Todos os libros grandes e divertidos
A lingua das lapelas dos libros (e III)
Xesús González Gómez.
Se o lector puido xulgar por un momento que superar o que até agora leva lido era case que imposíbel, ou, cando menos, moi difícil, trabucouse, como se trabucou quen isto transcribe, que pensaba que acadara o punto vermello, ou de ouro das lapelas cos últimos fragmentos transcritos. Pois non, véxanse, léanse estes:

“Ademais de abordar a crítica social desde a boa literatura, Son noxento é unha novela presidida polo humor, ese humor imprescindible para achegarse ás circunstancias e aos personaxes máis dramáticos a fin de escribir un relato intelixente e literario.// Son noxento conta unha historia que nos mantén expectantes, elaborada a través dun espléndido monólogo interior, unha curta e gran novela de [nome da autora]”.
“[O autor] achéganos un libro no que xoga con diversas técnicas literarias que van desde o máis espido dos diálogos, ata unha sorte de poesía de carácter narrativo, pasando pola linguaxe cinematográfica ou a prosa poética, entre outras.// Con moitas e moi diferentes voces narradoras relatando ao mesmo tempo, A rotura das paisaxes configúrase un libro que admite diversas ordes de lectura, e, xa que logo, pode ser interpretado como unha novela para quen queira ver nela unha novela, ou unha colección de relatos para quen prefira ver nel unha colección de relatos” (en fin: ordes de lecturas, tantas como lectores teña o libro, até pode haber algún que o considere a tal libro como un Perfecto manual para combater o insomnio).
“En A dúbida a autora fai uso da súa experiencia como narradora para ofrecer unha historia que engancha a atención de lectores e lectoras e aborda, desde a denuncia social e a intriga, un tema pouco frecuente na literatura galega escrita con pulsión literaria”. (Unha pregunta, xa que non me quedou clara a cuestión: o tema é pouco frecuente na literatura galega, ou só “na literatura galega escrita con pulsión literaria”? Por outra parte, unha vez lida a novela, pode ser que máis dun lector se laie, ou se laiase, de que a autora, no canto de facer uso da súa experiencia como narradora, non botase man da súa experiencia lingüística, que adoita ser o que provoca boas novelas, boas obras literarias).
“A novela de [nome do autor] logra activar o elemento creativo de cada lector ou lectora cun mecanismo accesible e anovador. Acción e carga emocional nunha historia de historias na que liberdade e conciencia social se reivindican como valores fundamentais do seu humano” (Orixe).
“Por tras dos meus ollos non é a crónica dun crepúsculo dos deuses. [Evidente: non é Billy Wilder nin quen quere nin quen pode: B. W. só hai un e a ti coñecinte na biblioteca], senón a cotiá desilusión que acompaña a perenne morte dos valores. O estilo deixa unha memorable cadencia na mente, coma un certo sentido de proximidade, de comunicación, e a novela permanece na memoria como unha experiencia auténtica, singular, mesmo iluminadora. A experiencia de algo vivo, tanxible, cambiante; unha sensación poderosa, artellada en personaxes de forza sorprendente. Por tras dos meus ollos non é unha novela histórica, un chisco didáctica e arqueolóxica, senón unha sutil pescuda, intensa e concreta a través da dialéctica interior e da memoria moral dunha agonía”. As insás lecturas de Hegel traen estes pos e aqueloutros lodos.
“Ácaros verdes é unha novela que, desde unha perspectiva radicalmente humana, lanza sobre a historia unha ollada feminina que sublima (sic) as barreiras temporais e espaciais” (busque o/a lector/a os diferentes significados do verbo sublimar).
“Dende o conflito é unha novela sobre o xornalismo e a guerra, sobre o abismo entre o norte e o sur, sobre na pobreza, a fame, a miseria e a marxinación, pero, moi especialmente, é unha novela sobre o valor da amizade e do amor, sobre a diversidade dos sentimentos e, en definitiva, sobre a esencia das cousas que son as realmente importantes na vida”. Debo confesar que non lin esta novela, como moitas das que reproduzo fragmentos das súas lapelas, pero logo de ler este fragmento, un pensa que esta novela, logo de ler este fragmento lapelístico, pode ser como un violín que no canto de ser catro cordas ten sete ou oito e, xa que logo, saen notas de máis e, polo tanto, o conxunto fica, digamos, desafinado.
“O proceso de creación que [nome do autor] pon nas mans do lector con A rosa de Borges, no que a progresiva confluencia de voces e consecuente desaparición do suxeito frutifica na identidade da propia escritura, representa a imposibilidade de chegarmos a unha interpretación definitiva do texto, abrindo así as portas á instauración da liberdade do lector”. Santo Cristo, e non o de Fisterra, nin mesmo o de Ourense, ambos barbados: todos xuntos nun! Despois de ler este libro pode você, lector, ou lectora, á/o que chantaron nas portas abertas da liberdade, saberá que o artefacto que lle puxo o autor na mans (normalmente previo pago de x euros, a non ser que a) ripara o libro; b) llo regalasen; c) que o atopase nun punto limpo d) ou que o pedise emprestado nunha biblioteca ou a unha amigo/a) saberá que nunca chegará a interpretación definitiva do texto. E você, despistado lector, ou lectora, sen se decatar, a pesar de que papou os formalista rusos, o new criticism americano e inglés, a escola xenebrina –comandada, entre outros, por Albert Béguin–, os estruturalistas, os post-estruturalistas, os recepcionistas (desculpen, escola da recepción), os deconstrucionistas, os estilistas e mesmo a Blanchot e incluso a Lukács e a Sartre e algúns máis hoxe infelizmente esquecido, até que leu este artefacto e a súa contraportada, redactada por un heideggeriano de pacotilla, non se decatara desa dificultade.
“A verdade como mal menor xoga coa literatura e a cultura, xunta fontes eruditas certas con outras falsas, fai esvaecerse a fronteira que separa ficción e realidade, é un engado para a imaxinación do lector. Narrativa que induce a participar, que busca un lector activo e esperta o enxeño. Un libro que esperta o sorriso e escorrenta a compracencia”. Vistas –lidas– as cousas, os parágrafos, que un vai transcribindo un pode imaxinar (quedamos en que a imaxinación é libre) que o lector galego (a lectora tamén, claro) está a se impacientar e a se cabrear un pouco: ten que esperar a que publiquen certos libros narrativos para poder trasladarse aos pródromos da liberdade, para que lle esperten o enxeño, para saber que nunca chegará á interpretación definitiva do texto, para que lle activen o “elemento creativo”, etcétera, etcétera. Ora, tamén pode tranquilizarse: ao cabo, xóganlle coa literatura e coa cultura, e non coa agricultura, é dicir, coas cousas de comer. E ademais, como hai trinta anos, fano escachar de riso.
“[a autora] constrúe con axilidade narrativa unha acción vigorosa que retrata a dialéctica embrutecedora entre a perversión da vitoria e o desvalemento da derrota. A crueldade resultante desborda a dimensión política para ser só ferocidade e desquite” (A vitoria do perdedor): tese, antítese e síntese: a aufhebung é o título.
“Nesta novela, feita de lóstregos múltiples, hai recendos, paisaxes, chiar de paxaros, ademais de historias, unhas alegres e outras non tanto, e hai unha atmosfera que a natureza puxo á nosa disposición. E tamén atoparemos situacións chea de vida e, ás veces, de morte; aconteceres de onte e de hoxe que nos trasladan a un mundo próximo e afastado, ó mesmo tempo real é máxico” (Romaría de historias). (Quen dá mais: Mercadona ,Eroski, Gaddis, Froiz, Dia, etc.?: non o creo).
“[…] tamén é esta unha novela coral na que se describe o complexo tecido de relacións que compoñen a vida dunha aldea marcada pola pobreza e a miseria, pola forte presenza da Igrexa, que exerce unha notable influencia na vida cotiá e pola ausencia dun futuro na propia terra […]” (As rapazas de Xan).
“O último día de Terranova é unha novela de enxeño multiforme onde conflúen os xéneros literarios e se entrelazan a serie negra, o humor poético surrealista, mesturados co da oralidade popular, e un realismo tan a rentes do chan como transcendente”.
“De remate é unha novela entretida, divertida, ben escrita, que recrea con acerto e moita habilidade diferentes rexistros lingüísticos, incluídas diversas modalidades dialectais que axudan a retratar os personaxes; unha novela sólida, moderna, que convence, que engancha e que nos fai redescubrir o gusto pola palabra”.
“Dividida en catro seccións, cada unha cun ritmo e un alento diferenciado, admite varios niveis de lectura, pois é, ao mesmo tempo, novela de aventuras, de viaxes e de pausada reflexión. Unha novela que non vai deixar indiferente a quen se adentre no proceloso mar da escrita de [nome do autor]. Novela polifónica, con constantes referencias á cultura popular, á cultura de masas, á música, aos medios, á publicidade, ao cine, está tecida cunha mestura de textos tipicamente posmoderna. // Novela de protagonista, novela de personaxe […]. Unha teoría sobre a melancolía, un canto á non resignación, á liberdade individual é á esperanza. Os lectópatas […] enfrontados a unha linguaxe límpida e rutilante. Literatura para ser apreciada polos sentidos. E o amor, accidente feliz de vida, como táboa salvadora da humanidade” (Talvez melancolía.) Que tecla non tocara este autor? Difícil é sabelo, talvez habería que ler a novela, que non a lin, sobre todo porque me “asustou” o réclame lapelístico.
“Concibidos (sic) con decidida intención lúdica e participativa, este conxunto de relatos sorprenden (sic) e interesan (sic), tanto polo que divirten (sic) como pola reflexión metaliteraria que provocan (sic)” (Por conto alleo: esperemos que o autor non sexa o redactor da lapela, xa que confunde o suxeito –conxunto– co xenitivo, “de relatos”,do suxeito –conxunto– e así a persoa verbal está completamente equivocada. Non sei se producen, non lin o libro, os relatos unha reflexión metaliteraira: a lapela produce unha reflexión gramatical; ou debería producirlla ao redactor desta).
“Novela cómica e expresionista, tan próxima do esperpento como da linguaxe cervantina. Galería de personaxes excéntricos e avatares desquiciados na que o dominio estilístico dá lugar a unha prosa sorprendente, a medio camiño entre o clasicismo e a experiencia vangardista [valla, xa saíu a palabra]. Sen dúbida unha das obras máis espléndidas da nosa literatura moderna”. (A armada invencible.] Repito: o lector, e a lectora, galego/a, e que non ri a cachón, é un/ha amargado/a.
“Zapatillas rotas trata, ao cabo, e sen ocultar o seu sarcasmo, dos valores desta sociedade en crise irreversible. Esta novela confírmao como un dos narradores galegos máis sólidos e de mellor acollida entre os lectores e lectoras do noso tempo”.
“Spam […] introdúcenos na atmosfera claustrofóbica e atafegante de dous universos paralelos: o mundo laboral sometido á tiranía dun poder omnímodo e o universo aparentemente aberto de Internet, onde realidade e ficción se confunden. Crítica social e ruptura coa ortodoxia narrativa nunha novela na que a literatura toma partido”. Nunca un lapelista dixo verdade máis certa: a literatura tomou partido nesta novela e fuxiu correndo dela como do demo (ou de Deus) e abandonouna como un mal desodorizante nos abandona aos poucos de saír da ducha.
“A extraordinaria riqueza das descricións, e evocación da atmosfera da época, a creación lucidísima das imaxes, as homenaxes literarias (Dámaso Alonso, Torrente Ballester, M. Proust), a extensa galería de personaxes, o manexo de diversas técnicas narrativas, o dominio dunha linguaxe prodixiosa, fan de Ventre do silencio un dos cumes da narrativa contemporánea” (extraordinaria, lucidísima, extensa, prodixiosa, cumes: demasiados adxectivos e substantivos para tan pouco parágrafo).
“En Non hai noite tan longa atopamos os temas esenciais da literatura e das figuras dos personaxes clásicos. Inseridos nunha narración de escrita transparente que flúe como a auga. Unha obra de lectura engaiolante […] que ofrece unha minuciosa indagación moral e unha ollada crítica sobre a nosa sociedade […]. Unha novela que non ha deixar a ninguén indiferente, chamada a converterse nun clásico do noso tempo”. Non sei por que, pero me dá que o lapelista desta novela non leu o lapelista de A rosa de Borges… ou é un especialista en “preceptiva literaria”.
“[…] Accidental explora as trampas e servidumes da identidade, a aceptación do poder, a submisión e a súa expresión na degradación da memoria colectiva. Cun discurso narrativo no ronsel de Kafka non só no que ten de absurdo, senón tamén nos seus espasmos humorísticos, esta historia cargada de ironía e episodios desconcertantes, revélase como un orixinal e heterodoxo universo no que se refuxia toda [o subliñado é meu, xgg] a inquedanza e a anguria do noso tempo”.
Acabemos, que isto se alonga demasiado: “A voz principal de Pensamentos impuros (quizais unha voz dobre) pode reflexionar e ser crítica, pero non modificar substancialmente as poderosas forzas que actúan sobre nós e recompoñen unha e outra vez o escenario global a conveniencia”. Iso si é que pousar os pés no chan.
En fin, se algún lector, ou lectora, chegou ao final destas liñas, propoñémoslle un xogo e unha adiviña. O xogo: procure os adxectivos gran/ grande, humorístico, cómico, divertido (ou sinónimos), etc., e/ou os substantivos dos que derivan algúns destes adxectivos: é unha maneira como outra calquera de perder o tempo e, ademais, pode servir para argallar novas lapelas… unha vez recensionados eses adxectivos e eses substantivos. A adiviña: cal é, ou foi, a idade de ouro (ou de vermello) da lapela en Galicia? Ou está aínda por chegar?