Simone Yoyotte, ‘Legitime Défense’ e o surrealismo
Xesús González Gómez.
Segundo Patrick Chamoiseau e Raphaël Confiant: «Nunha relativa indiferenza, en 1932 prodúcese un novo acto marronage. Agás os foraxidos e os bandidos-vagabundos, xa ninguén vive como prófugo no máis recóndito dos bosques. Trátase, xa que logo, dun marronage intelectual: unha ducia de mozos martinicos lanza á cara da sociedade podre de Fort-de-France un manifesto titulado Légitime Défense. É o equivalente dun brulot, ou mellor, dun doypé[1]. […] Texto ardente, frenético ás veces, mais dunha pertinencia formidábel para a época. René Ménil, filósofo, Thélus Léro, poeta, e os seus camaradas, clamaban un “non” maxistral á alienación cultural e ao afrancesamento do que as propias elites de cor se erixían como relevo. Entre os lectores deste texto [de Légitime Défense], o mozo Aimé Césaire. Légitime Défense, e algúns outros escritos, preparaban así a aparición duna formidábel estela literaria, a do retorno ao gran berro da bodega dos barcos negreiros: a Negritude.»[2]
Como se sabe, a revista aparecía en París e os seus redactores eran estudantes negros, procedentes de Martinica e pertencentes á «burguesía» negra da colonia, que residían naquel momento na capital francesa. O/as integrantes de Légitime Défense reclamábanse, na presentación-manifesto da revista, do marxismo-comunismo: «O Partido Comunista (III.ª Internacional) xoga en todos os países a carta decisiva do “Espírito” (no sentido hegeliano de termo). A súa derrota, aínda que a consideramos imposíbel, sería para nosoutros o definitivo: “Non podo máis”. Acreditamos sen reservas no seu triunfo porque nós reclamamos o materialismo dialéctico de Marx, afastado de toda interpretación tendenciosa e vitoriosamente sometido á proba dos feitos por Lenin»; están dispostos a utilizar a «inmensa máquina» que para «disolver a familia burguesa [Freud] puxo en marcha», e «no plano concreto dos modos figurativos da expresión, aceptamos igualmente sen reservas o surrealismo ao que –en 1932– ligamos o noso devir. E remitimos os nosos lectores aos dous “Manifestos” de André Breton, á obra enteira de Aragon, de André Breton, de René Crevel, de Salvador Dali, de Paul Éluard, de Benjamin Péret, de Tristan Tzara, sobre o que debemos dicir que non é a menor vergonza deste tempo que non sexan más coñecidas en todas as partes en que se le francés. E procuramos en Sade, Hegel, Lautréamont, Rimbaud, por só citar estes, todo o que o surrealismo nos ensinou a encontrar.[3]» Légitime Défense, segundo Buata B. Malena: «nun principio […] o número ía aparecer en L’étudiant martiniquais, órgano da Association des Étudiants Martiniquais en Francia, mais o ton desagradou os outros membros da asociación, que excluíron do seu grupo os autores do panfleto. Unha parte das firmas desta nova revista, redactada por estudantes, colaboraron con La Revue du monde noir»[4].
Como transcribimos ao inicio, os dous apóstolos de la «créolité», é dicir, Chamoiseau & Confiänt[5], soamente citan dous nomes de entre os asinantes deste «manifiesto», René Ménil y Thélus Léro, os outros eran: Etienne Léro, Jules-Marcel Monnerot, Michel Pilotin, Maurice-Sabas Quitman, Auguste Thésée e Pierre Yoyotte. A revista publicaba artigos de Jules-Marcel Monnerot («Note touchant la bourgeoisie française de coleur»), Maurice-Sabas Quitman («Le Paradis sur la Terre), de René Menil («Généralités sur “l’écrivain de couleur française”»), de Étienne Léro («Misère d’une poésie»), e un fragmento da novela Banjo, do escritor negro xamaicano, mais pertencente á literatura afroamericana dos EUA, Claude McKay, que a redacción da revista titulaba: «L’étudiant antillais vu par un noir américain», e tamén poemas, en verso o prosa, de René Ménil, Jules-Marcel Monnerot, Étienne Léro e Simone Yoyotte.
Destes nomes que aparecen en Légitime Defense (revista da que unicamente apareceu un número), algún deles: Monnerot, Étienne Lero, e Pierre e Simone Yoyotte colaborarán cos surrealistas de París e publicaran en Le Surréalisme au service de la Révolution e outras publicacións surrealistas. Da importancia do surrealismo nestes antillanos (e noutros), dá boa conta Cedric J. Robinson: «Cando consideramos as vidas e obras de intelectuais radicais negros como Aimé Césaire, Suzanne Césaire, Wifredo Lam, Étienne Léro, Jayne Cortez, Simone e Pierre Yoyotte, René Dépestre, René Ménil e mesmo Richard Wright, coido que se podería argumentar que o surrealismo serviu de ponte entre o marxismo e a tradición radical negra. Todos estes pensadores participaron no movemento surrealista ou expresaron certo interese polo surrealismo, un movemento revolucionario cuxas orixes oficiais se remontan a París despois da Primeira Guerra Mundial, que bebeu nas fontes de Marx e Freud, aínda quen criticara o marxismo […]»[6].
Ora, como se pode imaxinar, algunhas destas personalidades cambiaron ao longo da súa vida. René Menil foi fundador –e militante até a súa morte– do Partido Comunista Martinico. Thélus Léro chegou a ser senador polo Partido Comunista Francés e logo un dos dirixentes do Sindicato Nacional de Ensino Técnico. Michel Pilotin, logo de 1945, foi un dos defensores e maiores promotores da ciencia ficción en Francia, e tradutor, entre outros. de Baixo o volcán, de Malcolm Lowry. Auguste Thésée –médico– foi oficial francés durante a Segunda Guerra Mundial, prisioneiro dos alemás, foi liberado grazas á presión dos seus compañeiros de armas. Estivo a carón de Aimé Césaire case toda a súa vida, e foi moi amigo de Wifredo Lam, casou con Françoise Benoist, coñecida historiadora co nome de Françoise Thésée. Étienne Léro morreu moi novo, en 1939, á idade de 29 anos. Jules-Marcel Monnerot, máis coñecido como Jules Monnerot, colaborou cos surrealistas, foi co-director da revista Inquisitions, (os outros directores eran Roger Caillois, Louis Aragon e Tristan Tzara). Con Caillois, Michel Leiris e Georges Bataille fundou o Colexio de Socioloxía. Proveniente da extrema esquerda (seu pai foi un dos fundadores do Partido Comunista na Martinica, despois de 1945 cae no gaullismo, e a partir da guerra de Alxeria sofre unha deriva dereitista que o conducirá a ser presidente do «comité científico» (sic) do ultradereitista francés Front National; a inicios dos 1990, rompe con Le Pen por este defender a Sadam Hussein. Autor de libros como Socioloxía do comunismo, Desmarxistizar a universidade, La guerre en question, Inquisitions ou La poésie moderne et le sacré, en que estuda o surrealismo: o libro, como moi ben di Miguel Pérez Corrales, no seu, de momento, e penso que por moito tempo, insuperábel, Caleidoscopio surrealista, foi sobrevalorado polo propio André Breton. Jules Monnerot[7] casará con Simone Yoyotte, da que aparecen uns poemas en Légitime Defense e colaborará en Le Surréalisme au service de la Révolution co seu nome de casada, Simone Monnerot: morrerá con 23 anos en 1933. Pierre Yoyotte, irmán da anterior, morrerá en 1940 loitando contra os nazis en terras de Francia, nacera, segundo todos os indicios, en 1900. Yoyotte é autor dun dos textos políticos máis rigorosos que deu o surrealismo: «Reflexións que conducen a precisar a significación antifascista do surrealismo»[8]. Digamos que segundo algúns autores, caso de Magdalena Sophia Toledo, as autoridades coloniais prohibiron a súa distribución na Martinica e os compoñentes da revista perderon as súas bolsas universitarias[9].
Cando Simone Yoyotte publica en Légitime Défense os poemas «Pijama-Vitesse» e «Ligne bleu claire dans un épisode de commande, j’ai trouvé le drapeau de la République», ten, como moito, vinte anos (uns dan a súa data de nacemento o ano 1912, outros o ano 1916), e morrerá catro anos despois da aparición destes poemas, é dicir, en 1936, cando faltaba menos dun mes para o seu aniversario. Simone casou con Jules Monnerot, que era curmán seu, en 1932 e tivo unha filla, Lena Monnerot, escritora, autora de novelas, obras teatrais e poesía, morta en 2023 á idade de 90 anos.
En 1933, no número 5 de Le Surréalisme au Service de la Révolution, aparecida o 15 de maio, xa co nome de casada, Simone Monnerot (sic), publica un novo poema «Demi-Maison». Esta é a única obra escrita que se coñece de Simone Yoyotte/Monnerot. Non obstante, segundo a Wikipedia, «deixou unha obra dispersa que marcou un xiro significativo na literatura antillana». Non imos contradicir o anónimo redactor desta entrada, mais, que saibamos nós, a única obra coñecida de Simone Yoyotte/Monnerot son os tres poemas mencionados dos que damos a continuación a súa versión galega.
PIXAMA-VELOCIDADE
O meu pixama dourado de azul e Bois-Colombes[10]
As atmosferas tranquilas – e danza
A pavana do silencio e xudeu. – Conmóvome
–así sexa– mais non e se marchaba suavemente
e o país río de min mesma lixeira
e sorrío. –Meu pixama dourado e bordado
por min (lanza) e peor que todo dourado de azul
o meu pixama de benxuí dourado de azul
chamado Bois-Colombes e xudeu e estás aí.
LIÑA AZUL CELESTE NUN EPISODIO SIMULADO,
EU FUREI A BANDEIRA DA REPÚBLICA
Meu belo paxaro no eterno os canlóns chámante mais non penses en volver. As plumas dun alcume agradábel non deixarán de transmitir o medo ao medo do vento nos glaciares. Meu belo paxaro o tronido de todos os meus desexos a satisfacción do sol poñente e de todas as miñas espiñas entrelazadas na angustia indiferente dunha estadía que non quixen importe a ti o meu paxaro lume o meu paxaro sangue a miña desesperación en mangas curtas de satén degradado cor da miña temeridade as túas plumas as túas alas emplumadas na pata traseira o meu paxaro contra-enigma disipemos o brillo das túas liñas azul celeste meu branco gobio voraz es a miña fermosa ave a miña fermosa ave céfiro na noite e que todas as lámpadas se apagan no coiro da miña suave agonía. Voei sobre os diques e os álamos vendín preocupacións (soucis[11]) ao rendeiro apático vaguei polos templos da desolación de noite de día á caída de todas as grandes dores e en todas as partes belo paxaro vinte nas pedras e non podes saber que o espírito non cruza o río porque na ponte que me guindaches é en van que lapido todas as ondas. A chamada dos romboedros no lindeiro de abril semella a música da túa propia sombra o meu paxaro inútil que só sabe poboar a revolta de todas as grandes árbores das avenidas e de todos os bulevares cando a trompeta dos salóns de banquetes resoa baixo as xanelas da muller que aínda non amas.
MEDIA ESTACIÓN
Fría avergonzada
no tempo espléndido en que estaba núa
penso dicir
lonxe de alí
dos pés á cabeza
A SOMBRA SONORA
Berros
coma a curuxa
teño medo deses ollos
desexo atonal
das primeiras raíces
II
a J.-M.
Cometa vivo no cumio
tal
como se afunde igualmente
non posúe a fonte do pracer
eu era
como os penedos
comparsa
inmanente
truncada
malvada
mais o rumor faime cambiar
de lugar de tinta
á miña medida
como
un peso
líquido que me obsesiona
encontra o seu camiño en soños
e vira
O nome de Simone Yoyotte (Simone Monnerot), é descoñecido para toda/os aquela/es que non se interesaron ou interesan polo surrealismo, sobre todo polas mulleres surrealistas, tan incomprendidas, mesmo por moitas e moitos que se erixen en defensores delas –e, maiormente, contra elas. Ora, para os amantes da ciencia-ficción, para os seguidores de China Miéville, para os lectores de Os derradeiros días de nova París (Lalín, Boadicea Editora, 2024, tradución de Inmaculada Pérez Casal) o nome de Simone Yoyotte acompañaraos sempre.
[1] Golpe asestado durante a xusta do combate damier, danza de loita das Antillas francesas na que se usan sabres e pequenos puñais.
[2] Patrick Chamoiseau & Raphael Confiänt, Lettres créoles. Tracées Antillaises et continentales de la littérature. Häiti, Guadeloupe, Martinique. Guyane 1635-1975, París, Gallimard/Folio-essais, 1999, p. 153-155.
[3] Légitime Défense (ed. facsímil), París, Jean-Michel Place, París, 1979, presentación de René Ménil, p. 1
[4] Buata B.Malela, Les écrivains franco-antillais à Paris (1920-1960).Stratégies et postures identitaires, París, Éditions Katthala, 2008, p. 117
[5] Para un coñecemento mínimo da «créolité», véxase, Xesús Gonzaéz Gómez: «Eloxio da criolidade», in Grial, nº 121, xaneiro-marzo 1994, p. 59-66 (file:///C:/Users/xesus/Downloads/grial–revista-galega-de-cultura-num-121-1994-924541%20(1).pdf)
[6] Cedric J. Robinson, Marxismo negro. La formación de la tradición radical negra, Madrid, Traficantes de sueños, 2019, p. 27.
[7] Sobre a figura de Monnerot é imprescindíbel o libro de Jean-Michel Heimonet: Jules Monnerot ou la démission critique –1932-1990. Trajet d’un intellectuel vers le fascisme, París. Éditions Kimé, 1993.
[8] Escrito aparecido en Documents 34, Bruxelas, 1934. existe versión galega en Xesús González Gómez: Manifestos das vangardas europeas, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 1995, p. 177-187.
[9] Magdalena Sophia Toledo, «Légitime Défense: surrealismo negro, anticolonialismo y la producción de la identidad martinicana», Aisthesis, nº 64, (2028)
[10] Poboación francesa que dista uns 6 km. de París.
[11] Souci: preocupación, mais tamén caléndula.