BiosBardia

O país dos libros en galego

Unha crítica de Manuel Cordero aos ‘debuxos de guerra’ de Castelao

Xesús González Gómez.

Castelao no enterro de Manuel Cordero. Buenos Aires, 1941. EDUARDO BLANCO AMOR.

Xa hai un tempo, no mercado do libro antigo e de ocasión que dende 1937, en plena guerra civil, se realiza cada domingo no barcelonés Mercat de San Antoni, comprei –no espazo de tres libros un euro– tres exemplares da colección «Diarios de la guerra», colección de facsímiles de diarios republicanos e franquistas. acompañados duns textos explicativos dos acontecementos e da reprodución dun cartel, ben republicano ben franquista. En total, seis diarios. Un deles é Informaciones. Diario de la noche del Partido Socialista. Informaciones, no tempo republicano, era un xornal pro-fascista pagado pola embaixada alemá (a partir do momento en que Hitler consegue o poder) e polo millonario mallorquino Juan March, o que foi nomeado polo galego Manuel D. Benavides, «o último pirata do Mediterráneo». Nunha entrevista que lle fixeron en México ao escritor de Ponteareas (en tal lugar nacera Benavides), preguntáronlle de que vivía e afirmou que do seu libro El último pirata del Mediterráneo, xa que cada vez que saía unha nova edición March mercaba todos os exemplares que podía. Informaciones, o 19 de xullo de 1936 foi confiscado polos socialistas e fixeron del o diario da noite. En Madrid tiñan, á parte do órgano do partido, El socialista, outro diario: Claridad, do que o redactor xefe era Enrique Fernández Sendón, máis coñecido polo pseudónimo de L. Fersen. Se este último era órgano da tendencia largocaballerista do PSOE, Informaciones estaba copado polos homes de Indalecio Prieto, entre os que salientaba, á parte de Julián Zugazagoitia, Manuel Cordero Pérez, nacido en Castroverde.

A maioría das lectoras e lectores da miña idade coñeciamos o nome de Manuel Cordero polo que del di Castelao en Sempre en Galiza. Segundo o rianxeiro «cando o Presidente das Cortes invitou a todol-os Grupos parlamentarios a que desiñasen representantes na Comisión de Estatutos[1] […] todol-os Grupos da cámara nomearon os seus representantes, menos un, o Partido máis forte e máis gubernamental. […] Non necesitamos citar o grupo que tomou semellante ofensiva contra nós. Abonda que transcribamos un manifesto que saíu en todol-os xornaes de Barcelona o día 23 de febreiro de 1938». Castelao reproduce tal manifesto, en español, para non «“desfiguralo” con tradución ao galego»[2]. Tal manifesto[3] estaba asinado pola Agrupación Socialista de Refugiados Gallegos», que, segundo o rianxeiro, «era unha entidade –non sei se autorizada ou simplementes tolerada pol-o Partido– con Manuel Cordero â cabeza e composta de Diputados, Subsegredarios, Directores xeraes e outros importantes elementos da burocracia e da política». Ademais de Cordero, que foi un home importante no organigrama do PSOE, eran membros desta asociación, que editaba El Socialista Gallego, Marcial Fernández –director xeral de Carabineiros no goberno de Negrín– Ramón Troncoso, Edmundo Lorenzo e outros. Digamos, como curiosidade, que Marcial Fernández, logo, no exilio, en México, foi o autor do, coido eu, primeiro libro sobre Castelao, Trascendencia y hondura de Castelao (México DF, Editorial Triskele, 1951).

Mais volvamos a Manuel Cordero (Castroverde, 1881-Buenos Aires, 1941), de quen hai cumprida información na rede –e por ela saberase que foi un dos membros importantes do PSOE que, contra a opinión de Indalecio Prieto ou Margarita Nelken, estivo a favor do voto da muller cando se discutiu nas Cortes republicanas tal tema–, e mais o xornal Informaciones, do que era asiduo colaborador, como tamén, durante un tempo, cando a súa estadía en Barcelona, o foi de La Vanguardia (onde chegou a compartir a páxina de opinión con Antonio Machado) e de tamén barcelonés El Diluvio, xornal de longa tradición republicana e anticlerical. Os escritos de Cordero nestes xornais son variados: sobre Austria, sobre a invasión de Checoslovaquia, sobre o fascismo, sobre a situación social e política de Francia despois da caída da Frente Popular, sobre o proletariado mundial e a guerra de España, sobre Acordos da UGT, sobre a morte de Otto Bauer, etc, etc. A edición facsímile do xornal madrileño que comprei está datada, cousas do azar, o luns 17 de maio de 1937. O exemplar custaba 15 céntimos (de peseta). En portada, ocupando toda a primeira páxina: «Hacia una solución de la crisis. El camarada Juan Negrín, ministro dimisionario de Hacienda, ha sido encargado esta mañana de formar Gobierno», información que continúa na derradeira páxina, sexta (cómpre aclararmos que o formato do xornal era de 43×59 cm., como a maioría dos xornais españois até case finais dos anos 1960: eran sabas). Na terceira páxina, a que se dedicaba a Opinión, dous escritos, un de Carlos Rivera: «Un muerto en el jardín», sobre unha lenda da vila de Brihuega, Guadalaxara. Reprodúcese unha foto da igrexa de tal lugar, e no pé dela pódese ler (traducimos): «A porta da Cadena, de Brihuega, está a pregoar a gloria da vila. Lendas de paixón, crueldade e misticismo son os piares de máis fortaleza que os mesmos perpiaños mordidos polo tempo. Soubo do heroísmo español na guerra da Independencia e viu a fuxida dos italianos na loita pola Independencia que agora se libra. A igrexa tamén é unha testemuña das contendas castelás. Nela, un grupo de soldados republicanos resistiu a metralla fascista cando as tropas de Mussolini eran donas da poboación.» Digamos que o artigo de Carlos Rivera non fala para nada da batalla de Guadalaxara.

O outro artigo que enche esta terceira páxina (engadamos que á parte destes dous artigos a páxina complétase cunha serie de noticias) titúlase: «El monstruo fascista», e asínao Manuel Cordero. Como ilustración, a estampa de Castelao pertencente a Galiza mártir: «Este é o Deus dos feixistas». E leva esa ilustración porque Cordero dedícalles o seu artigo a Castelao e aos seus debuxos de guerra. Nun momento determinado, como se verá, o lugués escribe: «Un a un iremos comentando estes debuxos». Como que non os comenta no artigo do que a continuación entregamos unha versión ao galego feita por nós, continuou a comentar os debuxos de Castelao en números posteriores de Informaciones?

Velaí, xa que logo, o artigo de Manuel Cordero.

 

O MONSTRO FASCISTA

por Manuel Cordero

 

Este é o deus dos fascistas. CASTELAO.

Castelao é un grande artista galego pouco coñecido fóra da súa terra. Por que este descoñecemento dun artista tan formidábel? Porque namorado da súa terra non quixo saír dela. Preferiu vivir recluído, envolto nas brumas suaves galegas, extasiado na espléndida beleza daquela deliciosa paisaxe, diversa na tonalidade das súas cores, sempre frescas e alegres, a saír en procura da fama que a súa arte merece, no ambiente das grandes cidades.

Castelao, ademais de galego, é «galeguista». É un mérito? Un defecto? Suspendamos polo momento todo xuízo sobre este problema sentimental. A Humanidade tende cara á universalidade dos conceptos. Na orde científica, todo o movemento do saber humano xira en torno das mesmas leis. O mundo réxese tamén polas mesmas leis naturais. Non hai máis que un sol, unha lúa e un ceo que dan calor, luz e abrigo á Humanidade. Todo iso parece indicarnos que o home obra torpemente encerrando o seu espírito en éxtase admirativo dunha parte do conxunto da beleza universal. E, non obstante, sen estas partes non pode haber conxunto. Quen sabe quen ten razón.

Castelao fixo en Galicia un admirábel labor artístico.

Ninguén interpretou a alma da terra galega coma Curros Enríquez e Rosalía de Castro, nos seus cantos poéticos.

Ningún pintor ou debuxante soubo reflectir nos debuxos os personaxes e o sentimento da terra coma Castelao. No Faro de Vigo, diario conservador, hoxe fascista, foi sinalando día a día o popular debuxante toda a tenrura da súa alma galega e o grande amor cara á liberación da súa terra. Galicia libre da opresión caciquil era o seu grande ideal.

No ano 1931 foi elixido deputado ás Constituíntes. Cumpriu ben o seu cometido. Non tivo nin un intre de claudicación. Se os republicanos e outros intelectuais fixeran o mesmo, aforrariámonos a tráxica situación que estamos a vivir.

Nas últimas eleccións volveu ser elixido deputado.

A criminal sublevación que ensanguenta os nosos campos, que destrúe os nosos poboados e cidades, que arruína o noso país, que asasina vellos, mulleres e nenos, colleuno fóra da súa terra, da súa Galicia.

A esta circunstancia debe a vida. Se estivese en Galicia sería unha vítima máis da crueldade criminal do fascismo, coma tantos outros homes honrados, intelixentes, que foron fusilados ou asasinados por ter nobres e xenerosos ideais, coma o noso Botana, por exemplo.

Mais Castelao, ausente forzado da súa terra, sente fondamente a traxedia da súa terra. A súa palabra trema ao falar da traxedia de Galicia. Os seus ollos, escasos de luz, non choran, mais chora a súa alma acesa, apaixonada, nobremente apaixonada, e lanza ao exterior laparadas de ira contra os asasinos dos mellores homes de Galicia.

–Aquilo, para nós, é xa un deserto! – exclama.

O seu lapis de artista gravou no papel nove estampas admirábeis, nas que se reflicte todo o fondo dramatismo, todo o martirio de que foi vítima Galicia.

Cada debuxo é unha crítica dura da acción criminal do fascismo en Galicia. A dureza da crítica non quita tenrura, que é o aroma das almas nobres, e optimismo á obra do artista.

Un a un iremos comentando estes debuxos. Paga a pena facelo. Hai que facer chegar á alma popular toda a emoción dolorosa que xorde da obra admirábel deste artista, que, ausente forzado da súa terra, chora en silencio o seu martirio e anhela o momento feliz de poder reintegrarse a ela.

–Cando poidamos volver á terra non atoparemos nela nin un só amigo político –di–; asasináronos a todos. Que horror e que dor!

O primeiro debuxo leva este título: «Este é o Deus dos feixistas». Un monstro de figura humana, tirado das escuridades da Natureza, que se comprace en devorar os seus semellantes. O debuxo simboliza toda a brutalidade cruel deses homes perxuros e traidores á súa Patria que desencadearon sobre o solo de España esta tempestade devastadora, sen máis finalidade que a de salvar os seus intereses, os seus privilexios de clase, e escravizar ao pobo español. Como o mercador de Venecia, sacrificárono todo ao becerro de ouro: Patria, dignidade, honor, honradez; todo.

Caricatura de Manuel Cordero aparecida no xornal barcelonés El Diluvio, 11-8-38, co gallo dunha reunión da executiva do PSOE.

Cando a traxedia remate será a hora de lles pedir estreita conta do dano causado. Agora non hai tempo máis que para combatelos. Como? Cadaquén co que poida. Castelao, coa súa arte. Bela, ferinte, emocionante, profunda de pensamento.

A loita trabada, e que culmina co heroísmo dos nosos combatentes, comeza e rematará no terreo das ideas.

Nesta loita as armas son o instrumento dun ideal, dunha nova concepción da vida social. e o ideal vencerá. O monstro morrerá, porque farto de sangue xeneroso do pobo, entrara nun período de confusión, de tráxicas convulsións, e o pobo rematará estrangulándoo.

Informaciones, 17 de maio do 1937.

[1] Para que o estatuto Galego tomase estado parlamentario, cousa que aconteceu na, segundo Castelao, «memorable sesión de Cortes celebrada o 1º de febreiro de 1938 en Montserrat»

 

[2] Alfonso R. Castelao, Sempre en Galiza, Buenos Aires, Edición “As Burgas”, 1961, p. 144-147.

[3] O manifesto viña dicir que a discusión da entrada parlamentaria do Estatuto Galego estaba de máis, o importante meses momentos era gañar a guerra; unha vez gañada esta, xa se lle daría entrada parlamentaria ao Estatuto, etc.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *