Un ‘Bloomsday’ en galego
Clásicos en galego

Marcos Taracido.
Cada 16 de xuño Dublín celebra o Bloomsday para comemorar a data na que transcorre o Ulises, de James Joyce. Hai até tres obras que se poden ler do escritor irlandés de expresión inglesa en galego.
São os autores que fazem as literaturas nacionais,
mas são os tradutores que fazem a literatura universal.
José Saramago
«Nesta obra únense aquilo espiritualmente ofensivo e o físicamente impuro. […] A Inquisición só pode exixir a súa destrución ou, polo menos, a súa retirada dos fogares católicos.
»[…] En canto á tan eloxiada nova experimentación nas formas literarias, dubidamos de que a xeración actual vaia adoptalas escribindo, por exemplo, corenta e dúas páxinas sen unha maiúscula nin un punto, ou renunciando a toda secuencia razoada do pensamento e botando sobre o papel o lóstrego e o fluxo de toda suxestión discorde, frívola, alusiva ou tola, sen gramática e xeralmente sen sentido.
»Por suposto, cando a alusión pode entenderse e a linguaxe é contida, o efecto pode ser rechamante e mesmo fermoso; porén, que poucas pasaxes deste tipo poden entretecerse nesa lúgubre marea enchoupada de lama».
Iste é un extracto do texto co que Shane Leslie[1] recibiu na Dublin Review, en setembro de 1922, a publicación do Ulises de James Joyce, que saíra do prelo en febreiro, após varios anos de rexeitamentos editoriais. A diatriba non foi excepcional e do libro puidéronse ler descualificacións como herético, pornográfico; unha enxurrada diarreica de palabras, un peido xigante… E as reprobacións e menosprezos non viñeron só dun mundo cultural tradicional e conservador, senón de figuras da vangarda do momento como Virginia Woolf que escribiu:
«Eu… estiven entretida, estimulada, engaiolada, interesada polos primeiros dous ou tres capítulos […] e despois desconcertada, aburrida, irritada e desilusionada como perante un universitario noxento que esgaravellase nos seus grans. […] Paréceme un libro inculto, ordinario: o libro dun obreiro autodidacta, e todos sabemos o penosos que son, que egocéntricos, insistentes, crus, rechamantes e, finalmente, nauseabundos».
Tamén houbo outros, como Ezra Pound, George Eliot, Ernest Hemingway ou H. G. Wells, que gabaron e apoiaron o autor fronte ás críticas e a censura. O certo é que após más de cen anos as críticas e as condenas polo contido sexual ou as heterodoxias relixiosas ou morais perderon o sentido; porén, a proposta narrativa que Joyce plasma no Ulises segue a ser un reto para calquera persoa que nos días de hoxe afronte a súa lectura.
A trama é difusa, case unha escusa para soster a armazón do libro e coa súa exposición non se desvela ren que poida estragar a experiencia da lectura; collo emprestada esta breve e precisa sinopse de Gonzalo Torné que mellora calquera intento de compendio que eu puidese facer:
«Ulises conta un día na vida de Leopold Bloom, obrigado a saír de casa aínda sabendo de que a súa esposa, Molly, planea verse co seu amante. Só e desarraigado, Bloom percorre as rúas de Dublín, sensíbel e atento a todo o que acontece arredor, repasando a súa vida, as súas ilusións e a Rudy, o seu fillo morto, sen saber que nese mesmo momento Stephen Dedalus, repudiado pola súa familia, pasea polas mesmas rúas, dando conferencias, tan orgulloso como nostálxico. Ningún dos dous, trasuntos ambos do escritor, intúe que o destino lles prepara un encontro, á volta do abrente, que redimensionará as súas respectivas soidades e os impulsará a novas esperanzas».
Subxace no fondo desta síntese (tan no fondo que é irrecoñecíbel para un lector non avisado) a Odisea homérica, cun paralelismo entre Bloom e Odiseo, Dedalus e Telémaco e Molly e Penélope. Mais o cerne da novela é a linguaxe, o xogo constante coa tradición literaria, a historia, a política, a relixión, o sexo, a sociedade dublinesa, con parodias e mofas dos sermóns eclesiásticos, o teatro, os discursos senatoriais, epifanías, remedos musicais… O groseiro, o sublime, o fútil e o profundo, e todo guiado polo uso non inaugural, mais si maduro e certeiro do monólogo interior que lle permite ao protonarrador entrar e saír da realidade coma un río subterráneo que intermitentemente abrolla á superficie.

Tamén é unha novela sobre Dublin e sobre Irlanda, coma toda a obra de Joyce, quen, no entanto, deixara o país no 1904, con 22 anos No 1912 fixo a súa derradeira visita e viviu outros vinte e oito anos no “exilio”. Amaba e odiaba con paixón o escenario de todas as súas obras. Porque Joyce era profundamente contraditorio. Tamén amaba a Nora, a quen desde o primeiro momento engana con outras mulleres; era encantador cos seus amigos, e tamén tiránico, arrogante, envaidecido e irrespectuoso. Incapaz de levar unha existencia regrada e de manter un traballo estábel, el, Nora e mais os fillos levan unha vida case sempre precaria, mudando de casa e de cidade (Trieste, Zurich, París…), a traballar en empregos que despreza, a pedirlles diñeiro a amigos ou familiares que despois gasta en bebida ou en proxectos absurdos, a escribir sen descanso e ser rexeitado polas editoriais unha e outra volta, case sempre porque as súas obras eran incomprendidas ou acusadas de obscenidade e inmoralidade. Resulta curioso que este produto (egocéntrico, machista, irresponsábel) dunha sociedade profundamente patriarcal vaia ser salvado literaria e economicamente por catro mulleres:
Harriet Shaw Weaber, editora, cuáquera e feminista, lanza a carreira literaria de Joyce cando publica Retrato do artista cando novo[2], axuda economicamente a familia e será a súa testamenteira literaria.
Edith Rockefeller McCormick, multimillonaria norteamericana, forneceu o escritor irlandés durante máis dun ano cunha paga mensual de 1.000 francos que o converteu transitoriamente nun home rico; polo que parece o mecenado rematou cando Joyce rexeitou ser psicanalizado por outro dos protexidos de McCormick: Ernest Jung.
Margaret Anderson, cando o Ulises era rexeitado por todas as editoriais, publicouno por entregas na súa gaceta Little Review; denunciaron a revista pola publicación dunha novela inmoral, múltana e cesa a edición.
Entón é Silvia Beach, propietaria da libraría parisiense Shakespeare & Co, a que publica no 1922 o Ulises.
Nas súas últimas dúas décadas de vida, Joyce escribe e reescribe Finnegans Wake; algunhas partes van aparecendo en revistas, máis non publica o texto completo até o 1939. A mala saúde foino debilitando e acougando o seu carácter. Foi ficando cego aos poucos e vive anguriado polos problemas mentais da súa filla Lucia. No 1940 voltan a Zürich fuxindo da ocupación nazi en Paris. Morre tras unha operación de úlcera de duodeno; Nora négase a un enterro católico e no seu lugar un tenor canta o Addio terra, addio cielo do Orfeo, de Monteverdi.
O primeiro fragmento do Ulises que se traduciu na península Ibérica (segundo en Europa e Latinoamérica) foi para o galego, e tivo a Ramón Otero Pedrayo como tradutor. A versión publicouse no 1926 na revista Nós[3], precedida nos meses anteriores por varios artigos de Vicente Risco sobre a literatura irlandesa en xeral e Joyce en particular[4]. Os fragmentos traducidos pertencen aos capítulos XII (Cyclops) e XVII (Ithaca), que resultan especialmente complicados, e o labor de Otero Pedrayo pódese considerar digno, tomando en conta o nivel de normalización do galego nesas datas e ausencia nesas datas de aparato crítico e hermenéutico sobre a novela. Os artigos de Risco e a tradución de Otero son unha proba da forza da intelectualidade e da lingua galega concretada na revista Nós, que se situaba ao nivel da vangarda europea.
A tradución que nos ocupa saíu do prelo no 2013, após once anos —interrompidos— de traballo[5]. Foi Víctor Freixanes, daquela director da editorial Galaxia, o que lle encargou a Xavier Queipo a tradución do Ulises; este pediulle axuda de Antón Vialle e posteriormente sumouse Eva Almazán, e cando esta tivo que deixar o proxecto entrou, xa na fase final, María Alonso Seisdedos. Extracto a seguir a parte da entrevista[6] que lle fixo César Lorenzo Gil na que fala desta tradución:
«A verdade é que Dublineses é unha xoia, é un libro que gocei… e vou falar de Dublineses antes que o outro maldito porque teño moitos mellores recordos de Dublineses, paréceme unha xoia, eu gocei moitísimo traducindo Dublineses porque é unha linguaxe viva a que hai aí que me gustou moito traducir porque é deses libros dificilísimos de traducir se o queres traducir ben. O do Ulises foi unha historia máis complicada […]. Era un exceso de traballo porque traducir o Ulises… é unha obra onde cada palabra, cada frase é unha trampa; e moito respecto para Otero Pedrayo que traduciu unhas páxinas do libro cando aínda non se fixera ningunha tradución del nin había manuais onde explican absolutamente todo, e estaba aí Antón Vialle que como intérprete que é sabía o que dicía en cada punto e en cada coma, entón era un ir e vir constante de Bruxelas para Galiza do texto, e de revisións, de contrarrevisións, de volver ver, de atar, de coser un libro feito a catro mans… É que había medidas, había nomes de rúas, había tantos detalles que ao traducir cada un traducira á súa maneira; e logo as postas en común, todos metían man aí e logo había que coser iso todo e hai moitas frases que se repiten ao longo do libro que tiñas que ir buscando para que en cada sitio quedasen iguais… Foi un labor terrorífico. […] Non puidemos pór notas[7] co cal estivemos ata o último momento discutindo xogos de palabras, e xa estaba o pobre Soutullo… Tiñámolo mareado porque era quen revisaba o libro e non faciamos máis que dicirlle “esto de aquí cámbiao”. […] Un ano antes de que se publicase foi cando entrei eu, e o Ulises xa estaba traducido, o que había que facer era coselo. Tocoume facer ese labor de revisión, había cousas que xa estaban revisadas, outras máis avanzadas, capítulos que estaban aínda moi verdes, pero estaba todo traducido xa».

Ende ben, o esforzo foi recompensado, en parte, co premio Premio Nacional á Mellor Tradución de España en 2014. Para alén diso, comeza Seisdedos falando da súa tradución de Dublineses (Galaxia, 1922), gavando o libro de Joyce. Efectivamente, a lectura dos relatos de Dublineses é fluída e gozosa, moi afastado do reto intelectual e lúdico que supón o Ulises. E coido que lelo en galego, no galego de Seisdedos, achéganos aínda máis ao ambiente e ás historias de velorios, diálogos da rúa, seráns festivos, ofensas familiares ou esmorgas, tan preto de nós en tantos sentidos.
A novela tivo unha adaptación cinematográfica no 1967, dirixida por Joseph Strick e nominada ao Oscar na categoría de guión adaptado, inexplicabelmente, engado. É unha mala película? É unha película frustrada, xa desde a concepción, pois o Ulises é inadaptábel, e os intentos de Strick de traspor os xogos da linguaxe joyceanos á linguaxe cinematográfica resultan… Non resultan. Se cadra o máis acertado (o máis doado?) é a lectura do monólogo final de Molly Bloom mentres se amosan escenas alusivas mesturadas con outras pasaxes da novela.
E chegamos á proposta de publicación. Fican sen traducir un par de libros de poesía e a obra de teatro Exiles; sen desmerecelos, calquera cousa de Joyce é interesante, o seu sería enfrontar Finnegans Wake, máis de seiscentas páxinas de endiañados xogos de palabras e galimatías que provocaron que a súa incondicional Harriet Shaw Weaver lle escribise a Joyce: «Non me importa moito a produción da túa Fábrica Grosista Garantizada de Chistes, nin tampouco as escuridades e inintelixibilidades do teu sistema lingüístico intencionadamente embrollado. Paréceme que estás a malgastar o teu xenio». A miña fina intuición dime que Seisdedos vai rexeitar o reto, mais de certo hai outras tradutoras afoutas e cumpridamente capacitadas para emprender a tarefa. A lingua galega meréceo.
[1]Shane Lelie, Life Works Criticism Commentary Quotations References notes [http://www.ricorso.net/rx/az-data/authors/l/Leslie_S/life.htm#Ulysses]
[2]Novela semiautobiográfica protagonizada polo seu álter ego Stephen Dedalus e na que xa introduce a técnica do monólogo interior. Hai tradución galega de Vicente Araguas (Laiovento, 1994).
[3]Ulysses (Anacos da soadisema novela de James Joyce. Postos en galego do texto inglés por Ramón Otero Pedrayo). Revista Nós, Ano VIII (agosto de 1926), n. 32 ; p. 3-11 #
[4]“Da renacencia céltiga: a moderna literatura irlandesa”, revista Nós, ano VIII (febreiro de 1926), nº 26 p. 5-9 #, e nº 27 e 28.
[5]“Psicopatoloxía dun soño. Traducir o Ulises de Joyce”, Antón Vialle, María A. Seisdedos, Xavier Queipo, Eva Almazán, Grial, 203. As autoras da tradución explican todo o proceso desde a encomenda do traballo até a súa finalización.
[6]Conversas Biosbardia. Os oficios do libro, maio de 2025 #
[7]Unha mágoa –comprensíbel talvez pola extensión do texto– pois unha edición crítica enriquecería e facilitaría a lectura do texto.







«Seisdedos vai rexeitar o reto»
Non convén tentar o demo. 😄
16 de xuño de 2026 Feliz Bloomsday satánico!
A miña fina intuición estaría encantada de trabucarse.
Bo artigo. Sempre interesante falar de Joyce e da súa recepción.
Bom dia. Nom parece justificada (nem justificável), nom sendo por desconhecimento, a omissom da existência de uma traduçom parcial para o galego do Finnegans Wake, feita por Alberte Pagán (juntamente com outras publicaçons sobre Joyce e o FW que também nom comparecem no artigo).
Grazas pola achega. Xustificado está polo feito de que nunha procura na base de datos ISBN de traducións de libros de James Joyce ao galego non aparece “A voz do Trevón. Unha aproximación a Finnegans Wake” (que se pode ler aquí: https://albertepagan.eu/literatura/a-voz-do-trevon/ ) que, como dis, é unha tradución parcial; e porque o artigo é de divulgación, e non pretende ser un estudo exhaustivo senón unha invitación informal a lectura de clásicos en galego. Un saúdo.
Obrigado a ti pola resposta. Perdoa a virulência inicial do meu comentário, de que me desculpo e que vou tratar de explicar. Parecia-me, lendo o passo que fecha o texto, que a interpretaçom lógica é que, de facto, nunca ninguém tentou traduzir o FW ao galego:
“o seu sería enfrontar Finnegans Wake, máis de seiscentas páxinas de endiañados xogos de palabras […]. A miña fina intuición dime que Seisdedos vai rexeitar o reto, mais de certo hai outras tradutoras afoutas e cumpridamente capacitadas para emprender a tarefa. A lingua galega meréceo.”
E parecia-me, também, que a questom nom tinha tanto a ver com ISBNs como com… NHs. Em todo o caso, acho que é importante lembrar essa traduçom por vários motivos (fora da fortuna de podermos aceder a ela e gozar das suas escolhas e do mérito do tradutor). Primeiro, porque a inexistência do ISBN dessa traduçom está diretamente ligada a um problema bem conhecido da joycística, digamos, contemporânea: as idas e vidas de quem até nom tanto foi o último herdeiro dos direitos do livro. E, segundo, porque na fraca tradiçom intelectual-estética galega contemporánea, convem nom esquecer esforços como os de Pagán, pois seria equivalente a esquecermos as tentativas de Otero com Ulysses. Nom somos tam ricos como para desbaldí-los!. Un saúdo.
A tradución dos dous capítulos de Pagán está tan agochada que a revista que os publicou en 2006 ofrece os números a partir do 2007 🙁
Tes razón na importancia que ten esa achega de Pagán, mais entende que esa proposta final dos meus artigos é iso, un apuntamento, unha invitación breve que non pretende afondar, senón ser un colofón ao resto. Grazas de novo.
Penso que ninguén se atreverá a traducir (en toda a súa extensión) Finnegans Wake ao galego. Pagán estivo tentado, mais antes del foron outros que tamén pensaron en traducir ese texto (novela?) joyceana. (Véxase o número 26 de Grial (file:///C:/Users/xesus/Downloads/num-26-1969.pdf): «Impresións encol de “Finnegans Wake”, de James Joyce», de Leopoldo R. L. Rodríguez (unha desas promesas que de cando en vez se dan na nosa literatura e ao cabe de pouco tempo desaparecen e nunca máis se sabe -ben, traduciu algún conto infantil ao noso idioma anos despois, pero máis nada. Por outra banda, non os podemos queixar das traducións de Joyce: o Ulises, dúas versións de Dublineses, dúas versións de Giacomo Joyce, Música de cámara… escritos como “James Joyce ou a loita pola comunicación total”, de García-Sabell, e algúns mais. Joyce foi unha elección donacionalismo galego, elección que nunca abandonou. A min, amante das ucronías, gustaríame saber que sería da nosa literatura (e mesmo da nosa política) se no canto de decidirse por Joyce os homes de Nós se decidisen, por exemplo, por D. H. Lawrence,ou por V. Woolf. Para acabarmos, como é o ano oteriano, aí vai un escrito seu, tamén “precursor”, polo tema que trata, na Península Ibérica. Como o exemplar de El Pueblo Gallego en que apareceu non está colgado en Galiciana (falta o exemplar), penso que debe coñecelo máis xente. Reprodúzoo sen corrixir erros de impresión (Otero escribía a man e así enviaba os seus textos aos xornais: difícil era entender a súa letra, de aí a cantidade de erros que aparecen).
A SIVIA PLURABELA (sic)
O enorme, ledo, vivente, iróneco, malencólico, creador, mundo céltigo, grandeza das rocas, lediza das fontes, vivir das carballeiras, ironía do cuco, malenconía da xesteiras baixo o vento, criazón de cada noite no mar, sigue batendo ca sua fresqueira chuvia na enxoiteza presumida das letras de oucidente. . Il, o céltigo, o verdadeiro oucidente. Sempre d’acabalo sobre o océano, como as fadas sobre as sebes pedregullantes das illas Arán. E logo, e mais que nada [,] a capacidade mitolóxica. Quero dicir a dramáteca persoalizaceón das cousas. Cando algún grande celta faga filosofía -ainda non tiveron tempo, millor pra eles, son mais novos-. Gran intelixenza, será visible como unha fina dama esguía, r ayolante e os camiños da Entuiceón afondarán nas montanas como afondan as fouces dos ríos.
Os celtas aman a yaugua. A orixinaria, esférica, do mar, as chuvias femeninas, sedentarias, que soñan con engayolar n’un vivir repousado o mozo vento atolado i-errante com’os bardos, e os ríos. O río, camiño, orgaismo, zume, cantar, invitaceón ó río ligua (sic). Endexamais perden os celtas a relaceón ca orixinalidade do universo, n’utras (sic) razas gastado pol’a técnica, pol’a Interpreitaceáon… I-abranguendo a orixinalidade do seu universo céltigo, James Foyce (sic), o autor do Ulysses [,] traballa agora, fai anos, outra obra co método cósmico do Atránteco traballando a feitura d’un promontorio da lingua arrodeado cada día do seu deveñir un pouco mais preto do misteiro.
E asegún se di un libro d’ ispiraceón fluvial. Isto dí pouco. Figura retórica sendo cosmoloxía. Algo semellante ó vasto proieuto de Dostoiewsky -un soilo persoaxe central: Deus- ou, ó mais modesto de Balzac -o corpo social no tempo pacente, heroico, trunfante-. A pesares dos disgustos localistas, o cerebro de James Foyce (sic) debe ter a forma d’unha Irlanda verdecente de ideias e no seu curazón resoan todal’as horas co badelar das campanas de Dublín.
A obra deica hoxe somentes botou unha ponla: Ana Livia Plurabela. E o río Liffey, o río de Dublín. Duas lavandeiras cóntanse a lenda e a hestoria de Ana Livia. O río vaise faguendo meirande conforme corre a obra. Xa, o cair da noite [,] as lavandeiras se non miran unha a outra, e suas palabras non fan conversa. Unha vóltase pedra, a outra vóltase auga. O linguaxe é o río, atrelevado, tranquío, remansado, bruante, coor de luar, de sol, de vento, de estrelas, como a língua do pobo. Pois igual que no Ulysses a língua é o grande persoaxe, endexamais rematado como nos beizos do pobo.
O inglês na prosa de Foyce (sic) xa non é inglês, sinón céltigo mariño, infindo, orixinario, ca invenceón verbal do neno, do labrego, do mariñeiro. Pra quen teña fe na decadenza da Europa hai que lle recomendar unha meditaceón arredor d’ista mocidade do esprito celta, e pros que pensan no porvir da cultura galega hai un xurdio optimismo na vidalidade da grande família étnica, a nosa, ben baptizada na onda sempre leda e nova.
Ramón Otero Pedrayo
El Pueblo Gallego, 2 de maio de 1931.
Definir o inglés de Joyce como «céltigo mariño» é unha ocorrencia brillante. Grazas pola achega.
ai”, coas presas esquecoinme da tradución de Retratro do artista cando novo, citado por Marcos