BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Tres meigas’ vs ‘Amigos da infancia’

Estatuas.

Xornada 2 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre María Pais e Sabela González.

Tres meigas

Sabela González.

Sabela González.

O vento cambiou de rumbo e percorreu agoireiro o corredor de pedra do castelo. O rei axeonllouse e ollou os corpos sen vida da raíña e a princesa. A pel case azul brillaba inchada e mol. A imaxe gravouse na fronte do rei con precisión, a carón da descrición das pálpebras punteadas e a escuma das fosas nasais. 

Para aliviar a súa pena, o rei mandou chamar a canto curandeiro e meiga se coñecía no reino. Intentárono con feitizos, ungüentos e terapias, mais nada parecía funcionar. Un día, chegoulle noticia de tres irmás meigas recoñecidas por ter remedio para todas as doenzas do corpo e da alma e mandounas chamar.

As meigas presentáronse axiña. O rei procurou unha estancia cómoda e un día máis tarde recibiunas para almorzar nun dos salóns do castelo. Canso de canta cousa intentara, contoulles do seu desasosego e as meigas asentiron a cada palabra, sen emitir ningunha na súa banda. Cando a historia rematou, murmuraron entre elas sons inintelixibles e retiráronse cunha reverencia. 

Á mañá seguinte, a primeira irmá baixou soa almorzar co rei e espreitouno todo o tempo sen probar bocado. Aquela mesma noite, a meiga subiu á alcoba real e probou co rei un feitizo do corazón, unha untura especial nunca empregada que curaría as fendas do seu corazón. 

A segunda mañá, a segunda irmá baixou almorzar co rei. Durante horas, a irmá papou e enguliu. Cando rematou, colleu a man do rei e levouno polos xardíns, invocando fadas a carón das flores, danzando para traer o don que sandaría a tristura do rei.

A terceira mañá, a última meiga sentou amodo, alisando a saia e preguntou polas súas irmás. O rei escusounas e lamentouse de que os seus intentos non conseguisen nada. A terceira meiga encolleu os ombreiros e, mentres mastigaba unha torrada moura, preguntoulle ao rei polo que as súas irmás fixeran.

–A primeira espreitoume e non dixo palabra. Logo á noitiña veu fretarme un ungüento no peito e cantou coma unha vaca ferida.

A meiga asentiu e o rei continuou.

–Nada do que fixo funcionou –lamentouse abaneando a cabeza–. Ao día seguinte, a outra case me baleira a despensa: almorzou mesmo polo asado e lentellas. E logo paseou comigo e contoume contos, bailou coma unha tola soprando versos que seica me amañarían a tristura.

A meiga tragou e sorriu os seus dentes macabros.

–As miñas irmás non lle amañaron o corazón, meu señor, porque vostede non ten corazón. Tampouco lle amañaron a tristura, porque vostede non ten sentimentos. E eu non lle amañarei a súa perda, porque vostede non ten nada que amañar. Agora, se me desculpa, quero ir coas miñas irmás.

O rei asentiu sen expresión e concedeulle á meiga o seu desexo. A súa cabeza inchada ficou chantada sobre a muralla nunha lanza parella á das súas irmás. No castelo, os pasos do rei resoaron no corredor baleiro e chapuzaron a carón da pía. A próxima vez precisaría máis auga.

…………………………………………………….

Amigos da infancia

María Pais.

Dos tres que eramos, un de nós tiña os ollos normais, escuros. Os outros eramos de ollos azuis. Podíase dicir que ningún era feo. Un de nós era baixo. Dous eramos fortes e musculosos. Dous de nós eramos de pais divorciados. Un de nós sufrira abusos de pequeno. Un de nós tivera unha nai que se suicidara nos noventa cando eramos adolescentes. Os tres estudamos no mesmo instituto. Os tres empezaramos a beber e saír xuntos. Dous pareciamos sempre despreocupados e queriamos divertirnos torcendo ou mordendo. Un de nós perdera a virxindade pasados os vinte anos. Dous de nós xogaramos ó fútbol. Un de nós traballaba na empresa do pai. Outro era empregado nesa mesma empresa. O terceiro aprobou as oposicións para funcionario. Algún tivera ataques de pánico. Dous tiveramos cans rexos de raza. Dous de nós fumamos en papel de aluminio. Os tres gustabamos da velocidade pero só un tivo un coche que superaba os corenta mil euros. Un casou pronto. Todos a un tempo competiamos en ser máis ca os outros. Todos bicamos unha muller que saíra con algún dos outros tres. Todos xuntos unha vez conseguimos levar unha rapaza a un portal logo dunha festa. Un de nós convenceuna. Dous de nós espímola. Un de nós díxolle que non gritara. Empurrámola os tres nun recuncho. Dous de nós sacámoslle fotos. Un de nós esqueceu ese suceso aquela mesma noite. Dous dos tres falabamos de repetilo. Un de nós intentouno pasados uns anos. Un de nós se divorciou. Un de nós cambiou de oficio. Un dos tres enganchouse ós tranquilizantes. Dous de nós levabamos os fillos ó fútbol e enfadabámonos con eles cando perdían. A calquera do tres nos encantaba comer costeletas á brasa nas churrascadas do domingo. Un de nós tivo netos antes dos cincuenta. Un de nós pegáballe a un fillo. Un de nós matou unha persoa accidentalmente. Un de nós marchou fóra da cidade e só estaba en contacto nas vacacións. Dous de nós consideramos que a nosa vida fora un fracaso. Dous de nós tivemos auto caravana. Un meteuse a axudar no banco de alimentos. Dous engordamos demasiado. Un de nós sufriu un ataque ó corazón. Un de nós quedou viúvo. Dous dos tres tivemos fillos con bos traballos. Un de nós non se falaba con eles e quedou a vivir nun piso demasiado baleiro de todo. A un morreulle un neto con vinte anos facendo barranquismo. Dous non durmiamos ben. Un de nós morreu de cancro. Un de nós foi ao enterro de outro dos tres onde chorou por vez primeira. Un de nós, con apenas sesenta anos, enfermou de parkinson. Un dos tres atopou un móbil vello con fotos dunha rapaza espida que non lembraba quen era nin cando as fixera. Un de nós cando lembraba aquela mesma rapaza confundía o sentimento que lle viña co entristecerse pola xuventude perdida.

9 thoughts on “‘Tres meigas’ vs ‘Amigos da infancia’

  1. Guau! Yin e yan, orde e caos, a Alemaña do 74 contra a ginga de Brasil. Que bo duelo.

    Tres meigas
    Conto clásico, ben ordenado e un formato case perfecto. Ata o final me parece tan perfecto que non pretende destacar sobre o resto do relato. E iso é un pouco o que me choca, o ritmo ten unha cadencia tan elegante que quizais agardaba un chimpum máis estridente. Aínda así, quen me dera a min poder escribir tan ben.

    Amigos da infancia
    Lembroume a Historias do Kronen, a Sen Piedade, a unha road movie temporal chea de desorde e mala baba. Creoume una sensación dobre. En todo momento me ía preguntando, “pero quen?” a o que respondía de inmediato cun “dá igual, segue!”. Moi orixinal. Quedáronme ganas, nun ataque de yin, de que a historia da rapaza tivese máis consecuencias na vida dos tres elementos, pero igual é esa a mensaxe, cantos deses quedaron sen pagar a conta.

    O meu voto vai para Amigos da Infancia.

    1. non entendo moito de fútbol, non sei se son Alemaña ou Brasil, pero en todo caso pareceme simpático comparar un xeito de escribir co xogo dun equipo

  2. Boas! Parabéns ás dúas, ambos relatos gustáronme, cada un no seu estilo.

    ‘Tres meigas’: a estrutura de conto clásico está moi ben conseguida e axuda a manter o ritmo. Tamén desfrutei da ambientación, e o único que penso que desentoa é a brusquidade do final, efectivo pero talvez demasiado inesperado.

    ‘Amigos da infancia’: paréceme interesante como presenta a eses amigos, con pequenos detalles, de forma aparentemente superficial pero con tanto significado. Penso que é perfecto que non teña máis recorrido o episodio da rapaza no portal; é a mellor maneira de visibilizar a impunidade en moitos destes casos, e creo que doutro xeito desentoaría co resto do texto.

    Difícil decisión, pero decántome por ‘Amigos da infancia’.

  3. Bo día¡ Alá vamos outra vez máis, boa sorte a todos¡
    Tremenda foto para relato a verdade.
    Tres meigas ten una descrición inicial moi boa, xunto con un escenario que aínda que poida soar a cliché, aquí atopa oco natural. A división en días é xeitosa. Caeume en graza canto se usan as vacas e a moiras nestas dúas xornadas. Creo que me perdo no detalle da auga. Quizais non lle collín todas as pezas? Aínda así, simple e ben escrito. Penso que dá bo resultado.
    Amigos da infancia. O primeiro que me chamou a atención foi a parrafeada. Lograr esa corrente de pensamento debe ser fodido, así que o autor ou autora tirou para adiante e penso que lle da o complemento perfecto ao ángulo de vista. Construír o texto a todos os niveis sobre o trío semelloume moi orixinal, aínda que quizais se podería dividir o parágrafo gañar outro nivel de referencia? No teño nin idea, pero é unha forma moi sutil de mostrar mestría e orixinalidade. Meus parabéns. É un xogo interesante intentar identificar os perfís individuais en toda esa maraña.
    Sempre teño o dilema de como xulgar o apoio na imaxe, e penso que neste caso quizais se podía achegar máis á imaxe. Quizais hai unha relación entre os tres amigos e as faces das estatuas da imaxe. Perdón se non a pesquei. De todas formas, é unha pasada de relato e o formato fíxoseme novidoso.
    Aínda así, penso que, por enriba da calidade técnica, vou premiar á inspiración directa e o meu voto vai para Tres meigas.

  4. Pois si, é ben curioso como na anterior xornada e nesta apareceron por vías distintas as 3 moiras, en forma de vaca ou en forma de meiga hahaha. Unha imaxe creo que moi boa, deu para dous relatos ben distintos porque ten dentro máis un tropo que non unha situación e iso deixa máis manga para quen escribe.

    “Tres meigas”: Vendo os outros comentarios penso que todas concordamos no punto forte deste relato. Busca nos contos tradicionais os seus recursos e sabe transpoñelos con intelixencia. Hai un ar de mímese alonxada nesas figuras que son ideas máis que personaxes “o rei”, “a princesa”, “a bruxa”, que a min me recorda moito ás Mil e unha noites. O sistema das probas, a estrutura marcada polos días, ata o final que pivota nun xiro lingüístico. O problema que teño co conto é que non deixa unha pegada persoal clara en ningunha das súas partes, esta ben logrado o collage de referencias pero falta a inspiración propia; xa sexa na mitoloxía alegórica do ambiente, xa sexa nunha estrutura onde de súpeto hai un elemento discordante, xa nun final que xoga coas nosas expectativas de moralina clásica, que era o que pedía Fran. O conto ao final resulta correcto pero non acaba de namorar porque non se atreve a ser máis el mesmo.

    “Amigos da infancia”: Uf, vaia pedazo de relato, deixoume tremendo, lino hai uns días e aínda ando remoendo nel. A min a interpretación menos literal da imaxe paréceme moi atractiva, e dalgún xeito a mira a imaxe despois de ler resignifica o conto dunha maneira inquietante. O recurso formal pareceume arriscado pero resolto con moita solvencia. A idea da narración en primeira persoa do plural chamoume moito a atención na novela curta que Eva Moreda publicou por entregas aquí en Biosbardia, “Rapazas de polar”, e acho que é un recurso pouco explorado e con moitas posibilidades. Neste conto en concreto ademais permite facer de maneira recursiva esa repetición en anáfora. A diferenza do que comentei no conto de “Montaxe na arranxa se todo non” onde dicía que o truco formal esmagaba a historia, aquí fondo e forma van da man para elevarse mutuamente. A frase curta e o “nós” reforzan a idea relación nociva pero fortísima entre as personaxes, serve para xestionar a información revelada de xeito sutil e dalgún xeito reforza a imaxe climática na parte máis terrible do conto, das moitas caras que no fondo son unha. Moi moi ben. Hai moitos detalliños que me gustan do conto, entre eles a capacidade de saber cal é o seu punto máis duro sen necesitar destacalo e nin ser efectista con el, pero tamén moitas outras pequenas relacións mentais que vai facendo o cerebro que insconscientemente intenta buscar aos individuos agochados tras da máscara.
    Non teño nada a criticar do conto, moitos parabéns a autora, o meu favorito polo de agora na liga.

    Voto por “Amigos da infancia”:

    1. graaazas a todos polas valoracións, anímanme a seguir escribindo. xa me gustaría a min ter a capacidade para analizar e pillar as claves como ten Guillermo. prometo estudar para mellorar os argumentos dos meus votos . Non lin o libro de Eva Moreda Rapazas do Polar (lin hai pouco un que me enccantou dela que é Para a toda a vida) pero no uso da primeira persoa do plural si que lin “El Club de lectura de Jane Austen” 3> (r) e sempre me gustou o vínculo que crea co lector. Amais diso o formato de describir a varias persoas nun fragmento cun posible narrador plrual pilleino dun libro que se titula Virgen de April Lawson, a idea leveina ó terreo quq quería que era o de remarcar que os tres aínda que diferentes levan a mesma careta de diaños. Ou que son o mesmo diaño con tres caretas humanas. E logo tamén me interesaba o que xa comentou Frncisco Ja e Ana Vigo. Como unha “manada” pode convivir cun feito noxento e non ter mala conciencia ata facerse vellos.

      1. Grazas a ti polo conto María, moito me gustou. Eu tamén estiven lendo estas semanas o de Para toda a vida, ten moito interese as cousas que fai tamén a nivel de moldear a lingua Eva Moreda, para aprender tamén como escritores hahaha.

  5. Este comentario é de Érica Couto, que non puido deixalo pola vía convencional. Desculpade as molestias.

    Neste duelo, as dúas autoras usaron con proveito as suxerencias monstruosas da imaxe e propuxeron dous contos que, se ben son moi diferentes, coinciden en dramatismo. Parabéns, gocei moito dos dous textos!

    Tres meigas: sinto debilidade polos contos populares, as lendas e os mitos, e este ten todos os elementos que me gustan. Por amolar un pouco, diría que ese primeiro parágrafo se excede no uso da estructura suxeito-verbo-obxecto (se fosen tres oracións en vez de catro, ese patrón funcionaría moito mellor, paréceme a min). Se cadra tamén evitaría a reiteración de términos, como sucede con “probar” no cuarto parágrafo: “espreitouno todo o tempo sen probar bocado” e case a continuación “probou co rei un feitizo do corazón”. Isto, claro está, é cuestión de gustos.

    Amigos da infancia: este conto funciona marabillosamente ben. Nun espacio moi reducido, condensa a vida enteira de tres amigos cun pasado bastante turbio. Tres monstros con carauta, abofé que si. Tamén é un dos meus favoritos do que vai de liga.

    Voto por Amigos de infancia.

  6. Tres meigas e sorprendente pola súa crudeza e forza, polo que aínda sendo un relato fantastico sentese moi real.

    Amigos da infancia, a tecnica de narración ta mui ben levada,pero por momentos a historia descolocabame

    O meu voto vai pra Tres Meigas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *