‘Un duelo’ vs ‘Cochitos’
Xornada 6 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Érica Couto e Anxo Vacca.
Un duelo
Érica Couto.
Si, señor guardia, agora lle digo como foi a cousa.
Viñemos á festa do patrón para falar da voda, non sabe? En tres semanas tiñamos o casamento Martiño e mais eu. Todo estaba pronto, a viaxe, os traxes, encargaramos os petiscos para agasallar os vecinos antes de irmos á igrexa, pero quedaba decidir quen pagaba o banquete… cousas de familia que teñen arranxo, se se saben falar ben.
Convidamos os sogros (xusto, Angustias e Romualdo, aí ten os nomes) e tamén veu o meu pai. Mentres lles tomabamos uns viños e unhas augas no chiringo de Totó, Romualdo sacou tema. «E logo, Benito?», dixo, «seica che toca pagar o convite». E o meu pai, que desde que é viúvo non cala, respondeulle clariño: «Non, home, non. Paga quen organiza a festa». Porque, señor guardia, pola nosa parte tiñamos vint’a’cinco convidados, que vimos de familia pequena, pero pola parte de Martiño son un feixe, máis de oitenta confirmados e subindo. E o Romualdo: «sempre pagou o pai da noiva». E o meu pai: «será na túa casa. Se queres, que cada un pague os seus». E un que se acendía, e o outro que non baixaba da burra, e a Angustias que lle tiraba do brazo ó home. «Cala, Romualdo» e «Imos para a casa, Romualdo» e «Romualdo, ten razón, que cada un pague os seus», e o meu sogro que botaba lume e bebía tazas para ver se o daba apagado.
«Pois temos que saír con isto arranxado», sentenciou o sogro. «Imos nos coches de choque. Tres viaxes. Quen máis bata no outro, paga a voda». E o Martiño é home calado, pero aí falou como se debe. «Ti toleaches, papá. Imos todos para a casa e xa falamos outro día».
Señor guardia, que quere que lle diga? Alá foron os dous vellos dereitos á pista. Compraron unha manchea de fichas e puxéronse a correr un detrás doutro nos cochitos. O certo é que o meu pai bateu nel canto quixo. Ten bo pulso, para algo foi ferreiro toda a vida. Colleuno tan ben polo lado que o meu sogro acabou tirado na pista coma un trapo. Xuntouse xente toda de roda, e uns rían, e outros tiraban fotos. E Angustias, pobre muller, tamén foi alá a ver se daba sacado o home da liorta, e mentres turraba do Romualdo por un brazo, o meu pai foi directo contra ela e zapateouna no medio. Máis non lle sei contar, porque, coa vergonza, marchei tan rápido como me deron as pernas.
Non lle diga que me atoparon, eh? Que me di? Facemos un trato?
…………………………………………………
Cochitos
Anxo Vacca.
–Collede o abrigho!
–Xa levamos, buela —dígolle abrindo a porta e despedíndome.
Lucíiña sae despedíndose tamén da miña avoa facendo un xesto lindo coa man.
Entre unha cousa e mais a outra pasamos toda a mañá na casa pero fóra vai un día marabilloso de comezos de agosto onde mesmo chega a brisa mariña ata aquí.
Desfrutamos diso un momento e xa imos baixando cara á fonte e Lucía, como adoita dende que chegou á vila, ségueo analizando coa mirada entornando as montañas ó lonxe ou reparando nas pedras dos valados, como collendo referencias visuais.
–Ghústache a paisaxe?
Ela queda calada un segundo seguindo mirando lonxe.
–Gusta —responde alegremente, asentindo enerxicamente coa cabeza.
—Hox ques tomalo de relax ou apetéceche faser algho en especial?
–Como queiras —di sen parecer moi interesada, coa mirada cravada no rueiro de tío Manolo.
–Ben, supoño que sendo o Carme poderiamos aproveitar, apetéseche ir ós cochitos? Que onte non fomos.
Ela queda parada e podo notar como lle sobe o encarnamento.
Entón caio na conta de algo.
–Nunca montastes nun? —intento dicirllo delicadamente, pero parece que só consigo avergonzala máis.
–Non, a verdade —di un pouco temosiña
–Ques ir probar?
–Eh… —non se ve moi segura.
–Vamos ata aló, e lo xa vemos?
–Uhm —ela asente tan forte coma antes.
Entón collemos pola rúa abaixo e imos cara a aló.
Preciosa foto.
Un duelo estraño ao meu entender. Ambos relatos prescindiron do chimpún final que acostumo a ver cando non hai unha aposta forte polo estilo. Vexo cousas moi interesantes, pero os textos semellan anacos de algo máis grande. Quedei con ganas de ler máis.
Un duelo: unha boa aposta polo humor e costumismo. Lembroume á miña propia voda (no further comments). Este fío podería dar para comentar as nosas propias experiencias. Así que non sigo.
Cochitos: este relato deixoume máis incompleto que o anterior. Teríame gustado saber que pasou nos cochitos.
O meu voto vai para “Un duelo”.
Poido dicir que non oíra o de “cochitos” nunca? Vou preguntar se son eu ou cousas da Mariña.
“Un duelo”: un texto correcto e divertido. Primeiro quedei chinada porque por tradición parecíame obvio que pagaba o pai da noiva, pero Romualdo ten moito morro e eu paso de tradiciós. A familia ben, ben non empeza, todo seña dito, pero o texto funciona ben para min.
“Cochitos”: unha comezo dunha historia bonita e desta volta gustoume moito o uso da linguaxe falada, a miña cabeza leuno con moita naturalidade. Pero algo falta. Traballo, palabras, nó, desenlace. E pode quedar moi xeitoso.
O meu voto vai para “Un duelo”.
Con este duelo toca rematar a xornada, dous relatos moi diferentes, ambos fieis á imaxe.
‘Un duelo’: Aquí gustoume sobre todo o emprego do humor, con esa imaxe surrealista dos dous vellos a perseguirse nos coches de choque. Moi ameno e entretido.
‘Cochitos’: Tamén sinto que é unha historia incompleta, non entendo por que ese final tan aberto despois de plantexar unha situación tan interesante. Que pasaría nos ‘cochitos’? Por que ela nunca xogara neles? Esqueceron o abrigo e papan feío ao final? Unha mágoa tódalas preguntas que deixa sen responder.
O meu voto é para ‘Un duelo‘.
Debo dicir que non sei se é pola corentena ou que fai moito que non vou ás festas do Barco, pero como se botan de menos os cochitos mimá, aquel método de selección natural, aparte do Saltamontes. Duelo moi parello, aínda que por puntos distintos¡
Un duelo está escrito de forma impecable, co monologo ben conseguido que me deixa desexando poder facer algo parecido. Non sei, meter tan ben declaración e situación á vez ten que ser cousa do demo. Xórdeme a dúbida de se está inspirada na realidade a tradición da noiva, que non teño moita idea. Investigarei¡
Cochitos e un dos relatos máis doces desta liga e deixa moi bo sabor de boca, pero sinto que queda algo coxo co final, que sinto que non leva a ningunha parte. Amais diso, o rexistro oral está moi logrado. Penso que dándolle un pouco máis de extensión, un par máis de escenas, pode quedar ben chulo.
O meu voto vai para Cochitos.
Síntoo. Pasoume co “un duel” como con “Concurso” o relato non acaba de convencerme de que iso pode pasar. os vellos pelexando nos coches. Xa sei que aquí hai que deixarse levar polo humor pero ou son unha sosa ou falta algo no momento que entra a proposta de resolver o tema nos coches. tamén dame a sensación que a frase final sobra. A favor ten un ritomo e pulso narrativo de envexa. Cochitos (xa non volverie ver os coches de choque sen acordar de poder chamalos así. pois cochitos gustoume bastante. Para min é unha escena tenra, a do rapaz maior levando a nena máis pquena por primeira vez os cochitos e xa non fai falta explicar máis porque eu tamén lembro cando fun de pquena nos cochitos cun maior controlando e como metía a moeda e a sensacion de pasalo ben e ter algo de medo de vez. Voto por Cochitos
Ai, como a Carlos, a imaxe dos cochitos (eu tamén lles digo así) deume saudades fortes, de festas patronais e cancións de Camela. En fin, deron os coches de choque para dous contos que coas súas diferenzas, eu vexo que comparten certo espírito, se ben con ferramentas distintas.
Duelo. O relato está ben formalmente, entendo todo o que intenta e coloca os elementos correctamente, quero dicir, si que vexo a historia completa e creo que está ben feita para redondear (as referencias ao garda, o xeito de ir introducindo devagar a cerna do conflito, o clímax un chisco xusto antes do final). Pero non me acaba de chegar moito, non sei exactamente por que. Creo quizais que porque os coches no meu imaxinario son esencialmente divertidos, picarse con alguén nos coches case como un acto de amor (cando non de ligoteo en certo momento da vida), que non me acaba de tocar esa idea de empregalos como sustituto da violencia se me fai moi raro. Entendo que aí radica o elemento cómico do relato, pero non sei, non me acaba de entrar. Xa digo que é unha crítica nisto completamente subxectiva e non nada que o conto faga mal en si.
Cochitos. De novo un conto que funciona máis como imaxe encapsulada, o autor case fixo disto a súa sinatura no torneo hehehe. De feito, e vendo que é un xénero que emprega con asiduidade, penso que paga a pena comentar algunhas cousas de detalle. Primeiro, os personaxes. Como o conto renuncia á trama, os personaxes non teñen como tal arco, e coa limitación de palabras, non os podes encher de contido por outras vías. Isto ten o problema de que é fácil que queden como unha especie de baúles baleiros, estereotipos de personaxes e non persoas; neste caso, o prototipo duns irmaos que se despiden da avoa, alerta, non se converter nun anuncio de Werther’s Original. Ao capturar un momento, un truco pode ser confiar no contexto e que o lector encherá os ocos, pero eu polo xeral creo que esta é unha mala escolla, porque o autor aí perde o control do texto, deixa ao lector unha liberdade onde o pode perder. Neste conto nese sentido funcioname moi ben por exemplo o rexistro lingüístico e os trazos dialectais, enchen ese oco de xeito elegante, tamén a mención do Carme sitúa o tempo e espazo de costa (coidado que o Carme é no xullo e antes mencionárase o comezo de agosto) tamén con economía.
En xeral este tipo de contos buscan máis espertar unha determinada emoción, evocando máis que contando, prescindindo da trama. O reto está na lingua empregada, xogan nun terreo moi próximo ao poético nese sentido, hai que labrar se cadra aínda máis os detalles das portas que abre cada adxectivo, se unha frase vai ser longa de máis e vai cortar o feeling xeral. Penso que aquí este conto fai un bo traballo conseguindo capturar a tenrura do momento, a delicadeza do detalle cotián. En particular creo que a última frase ten un aquel nostálxico que dá un broche final moi bo, resalta o coxunto. De todas as iteracións deste xénero que fixo o autor, esta creo que é a mellor polo de agora, unha miniatura de conto dun momento de vida que se engrandece, gustoume moito.
Voto por Cochitos.