BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Tesouro’, a nova marabilla de Miljia Praagman

Milja Praagman.

Inés Mosquera.

Tesouro é un pequeno poemario en formato de álbum ilustrado, obra de Milja Praagman. Asinan a tradución ao galego María Alonso Seisdedos e Antón Vialle. Hércules de Ediciones xa trouxo, grazas ao traballo do mesmo par de tradutores, outros tres títulos previos nos que a neerlandesa figura coma escritora ou ilustradora: Porque te quero moito, O año que é un porquiño e O granxeiro e o veterinario, os dous primeiros publicados no 2018 e o terceiro no 2019.

Ao abrir este poemario, desprégase nas súas páxinas unha xenuína manifestación da dozura do cotián. Artellado en páxinas dobres, con pequenos poemas inseparables de ilustracións que tinguen todo o espazo en branco en tons, ás veces fríos e ás veces cálidos, mais sempre unificados a través dunha harmonía suave, acordes á calma que, xa se anticipa, transmitirá a lectura.

Cada un dos seus poemas versa sobre o ser na súa cotiandade e na relación cos demais: da ledicia do compartir momentos, da curiosidade intrínseca dos máis pequenos, da aprendizaxe en forma de consellos, do desenvolvemento do autoconcepto, ou da rebeldía máis sinxela: “Non quere lazo o meu pelo / nin as pernas pantalón”. Estas relacións fan que abrollen emocións, coma a pena que se esvaece entre a néboa, e mesmo dan pé á identificación de sentimentos máis complexos, coma o amor entre os contrastes. Engaiolan na súa lectura os poemas dunha avoa que non está, pero segue presente nas lembranzas e na propia natureza e liberdade da poesía: “E tiña miña non avoa / na cara tal sorriso / que a trouxemos para a casa, / nun poema pódese facer iso”.

As composicións en métrica libre son de pequena extensión e traducíronse cun léxico axeitado para pequenos primeiros lectores. O único a ter en conta no vertido ao galego é unha modificación gramatical sobre o texto para crear unha rima prescindible.

Cada poema vai da man de cadansúa especie animal, case sempre presentada en pares da mesma especie. Así, entre as súas páxinas pódense atopar dous hipopótamos que están a tomar un baño, un pingüín que quedou durmido enriba do seu papá, ou dous gatos de aldea que se dan unha aperta na cidade. Todos eles plasmados como animais antropomorfos cun estilo minimalista habitual no estilo da ilustración escandinava. As composicións ilustradas, en diálogo co texto, enxalzan a expresividade dos vínculos, transmiten o agarimo e a dozura e poñen de manifesto a conexión íntima que se establece co lector.

O poemario do ti e mais do eu brinda un estímulo da sensibilidade desde a infancia temperá, unha porta aberta á curiosidade ante o mundo, unha reflexión sobre os intres e os seus contrastes, nun xeito en que ilustracións e poesía, en fusión visual e textual, na súa delicadeza, gardan da chave que abre o tesouro.

♦ Tesouro, de Milja Praagman. Traducido por Antón Vialle e María Alonso Seisdedos. Hércules, 2025. 48 páxinas. ♠ 17€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *