Tabucchi e os surrealistas portugueses
Xesús González Gómez.
Collo dos estantes da biblioteca un libro que leva alá (con algún cambio de domicilio) desde 1971. Comezo mirando o índice e deixo o libro para ver se teño alguna comunicación no correo. Só unha, da Perve Galería, de Lisboa, que di o seguinte:
Dia 9 de agosto de 2022, quando Mário Cesariny completaria 99 anos, se fosse ainda vivo, a sua Casa da Liberdade celebra este autor incontornável do movimento surrealista em Portugal, prolongando a exposição Navio de Espelho, até sábado, 13 de agosto.
Nesta data, destacamos obras de Mário Cesariny a par com retratos e interpretações inéditas realizadas pelo Coletivo Borderlovers em sua memória.
Inaugurada a 18 de junho, quando passados 73 anos sobre a 1.ª exposição do anti-grupo surrealista português “Os Surrealistas”, a mostra versa sobre a fusão imaginária do movimento surrealista francês e português, através de obras de mestres representativos dos dois movimentos surrealistas, nomeadamente, Cruzeiro Seixas, Mário Cesariny, Pablo Picasso, Salvador Dalí, Victor Brauner, que dialogam com retratos e interpretações inéditas, produzidas propositadamente pelo coletivo Borderlovers para a exposição.
Visite-nos até sábado, das 14h e as 20h, na Rua das Escolas Gerais n.º 13, em Alfama.
Curiosamente, o libro que collera para reler, que no devandito ano me regalara o recentemente falecido Basilio Losada Castro, quen o comprara en Leteradura (Paseo de Gracia, 80. Barcelona 8; tf. 2156146; unha libraría da que xa falei neste lugar. O volume editárao Giulio Einaudi editore, de Turín, acabárase de imprimir o 8 de xaneiro de 1971 nas imprentas da Casa editora Einaudi e está(ba) inserido na colección Einaudi letteratura, que entre outros títulos das súas, naquel momento curtas fileiras, obras como Antoloxia do humour negro, de André Breton; O azul do ceo, de Georges Bataille; Obxectos de afecto, de Man Ray; Ela, de L. Ferlinghetti, O xogo do Satiricon, de Edoardo Sanguineti; O rumor do tempo. Fedosia. O selo exipcio, de O. Mandelstam, etc. O título deste libro era (é): La parola interdetta. Poeti surrealisti portoghesi, e o autor (selección, tradución e prólogo), nacera en «Pisa en 1943 e graduouse en literatura moderna cunha tese de literatura portuguesa con Luciana Stegagno Picchio. Do seu interese polas literaturas ibéricas son froito dous estudos, respectivamente sobre o barroco luso-hispánico e sobre o modernismo portugués, de próxima publicación», rezaba a contraportada. Só falta o nome do autor: Antonio Tabucchi: este era o seu primeiro libro, cando menos o primeiro que publicaba.
O libro non era gran cousa. Primeiro, só escolmaba poetas da primeira xeración (sic) surrealista: Alexandre O’Neill, Mário Cesariny, António Maria Lisboa, Cruzeiro Seixas, Fernando Alves do Santos, e logo engadía os nomes de Herberto Helder e Isabel Meyrelles. O primeiro nunca foi surrealista e a segunda é considerada surrealista porque así o dixo no seu día o seu amigo Mário Cesariny. Engadía na escolma dous «Cadáveres esquisitos». Se ben na táboa cronolóxica citaba outros poetas e artistas que formaran parte do grupo surrealista, nada deles acabaría sabendo o lector. Curiosamente, algúns deles, como Mário Henrique Leiria, Pedro Oom ou Carlos Calvet, de moita máis importancia poética ca Alves dos Santos, este si antologado. Dos surrealistas do Café Gelo, dos que os máis importantes son António José Forte e Ernesto Sampaio, Tabucchi non dicía palabra. É máis, nuns parágrafos engadidos ao final da «Tavola cronologica» engadía (traducimos): «Despois de 1957, o Movemento surrealista portugués non existe xa practicamente. Desaparecido o “Grupo Surrealista de Lisboa”, reducido notabelmente o “Grupo surrealista disidente”, só quedan uns poucos artistas illados que fagan surrealismo: Mário Cesariny, Cruzeiro Seixas, Manuel de Lima, e algunha “nova leva”, como Maria Luísa Neto Jorge e Isabel Meyrelles» (p. 81) Neto Jorge, tradutora de Breton, influída polo surrealismo, nunca formou parte de ningún grupo surrealista. Iso escríbeo Tabucchi no ano, supomos,1970, cando Ernesto Sampaio xa publicara Luz Central (1958) e Para uma cultura fascinante (1959) («As reflexões sensíveis deste autor, os seus poemas-meditações –ou como se lhes queira chamar– são dos textos mais agudos e corajosos que entre nós se escreveram, na modernidade, dentro da e sobre a “experiência poética”», Herberto Helder, Edoi Lelia Doura. Antologia das vozes comunicantes da poesia moderna portuguesa (Lisboa, Assirio&Alvim, 1985, p. 265). António José Forte xa se dera a coñecer en 1960, ben que até 1983 non recollería toda a súa poesía no volume A faca nos dentes. O Grupo –surrealista– do Café Gelo publicara en 1970 (abril) a antoloxía de textos (poesía, teatro, textos teóricos, narrativas, etc.) titulada Grifo, que recollía escritos de António Barahona da Fonseca, António José Forte, Eduardo Valente da Fonseca, Ernesto Sampaio, Manuel de Castro, Maria Helena Barreiro, Pedro Oom, Ricarte-Dácio e Virgílio Martinho: a «nova leva» do surrealismo portugués era outra.
O libro, o estudo, de Tabucchi era (é) algo esotérico. Entre os precursores «nacionais» do surrealismo portugués citaba, «ilustre precedente», un só poeta portugués: Fernando Pessoa –en realidade, de Pessoa os surrealistas só gustaban, ou se reclamaban, do heterónimo Álvaro Campos. Non citaba nin unha vez ao poeta que máis reivindicarían os surrealistas portugueses (tanto O’Neill como Cesariny fixeron senllas antoloxías da súa obra): Teixeira de Pascoães. Outro poeta reivindicado polos surrealistas, aínda que en menor grao que o de Amarante, era o amigo de Pessoa, Mário de Sá-Carneiro. Tampouco falaba Tabucchi de precursores como podían ser Ángelo de Lima, Eduardo de Bettencourt ou o mesmo Camilo Pessanha. Se a escolma de poetas era arbitraria e equivocada, se os estudos sobre os poetas escolmados eran discutíbeis, se a percepción que do surrealismo en xeral tiña Tabucchi, que aínda bebía dun neo-realismo que o autor de A dama de Porto Pim abandonaría pouco despois, se en realidade daba a impresión de que o libro no seu conxunto se inscribía baixo o patrocinio do poeta que dera o título ao libro (Eugénio de Andrade: o título é un verso deste poeta), que se salvaba do libro? Como dixo no seu día Cesariny: a tradución dos poemas. Era, é, unha boa tradución.
No seu estudo introdutorio, cualificado por Cesariny como «fantasista», daba a impresión de que Tabucchi non se decataba de moitas cousas. Por non se decatar, nin chega case a se decatar que o grupo surrealista portugués non podía actuar coa liberdade que actuaba, por exemplo, o grupo de París. Cesariny repróchalle que alguén que é do país en que un dos seus máximos pensadores, Antonio Gramsci, pasou tanto tempo nos cárceres fascistas, non intente comprender as limitación de grupos «organizados» en sociedades ditatoriais.
Non obstante, o libro tivo, no seu momento, un «valor»: deu a coñecer unha serie de poetas que, mercé ao «dominio» do neo-realismo portugués estaban completamente velados, por non dicir enterrados.
Falamos parágrafos atrás dos poetas antologados por Tabucchi. Entre eles Isabel Meyrelles, da que o italiano escolma dous poemas: «Ode a outros e a Maria Helena Vieira da Silva» (p. 146-153), poema que se inicia da seguinte maneira: «Sol de apaziguamento sol gelado», e «Picadilly Circus» (p. 164-167), cuxo inicio é: «Uma pomba atravessa Picadilly Circus», ambos poemas, excelentes poemas, hai que dicilo, pertencen, segundo o italiano, ao libro O rosto do deserto (1966), libro da citada Meyrelles. Aquí, Tabucchi meteu a pata até a ingua, xa que ambos poemas son… de Mário Cesariny, e pertencen ao libro deste Poemas de Londres, incluído no volume: 19 projectos de prémio Aldonso Ortigão seguidos de Poemas de Londres (Lisboa, Quadrante, colecção de poesía, 1970), e tamén recollido en Pena Capital, (Lisboa, Assírio &Alvim, 1982). Como se produciu o erro? Aí vai unha hipótese. O rosto do deserto escribiuno a Meyrelles en francés (como outros dos seus libros: Le livre du tigre (edición de autora, 1976), por exemplo, e traducido ao portugués por Natália Correia. O libro incluía (inclúe): «Ode a outros e a Maria Helena da Silva, de Mário Cesariny de Vasconcelos traduzida para o francés por Isabel Meyrelles». O de aporlle o poema «Picadilly Circus» á Meyrelles, non teño nin se me ocorren hipóteses. O que si está claro é que Tabucchi non coñecía o devandito libro de Cesariny, xa que a nota bio-bibliográfica dedicada a este acaba en 1965.
Para acabarmos, un libro malfadado dun autor desaparecido hai dez anos, e que collería (sic) renome como narrador. Hoxe, continúa a lerse a Antonio Tabucchi? Esperemos que si, mais que non se relea este volume que relemos nós e que, á parte de ser o seu primeiro libro, é, tamén, unha mostra de impericia e de incomprensión cara ao tema escollido: o surrealismo.