BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Ser cetáceo’, unha enciclopedia necesaria

Francisco X. Fernández Naval.

César Lorenzo Gil.

Afortunadamente, publícanse moitos libros en galego. Algúns son bos. Outros son necesarios. Ser cetáceo. O fascinante inverno do animal de fondo, de Francisco X. Fernández Naval, é ambas cousas.

Cando falo de que hai libros que son necesarios estoume a referir a que determinados xéneros ou modelos cómpren para que sintamos que tamén na nosa lingua se poden ler obras que son correntes noutros idiomas. Esa necesidade choca moitas veces coas limitacións dun mercado cativo que dificulta que determinadas propostas teñan eco dabondo como para poderen ser autosuficientes.

Por iso hai que felicitar a Bululú pola afouteza de publicar esta obra tan singular no noso panorama, de case 500 páxinas nun formato grande (17×24 cm) e un agradable deseño no que texto e imaxes dialogan á perfección. Sen un plan público de apoio ás grandes obras nin un patrocinio evidente, lanzar en librarías este volume a menos de 30 euros é digno de gabanza.

Tamén merece unha loa o propio Fernández Naval, por mergullarse, aos 67 anos, nun proxecto tan persoal mediante a faísca dun entusiasmo que se contaxia doadamente en canto se empeza a ler. E iso que Ser cetáceo non precisa unha lectura convencional. Podemos definilo, segundo a faceta coa que quedemos, como un libro autobiográfico, un estudo biolóxico, antropolóxico, económico, histórico, ensaio de teoría literaria, experimento… Pero por aforrarmos definicións, abonda con chamarlle enciclopedia. Unha enciclopedia monotemática e subxectiva, pero enciclopedia á fin e ao cabo, enciclopedia cun pé no aire, na literatura, na experiencia, na fantasía incluso; pero escrita cun rigor e un plan inequívocos.

O propio autor explica en moitos momentos a concepción e feitura deste libro e nese conto (o do fabricante do libro) encontramos gran parte da graza do volume. Tanto polo entusiasmo contaxioso do que falamos antes como pola admiración que esperta un traballo tan minucioso ao redor do que, en certo xeito, é unha desas poucas obsesións universais, que se repiten e se repetirán habitualmente en moitos lugares: a balea.

A balea é talvez o único ser mitolóxico que de veras existe. Ben, seguramente non existe nas mentes fascinadas pola súa presenza o animal que coñece a bioloxía, pero ándalle aí aí. A diferenza dunha anfisbena ou un centauro, unha balea existe, é incluso palpable no noso día a día. E coido que esa vinculación entre ambos mundos: o material e o imaxinario, non só explica a fascinación do autor e de moitos outros, senón que favorece que un libro coma este se poida escribir.

Fernández Naval explica nas primeiras páxinas do libro que un dos motores desta súa obra foi o traballo de Philip Hoare relacionado co mar e que en galego pode lerse grazas á destacada editorial Ático de los libros. Os tres títulos que o británico lles dedicou ás baleas funcionaron, segundo o autor, como acicate para el tamén expresar a relación persoal e nacional cos cetáceos, mais tamén como esteo que dirixise o ton do seu libro.

Coido que esa estratexia explicitada foi un éxito. Nótase no escritor ourensán a pegada da divulgación xeneralista anglosaxoa: a súa redacción é amena e nutritiva, con moitas referencias, pero asisadas, colocadas onde cómpren, engadidas non tanto para presumir, senón como material de construción da súa magna obra. É certo que en moitas ocasións o libro desapégase do tema principal e engade un contexto que se cadra non se precisaba para este cometido. Pero é habitual en traballos deste tipo publicados en Galicia este pequeno exceso. Existe a sensación de que hai un público pouco avezado en libros deste estilo e calado e aos autores éntralles un comprensible temor a que o lector se perda se non se lle dan constantemente datos que o familiaricen co tema que se trata. Por outra banda, este mar de pólas pola que agabea Fernández Naval tamén lle permiten expresar a parte máis persoal do libro, unha especie de abrazo diacrónico con todos aqueles que levaron tamén entre os ollos a fascinación polo xigante das profundidades.

A publicación de Ser cetáceo é, en definitiva, unha excelente noticia, e sería óptimo que o seu éxito editorial encirrase outras voces a libros semellantes, que traian ao noso espazo propostas de fronteira, propostas valentes que nos provoquen novas formas de mirarnos. Fernández Naval conseguiuno; desde os fondos lamacentos compón un relato tan sólido que desactiva a tentación de quitarnos méritos, de pensarmos que somos unha mínima illa no universo. Pequenos si, pero cunha profundidade de milenios.

♦ Ser cetáceo. O fascinante inverno do animal de fondo, de Francisco X. Fernández Naval. Bululú, 2023. 458 páxinas. ♠28€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *