‘Siradella’: Quen foi Vincent Wale?
Eva Moreda.
Siradella, debut de Diego Casal, é unha novela que me lembrou outras achegas narrativas como Unha viaxe no Ford T, de Xerardo AgraFoxo, e Homónima, de Antón Riveiro Coello. Nas tres obras, a resolución dun enigma non policial nin criminal serve de escusa para levar a trama por escenarios e realidades en principio alleas á nosa literatura; ao mesmo tempo, existe algún elemento que serve de engarce co presente e a realidade galegas, e que ao cabo suxiren que a novela tamén quere dicir algo sobre a nosa identidade. É esta, penso eu, unha fórmula como outra calquera, mesmo bastante atractiva, para dar con esa soñada terceira vía da nosa literatura que aspira a gañar lectorado sen renunciar a discursos dunha certa profundidade.
Na novela de Casal, a parte máis presentista e realista está relacionada cos ambientes universitarios e despois xornalístico-políticos dos anos oitenta. Hai aquí, desde logo, unha vontade de recrear e evocar ambientes mediante o detalle e o dato ben buscados, e, aínda que non me pareceu que houbese un exceso de enciclopedismo, si que me deu a impresión de que nestas primeiras cincuenta páxinas non anda Casal aínda seguro de todo. Preocúpase, polo contrario, un pouco en exceso por preparar o escenario. Porén, logo a cousa mellora considerablemente e a lectura tamén se vai axilizando. Preséntasenos o conflito: aparece un Óscar de xeito misterioso no Grove, e o xornalista que protagoniza a historia e narra esta primeira parte decide investigar a ver de onde vén.
Asistimos entón ao inevitable cambio de perspectiva e escenarios, e a verdade é que estes últimos resultan atractivos dabondo: a emigración galega a Newark e os comezos da industria cinematográfica en Hollywood; logo volvemos ao máis coñecido coa Guerra Civil española. Esta parte máis histórica, centrada na figura misteriosa de Vicente Piñeiro ou Vincent Wale, está narrada cun certo esquematismo que lle dá ao conxunto un ton fabulista moi atractivo. Esta é unha decisión bastante acertada porque a historia estadounidense si que require unha certa suspension of disbelief por parte do lector que seguramente funcionaría peor se Casal optase aquí por unha narrativa máis realista ou máis chea de detalle.
A volta ao presente resólvese tamén cunha mudanza de técnica narrativa: unhas falsas entrevistas a supostos paisanos do Grove, que fan esta última parte máis variada ca a primeira e menos centrada no “eu” narrativo xornalista, que é un personaxe que non está mal construído, pero que se cadra carece da orixinalidade de Vicente Piñeiro. En efecto, ao pechar a novela, de doada lectura, na memoria queda sobre todo a peripecia de Piñeiro no Hollywood temperán, narrada un pouco na liña na que foron autores estadounidenses como Steven Millhauser á hora de explorar esa parte do seu pasado.
♦ Siradella, de Diego Casal. Do Peirao, 2020. 294 páxinas. ♠17€