‘Sorpasso’ vs ‘O cadro’
Xornada 5 da Liga da Primavera 2022. Duelo entre Fran Fernández Davila e Lois Z.
Traba: Microrrelato de 100 palabras.
Sorpasso
Acariñaron cadansúa parella sorrindo, os machotes, rodeados de espellos, preguntándose se paraban nos peitos ou seguían a dedicarse a si ou si mesmos. Acariñaron as costelas con xeito, atoparon ríos na foresta. E chuparon nos dedos. Acariñaron o gume das copas embazadas. E logo beberon. E as mulleres xemeron ao tempo dun fol de acordeón. E eles lamberon, como se lamben os descapotables nos adiantamentos, para invadir o carril do medio ata morrer, mirándose entre eles aos ollos ata morrer, ata morrer ou facerse choiva.
―Ti amo ―dixéronse as xemelgas collidas da man, mentres eles os catro chegaban ao orgasmo.
O cadro
Ás veces dáme a impresión de que son un .jpg almacenado nun stock de imaxes con licenza de uso. Un que non usa ningúen. Un que xa nunca sae nos buscadores. E cando sae, sempre ten ó lado outro en mellor resolución e a toda cor. É tan vívida a sensación que estou certo de que se ergo o brazo podería tocar co dedo os límites do cadro. Só teño que estricar o brazo uns pixeles máis e sairía do macro. Só un pouquiño máis. E sairei. Deste algoritmo. Desta subrutina. Desta compresión.
Boas.
O relato que propón “Sorpasso” é sorprendente no seu xénero e resulta intrigante, pero no aspecto formal non acaba de convencerme.
“O cadro” propón unha cita coa angustia que me parece máis conseguida.
Voto por “O cadro”.
‘Sorpasso’: O relato é correcto, pero deixoume algo indiferente, como se se puidese aproveitar mellor ese adiantamento na narración.
‘O cadro’: Gustoume como usa o recurso da humanización da imaxe, e o xeito de expresar o seu sentimento. Creo que aproveitou de maneira orixinal a imaxe proposta.
O meu voto é para ‘O cadro’.
Boas a todos. De entre as trabas que máis me gustaron está a das 100 palabras e poida que sexa unha das máis difíciles.
“Sorpasso”. Encántame o xénero guarro e sempre me alegra ver que algún relato aposta por el. Sempre é algo arrisacado, creo que se alguén fai algún día unha estadística completa de vitorias por xénero, o erótico anda pola “cola”. O relato está ben contado, ten poética, ritmo copular e tamén certa evocativa de estilo onírico, que se volve un tanto turbia e misteriosa con ese final. Unha simple frase dálle a volta a todo e xenera múltiples relatos de golpe. O que non me gusta son algunha construccións do inicio. O dos machotes non casa coa narrativa máis etérea da segunda metade. Ë curioso o impacto que ten cada palabra nun relato tan breve.
“O cadro”. Este relato está moito máis medido, hai moito oficio na dosificación da información. É moi oposto ao seu rival, non hai esa evocación, aposta por unha idea máis sinxela, pero tamén poida que máis potente. Usa a foto como punta de lanza e plantexa un marco comparativo. Saír da imaxe é saír da vida, do marco establecido..? Ten múltiple lecturas e todas son boas.
O meu VOTO vai para “O cadro”.
Outros dous relatos bastante diferentes, e neste caso un si me convenceu.
‘Sorpasso’
Coido que a escena non está ben deseñada. Ten razón David en que o punto de vista vai evolucionando da primeira liña cara ao final, pero claro, en cen palabras ese cambio é un auténtico sorpasso e non se entende ben. Máis ca un microrrelato, penso que neste caso hai algo así como unha mestura entre escena e poema, pero non encontro deleite nin no primeiro nin no segundo; é coma se o texto nacese dun acto tan evidente que o autor só necesitase dar un enfoque, coma se describise unha cadeira ou unha taza de té. O cuarteto Maluma convértese nun obxecto. De aí que haxa certos tópicos do porno como que as mulleres sexan xemelgas e os catro alcancen o orgasmo a un tempo, pero nese caso, no caso de que esta sexa unha narración obxectalista, o que lle interesa o lector é o punto de vista do observador, e neste caso eu non o vexo.
‘O cadro’
Coido que este é o mellor relato da xornada porque entende as regras do microrrelato, atopa un punctum inesperado para a imaxe e consegue administrar a idea con precisión. Na literatura hai determinados valores que talvez non escintilen moito en formatos máis amplos, coma nunha novela, pero que marcan a diferenza en formatos breves. O ritmo, a aliteración, o contrapunto… Neste caso o autor consegue construír unha microhistoria coherente en base a un campo semántico. E dese campo semántico, cun método aparentemente sinxelo como colocar substantivos, extrae unha poética completa que ademais casa coa imaxe á perfección. Ás veces, o máis complicado é atopar o camiño máis curto entre a expectativa e o resultado. O lector queda un segundo pensando: que fácil foi isto, mais logo pénsao mellor: que fácil nolo fixo o autor.
Voto por ‘O cadro’.
Xunto coa da segunda persoa, a traba dos microrrelatos creo que é unha da que máis nos permitiu romper co formato tradicional dos relatos da Liga.
Sorpasso é unha aposta arriscada polo erótico. Ten una linguaxe delicada, peor evocadora, que lle senta moi ben. Sabe co que está a xogar e fai algo rechamante que entre nas cen palabras. O final é redondo.
Gústame o plantexamento d´O cadro. Non sei se estou condicionado coa súa lectura, pero si que vexo a man estirada algo máis definida co resto do fotograma? Unha narración sinxela, cun tema dos grandes detrás.
Voto por O Cadro.
Aquí non o puxen, esqueceume. O comentario é de Carlos Vega.
no relato de fran eu vexo unha soa parella diante de moitos espellos (retrovisores?), por iso son xemelgas e todo parece repetido. quitando isto pouco mais teño que engadir ó que xa se dixo, dunha forma ou da outra é complicado sacar mais do relato. Pensei en se todo sucede dentro dun coche en marcha ou se en realidade o que sucedeu foi un accidente de coche e os espellos son cristais rotos, os xemidos son de dor e non de pracer e o orgasmo deles a morte. Unha mistura entre crash e tetsuo.
Non me parece que o relato vaia por aí (ó final di que son 4, e outras cousas non cadran ben). Igual que me pasou co relato da revelacion… se un relato nos fai pensar en cousas (positivas ou negativas) que sabemos que non están no deseño orixinal do relato, senon que son froito da nosa interaccion (única e persoal) con el, é xusto incluilas como meritos ou defectos do relato? Seriamos realmente capaces de identificar con precision ata onde chega o relato e ata onde fomos nós polo noso pé? E inda facendoo, seriamos tamen capaces de cumprir esa regra e non ter en conta iso? Pódevos parecer unha pregunta doada pero caemos nisto día si día tamen. Os relatos que viven de referencias ó pasado, que mencionan lugares nos que vivimos, nos que sucede algo que nos pasou a nós, os que reivindican algo co que estamos dacordo, os que nos dan unha idea tremenda para futuros relatos nosos… A min non me parece mal que estas cousas influan sempre que queden reflectidas nos comentarios.
Sobre o meu. A foto non me dicía nada (non se me occorría nada con ela), asi que pensei en usala como obxecto (de forma parecida a como fixen en loxica espuria), como protagonista da historia. O detalle da man co dedo estirado encaixou de forma case máxica coa idea e aí souben que tiña o relato feito.