Tomás González Ahola: “Levounos vinte anos traducir o ‘Kalevala’ ao galego”
César Lorenzo Gil.
O Kalevala (Rinoceronte) é a grande obra clásica da lingua finesa. Un poema épico cuxa primeira versión publicou Elias Lönnrot o 28 de febreiro do 1835. Das súas orixes, contexto e influencia falamos con Tomás González Ahola (Vilaboa, 1981), autor, xunto coa súa nai, Tuula Ahola, da versión anotada en lingua galega deste libro imprescindible para entender a cultura europea.
Eu lin algúns cantos do Kalevala en galego traducidos por vostede na revista Alquimia, coido que publicados no ano 2000.
Levounos vinte anos traducir o Kalevala ao galego. Cando eu tiña 16 anos viaxo a Finlandia (a terra da miña nai) e descubro a música kalevaliana, un tipo de son tradicional que se basea no ritmo métrico do tetrámetro trocaico. É unha música que coñecen os amantes da música europea tradicional mercé a grupos como Värttinä. De aí chego ao libro de Lönnrot e empezo a tradución. Nun momento dado, o editor de Rinoceronte, Moisés Barcia, apoia publicar o texto. Mais polo medio crúzase a vida, outros proxectos e a tradución queda aparcada durante moito tempo. Hai dous anos, máis ou menos, Rinoceronte renova o interese por publicar a obra e decido incorporar a miña nai, Tuula Ahola, no proceso de tradución. Foi o xeito de darlle o pulo final. Ademais, eu conseguín unha bolsa do goberno de Finlandia para viaxar ao país báltico e documentarme. Agora, por fin, está o libro na rúa, nunha edición anotada moi ambiciosa.
Esta obra está publicada en verso, tamén na versión galega. Cal foi o principal desafío desta tradución?
En efecto, como dicía antes, o Kalevala está escrito coa métrica do tetrámetro trocaico. De feito, para o autor, máis ca o fondo, o importante era respectar este formato. Por que? Pois porque no seu proxecto de edición era fundamental gardar a aparencia de que a epopea provén da tradición oral, de aí que sexa tan importante esa oralidade e os mecanismos que favorecen a súa memorización (rima, repeticións…). Lönnrot inventa vocabulario, adapta unhas palabras, acurta outras… Nós decidimos que o ritmo tiña que prevalecer na versión galega, que debía soar dunha determinada maneira. Por iso, adaptamos o tetrámetro trocaico ao noso octosílabo tradicional. É un metro moi utilizado na tradición oral galega, tamén nas cantigas, e consideramos que era o máis acaído para unha obra coma esta.
Fáleme da orixe do libro. O autor considérase a si mesmo un bardo que se apoia no labor de bardos previos para construír unha epopea completa con retrincos de epopeas que se mantiñan vivas na tradición oral.
Durante o século XIX, no contexto do romantismo cultural e político, por toda Europa xorden movementos de recuperación da tradición cultural das diferentes nacións. Intelectuais de todos os territorios e todas as culturas consideran que cómpre dignificar as diferentes tradicións orais. Temos casos moi famosos como o de James McPherson, en Escocia, que inventa unha “suposta” tradición épica perdida. Ou na propia Galicia, a Eduardo Pondal, que intenta fixar unha tradición poética vinculada ao celtismo mais tamén á epopea mariña portuguesa.
En Finlandia dáse un proceso semellante. Varios intelectuais, moitos deles vinculados á Universidade de Turku, empezan a especular coa posibilidade de que houbese unha idade de ouro da cultura finesa e que durante esa época se crease unha obra singular que recollese toda a súa cosmogonía. En realidade, o que está de fondo é a reivindicación romántica da nación, unha postura ideolóxica que vai culminar na creación da Europa dos Estados (cunha serie de territorios que conseguen a independencia e outro grupo de nacións sen Estado cuxa reivindicación cultural se asenta nesta tradición). Lönrott é consciente da necesidade desa tradición e decídese a creala. Mais o fascinante do Kalevala é que amais da creación propia do autor si que está presente un patrimonio oral que se mantivo en pé durante séculos e que acaba plasmado neste libro.
Con que se encontra o lector moderno do Kalevala?
O Kalevala, a nivel argumental, é coma unha porción de terra con diferentes estratos que nos van informando de cada época e cada xénero da cultura oral asentada en Finlandia. Temos poemas pertencentes á tradición mítica, un relato sobre a creación do mundo en consoancia con outras moitas culturas. Posteriormente, eses deuses creadores convértense en deidades que curan e ofrecen salvación espiritual. É nese momento cando xa vemos a división entre o mundo da luz (Kalevala) e o dos bruxos (Pohja). Logo, xa nos tempos da influencia vikinga, os poemas recollen aventuras, viaxes na procura de riqueza e mulleres. A época vikinga “contaminou” a cultura finesa con influencias alleas, primeiro con mitos folclóricos universais (sereas, dragóns…) e máis tarde con relatos cristiáns, dos que trouxeron os misioneiros que evanxelizaron o Báltico. Xa nos séculos XII e XIII chegan a Finlandia dúas tradicións que se incorporan ao mundo kalevaliano: as baladas provenzais, que adoitan xirar ao redor dalgún feito desgrazado, e a poesía histórica e bélica.
Quen era Elias Lönnrot?
Foi un médico e botánico que viviu 82 anos. Formouse na Universidade de Turku dentro desa comunidade nacionalista cultural que crea no 1831 a Sociedade de Literatura de Finlandia. Eu coido que para el foi fundamental o incendio da universidade. Durante un ano non puido exercer como docente e aproveitou para visitar as rexións orientais de Finlandia e documentarse. Estivo gran parte da súa vida traballando no Kalevala. El mesmo era consciente do valor do seu traballo. Tomou como referencia para a súa redacción a Ilíada, de Homero. E foi fiel a ese compromiso de “creador” dunha tradición. A el se lle debe, en parte, a estandarización da lingua finesa moderna.
Fala vostede repetidamente da tradición oral oriental. Hai diferenzas rexionais en Finlandia no plano da evolución cultural?
Hai que recordar que Finlandia é un Estado moi recente, que xusto no 2017 cumpre o primeiro centenario da súa independencia. Durante moitos séculos foi un territorio en conflito entre os desexos expansionistas de Suecia e Rusia. De aí que poidamos diferenciar dúas evolucións históricas na súa cultura tradicional. No oeste o luteranismo sueco reprime a lingua finesa e tenta impor a cultura do invasor. Con relativo éxito. No leste, en troques, a tradición ortodoxa rusa é moito máis laxa. Non se reprime a cultura propia, simplemente se deixa no analfabetismo. Iso favoreceu que se conservase.
Finlandia, en efecto, declara a independencia xusto despois da revolución rusa. Que influencia tivo o Kalevala na configuración nacional do país?
Finlandia tivo durante o século XIX unha evolución política e cultural semellante a outros moitos territorios de Europa. Primeiro dáse un nacionalismo (ou rexionalismo) cultural no que, loxicamente, ten moita importancia o Kalevala e a comunidade ideolóxica na que xorde. Baixo o Gran Ducado de Finlandia, dependente do Imperio ruso, o país vai gañando autonomía e vanse creando elites políticas e sociais que asumen o control do país cando os bolxeviques lle outorgan a independencia.
E na Finlandia de hoxe, que influencia ten esta obra? Lese nas escolas? Supera os límites estritamente literarios?
É un libro que se le no ensino. Pero non se entende. Hai moitas versións, tamén abreviadas ou adaptadas ao ensino. Todo o mundo coñece a obra aínda que a súa comprensión real sexa limitada. Si inflúe na sociedade finlandesa. Hai varios nomes de persoa que están tirados do libro, caso de Sampo ou Iouko. Tamén da obra se toman nomes de bancos ou de produtos.
E sobre a literatura. Cal é a pegada do Kalevala?
Por só dar un exemplo, a triloxía “Os Gardiáns do Sampo”, de Timo Parvela (cuxa primeira aventura foi publicada en galego por Urco). Fóra de Finlandia, a obra influíu incluso en J. R. R. Tolkien, que tomou do Kalevala o argumento da historia de Túrin Turambar, que aparece no Silmarillion e noutras obras póstumas do autor británico.
Vostede, individualmente ou xunto con Tuula Ahola, publicou varias obras do finés ao galego. Dá a sensación de que con independencia da súa calidade, a literatura finlandesa goza de maior respecto do público que en Galicia ou España.
O que ocorre é que en Finlandia as condicións climáticas obrigan a ficar na casa moitos meses ao ano. E que se fai na casa? Amais doutras cousas, ler. A lectura é unha actividade moito máis maioritaria ca entre nós e iso significa que haxa máis literatura popular. Hai autores moi famosos que escriben novela negra ou romántica. Hai bo nivel na literatura finesa? Hai de todo. Autores moi bos e outros menos. Pero en calquera caso, tanto no plano social coma no político, a lectura e a cultura en xeral son asuntos aos que se lles concede moita importancia e moitos fondos públicos. Hai apoio institucional para a difusión das letras finlandesas, páganse residencias para que escritores de fóra creen en Finlandia…
Que autores recomenda ler?
Por dar os nomes de autores accesibles nas linguas que dominamos: Arto Paasilinna (de quen por certo teremos en breve unha novidade en galego, publicada por Rinoceronte), Alexis Kivi, Mika Waltari, un dos grandes da novela histórica mundial, autor de Sinuhé, o exipcio, Sofi Oksonen e Väinö Linna, entre outros.
Finlandia é, no ámbito educativo, case un espazo mítico visto desde Galicia. Sempre se nos fala do seu sistema escolar como o máis avanzado do mundo. Que hai de fascinación e canto de realidade?
Coido que hai moito de mito, como ocorre en xeral cos países bálticos. Si é certo que a sociedade finlandesa ten no ensino unha das súas pezas máis importantes. E que innova moito. Por exemplo, agora están experimentando coa eliminación das materias e coa non obrigatoriedade de aprender a escribir a man. Veremos en que dá cando poidamos facer balance, dentro de dez ou vinte anos. Arestora o que si sabemos é que o sistema escolar si consegue que a poboación si encontre máis facilmente o seu obxectivo profesional. Finlandia é un país no que os mozos marchan da casa aos 18 anos e iso marca todo o país. Pero para entender calquera éxito social temos que reparar en que é un estado rico e relativamente pouco poboado, o que favorece determinados investimentos. E con isto non quero minimizar eses progresos pero si debemos telo todo en conta para o contextualizar.
Tamén observamos que en Finlandia se viven tensións sociais cos inmigrantes, por exemplo. Ou que a ultradereita medra electoralmente.
Finlandia viviu dunha maneira conflitiva a súa incorporación á UE. O país, que viña dunha crise fonda tras a queda da URSS (o seu socio comercial preferente), tivo que adaptarse a un contexto no que se converteu (grazas á súa política migratoria) en territorio de chegada preferente para moitos inmigrantes que logo de alí dan o salto a outros países comunitarios. Este aumento de poboación estranxeira, sumado a esa crise económica, favoreceu que entre amplas capas da poboación menos formada cale a mensaxe de que a culpa de todos os males é dos estranxeiros. Isto artículase a través de determinadas siglas, como por exemplo os Verdadeiros Finlandeses, que teñen ao redor do 18% dos votos. A cuestión é que en Finlandia un partido xenófobo coma este é considerado antisistema, algo que non ocorre coas políticas de dereita extrema que aplican en Galicia ou en España partidos que están no centro do sistema. O que queda claro é que Finlandia é un país con contradicións, exposto aos mesmos conflitos da globalización do resto de Europa e cuxa resolución está por ver cara a onde os vai levar como sociedade.
Parabéns pola entrevista!! Gardada nos meus favoritos. Moi interesante e completa.
Axiña teña un momento hei buscar a versión galega do Kalevala e revisarei os nomes dos outros autores.