‘Tina e Xeró’, aventuras preadolescentes cun resaibo xa moi visto
Héitor Mera.
Pedro Pablo Riobó (Moaña, 1959) é coñecido pola súa intensa actividade teatral xa no ámbito didáctico, xa no ámbito investigador. Tamén é poeta, polo que, cunha xa traxectoria coñecida por todos e todas, lánzase con esta novela xuvenil editada na colección Narrativa de Xerais.
Non son amigo de entalar no ámbito da literatura inda que as clasificacións poidan axudar na sistematización, estudo e análise da nosa historia literaria, pero teño que dicir a respecto de Tina e Xeró que, polo tema e polo estilo, é unha obra que eu situaría con claridade nunha colección como a que a propia editorial dispón: ‘Fóra de xogo’. Renxe un pouco nunha colección que pola liña editorial xera outras expectativas.
Entrando en contido, e para que se entenda mellor o que acabo de expoñer, a historia versa sobre dous amigos que están arredor dos doce anos que se ven mergullados nunha aventura/investigación ao máis puro estilo Enid Blyton: tres personaxes mais un can, toponimia inglesa e ao mellor estaríamos ante a dúbida de se non leriamos nós isto anteriormente. E é que coa Illa dos Ratos como lugar no que se apousenta o misterio, a enumeración de estereotipos propios desta literatura comeza a agromar desde o inicio ata o remate da novela. Os personaxes preadolescentes con inicio de sensacións non coñecidas, as pescudas arriscadas en lugares nos que a súa integridade periga, o personaxe adulto discreto que se descobre que durante todo o tempo estivo mirando por eles como fácil escusa para darlles credibilidade aos xiros narrativos que se producen… En definitiva, unha serie de ingredientes que están influenciados pola cantidade de literatura xuvenil de aventuras que calquera lector medio foi lendo ao longo da súa vida.
A historia está narrada en primeira persoa a través da voz de Xeró. Non creo que sexa unha mala decisión en si mesma, mais o resultado non é óptimo. A cuestión é que na narrativa tamén ten que haber ritmo, un ton que fai que o lector non se deixe levar só pola historia; a prosa tamén ten que ser un aliciente desde o punto de vista estético. Ti podes ler unha densa descrición dunha paisaxe que ralentiza o ritmo dunha novela. Agora ben, se esa descrición ten unha prosa axeitada pode ser un pracer inmenso; pola contra, a historia de aventuras con intención de desenvolver unha acción que deixe ao lector levitando ata chegar ao clímax, se non se realiza coa prosa adecuada co seu ton apropiado, pode facerse, non difícil de ler, mais si difícil de manter a gana de continuar coa lectura porque ese estilo imperfecto é un lastre. Nesta novela a prosa, sobre todo nun primeiro momento, non engancha.
No que se refire á vontade de estilo por parte de Riobó, o que destaco como interesante, se queremos sacar un mérito obxectivable, é o dominio da terminoloxía marítima que manexa para unha obra situada na ría de Vigo e con acción na nosa costa.
A novela lese sen máis. Mesmo en avanzando pode haber certa curiosidade por saber como é o desenlace, mais non é unha obra que destaque no tratamento dos recursos narrativos ou que motive ou emocione un lector que, por momentos, puidera ter a tentación de pechar o libro e comezar outra xeira lectora. Novela correcta, séndomos xenerosos, sen máis.
♦ Tina e Xeró, de Pedro Pablo Rioboo, Xerais, 2024. 216 páxinas. ♠19,50€