Un escrito de Manoel-Antonio non recompilado na súa obra completa
Xesús González Gómez.
Xa vai para seis anos que Xosé Luís Axeitos Agrelo deu ao prelo a súa edición do volume Obra completa. Volume I: Prosa, de Manoel-Antonio, A Coruña, Academia Galega/Fundación Barrié, 2012. Non vou repetir o que dixen noutros lugares sobre tal edición e sobre a edición do Epistolario do poeta (Grial, nº 206, abril/xuño 2015, p. 117-118).
Axeitos, como é natural nestes casos, espétalle prólogos a estes volumes, xa que segundo reza nas páxinas ad hoc, a edición e as notas son del, de Axeitos –acho que na recensión que fixen do Epistolario demostrei que nas notas que se lle puxeron a este volume traballaron máis de dúas mans. Escribín que non ía repetir o que dixen naqueles outros dous lugares, equivoquei: algo teño que repetir. Na introdución xeral do volume Prosa, o académico, na páxina 14, no primeiro parágrafo do “capítulo” A nosa edición, escribe: “Non se caracteriza a nosa cultura por unha rica tradición editora. Temos a proba coa obra de Cunqueiro que cando estamos a celebrar o centenario do seu nacemento, non dispoñemos dunha edición crítica acorde coa categoría do escritor de Mondoñedo. Son demasiadas as edicións perpetradas a granel e sen denominación de orixe” (o subliñado é meu, XGG). Acho que nas miñas dúas recensións devanditas deixei ben claro que tanto a edición de Prosa como a do Epistolario de Manoel-Antonio, perpetradas por Xosé Luís Axeitos Agrelo, son edicións a granel (ou a barullo) e, evidentemente, sen denominación de orixe; ou cunha denominación de orixe que asustaría o posíbel consumidor. Da edición do volume dedicada á poesía non digo palabra: non a coñezo.
Axeitos tivo a sorte de poder contar cos orixinais de Manoel-Antonio e co “arquivo” deste –e algún outro. Mais tamén dá a impresión de que non saíu unha liña das pautas marcadas polos arquivos e non procurou noutros lugares, e así, na páxina 147 do volume Prosa reprodúcese o seguinte texto do autor de Viladomar:
[A EUXENIO MONTES]
Teño que pregarlle públicamente perdón a Euxenio Montes. O “por qué” non-o digo. Pero xa que non sigo o “por qué”, direi o “pra qué”: pra poder dispois escribir unhas liñas “«sin pretensións de suficenza doutoral etc., etc.»
Velas-ehí van.
Nós –falo d’os que ben se sabe– poida que sexamos, parodiando a frase de Castelao, d’os xogadores de trinta e unha que nunca chegan a facer mais de trinta. Por iso non conece ben o noso xogo algunha xente; por exemplo aquela que ten costume de tratar c’os xogadores de trinta e unha que sempre fan trinta e duas.
Nós, non pertenecemos á crás de “señoritos” que denantes de mercar un sombreiro teñen que saber cantos centímetros de áa están de moda en Madrí.
Até aquí o texto de Manoel-Antonio, que Axeitos anota da seguinte maneira: “García Sabell interpreta como anaco de carta este fragmento que semella ser resposta xornalística a Euxenio Montes que, lembremos, lle dedica ao manifesto Máis Alá! Tres artigos en La Zarpa (21-VII-1922, 26-VII-1922 e 11-VII-1922; este último VII por VIII) co título “Lendo ¡mais alá!” (sic).
Domingo García Sabell equivocouse, non era o texto fragmento dunha carta, era, como ben viu esta vez Axeitos, un fragmento dunha “resposta xornalística a Euxenio Montes”. Resposta que existiu e que o académico Xosé Luís Axeitos Agrelo non pública no volume que recolle a prosa do rianxeiro. A resposta de Manoel-Antonio a Euxenio Montes apareceu nun xornal, e o xornal non podía ser outro que La Zarpa, onde o autor da Estética da muiñeira publicara os seus artigos. Se o terceiro e último artigo de Montes apareceu no xornal ourensán o 11 de agosto daquel 1922, doce días despois, o mércores 23 de agosto, na primeira páxina do xornal (que constaba de 4) apareceu un artigo titulado
SIN…
Eu non quero pór ningunha glosa ós comentoiros que Euxenio Montes escribiu ó marxe d (sic) dunha folla titulada “Mais alá”.
Pero acontece que teño un desexo inaprazábel de fumar n-a pipa meia hora de tempo (falo xustamentes de meia hora inda que non teño reloxe á mau). D’aquela, como elementos complementarios, arrecadarei a pruma e o papel.
—–
Cabilando n-os paraxes alonxados d’a miña cabilación d’o intre, prometo-me que outro día, cando faga d’o tempo cousa mellor que materia fumabel, hei de compor un ensaio contrarrestante d’alguns esquencimentos que as vertudes d’a Sinceiridade teñen encol de si.
Por que si ó falar sinceiramentes chego a decir unha blasfemia ben sabe Deus que non lle hei de pregar perdón; e mais hei-me de salvar.
—–
Hai un refrán que di “val mais ter que desexar”. Eu non sei si me terei ben tañado e interpretado, pero case aseguro que estou d’acordo c’o viceversa. Val mais desexar que ter.
E si o desexo se tece en desacertos, e desourentacións, e contradicións, e inconsiguenzas, co-a sinceiridade con que as horas de todal-as córes tecen unha Vida, ¿quen poderá reprochar algo, cando teña, o día pretérito en que deixaba?
Endeben, ese día non chegará endexamais porque o desexo está ourentado n-o senso d’unha constante superación.
Pol-a nosa parte, non se trata de facer apostolados nin pedagoxías: trátase de vivir a Vida con sinceiridade e sin cadeas.
Pero ¡eso xa! hai opinións.
—–
Eu, moitas veces, desexaría ter unha sorrisa que pudese sorri-la sin a contraición d’os beizos, sin ningún outro xesto, sin además e sin verbas.
Unha sorrisa cuia captación fose innada n-os demais e n-eles eu pudese adormental-a despertal-a esquivando a sua sensibilidade.
Si eu tivese esa sorrisa, entregaría-me a sorrir agora. C’unha aparenza n-o xesto, dende logo, de perfeita seriedade…
—–
Propuxen-me fumar meia hora de tempo e quen sabe (como non teño reloxe!) si non queimaría xa mais de meia xornada.
Convirá fecha-la porta…?
MANOEL-ANTONIO
Rianxo
Esta foi a “elíptica” resposta, en certo sentido, ou sen o certo, humorística, de Manoel-Antonio aos tres artigos que a Máis alá! lle dedicou Euxenio Montes. Mais tamén é unha resposta a todas as críticas adversas que recibira o manifesto, tanto en A Nosa Terra como noutros xornais ou revistas. (En La Zarpa, Lesta Meis o 25 dese mes de agosto carga contra unha parte do manifesto mentres está de acordo con outra.) Para acabarmos, un texto de Manoel-Antonio que falta nas súas obras completas. Un texto que non era tan difícil de “atopar”. Tanto máis doado de atopar cando na carta que envía Manoel-Antonio a Roberto Blanco Torres, daquela redactor xefe do xornal dos agrarios ourensáns, desde Asados o 9 de agosto de 1922, dáse a entender que enviou un artigo a La Zarpa respondendo a Montes. A carta (Manuel-Antonio, Obra Completa III: Epistolario, A Coruña, Fundación Barrié-Academia Galega, 2015, p. 158-159) di o seguinte: “Irmán e amigo Roberto: Isas duas follas que mando escribin-as contando con que pudesen aparecer n-a Zarpa. De xeito que si non hai inconvenente n-esa Redaición, e supoño que non-o haberá, agradecerei-vos que saian”. Este parágrafo leva unha nota, a 291, na que Xosé Luís Axeitos escribe: “Un fragmento desta resposta pode lerse no volume Obra completa. Prosa, de Manuel Antonio [Fundación Barrié, 2012, p. 147]. Digamos que para redactar esta nota, o académico Xosé Luís Axeitos Agrelo usou do que noutrora se denominaba “método do pensamento máxico”… ou esotérico, porque, como comprobará o lector, o que o anotador denomina como “fragmento desta resposta” non ten nada a ver coa verdadeira resposta que Manoel-Antonio escribiu e enviou ao xornal La Zarpa, que este publicou e que nós reproducimos.
Sagacísimo coma sempre o autor. Parabéns a tanta cultura! Beizóns!