BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Un conto siciliano e outras historias’, estilo que funciona

Eva Moreda.

Estro Montaña.

Quedei a pensar despois de rematar a lectura de Un conto siciliano e outras historias (Xerais, 2019) que non é difícil imaxinar esta colección de relatos de Estro Montaña, ou polo menos algúns deles, como un prototipo do que podería ser unha suposta colección de narrativa comercial-literaria en galego, como as que existen –e de feito dominan o mercado– noutras literaturas máis grandes. Quero dicir aquí narrativa que se desenvolve en ambientes e situacións recoñecibles, que non necesariamente intenta innovar, que non lle pon as cousas especialmente difíciles ao lectorado, pero que algo máis de ambición literaria si que ten que Dan Brown, Pérez Reverte e similares. E digo “algúns deles” (algún destes relatos) porque outros, infelizmente, semelloume que deixan ver unha certa présa por completar o conxunto.

Os relatos, coa posible excepción dos dous últimos, teñen en común estar ambientados en ambientes de criminalidade ou, en todo caso, á marxe do legal. Estes son ambientes que o lector coñecerá en boa parte a través doutras obras literarias, do cinema e da televisión, e dos informativos (Sicilia mafiosa, narcotráfico galego, agora moi de moda por razón xa coñecida). Coido que Montaña é ben consciente disto, e a súa moi válida decisión creativa non é intentar ser orixinal e deixar de lado os tópicos ou subvertelos, senón poñer estes tópicos da súa parte e facer que soporten en boa medida o desenvolvemento do relato. Como o lector xa coñece os tipos e os ambientes que se presentan, o autor aforra dedicar páxinas e páxinas á descrición; evita de paso tamén caer no requintamento (o cal, visto o panorama da narrativa galega actual, xa se pode considerar un triunfo de por si) e preséntanos un estilo sen grandes alegrías pero plenamente funcional. Así fai Montaña en “Un conto siciliano” e “Atracción fatal”, dous dos relatos que me pareceron máis conseguidos; en “Fragmento das memorias de Paolo Maraini”, ao meu ver o mellor da colección, hai isto mesmo e tamén un algo máis de ambición literaria, cun aquel de surrealismo ou distanciamento light que tamén atopamos en “Os mestres xaponeses” (un dos dous relatos que, como dicía antes, se aparta da ambientación dos outros relatos do conxunto: non sei se sería mellor ter deixado estes dous para outra colección).

Menos seguro me pareceu Montaña nos formatos máis breves (menos de tres, catro páxinas). Estes relatos –“A reunión”, “Xogo sucio”, “O bipolar de Coia”– teñen en común unha exposición relativamente longa na que novamente se van presentando personaxes e situacións tipo; esta exposición vese saldada cun final brusco e supostamente sorprendente ou mesmo cómico: dáse unha certa descompensación e a impresión que se pode levar é que o autor o que quería era rematar o relato e, se cadra, a colección canto antes. Estes relatos tampouco están, porén, faltos de virtudes: sobre todo en “O esmoleiro”, a exposición de ambientes é o suficientemente atractiva, o suficientemente hábil, para que a impresión final que dá o conxunto sexa, en xeral, positiva.

♦ Un conto siciliano e outras historias, de Estro Montaña, Xerais, 2019. 160 páxinas. ♠17€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *