BiosBardia

O país dos libros en galego

Sobre Enrique Batán, poeta descoñecido, e outras curiosidades (I)

Manoel Antonio.

Xesús González Gómez.

En 1978, as parisienses Éditions du Seuil publicaban o derradeiro volume (o que facía o número 100) da súa colección Écrivains de toujours: Ronceraille. Colección dedicada a grandes escritores de todos os tempos e que levaba como subtítulo «par lui-même» (por si  mesmo: Mallarmé par lui-même, Claudel par lui-même, Rilke par lui-même, etc.). A colección estaba dirixida por Claude Bonnefoy, o mesmo que asinaba o libro dedicado a Ronceraille, que esta vez non levaba o subtítulo «par lui-même». Os libros desta colección consistían nunha biografía-estudo do autor, unha escolma de tal autor, un forte aparato fotográfico-iconográfico (fotografías do autor, deseños del ou que tiñan o escritor como modelo, dos lugares en que nacera e desenvolvera as súas actividades e dos seus familiares, reproducións das portadas dos seus libros, dos seus manuscritos etc., etc.) e unha sucinta e intelixente bibliografía. O divertido de todo o asunto é que o escritor con que se cerraba a colección, Ronceiralle, a pesar dos seus «retratos», das portadas dos seus libros, das fotos familiares, das opinións doutros escritores sobre el, etc., non existiu: era unha invención do seu autor, de Claude Bonnefoy. Foi un cumio (editorial, non literario) dos que os franceses denominan «canular», é dicir, unha «broma», un divertimento literario. Cumio porque a editorial prestouse, e prestou unha prestixiosa colección, a entran no xogo.

Ora, tamén se pode afirmar que este tipo de «bromas» derivou, nos últimos tempos, e coa axuda de grandes escritores, cara a un tipo de literatura, máis ou menos de moda, que consiste en loar e falar destes escritores inventados ou daqueles outros que non realizaron unha obra, que non quixeron triunfar (aínda que moitas veces dá a impresión de que máis que non querer triunfar, simplemente, non o conseguiron). Unha «moda» literaria cuxo cumio, na literatura española, é Bartbley y compañía, de Enrique Vila Matas (aparecido no 2000) e que ten antecedentes gloriosos, sobre todo en Artistas sen obra. “I would prefer not to”, de Jean-Yves Jouannais, publicado en 1997, en francés. A esta literatura, que podemos encontrarlle moitos precursores, quen lle entregou as súas credenciais foi Jorge Luis Borges, sobre todo. Borges, sábese, é un grande «inventor» de erudicións, e cando non o é, é un grande inventor de «escritores»: esa teima súa en loar escritores segundóns como se fosen cumios da literatura, e o exemplo máis «palmario» é o de Rafael Cansinos Assens, do que, á parte da súa La novela de un literato, toda a súa obra é, hoxe, ilexíbel, como ilexíbeis son as súas traducións de Dostoievski: un xudeu a traducir un antisemita, algo non podía ir ben. Para Borges, á parte de Cansinos, a literatura española do século XX non existe. Ou mellor dito, da literatura española do século XX Borges só salva a Cansinos Assens. Son opcións, aínda que ás veces dá a impresión de que o arxentino loa a estes segundóns para que a súa obra realce máis.

Mais é certo que os libros de Vila Matas, Jounnais e outros –entre os que se poden contar autores especialistas neste tipo de literatura[1] como os franceses Patrick Mauriés e Dominique Noguez; ou mesmo o chileno Roberto Bolaño– non queren ser «bromas» literarias senón, simplemente, literatura, como literatura é o libro que poderíamos considerar precursor deste tipo de narrativa, Vidas imaxinarias, de Marcel Schwob (Aira, 2017). Como en toda actividade humana o que conta é a «excelencia», de aí que os citados libros de Vila Matas e Jounnais (por suposto, o de Schwob e os de Bolaño) sexan literatura, e mesmo gran literatura, a pesar de que moitos dos nomes que aparecen nos seus libros, a carón de nomes reais e verdadeiros, sexan falsos, é dicir, non existiron. Ou só existen no libro que estamos a ler. Por exemplo, Jounnais fala de tres “escritores” que si existiron: Jacques Vaché, Jacques Rigaud e Arthur Cravan: os tres reivindicados polos surrealistas, mais tamén de toda unha restra que son pura invención, ou «personaxes» de novelas famosas. Do surrealismo, das vangardas, pódense tirar unha restra interesante de nomes que podían encher varios volumes como os de Vila Matas e Jounnais: Marcel Noll, Dedé Sunbeam, Adolphe Acker, Francis Gérard, Georges Besière, F.-H. Simon, Nicole Espagnol, Marianne Ivsic etc., por só referir nomes de membros do grupo francés, que á parte das cartas á familia e aos amigos, pouco «produciron», literariamente falando.

E entre nós, é dicir, en Galicia? Todos sabemos que a literatura galega está chea de desercións ou abandonos de grandes promesas e/ou case realidades, obras sen acabar ou sen facer, autores dun só libro ou dun só poema (ou tres ou catro máis), de promesas incumpridas, de autores mortos en plena mocidade ou cando despuntaba a súa madurez creativa, de escritores suicidas, suicidados pola sociedade e suicidados pola sociedade… literaria –cando escribo escritores non me refiro soamente ao xénero masculino, por suposto. Falar de escritores galegos sen obra, ou con pouca obra ou case ningunha obra (e cando nos referimos aquí e agora a galegos queremos dicir que escribiron en galego) daría para argallar un volume de centos de páxinas e, ademais, podía ser divertido e todo. Se rastrexamos nomes en tres ou catro revistas (limitémonos a catro: A Nosa Terra –histórica–, Nós, Grial e Dorna) dariamos con sen fin de nomes que publicaron unha ou dúas poesías, un relato, a tradución dun texto ou dun poema interesante, talvez en pequeno ensaio, ás veces até un libriño e todo. A maioría, deses poemas, deses relatos, deses ensaios, dese libriños non eran nada. Outras non é que destacasen sobre o que naquel momento se publicaba ou facía no país, mais si soaban «diferente» e eran unha promesa que non callou. Outras, eran máis que unha promesa e, de repente, o autor desapareceu. Como se a terra o tragase, que se dicía nas bandas deseñadas da miña nenez. Son nomes que, evidentemente, non aparecen nin en nota a pé páxina nas historias da literatura. E resulta que no seu día, algúns destes nomes, «levantaron» ou espertaron esperanzas.

Tamén, a literatura, xa o temos dito máis dunha vez, tamén é xogo. Non imos agora a descubrir a «seriedade» do xogo. A bibliografía sobre o tema é ampla, polo que nos limitamos a recomendar dous clásicos ambos colgados na rede en versión española: Homo ludens, de J. Huizinga e O home e os xogos. A máscara e a vértixe, de Roger Caillois. A partir destes dous autores poderiamos artellar, por exemplo, a hipótese que conduciría, con datos e bibliografía en apoio, a soster a tese de que toda historia da literatura, ou dunha literatura determinada, é, simplemente, un xogo. Mesmo, indo máis lonxe, poderíase afirmar que toda teoría literaria non é máis que un xogo ou, peor, unha broma, etc. Mais centrémonos na «historia» da literatura. Todos sabemos que Paul Valéry quería unha historia da literatura na que ningún nome de autor fose mencionado: falaríase unicamente de obras e da evolución das formas. Borges, pola súa parte, pensaba que en arte só o individuo é interesante, e rexeitaba as clasificacións por xeracións, escolas e ismos: «porque cando un poeta é importante, é el quen importa. Non me considero partidario do Romanticismo, pero si o son de Victor Hugo. Non o son do Simbolismo, mais si o son de Verlaine». De momento, ningún historiador se achegou ao ideal de Valéry; o de Borges foi, cando menos, intentado. Ora ben, tanto unha historia que só falase de obras como unha que só tratase de «individuos» sería unha historia toca: as obras (e os individuos) non nacen no baleiro, non xorden da nada, polo que podemos deducir que os ideais de Valéry e de Borges non deixan de ser xogos. O que non significa que as denominadas historias sociolóxicas acaben por explicalo todo: tamén forman parte do xogo, cando non son unha verdadeira broma: ese método que consiste en dividir os séculos en toros de x anos e introducir neles toda unha serie de escritores que moitas veces, a maioría, nada teñen a ver uns cos outros, etc. Outros autores, como o español Toni Montesinos, poden afirmar: «[…] poderíase escribir unha historia das letras universais en función de como estas abordaron o suicida-melancólico, tal é a frecuencia desa relación, que deu pé a un inabarcábel número de poemas, novelas e contos, ensaios, biografías, obras teatrais» (Toni Montesinos, Melancolía y suicidios literarios. De Aristóteles a Alejandra Pizarnik, Madrid, Fórcola Ediciones, 2014, p. 12). Tal historia, non por ser interesante deixaría de ser, tamén, un xogo. E como imos de xogos, eu proporía argallar unha historia/antoloxía da literatura galega a partir deses nomes dos que falabamos máis atrás: escritora/es galega/os sen obra, ou con pouca obra ou case ningunha Podía ser, como mínimo, un libro «curioso»… e algo máis. Quen isto asina tivo a idea, un día, de facer unha especie de historia da literatura galega a partir de recensións de libros que nunca se publicaron ou escribiron. Era un xogo, e o resultado sería algo mais que curioso: deixaría ver os saltos no baleiro, os pinchacarneiros, e as fallas da nosa literatura desde 1850 en adiante.

Sobre unha historia da literatura realizada a partir destes autores e autoras sen case obra, queremos propor un exemplo. O exemplo mostra o que sería un capítulo, ou subcapítulo, desta historia da nosa literatura. o capítulo, ou subcapítulo, titularíase «Enrique Batán: entre a tradición e o ultraísmo».

No número 150 d’A Nosa Terra, correspondente ao 31 de outubro de 1921, na sección «Follas Novas. Libros e revistas», aparece o seguinte comentario.

«Manuel Antonio e Enrique Batán

»Son moitos os irmáns que nos teñen perguntado porque istes dous rapaces que viñan escribindo versos d’unha grande novedade no noso boletín, ficaron silenzosos. Cantos nos fan semellante pergunta din que as poesías d’ambos colaboradores gorentaban e que n’elas latexaba unha fonda orixinalidade promesa d’algo bo, xurdio e definitivo.

»Nós, coma resposta, aseveramos que Manoel Antonio e Enrique Batán, voltarán axiña a honorar as follas de A NOSA TERRA c’os seus versos. O mesmo que Taibo, López Abente, Eladio Rodríguez González, Cabanillas e Noriega Varela. Manoel Antonio xa escomenza hoxe». (No número insírese o poema do de Rianxo Ista tarde.)

Até ese número d’A Nosa Terra, Enrique Batán publicara no boletín das Irmandades da Fala os seguintes escritos:

Mozas da miña terra , nº 107 (1919). Poema.

En Mondoñedo como onde queira, nº 112 (1920). Prosa política.

Consederacións axeitadas, nº 113 (1920). Prosa Política

De noite, nº 116 (1920), Poema; e

Curriña, nº 130-131 (1920). Poema.

Mozas da miña terra

Mociñas alegres q’o son do punteiro

Bailastes outr’hora comigo na fía.

Tembrando de medo do bico primeiro

Q’a berro-os beizos ardendo pedían

Mociñas q’eu quixen mociñas q’eu quero.

Nos beizos levadel-o mel dos amores,

Cos ollos o lume q’acende no peito

As grandes fogueiras q’abrasan-os homes.

Amanda, Maruxa, Puriña, Dolores,

Riseiras mociñas con quen eu bailaba:

Xemidos de chuchas y-aromas de frores

Q’o tempo desfolla no fondo da y-alma.

Moi lonxe dos meigos olliños das nenas

Q’o fogo acenderon no seu corazón,

Aromas d’incenso lles mand’o poeta,

Lembrando’o pasado q’o tempo borrou.

Mondoñedo, 14 de novembro de 1919.

Do caciquismo

En Mondoñedo como onde queira

N’estes días fixéronse as eleiciós de concexales. Os caciques esganáronse berran- (sic) xa naide fai caso de tales verbas –i están tan cansos d’ouvilas!… Víronse negros para conquerir xatos.

Os xornaes «Aución Social» e «Mondoñedo» rifan coa «Voz de Mondoñedo» qu’ê un xenio; y-a «Voz» pol-o seu lado tampouco cala, inda qu’ê sola fai ela mas (sic) barullo que trinta saca-moas xuntos.

Os d’a «Voz» chámanlles caciques ôs do «Mondoñedo», e istes chámanllel-o mesmo ôs outros: e nengún minte, pois todol-son; todos falan de xusticia, de direito, do ideal de que están [palabra ilexíbel] da independeza do labrego e de moitas máis cousas qu’enchen-a boca: pro todos sabemos qu’esas verbas, fofas e valeiras de realidade na boca dos caciques, non son máis que verbas.

Algúns caciques, máis prácticos qu’os que berran, xuntaron, cando sobraban feixes de cigarros, decatándose quizáis de que para hoxe e agora sementan cigarros e recolleitan votos.

Estes poiden ter a seguridá de qu’han ser elixidos: eiquí pol-os cigarros venden os labregos o voto y-a concencia.

S’a cousa non fora tan noxenta e baixa, faría rir a calquera.

¿Non se decatan os eleitores que venden, ô vendel-o voto, as escolas a que teñen direito os seus fillos, os camiños veciñaes e moitas outras cousas que lles fan falta? ¿Son tan parvos que non conozan a transcendenza do voto que dan a catro caciques sen vergoña, para que mañá lles ate (sic) o pescozo coa corda que os afogue…?

¡E despois inda s’han queixare dos caciques!

Non digo isto soilo prós de Mondoñedo: vai con todol-os galegos, que n’ê somentes Mondoñedo onde os caciques fan o que queren dos intreses do pobo, non; caseque en toda Galicia fan o  mesmo, y-eso por culpa dos mesmos labregos que renegan d’eles.

Con que xa veces labregos: non queirádel-as cousas, e non teredes qu’aguantal-os efeitos.

¿Quen dixera qu’os labregos galegos chegarían a vender seus ideaes por algúns cigarros! ¡Pois eisi non se chega â redenzón da Terra nin se sacode o xugo castelán!

Enrique Batán

Consederacións axeitadas

¡Memento home…!

«Lémbrate, ouh home, qu’ês polvo», ouvímoslle decir hoxe ô crego ao botarnol-a cinza na cabeza. ¡E que tristemente soan estas verbas! Non pol-o significado qu’a Igrexa lle dá, senón pol-o pensamento que suxiren.

Non podemos negar que somos polvo, pro ¿somos somentes polvo? ¿Non hai en nosoutros algo que nos alonxe do polvo, algo máis nobre que nos califique, que faiga imposibre a comparazón do home –supoñendo que a verba peche os dous conceptos esenzaes ao home– c’o polvo?

Fatalmente, de moitos non se poide decir que exista n’eles cousa que os distinte do polvo, nen pouco nen moito.

Son ese (sic) «homes» nos que a razón e a vountade están tolleitas, mellor dito, apioladas a outras vountades qu’a levan pr’ond queren; son os homes sen persoalidade, sen concenza do que son nen do que poiden; son as forzas cegas qu’aproveita o primeiro  mecánego que chega; son… o polvo da iñoranza, incapaz de resistil-o sopro do engaño. ¡E cantos hai d’iste xeito na nosa Terra! Almas valeiras de vida, entangarañadas co frío da iñoranza, tan afeitas o sofriren que nen siquera piden descanso no door: xentes que non saben ceibarlle unha maldición ao tirán que os escraviza, que non se atreven a abrir a boca para pedir, cando teñen sempre a man aberta para dar ô «amo», –señor de forca e coitelo– non o que lle deben, senón o qu’el quere que lle deban.

A istes homes é inútil falarlles da independenza da Terra: Non-a entenden.

Hai que facerlles ver que teñen direito a repôrse, cando o goberno lles pide o que non teñen, cando o cacique os amenaza con deixalos sen as leiras se non votan por él, cando, en fin, calquera que sexa abusa da boa fe d’eles. I esto hai que facelo de xeito que non se leven á anarquía da desesperazón: hai que facerlles perder os estilos d’ovella e coidar que non se volten agres; hai que amosarllel-a vitoria do modo con que se conquire, traballando non âs tolas y-â pulos, senón con conscenza do que fan e sen esmorecer.

Para isto espallar as ideias nos xornaes será quizais chegar â veira do éisito: pro eu xuzgo que, pr’apreixar o millor é falar cada un ao aldeán que conoza, porque as verbas ouvidas, con tod’o o fogo do que as di meten o convencemento no peito, mentras qu’as escritas perden moita forza no papel, e, na opinión dos labregos, non son tan sinxelas como nosoutros pensamos.

Enrique Batán

De noite

Foron días de luz e pasaron

como pasa cegand’o lostrego;

foron presas de frores, murchadas

pol-a fría xeada do inverno…

Ouh lembranza dos anos aqueles,

cando a min me chamaban «o neno»,

¡como acendes sañud’a fogueira

de tristuras que levo no peito!

Ti Señor que m’escoitas, fixeches

d’aquel ceio de luz os luceiros

i-en ollando a guapura que tiñan

algún día chorei por collelos;

mas ti tantos luceiros fixeches.

Xunta min sen sentilo Señor

das delicias pasousem’o tempo…

pasou súpeto cal meteoro

diant’os ollos do cándido neno.

Hoxe ¡triste de min! xa non queda

nen un rayo de luz no meu ceio…

¡todo nel s’apagou e morreu!;

soilo queda da morte o silenzo

i-a coruxa que ceiba na noite

seus lidos de son medoñento

mentres pasan voando nas tebras,

cal pantasmas, horribres morcegos,

nada queda senón a lembranza

que me crava coas unllas d’aceiro,

que m’amos’o pasado brillante,

cando vexo o present’envolveito

na negrura das aas xigantes

con que tornanm’a luz os morcegos.

¡Paradoxas da vida!… O recordo

pr’afogarme, sua man d’esqueleto

saca fora da tumba dos anos

onde dorme de vermes cuberto;

i-enseñándom’as cuncas dos ollos

que me miran d’un modo sinestro.

Choqueleánll’os dentes coa risa

¡cunha risa saida do enfermo!

¡ouh Señor como fir’ esta risa!

¡como chant’o sarcasmo no peito!

¡como sinto esmagársem’a vida

do recordo entr’os brazos de ferro!

¡paradoxas da vida!… O recordo

do que foi todo luz n’outro tempo,

¡xurde agora na noite da i-alma

¡com’a soma fatal d’un espectro!

Curriña

Muller, mámoa de neve atormentada,

corpo sen curazón, alma sen vida,

muller d’amor e sentimento espida,

dun enterro sin luz vela apagada.

No teu cutis de neve arrebuxada

morre a carne de friu y-aterecida

nos teos (sic) cortantes beizos de ferida

déitase unha surrisa xeada.

 

Branca rosa d’inverno, quén poidera

n-o teu cáliz meter a loita fera

d’un ceio azul moi lonxe d’esperanza!

 

Branca muller amortaxada e fría

tod’o sangue das venas eu daría

Por te añidar no peito unha esperanza!

Uns meses antes, nunha carta datada o 22 de maio de 1921 en Vigo e enviada a Victoriano Taibo, o poeta Manoel-Antonio preguntáballe: «Coñeces a Enrique Batán? Sabes a súa direución?. Gostaríame saber d’ise rapaz, por que supoño que será un rapaz. –Fundamos a Irmandade d’os Poetas Novos. Pero eu falo d’novos enteiramente novos»[2]. Taibo contestaralle que non coñecía a Batán, do que só lera algúns versos. Manoel-Antonio tampouco chegou coñecelo, que saibamos e, para acabarmos, a Irmandade dos Poetas Novos nunca se fundou.

[1] Non sei se este tipo de literatura non cae, ao cabo, no mesmo reproche que o peruano Julio Ramón Ribeyro lle fai a Robbe-Grillet no seu diario (La tentación del fracaso. Diario personal (1950-1978), Barcelona, Seix Barral, 2003): «O grave defecto das novelas de Robbe-Grillet é que están escritas non par rapport á vida senón par rapport á literatura. Como sucede cos pintores, os narradores perden de vista o seu modelo, o seu punto de partida orixinal e tratan de facer da súa obra non o reflexo persoal da realidade senón o reflexo persoal doutros reflexos. A literatura, ao igual que a filosofía, vaise “historizando”. Cada novo escritor cotexa a súa obra coa dos escritores anteriores, non co mundo. Deste modo chégase a unha rarificación da materia novelística, que pode confundirse co esoterismo. Así como é difícil comprender a Heidegger se non se coñece a Husserl, Hegel, etc., ao lector corrente seralle difícil entender a Robbe-Grillet se non coñece a Kafka ou a Proust ou a Joyce» (p. 294-295, a anotación é de 1964, sen data).

[2] Manoel-Antonio, Correspondencia, Vigo, Editorial Galaxia, 1970, Edición, limiar e notas de Domingo García-Sabell, p. 117.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *