BiosBardia

O país dos libros en galego

Series e libros: Hiperabundancia e vida efémera

Unha parella contempla o logo de Netflix nunha televisión. PEXELS.

César Lorenzo Gil.

Quen gaste en calquera das plataformas de contido audiovisual das varias que hai no mercado (Netflix, HBO Max, Disney +…) comprobará que desde hai xa varios anos o seu sistema de captación e fidelización está baseado na promoción dalgúns títulos moi concretos (de produción propia) cuxas campañas de publicidade son intensas e de curta duración. Eses grandes lanzamentos divídense en dous tipos: producións estadounidenses (moitas veces con colaboración de Gran Bretaña, que a efectos de industria cultural é unha colonia) e producións locais (hai producións arxentinas, brasileiras, mexicanas, españolas, francesas, italianas, polacas…), moitas veces non incluídas na oferta xeral da plataforma. A esas dúas ofertas hai que sumar todo o producido anteriormente, pero case sempre funciona como recheo.

A estratexia complétase cunha listaxe de producións máis vistas que teoricamente se renova diariamente. A filosofía é evidente: Que cada día o consumidor atope algo novo. Que haxa unha oferta diferente para cada espectador. Que esa oferta sexa constante e hiperabundante. Que ninguén marche sen atopar algo “de interese”. Hai estatísticas que xa calculan o tempo que unha persoa pasa unicamente buscando que contido ver ou gardar para ver despois. Até se estableceu o concepto de “fatiga da elección” para explicar este fenómeno provocado pola sobreoferta.

O modelo leva ano testándose nas librarías de todo o mundo occidental. Tamén na música (só hai que repasar a obscena ofensiva comercial do último disco de Rosalía co apoio da televisión pública española).

O mercado editorial usa o mesmo sistema: Lanzamentos comerciais constantes cuxo alcance é cada vez máis curto porque o libro que non consegue vendas nos primeiros días de publicación quedará sepultado baixo a rima de próximas novidades. Para comprobalo só cómpre entrar, unha vez por semana, nunha sucursal dalgunha gran libraría comercial e fotografar a mesa de novidades. O fluxo de novidades é masivo e constante. Eu adoito comprobar a forza desa maré no caso español consultando a moi útil sección de Cultura de Mediterráneo Diario 16, o xornal dixital de Santiago Aparicio que, semana tras semana, publica até catro artigos por semana para recompilar novidades en apartados moi elocuentes: Novidades do grupo Random House; novidades do grupo Planeta; novidades de ficción doutras editoriais e novidades de non ficción de editoras alleas ao duopolio. Na ficha sobre novidades de ficción na semana do 10 ao 16 de novembro contamos 44 títulos “independentes”, 12 de editoriais do grupo Planeta e 20 de Random House. Un total de 76 novidades só no referente a obras de non ficción. E malia que Aparicio é meticuloso na súa contaxe, nin están recollidas todas as publicación nin, por suposto, aparecen as novidades en linguas diferentes ao castelán.

Igual que ocorre nas plataformas audiovisuais, este mecanismo responde principalmente á necesidade de captar todos os públicos e converter a libraría nun espazo dinámico, de cambio constante, onde o cliente atopa sempre algo distinto. Esta semana gañou relevancia unha declaración do editor Enrique Murillo onde afirmaba que o libro xa non é un obxecto para ler, senón para regalar. Puxando dese fío podemos concluír que o libro como obxecto remata o seu ciclo no momento da compra. Non é unha boutade. Están as redes sociais acuguladas de comentarios que reivindican a compra convulsiva de libros, que equiparan as virtudes do texto coas do deseño… E aínda que pareza imposible, pois unha película ou unha serie é, sobre todo, contido (sen os adubos que ten un libro e a cerimonia de escolla e compra), tamén se opera nos mesmos termos. Nesta faceta, por facermos unha comparación entre libros e series-películas, o seu valor é proporcional a cantidade de tempo libre ocupen cun alto grao de entretemento-diversión.

No fondo, este modelo baseado na abundante oferta e na renovación constante, tómao a industria cultural de Inditex. E o resultado xa sabemos cal pode ser: Pouco uso e menos memoria. Unha fruición rápida supón unha caída da atención necesaria a todos os niveis. As series teñen que ser esquemáticas e reiterativas (hai quen as ve ao dobre de velocidade; cada vez é máis común ver unha serie ou unha película mentres se ven reels do Instagram, por exemplo).

As series xa non teñen que crear universos creativos interesantes nos que somerxerse; parecen destinados a ser ruído de fondo que rebota sobre os andeis onde se acumulan libros que se compran, pero que apenas se len.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *