‘Ulla, Ulloa, ulloáns’, unha ollada sentimental sobre o territorio

Héitor Mera.
Hai realidades, experiencias, que nos levan á poesía, á creación, á necesidade íntima e explosiva de escribir. Dicía o egrexio escritor muxián X. H. Rivadulla Corcón que se nota cando un autor sente esa necesidade tan radical. Hai, polo tanto, por que non dicilo, textos de compromiso e textos necesarios. Estes últimos son os que sacan o mellor do autor e os que clarifican e dignifican a súa obra; os que nos axudan aos lectores a entendelos, se cadra, un pouco mellor.
Este Ulla, Ulloa, ulloáns sitúoo, e permítaseme o atrevemento, no segundo tipo. O da necesidade persoal, íntima e volcánica de botar fóra a experiencia. Máis no caso de García Vaquero esa necesidade vén por dobre vertente. Por un lado, a experiencia vital, a convivencia, a lembranza, a morriña do exiliado, a recomposición do vivido; por outro lado, a indignación política e social: ALTRI. Coido que agora se entende mellor a teoría miña da necesidade das escrita. Neste autor nótase ben. E beneficia o texto.
O poemario está estruturado en dezasete poemas. Dezasete poemas ou subtemas que están vencellados polo referente evidente da riqueza poliédrica que nos ofrece a comarca da Ulloa. Riqueza paisaxística —presentísima— riqueza cultural, riqueza no asociacionismo irredento e constante… Canto calidoscópico para unha homenaxe a toda a traxectoria e idiosincrasia dun pobo.
Formalmente o poemario é vistoso. Acompañado de cada poema hai outra versión en disposición figurativa que nos fai visualizar a cerna do poema en cuestión. Sexa unha flor, unha ave ou o que sexa, o texto versal transfórmase en debuxo para dar un salto distinto na representación poética posible insistindo ao tempo nunha idea e reivindicación.
Se o que sente cada un de nós é prístino e sincero, expoñelo poeticamente é máis complicado. No caso de García Vaquero o desafío é satisfactorio. A plasmación poética é axeitada, variada e competente. Atrápanos, solidarízanos e fainos parte emocional dun proxecto que é a valorización dun lugar, unha paisaxe, unha historia e un pobo orgullosos.
Por todo isto e por máis cousas que se puidesen diseccionar de Ulla, Ulloa, ulloáns, benzoar a Medulia Editorial por amosar solidamente un criterio editorial moi acaído para a súa colección de poesía. Autores e poemarios coma este só fan reafirmarme en tal impresión.
♦ Ulla, Ulloa, ulloáns, de Marcos García Vaquero, Medulia, 2025. 74 páxinas. ♠14,90€






