNW vai loco, póñolle o modo R de relámpao e n.

8 thoughts on “‘Se queres fuxir’ vs ‘Buah, tío’

  1. Se queres fuxir

    Gústame que o relato se inspire nos libroxogos (son moi fan), asi que conceptualmente comeza cun +1 á tirada do dado. por desgraza a estrutura en si non saiu ben. Un libroxogo nunca che daría a opcion de elexir o que sucede na historia. refirome a isto:
    “Se hai alguén, pasa ao parágrafo 4. Se só foi un engano do teu cerebro, pasa ao parágrafo 3”
    O lector non deseña a historia, só toma decisions.
    Tampouco entendo ben que pasa despois de ler o 3. Esa lectura remata aí?
    Polo demais, o formato libroxogo non é o importante, o importante por fortuna é a historia en si. As decisions. Neste caso, a de fuxir dunha situacion de maltrato. Moi ben escollido o tema e moi ben integrado. Hai algunhas reviravoltas metaliterarias que me descentraron algo, pero aceptoas no contexto de expresar o que pasa por unha mente estresada, en máxima tensión. O final non sei se o entendin ben. Quen ten o spray? O spray penso que fai referencia ós graffitis do BMW. Enton, se o coche era de Ramón, é el o que está tras ela co spray? pero para que o vai usar?

    Buah, tío

    Este relato non está en segunda persoa, está en primeira: “O meu si que é un coche de verdade, mirádeo aí”.
    Hai que ter en conta que o atranco non é que haia que USAR a segunda persoa, o atranco (polo menos tal como eu o entendo e o xulgo) é que o relato estea escrito (narrado) en segunda persoa. E se o narrador é un “eu” nunca poderá estalo. É cuestion de xerarquias.
    Se escribes unha novela de 500 paxinas en 3º persoa -sen usar a 1º para nada mais que para os dialogos- e na ultima frase pos: “Aqui remata o que (eu) quería contar”, esa novela estaría narrada en 1º persoa.
    Se escribes unha novela de 500 paxinas en 3º persoa -sen usar a 1º nin a 2º para nada mais que para os dialogos- e na ultima frase pos: “Aqui remata o que querías contar”, esa novela estaría narrada en 2º persoa.
    Se escribes unha novela de 500 paxinas en 2º persoa -sen usar a 1º para nada mais que para os dialogos- e na ultima frase pos: “Aqui remata o que (eu) quería contar”, esa novela estaría narrada en 1º persoa.

    Deixando ese detalle aparte o relato está ben, lese dun tirón e ten cousiñas simpáticas como o cambio das letras da marca do coche e outras perlas (media semana de belas artes) que a pesar de ser algo esaxeradas encaixan ben o ton humoristico-sarcastico que ten o texto. Ademais ten un algo de misterio iso do “programa” e o dos homes de negro. Podese interpretar de moitas formas, da igual cal sexa, o importante é xustamente iso: está ben introducido e fai que o lector pense no relato incluso despois de telo rematado. Iso é bo, esa segunda vida tras lelo invita á relectura.
    O final entendoo como que o tipo segue falando pero xa non “colle” todo no relato, se é asi eu terialle quitado o punto final. Non entendo ben a funcion dos ollos ó comezo e hai outras cousiñas, como o accidente inicial, que se me qeudan como a medio camiño de ningunha parte.

    O meu voto é para “Se queres fuxir”.

  2. Antes de nada, sobre o que comenta Lois da segunda persoa. Eu non son nin moito menos experto en literatura así que non cuestiono o que argumentas, pero por exemplo de “A Veiga é como un tempo distinto” sempre se di que é unha novela escrita en segunda persoa e o narrador non deixa de ser un personaxe importante do relato (Gelo) que o que fai é dirixirse ao outro personaxe importante (Elisa). Algo semellante ao que se fai neste segundo relato. Igual César ou a propia Eva Moreda poden opinar.

    Se queres fuxir
    Gustoume. Pareceume moi orixinal a estrutura que lle deu o autxr. Tamén adoitan gustarme os relatos con frases moi curtas nas que o narrador vai dando moito detalle do que sucede.

    Buah, tío
    Gustoume menos. Creo que está ben redactado para o que pretendía o autxr. Simplemente é un formato que a min me convence menos. Non é o estilo de humor que adoite facerme rir e a historia en si tampouco me dixo moito.

    O meu voto vai para Se queres fuxir

    1. Ola: Eu non estou moi de acordo co Lois. A segunda persoa non é un punto de vista tan estable coma a primeira ou a terceira. De feito, coido que é unha terra, narrativamente, mestiza entre ambas: observación máis testemuño. Proximidade e subxectividade máis distancia e omnisciencia. De aí que poida aparecer o eu, tanto explícita como implicitamente, xa que en moitas ocasións, a segunda persoa non deixa de ser unha primeira persoa na que unicamente se mudou a persoa na forma verbal.
      Non é cousa de convertermos a liga nunha cousa académica, mais coido que en todos os relatos a segunda persoa está. Con certeza, nalgúns casos tiróuselle máis partido e buscouse máis xenuinamente o que se buscaba coa traba: reenfocar a mirada sobre os obxectos/personaxes/atmosferas a través do ti/vós. Coido que este debate axudará a adestrar novos xeitos de contar as cousas. Apertas!

  3. Vou co segundo duelo. Eu tampouco sei moi ben como é o uso correcto da 2ª persoa. Son das que precisaría unhas pautas previas para usalo ben. Unha traba complicada, a verdade.

    Se queres fuxir
    Paréceme un relato moi orixinal narrado nas 4 secuencias e dándolle ao lector a posibilididade “irreal” de prescindir dalgunha delas. O tema do maltrato mesturado coa importancia do tupper paréceme moi orixinal.

    Buah, tío
    Non me gusta o título, aínda que recoñezo que lle acae ben ao personaxe. Paréceme simpático que Jéssica camuflase o capó do coche coa pintura e gústame esa fidelidade coa imaxe. Perdinme un chisco co tema futbolístico e esa parte non me gustou moito. E non entendo o final.
    Voto por Se queres fuxir.

  4. Se queres fuxir
    Paréceme que está lograda a segunda persoa, e a tensión que se deixa ver durante todo o relato. Sen embargo, penso que a acumulación de frases que describen accións faille ao lector estar demasiado tempo sostido en algo que non se relaxa, como que non hai tregua no relato, non sei se me explico.

    Buah, tío
    penso que se relata moi ben a fala cotiá, que é algo tremendamente complicado en literatura. Máis alá do tema, máis alá do estilo literario, o feito de afrontarse a unha fala tan da xente nova, é moi arriscado.

    Meu voto vai para buah, tío

    Apertas

  5. Ola.
    Gústame a idea e o tema do primeiro relato, aínda que me gusta menos que se atrapalle un pouco na redacción e que se decides tomar a versión breve, o enganche falle un chisco, ao meu ver.
    Do segundo relato paréceme que a aproximación a unha certa clase ou grupo social e xeracional ten puntos ben conseguidos, aínda que outros renxen, como a confrontación co entorno ou o cambio de siglas do coche, que considero innecesario e impropio da personaxe.
    Áhora do voto creo que vou quedar co primeiro “Se queres fuxir”.

  6. Vaia dúas aproximacións tan curiosas á miña foto.

    “Se queres fuxir”. Gústame o que se aproxime a un libroxogo, inda que as opcións non sexan tal, senón simplemente un avance ou non na historia. Pásame que tampouco entendo demasiado o que pasa ao final, e este non é precisamente un desos relatos de sensacións onde non entender algo non importe demasiado.

    “Buah tío”. A segunda persoa vai algo máis con pinzas aquí. Pero fíxome rir un anaco. Está moi ben contado, usando unha linguaxe coloquial (pseudo-Coruño) de maneira moi efectista. Aquí tampouco entendo demasiado ben o que pasa, pero impórtame menos porque me transmite máis.

    O meu VOTO vai para “Buah, tío”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *