‘Un home estraño’, un ‘noir’ que paga a pena coñecer
Eva Moreda.
Un home estraño, de Antonio Tizón (Xerais, 2017), é un bo exemplo de noir, entendido este como xénero que vai máis aló do whodunnit (quen o fixo?) e mesmo resulta máis memorable para o lector polo que ten de comentario social, que neste caso non se refire ao noso presente, senón aos tempos da Transición e pre-Estatuto de Autonomía: xa imos tendo un corpus de autores (Lionel Rexes, Pablo Fernández Barba, Diana Varela Puñal, etc.) que trataron a época e ademais desde puntos de vista e xéneros contrastantes, e coido que Tizón fai aquí unha achega interesante.
A narración estrutúrase aquí en capítulos (todos eles breves) impares narrados polo inspector Sánchez Pereiro, que son os máis propiamente noir, e pares, narrados por Ledicia Muruzábal, xornalista nova e prometedora que trata temas políticos da altura (política municipal, galeguismo histórico e do outro, Caixas, etc.); como xa se adiviñará, é a de Muruzábal a voz que permite máis decididamente a entrada do comentario social. Tizón indica nas dedicatorias do comezo que tentou crear dous rexistros diferenciados e penso que, sutilmente e sen excesos, chega a conseguilo bastante ben, mellor que outras novelas recentes que teño recensionado aquí e que intentan valerse do mesmo recurso.
O interese por facer comentario social, porén, sen que sexa en si criticable, pode estragar en momentos puntuais a lectura dunha trama detectivesca ao cabo ben levada, se cadra sinxeliña de máis: é como se Tizón quixese determinalo todo e non deixar aspecto ningún sen tocar, desde a política lingüística dos medios da época ata a precariedade do sistema literario galego (un personaxe di nun momento dado que, para estar á altura doutras literaturas da contorna, a galega deberá editar de xeito que sexa imposible para unha soa persoa estar ao tanto das novidades: ai, se eles soubesen!). Tanto teima o autor por ofrecernos un fresco epocal que a lectura dos primeiros capítulos fíxome preguntarme se estaría diante dun experimento cuasi-metaliterario que alterna unha trama detectivesca convencional con entrevistas ficticias a personaxes reais do galeguismo sen que haxa máis conexión que a época en que se desenvolven. Logo, porén, vai a cousa por vieiros moito menos posmodernos, se cadra ata que chegamos ao apéndice, que volve redundar (aínda que noutro sentido) no ofrecer información que non me pareceu que achegase moito respecto ao que xa atopamos na novela propia. (Dado que o texto foi premiado nun certame de novela breve e que a edición chega aquí ás 208 páxinas, sospeito que este apéndice é un engadido con respecto ao orixinal; se cadra sería aquí tarefa do editor negociar con máis firmeza co autor se estes paratextos son necesarios).
Porén, como en boa parte da mellor narrativa noir, un dos meirandes encantos aquí, ou o meirande, é a construción dos personaxes. Tanto Sánchez Pereiro como Muruzábal entran dentro dos cánones do xénero –o cal é necesario para que o artefacto funcione–, pero ao mesmo tempo teñen unha especificidade suficientemente atractiva, suficientemente galega, suficientemente do seu tempo para manter o interese do lector ao longo de toda a novela: e xa non só o daqueles que, por ter vivido a época en primeira persoa, poidan estar máis predispostos a aceptar os pactos da ficción. Penso que Tizón deu, con eficiencia e sen facer grandes ostentacións, cuns personaxes máis atractivos do que vén sendo o promedio deste xénero nas nosas letras, e será interesante ver como se desenvolven en futuras entregas.
♦Un home estraño, de Antonio Tizón, Xerais, 2017. 208 páxinas. ♠17€