BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Shanghai a Barcelona’, demasiadas boas intencións

Amador Castro.

Xesús González Gómez.

Leo Shanghai a Barcelona, de Amador Castro Moure, novela coa que gañou o Premio Xerais 2019. A novela trata de Orlando, a quen de neno tiraron do paraíso, da aldea, para levalo a Barcelona, mais, como se di na contraportada, «a idea de paraíso» nunca desapareceu da mente do Orlando. Pero, ai!, os paraísos non existen…

Iníciase a novela nun tanatorio de Barcelona, o de Horta, no 2016, onde Orlando foi para asistir ao enterro dun amigo morto: Ramón. Alí encontra vellos amigos, entre eles Alicia. O capítulo está narrado en primeira persoa por Orlando e pódense ler cousas como «Volven aos seus apousentos ocultando a cara máis prosaica da morte», «Nos laterais do oratorio, ábrense as portas vomitorias», «atravésame un lóstrego de triste beleza», «Vaguei polo tempo. Aprisionoume o espazo. Traspasei o limiar da tolemia», etc. O capítulo, como todos os demais, acaba cun «haiku» (haiku 154). Pasa a logo a situarse a acción en Transmundi, a aldea da nenez, o suposto paraíso que resulta que non é un paraíso; un lugar situado preto de Chantada, da Ribeira Sacra, nese mesmo ano de graza de 2016. O inicio deste capítulo é de pura antoloxía: «–Paulino, dálle de comer ao can!/–Pr’o que fai…/– Pois logo mátao, carallo!/– Pr’o que come…» Ademais do Paulino, na aldea está o pintor holandés Matt, está tamén o Avelino, que casou con aquela (Delfina) que era a grande amiga de Orlando na súa nenez. Este capítulo está narrado en suposta terceira persoa, que nos avisa de que «O espírito do Universo móvese sobre a face das augas erguendo algo de vento». Acaba co consabido haiku (nº 158). A continuación, a «escena» desenvólvese nun tren (Barcelona-Monforte), no 2003, e quen fala é, teoricamente «A sombra dos teus pensamentos», non dos teus, lector, senón de Orlando, quen lembra cousas que lles aconteceron en Barcelona a el e os seus amigos. E agora, abandonada a Cidade Condal, «turística e postal», volverá ser libre, volve «na procura do paraíso». Novo haiku (nº 23), é dicir, final de capítulo. E tornamos a outro tanatorio de Barcelona, o de Sáncho Dávila, o ano 1994 (máis adiante, case ao final da novela, saberase que Orlando, desde que retornou a aldea, só vai a Barcelona para asistir a enterros). Está sentado nun bar enfronte do tanatorio e non sabe se entrar ou non, pois, «Se entro, son home morto. Se quedo bebendo, son fígado morto». Non sabe se entrar porque os amigos (Ramón, Xavi…) que están no tanatorio talvez queiran matalo por algo, supón o lector, que fixo hai tempo. Cando o lector descubra o que «fixo», ao mellor pensa que non é para tanto. Entra Alicia no bar, saúdao, fala con ela. Ela dille que non entre, que vaia para casa, xa terá tempo de falar con quen o queira escoitar e de pedir perdón. Finalmente entra no tanatorio, é mal recibido, non queren deixalo entrar ver o amigo morto, e Alicia, a única dos amigos que o mira sen odio, chora. Novo haiku (nº 2). Volver o tempo ao 2016, a Transmundi. Narrado o capitulo en terceira persoa. Saberemos da familia de Avelino, dos maltratos familiares deste, etc. etc. (haiku nº 159). Vólvese ao mesmo tren, o mesmo ano 2003. Narra a Sombra dirixíndose a Orlando: narra como tiraron o neno da aldea, o levaron a Lugo e, finalmente, chegou a Barcelona (haiku 14). Outravolta Tanatorio de Horta 2016, narrado en primeira persoa. Alicia explícalle a Orlando como lle foi cando viviu nunha comuna progre. E infórmao de que ten un fillo, que non é del, de Orlando, quen á súa vez nos informará de que foi desvirgado pola devandita Alicia. O fillo desta naceu cun «cromosoma de máis» e ela considera que tivo sorte, «en sentido egoísta» ao lle nacer o fillo así, xa que «é un rapaz agarimoso, sensible, tenro, cun gran sentido do humor… Nunca será un home como adoitan ser os homes. Considéroo unha sorte». Será unha sorte para a nai, pero para o fillo? Cando falte a nai, quen coidará o fillo? A sociedade?… (por sorte, penso, isto dío un personaxe de ficción, non creo que haxa moitas persoas, dun ou doutro sexo, que pensen tal cousa) (haiku 155). Volvemos a Transmundi sen cambiarmos de ano con respecto ao último capítulo (anotemos que na novela se atoparán moitos derradeiros mais case ningún último). Narración en terceira persoa sobre a vida cotiá no lugar, etc. Finalmente envía un email a Alicia para ver se esta se anima a vir a velo á aldea (haiku 160). Capítulo narrado pola Sombra, polo que estamos outra vez no tren Barcelona-Monforte o ano 2003. Capítulo, en certo modo, fundamental do que non narraremos nada (haiku 9). Barcelona. Bar Havana, 2016. Narrado por Orlando, lembra cousas que aconteceron hai anos ao tempo que está nese bar da súa mocidade que agora rexentan uns chineses (haiku 156). Trasladámonos a Transmundi, sempre no 2016. O Avelino e o seu «criado» Fuco, que argallaran? Póñenlle medo ao Orlando (haiku 161). Tren Barcelona-Monforte: a Sombra lémbralle a Orlando feitos da nenez (haiku 5). Barcelona: Estación de Sants (2016). Lembra que cando chegou a Barcelona baixou na Estación do Norte, que agora non existe (como estación de ferrocarril). En Sants fala cun sen-teito que lle explica a súa vida, como chegou a ser un sen-teito por culpa dun electrodoméstico (haiku 126). Transmundi 2016. Narración en terceira persoa. Pasan cousas. o Fuco dille: «Se non queres ir ao paraíso, non fagas o mesmo que o Matías» (Matt, o pintor holandés). Orlando preocupase, non atopa o Matt, envíalle emails á muller deste, que está en Holanda. Lembra cando volveu á aldea; atopou a Delfina, un pouco gordecha. Delfina preguntoulle se viñera de vacacións, e Orlando, poeta el, contestou: «Sen me mover do sitio, percorrín o mundo enteiro. Vin para ficar, polo resto dos tempo, agardando a parusía» (haiku 137; aínda que a este capítulo talvez lle acaese mellor un fragmento dalgún evanxeo). Tren Barcelona-Monforte: a Sombra lémbralle a Orlando a súa condena e como foi parar a un psiquiátrico, e as sesións de electrochoques (haiku nº 3). Barcelona. Barrio de Gràcia (1994). Narrado o capítulo por Orlando, en primeira persoa. Un accidente, e un longo soño-pesadelo inzado dun erotismo de banda deseñada moderna (haiku 1). Transmundi 2016. Capítulo no que Orlando acaba sabendo que mataron o Matt (asasinato tirado dun caso real: o do holandés Martin Verfondern, en Petín –Valdeorras) (haiku 163). Novo capítulo no Tren Barcelona-Monforte: a Sombra (ou é a Voz?) descarga a Orlando de toda responsabilidade de desgrazas que aconteceron en tempo pasado (haiku 13). E chegamos ao capítulo final: Descanso (2016): Apoteósico. Sabemos cal é o mal (físico) que rilla a Orlando, que non se albiscara en toda a novela, sabemos da vida, miserias e maldade de Avelino, da filla deste, sabemos dun acto de Orlando que o redime das súas supostas covardías, das súas renuncias, etc., sabemos de todos uns etcétera que inzan a novela de inverosimilitude e de materiais de recheo que non fan máis que estragar o que puido ter de introspección dos personaxes para converter, finalmente, a novela nunha especie de pseudo-trhiller gore de serie Z. Acaba todo cun haiku apócrifo da autoría de Alicia.

Como puido decatarse o lector que chegou até aquí, Shanghai a Barcelona é unha novela narrada, teoricamente, por distintas voces narrativas. Digo teoricamente, porque aquí non se diferencia unha voz de outra. Xa sexa esa terceira persoa invisíbel, xa sexa Orlando, xa sexa a Sombra ou a Voz, todos falan igual. Unha linguaxe a base de frases curtas, mesmo minimalistas, que intenta ser o resultado dunha historia contada como se fose un thriller mais ou menos xeracional (a parte barcelonesa) ou unha historia con trazos de conto de fadas algo cruel (a parte de Transmundi). Unha linguaxe que quere ser «nerviosa» e talvez acabe pondo nervioso o lector. Unha linguaxe que non permite facer verosímil o que ás veces semella (ou é) inverosímil, porque esa linguaxe, ao ser reiterativa, finalmente queda en nada, perde o seu brío inicial e fica só nun pobre recurso retórico

A medida que vai avanzando na lectura desta novela, o lector pode pensar que vai ler un libro cheo de invectivas (xa que algunhas hai), de agravios (xa que se fala de paraísos perdidos) e ao final atopa cun arquivo de desencantos, novelado con non moita forza. Porque non podo afirmar que existan nesta obra momentos de intensidade narrativa, a pesar de que existan algunhas escenas ben resoltas, sobre todo ao inicio, que fan que o lector se afane por saber que sucederá a continuación, mais na maioría das situacións tense a certeza de presenciar un espectáculo pouco vívido, con descricións e frases que queren ser modernas, mesmo ás veces irónicas ou/e humorísticas, e que son totalmente rutineiras, e con pasaxes e momentos que o autor seguramente pensou que eran esenciais na novela (ou para a novela) e son completamente prescindíbeis (sobre todo no capítulo final: Descanso). 

En fin, unha novela na que a tona prima sobre a descricións dos carácteres, o anecdótico se apodera tanto dunha cidade como dun paraíso perdido no canto de describir unha atmosfera axustada, unha novela onde as boas intencións acaban nun ramallete de tópicos que queren describir unha sociedade (a parcela dunha sociedade) que é un mundo devastado; mundo que como tal, como devastado, foi empedrado, como todos os infernos, coas mellores vontades. Unha novela cuxo interese decae cando chega a necesaria hora de fixar os feitos que expliquen a rede argumental, que lle dean sentido á escuridade que plana en dúas terceiras partes da novela. É entón cando se intúe unha sombra de precipitación e se albisca que o final vai ser «catastrófico» (inverosímil), tanto no plano factual como no literario. É dicir, estamos perante unha desas novelas que se poden ler mentres estamos a pensar noutra(s) cousa(s): o que puido ser é non é a presente, por exemplo. Non obstante, Castro Moure ten facultades para chegar a ser un novelista: falta que saiba dosificar os materiais e, sobre todo, distinga (ou dea a distinguir) as diferentes voces narrativas que poidan pulular polos seus próximos textos narrativos, e, tamén non queira meter tantas cousas nun mesmo texto: este é un dos erros maiores de todo principiante, aínda que publicara anteriormente dúas novelas.

Antes de acabarmos esta recensión (?), avisemos de que o lector pode ler a novela en diferente orde (como Rayuela, de Julio Cortázar): a orde dos haikus. É dicir, empezar a novela polo capítulo en que se insire o haiku nº 1 (capítulo. «Barcelona. Barrio de Gràcia (1994)», p. 143), seguindo en orde crecente (2, 3, 5, 9, 13, 14…) e acabar a novela no mesmo capítulo en que acaba a orde imposta polo autor. Eu non o fixen, pero é unha proposta.

♦ Shanghai a Barcelona, de Amador Castro, Xerais, 2019. 200 páxinas. ♠17€

One thought on “‘Shanghai a Barcelona’, demasiadas boas intencións

  1. Obrigado pola recensión, Xesús e agardando a que o cinema galego se decida a producir esa serie Z (gore?) algún día 😉

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *