BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Suspicious minds’ vs ‘Os cinco na mesa, parabéns’

Elvis.

Xornada 2 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Sofía Sicilia e Sabela González.

Traba: Cinco versións da mesma historia.

Suspicious minds

Sabela González.

Quedei co reloxo por joder. Ser, era feo de carallo, pero Martiño miraba tanto para el… Debeullo regalar a pelandrana esa. El dicía que non andaba con ela. “Sonia, por que non cres unha palabra do que che digo? Así non podemos seguir, sempre sospeitando!”. Pois algo de razón tiña, ben que me deixou. O único malo é que Antonio, o do tupé e o tic no ollo que vén todas as noites, debeu pensar que o trouxen por el. Alí o vén. O meu puntual Martiño, ás doce, coma sempre. E con ela! Aínda se atreverán a entrar. 

…..

Maldito Martiño. Menos falar e máis facer, por favor. Máis roer, menos ladrar. Sempre foi igual. Procrastinando no canto de articulando, ata que é tarde, co resto esperando. Estou xa farta de tanta leria. Maldito Martiño. Hoxe mando eu, hoxe imos ao bar da parva de Sonia que che levou o reloxo ese de merda no que gardaches todo canto apañaramos. Se sabía eu que non podías gardar ti os cartos. Xa che direi eu cando coller o abrigo, cando comezar a camiñar… Menos falar e máis facer, Martiño, vamos, imos para dentro dunha puta vez.

….

Hoxe sentei un pouco máis preto da barra. O reloxo de Elvis foi un sinal definitivo. Tantos días (meses!) de chiscadelas e brillantes zapatos de ante azul tiñan que funcionar. Olla cara a min? Ou polo cristal? Vai ser hoxe. Agora ou nunca. Tanto tempo dende que vin ese sorriso tenro e me capturaches o corazón, Sonia, rendeuse a ti a miña alma… Toda unha vida agardando este momento, peiteando o rock e agardándote, agora estamos preto. Agora ou nunca, ven e abrázame forte, Son… 

….

Sonia… Que fixeches? Se cadra non te tratei como debera, ou fíxenche sentir que non eras a protagonista do meu corazón. Ai, rapariga, perdoa. Estaba tan cego… Pero sempre es ti en quen penso, na miña mente sempre estabas ti. O que pasa é que logo chegou miña prima e aquel plan era tan bon, tanta pasta, tan fácil. Ti pensaches que era outra moza, que ía ser! Na miña mente sempre estiveches ti, Sonia, só ti. Tanta desconfianza pode comigo, así non podo vivir. Por iso marchei. Pero o reloxo non pode ser, Sonia, o reloxo non…

…..
Ao cárcere non han de ir, aínda que ao do tupé lle emocione a metáfora do alcaide botando unha festa. Tiven o minuteiro no ollo un anaco pero o resto ben o vin. A Sonia ollando por riba do do tupé para Martiño a través do cristal. Martiño tragando cuspe coma se a gorxa fose de lixa. A tola da Eugenia arrastrándoo ao bar coa faca na man. Antonio soltando o gin tonic para facerse o heroe. Eugenia berrando, facendo espaventos. Antonio sangrando. Martiño chorando. E o feixe de billetes fervéndome no cu sen dono durante un anticuario máis.


Os cinco na mesa, parabéns

Sofía Sicilia.

A cara de Sabina volveuse branca. Cando abriu o agasallo, as súas mans debuxaron un perfecto óvalo, coma se aquilo mesmo que apresaba nelas fose consecuentemente algo plano, vulgar. Logo encravou a súa vista nos meus ollos, e eu devolvinlle unha mirada furtiva, insidiosa. Sabía que mercarlle ese cadro de Elvis polo seu aniversario…, pero Carme a insistía e aos papás parecéralles unha boa idea. 

Sabina esbozou un leve sorriso.

—Grazas —dixo. 

Papá comezou a rir. Inmediatamente se dera de conta de que non lle gustara.

…..

Festexar o aniversario dunha filla sempre é unha odisea. Á miña muller parecíalle ben agasallala cun póster de Elvis; a unha que nacera no ano 2000!, que problablemente nin se figuraba quen era ese tipo. Pero eu aceptei. Aceptei coma sempre, para non dar lugar a problemas. Ás veces pensaba que a miña actitude aínda facía que a situación se tensase máis.

Sabina interrompeu cun «grazas» os meus pensamentos.

…..

Vin a decepción na cara da miña filla. Vin como Miraba a Xoán de esguello, como preguntaba cos ollos o porqué dese agasallo.

Os ollos de Sabina revelaron a felicidade dunha filla que acaba de ser agasallada cun cadro de Elvis. Eu aínda lembro cando o meu marido e eu eramos felices, todas as tardes que escoitabamos Unchained Melody camiño a Compostela. Que nos pasara? Como era posible que o noso amor esvaecese dese xeito? Pensei en se Carlos comprendería o que significaba ter escollido aquel agasallo. 

Sentinme un tanto ridícula, a dicir verdade, argallando tretas para chamar a antención do meu marido. Xa non tiña idade para iso.

—Grazas —dixo Sabina. 

Mirei a Carlos. Definitivamente ese insensible nin conta se dera.

…..

«Carme, quero unhas botas Doctor Martens». Sabina repetira a mesma cantinela durante cinco semanas seguidas. Eu contábaas no calendario. Xoán e mais eu pensabamos en que regalarlle. Ao principio a min pareceume unha idea ridícula. Sabina nin sequera sabía quen era Elvis, mais tempo despois decateime de que a mamá tiña intencións derivadas. Eu non soportaba vela sufrir, e insistinlle moito a Xoán e papá na tenda de cómics para levarmos esa pintura hortera polos 21 anos da miña irmá.

—Grazas. 

O silencio fíxose no comedor, coma se a nosa casa de súpeto se volvese cemiterio.

….

—Grazas —dixen. 

As miñas mans suxeitaban ese anaco de latón pesado cunha cara un tanto particular no centro, adornada con bandas de cores e autocolantes. Tentei sorrir. A quen da miña familia se lle pasou pola cabeza regalarme iso? Non conseguín atoparlle o sentido. De feito, non o tiña. Papá, mamá, Xoán e Carme mantiñan as pupilas cravadas en min, coma expectantes. Segundos despois deime de conta de que aquel agasallo non era máis ca un dos moitos intentos de mamá por recuperar a papá, por facelo lembrar.

Sorrín. Fixen un aceno coa man sobre opelo e mirei o meu irmán de esguello.

Felices 21, pensei para min. Isto é medrar.

7 thoughts on “‘Suspicious minds’ vs ‘Os cinco na mesa, parabéns’

  1. Suspicious minds

    Tardei un par de lecturas en darme conta de que o ultimo punto de vista era do propio elvis, mirando desde o reloxo. O mellor do relato é que a autora consegue, en moi pouco espazo, que as 5 voces teñan a sua personalidade ben diferenciada.
    Por outro lado, o maior problema do texto é, na miña opinion, que está continuamente explicandose a si mesmo. Este relato é o reverso do que lle pasou a Botana na xornada anterior. Botana deuno todo pola arte, digamolo asi, e entender o relato foinos sumamente complicado. Neste caso, a autora deu o 100% para que se entendera, e con iso sacrificou a literatura e proporcionounos a informacion o mas mascada posible. Nalguns casos faltou que a personaxe se dirixira directamente a nós “ola lector, son Martiño, veñoche contar o que necesitas saber para entender o relato”.
    Se teño qeu escoller entre ambos extremos prefiro que o lector non entenda nada pero entregar un producto conceptualmente coherente. As demais personaxes teñen un pase pero Martiño fai de apuntador.
    Narrar en 1º persoa ten esta dificultade engadida. Tes que expresar ás personaxes que creaches pero á vez tes que manipulalas para que fagan/pensen o que ti queres. Que pasaría se Sonia en vez de estar pensando no que a autora escribiu estivera pensando que pelicula ir ver ó cine? A entrada de Martiño no bar si que sería un bo disparador para que Sonia pensase no tema que lle interesaba á autora, eu tería empezado nese punto. Tamen valería de disparador para o pensamento de Antonio, pois el pretendia un achegamento con Sonia que a presencia de Martiño podia estragar. Pero a autora fai ó contrario: denota a entrada de Martiño ó final da cadea de pensamentos deles dous.
    A vista de Sonia e do reloxo serviria igualmente para enfocar os pensamentos de Eugenia e Martiño, só habería que tratalos con algo mais de naturalidade no caso de Martiño (o de eugenia está ben levado).

    Os cinco na mesa, parabéns

    Falta unha separacion (eses puntos suspensivos) entre o 2º e o 3º punto de vista.

    Tamen hai aqui algunha frase demasiado explicativa, pero é algo puntual. Aqui o disparador do que falaba antes (inda non lera este relato) é a reaccion da filla/irmá ó abrir o regalo. É natural que todos estean pensando no que están pensando. As reiteracións son debidas en gran parte a que a escea é moi pechada.
    Emocionalmente o relato queda como a medio camiño de algures. O centro da trama é a intencion da nai de mandarlle unha indirecta ó marido con esa escolla. Pero non chega a adquirir a profundidade axeitada esa cuestion. O pensamento do pai é superficial, faltou aí algo que impregnase o relato de verdadeiro drama. Por exemplo, sustituir a indiferenza do pai por repulsa, ou por fastío, ou culpabilidade… non sei, por “algo”.
    Tamén é unha pena que 2 dos puntos de vista sexan casi identicas, falo dos 2 irmáns. a info é distinta, pero as voces non.

    É curioso que os puntos febles e os fortes destes 2 relatos sexan xusto os opostos. Suspicious é un mal deseño ben escrito e 5 na mesa un bo deseño mal aproveitado.

    Voto por Os cinco na mesa, porque cun par de retoques poderia qeudar un relato modesto pero xeitoso. O relato rival, inda que toca mais alto na execucion das voces e a idea é igualmente valida, teria que ser, na miña opinion, reescrito mais a fondo para acadar unha boa harmonia literaria.

    pd: no primeiro golpe pensei que Sabina era Joaquin Sabina.

  2. Boa tarde, vou coa terceira valoración. A min a traba das cinco versións paréceme complicadísima e creo que tanto Sabela coma Sofía solventaron moi ben.

    Suspicious minds
    Encántame o título (unha canción de Elvis) e ao contrario ca Lois todo nel me gusta. A min que me debullen e me expliquen varias veces o que a autora me quere contar paréceme enriquecedor. Para iso é a autora e só ela decide o que quere contar ou non. E creo que os distintos puntos de vista está moi logrados pois en cada versión sabes algo máis. O final, dando o punto de vista do reloxo, paréceme brillante e para min é un final redondo.

    Os cinco na mesa, parabéns
    Hai partes que non me encaixan (se a filla quere unhas botas, porque acaba cun póster/ anaco de latón de Elvis?) como lle pasa á propia Sabina non entendo esa testarudez da nai, non lle topo moito sentido. Esta historia non me cautivou tanto, aínda que sigo insistindo que é complicado facer cinco versións de 100 palabras. Gústame moito a frase do silencio no comedor (coma se se volvese un cemiterio).

    O meu voto para Suspicious minds, paréceme máis orixinal.

  3. Comezo comentando unha das fotos que enviei eu. Parabéns a Sabela e Sofía polo solventar o reto dos 5 puntos de vista.
    Suspicious Minds
    Paréceme que a autora buscou un xeito orixinal de afrontar a foto, co punto de vista de Elvis no último parágrafo ou o uso de frases de cancións do Rei en cada historia. Este segundo recurso está ben, pero penso que se excedeu un cacho no número delas. É como se quixese asegurarse de que collíamos o xogo.
    Como xa apuntou Lois, penso que a autora conseguiu que os distintos personaxes tivesen personalidade.

    Os cinco na mesa, parabéns
    A historia e o tratamento son menos orixinais que os da súa rival, pero na miña opinión o texto flúe mellor. Gústame como está narrado e o uso repetido dese “Grazas” para estruturar a historia.

    Penso que son dous textos parellos, pero neste caso vou favorecer a “forma” sobre o “fondo” e votar por Os cinco na mesa, parabéns.

  4. Boas.
    Chego aquí tarde e canso. Espero non ser excesivamente torpe.
    Con respecto ao primeiro relato, teño que dicir que a esa primeira serie non acabo de collerlle o punto. A linguaxe está ben, o ritmo vai, pero… non sei, non me engancha.
    Con respecto ao segundo, creo que esta ben definida a idea global, que é unha narración ben clara das disociacións propias dunha familia corrente -ou non tanto, que tres fillos no dous mil…- e foime moi agradable de ler.
    O meu voto é para “os cinco na mesa”

  5. Os duelos da historia repetida molan un puñado. Tamén vexo certas tendencias á hora de afrontalos.

    “Suspicious minds”, un bo xogo do título co cerne do relato. Gústame que os protagonistas sexan tan recoñecibles. A escena está moi ben contada e enténdese todo perfectamente. Poida que lle falte unha miga de punch emocional…pero é que cada persoaxe ten cen palabras para brillar. Moi ben resolto o duelo.

    “Os cinco na mesa, parabéns” este relato si que ten punch emocional. Unha imaxe costumbrista moi recoñecible. Poida que se as voces fosen máis distintas quedase algo mellor. Ou se o do regalo adquirise algo máis de peso…doutra maneira. Non sei. O recurso do “grazas” como temporizador é un gran acerto. A escena flue moi ben e pese a non ter tantos fogos artificiais coma o seu rival penso que acada mellor o seu obxetivo.

    O meu VOTO vai para “Os cinco na mesa…” porque penso que retrata moi ben a toda unha familia.

  6. Son o único que pensa que o das cinco trabas e máis chunga das trabas? Ademais, ás autoras tocoulles unha foto desas que ten personalidade dabondo como para absorber o relato enteiro.
    Suspicious minds xa é un éxito dende o título. Vai máis alá de referenciar á canción, para resumir o ton do relato enteiro. Podo notar esa necesidade da que se fala nos comentarios de apostar polo significado, non pola forma. É complicado, nunha liga e nun formato tan reducido como o das cinco versións que se presta a ser coral e confuso. Penso que o sentimento de non entender pesa máis no lector que o apetito de forma e que, polo tanto, a autora apostou polo lado correcto da balanza.
    Aínda así compre seguir buscando o equilibrio. Menos exposición, máis acción, metela con calzador nas cen liñas se fai falla. A corrente de pensamento é o que ten, creo. Teste que comprometer con ela. Gustoume o relato e o punto de vista final está ben fiado.
    Os cinco na mesa, parabéns é un relato que tamén me gustou. Consegue concentrar as catro versións nun momento moi reducido, e darlle a cada voz a súa personalidade. Hai sementes en cada pensamento que igual cortaron o límite de cen palabras. Sérvese, como din os meus compañeiros, do Grazas como fío condutor, e non o fai nada mal. Quizais a historia me pedía un toque de drama, do sentimento que disimula a nai ou da reacción da filla, pero é o desafío da traba.
    Parabéns a ambas autoras por superar a traba con tan bos resultados. O meu voto vai para Os cinco na mesa, parabéns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *