‘Tres en raia’, un puzzle sobre a memoria
César Lorenzo Gil.
Tres amigos: Gabriel, Guillerme e Antonio, volven reunirse anos despois de que a vida os separasen; son xa vellos e un deles está enfermo. Así empeza Tres en raia, publicada por Baía, de Xosé Manuel Martínez Oca (A Estrada, 1942), un dos grandes veteranos da narrativa galega que levaba máis dunha década sen publicar.
O lector vai atopar nesta novela unha historia clásica, convencional no argumento e nalgúns elementos da súa construción literaria, un relato realista e costumista sobre o paso do tempo e a nostalxia. Un percorrido íntimo polo profundo cambio social que viviu Galicia nos últimos setenta anos a través de figuras correntes. A cidade de Ourense é nesta novela a capital da xuventude, da inocencia, da esperanza, e a emigración ese campo de batalla cotián onde poder atopar un sentido, un destino.
Que o relato se basea na intimidade percíbese, por exemplo, en como os tres protagonistas se relacionan coas mulleres que van coñecendo. No plano sociolóxico e psicolóxico, o escritor capta con bastante rigor a mentalidade da época que representa, unha instantánea que vista cos ollos actuais até pode resultar exótica.
Tres en raia é unha novela de personaxes. Aínda que en aparencia o autor emprega un narrador en terceira persoa, a vontade é que cada un dos protagonistas conte cun estilo propio, que oscila entre a descrición, o diálogo e incluso a introspección. Ese estilo vai mudando tamén segundo o contexto de cada un dos personaxes principais (os tres homes que se reencontran de vellos), que despois de compartiren infancia e mocidade van seguir camiños moi diferentes. O mellor do libro é esa capacidade para captar as esencias, as arelas e as cicatrices de cada un deles. Martínez Oca constrúe tres experiencias moi distintas, e mediante o léxico e a sintaxe de cada un deles defíneos dun xeito maxistral. Esa diferenciación é fundamental porque serve para que o lector vai evoluíndo canda eles conforme fan anos, conforme lles vai cambiando a vida. O autor modula a distancia de cada plano e xoga coas voces narrativas, e acerta case sempre, a pesar dos cambios espazotemporais constantes, nunha montaxe por momentos frenética que precisa da implicación constante do lector.
O problema é que outros elementos da novela non conseguiron ese nivel. Hai sobreadxectivación, bastantes frases feitas e certas eivas na ordenación do texto que pexan o ritmo e frean a lectura.
Mención á parte merecen os diálogos. Aínda que en moitos casos son o lubricante que permite que funcione a engrenaxe da acción narrativa, en xeral están mal construídos, fanse redundantes, artificiosos e innecesarios. A Tres en raia sóbranlle bastantes páxinas. Todo este ruído prexudica e desloce un traballo que noutros aspectos é notable.