Unha década case prodixiosa para a literatura catalá
Xesús González Gómez.
Hai uns meses, nesta mesma web, publiquei un pequeno traballo en dúas partes sobre a tradución ao catalán nos anos 1960, e hai outros tantos meses, a editorial L’Avenç deu ao prelo, en decembro do pasado ano, exactamente, o libro de Marta Vallverdú i Borràs, Seixantisme. L’esclat cultural català dels 60, cun prólogo de Julià Guillamon. O volume, de 15,5×23 cm. e unhas 400 páxinas, ademais do mencionado prólogo, unha «trama cronolóxica» e unha ampla biografía, filmografía, webgrafía, hemeroteca, relación de arquivos particulares e públicos consultados, e a reprodución dunha longa lista de persoas entrevistadas ou consultadas, consta dunha «Introducció al Seixantisme» e 15 entradas ou capítulos, en que se fala de todo canto aconteceu no terreo cultural na Cataluña que vai de 1959 a 1971: a música, a arquitectura, a literatura, as revistas, a arte, as editoriais, a creación do Òmnium Cultural a pedagoxía, o «escoltisme» (o que coñecemos como boy-scouts, de ampla tradición catalá e catalanista), a inmigración, etc., e de fondo, evidentemente, a situación política e as forzas que se movían na clandestinidade.
A autora, Marta Vallverdú (1962), catedrática de instituto xubilada, colaboradora de diversas revistas, publicara antes un resumo da súa tese doutoral: Viatges literaris a l’exòtic; Aurora Bertrana, Josep Maria de Sagarra (1918-1938)[1].
O libro que queremos comentar, Seixantisme…, é como unha «corrección e aumento» de diversos traballos publicados na revista de historia, aínda que dende hai uns anos era máis, por así dicilo, xeneralista, L’Avenç, recentemente desaparecida «voluntariamente» ao chegar ao número 500.
Que é o «seixantisme»? Ou, mellor dito, que entende Marta Vallverdú por «seixantisme»? A explicación-definición que entrega e clara e intelixíbel: «Defino o Seixantisme como un movemento xeral plural e de moita vitalidade, que se desenvolve principalmente entre 1959 e 1971, sustentado pola amalgama de diversas iniciativas político-culturais –potentes, imaxinativas–, cunha vontade colectiva moi teimuda en que converxen dous obxectivos: o antifranquismo e a afirmación da cultura como forma definidora da identidade catalá, coa estendida e esperanzada consciencia da fin do réxime e a chegada da democracia, que se desprega entra a clandestinidade e a aparición pública».
Titulamos esta recensión «unha década case prodixiosa». O adverbio, como se decatará quen lea esta recensión, vén a conto por diversas razóns, e a maior é que o franquismo aínda estaba vivo «coleando» con forza. Nesa década, ou un pouco máis, de 1960, aparecen novas editoriais catalás: Edicions 62, renóvase a colección de novela contemporánea «A tot vent», baixo a éxida de editorial Aymà, créanse novas editoriais que acaban desaparecendo (infelizmente non trata das novas editoriais que nacen en Barcelona nesa década e publican, maiormente, en español), etc. Aparecen revistas dedicadas a un público infantil-xuvenil como Cavall Fort e Oriflama; ou máis xeneralistas como Tele-Estel, Serra d’Or, Presencia, etc., en Cataluña, Gorg, no País Valenciano, Lluc, en Mallorca. No mundo teatral móvense as cousas, sobre todo coa Agrupació Adrià Gual, con dirección de Ricard Salvat. No mundo da arquitectura estoupa, en certo modo, unha bomba en medio dun océano en quietude, aparece o deseño, créase Òmnium Cultural, o movemento político, liderado, polos comunistas (Partit Socialista Unificat de Catalunya a póla catalá do Partido comunista de España), malia a existencia de outros grupos e aparezan novos[2], faise visíbel co feche de diversas personalidades no convento dos capuchinos[3] de Sarrià, o «escoltisme» crea as bases para a aparición de cadros que, anos despois, a maioría. irán parar ás ringleiras pujolistas, o mecenado aflora con forza (xa falaremos del), nace a denominada Escola de cine de Barcelona (Vicent Aranda, Carlos Durán, Joaquim Jordà, J. M. Nunes…), fúndase a agrupación pedagóxica Rosa Sensat, pioneira da renovación pedagóxica tanto en Cataluña como no resto do Estado, Joan Fuster pon enriba da mesa a denominación (política) Països Catalans, iníciase, en fascículos, a Gran Enciclopedia Catalana, xorde a «Gauche Divine»[4], e aparece un movemento –en dous tempos– que arrastrará masas: o musical: a Nova Cançó e, pouco despois, o Grup de Folk. Se os primeiros (Raimon, Serrat, Pi de la Serra, Ovidi Montllor, etc,) se colocaban baixo a influencia da canción francesa (Ferré, Ferrat, Brassens, Brel..) os segundos (Pau Riba, Falsterbo 3, Jaume Arnella, Els tres tambors…) reclámanse da canción folk americana (Joan Baez, Pete Seeger, Bob Dylan, The Birds…) e tamén do pop inglés. E iníciase, por fin, un debate máis ou menos serio –a existencia do franquismo impedía un debate claramente político sobre o tema– sobre a inmigración…
No mundo da literatura, a gran polémica desa década é a levantada polo «realismo histórico», cuxo manifesto (sic), foi a publicación, en 1963, por Edicions 62, da antoloxía: Poesia catalana del segle XX, ao coidado de Josep Maria Castellet e Joaquim Molas, os seus abandeirados maiores, pero que contou tamén con outros nomes –importantes–: Sergi Beser, Francesc Vallverdú, Joan Lluís Marfany e o valenciano Lluís Alpera. Como cando se trata de realismo –histórico ou non; socialista ou social, etc.–, dixéronse moitas parvadas, tanto por unha banda como pola outra. Os abandeirados do anti-realismo eran nacionalistas cataláns (de socarrel) como Marià e Albert Manent, Joan Triadù, este un pouco máis comedido. Aquel, por exemplo, cando Gabriel Ferrater presentou en 1960 ao premio Carles Riba o seu libro (tido hoxe como un dos fitos da poesía catalá do século XX) Da nuces pueris, considerou «que era unha labazada á morte recente do patriarca outorgar o premio a unha obra totalmente afastada do simbolismo, e convence ao resto do xurado para entregalo a unha obra máis alegre, correcta, tradicional: Intento el poema, de Josep Mª Andreu», este hoxe esquecido como poeta e recordado, se alguén o lembra, como letrista de cancións: «S’en va anar», que gañou, interpretada por Raimon e Salomé, o Festival da Canción do Mediterráneo en 1963. No 1968, interpretada por Lluís Llach e Dolors Lafitte, con música, como a outra, do mestre Lleó Borrell e letra do tal Andreu, quedou segunda clasificada no devandito festival, a canción «A cara o creu». Andreu foi letrista de moitas máis cancións cuxos títulos non veñen agora a conto.
Manent non só «cortou» o paso a Ferrater nun momento dado (logo, a poesía do reusenc impúxose), senón que mesmo cualifica o realismo histórico de «fascismo literario», xa que quere imporse a costa de excluír os outros, sobre todo aos «históricos», coma el, que se auto-cualifican como «demócratas». Triadú, se ben non está de acordo coas bases e obxectivos do realismo, decátase que este quizais sirva para ampliar o espectro de lectores, sobre todo daqueles que proveñan da inmigración. Non obstante, pode afirmarse que de 1959 a 1966 o realismo histórico «domina», en certo modo, a literatura catalá, pero, acho, máis debido a seniors como Joan Oliver (Pere Quart) ou Salvador Espriu que os novos nomes que apareceron aqueles anos. Mais en 1966 o realismo histórico esmorece a marchas forzadas, e en 1967, co descubrimento (sic) de Ramon Moix, logo Terenci Moix, e a súa novela, gañadora do premio Josep Pla, Onades sobre una roca deserta, e as primeiras obras narrativas de Baltasar Porcel, aínda que marcadas polo realismo, este case que desaparece da literatura catalá ou, cando menos, non dá obras de calidade. Ora, en 1971 (tema que non trata Marta Vallverdú) estará no trasfondo dunha polémica da que falaremos máis adiante.
Marta Vallverdú nomea o lustro que vai de 1966 a 1971, cando o realismo está a dar os seus últimos «pataleos», como anos de «polimorfismo e epígonos»: aparición de novas tendencias, a reivindicación de J. V . Foix, o nacemento do Grup do Mall (que, no fondo, literariamente –ou poeticamente, como se prefira– foi un grupo «reaccionario»), a aparición dunha lectura outra da poesía de Salvador Espriu realizada por un ex-heraldo do realismo histórico: Castellet, a viraxe de Molas, que se converte en especialista (sic) nas vangardas, a reivindicación de J. V. Foix, de Josep Carner, de Àusias March, revalorización de Carles Riba, de Joan Brossa (que Molas/Castellet non introduciran na súa antoloxía), a aparición de poetas influídos, fas nefas, por Gabriel Ferrater (que se converterá no gran nome da poesía, e mesmo da crítica, catalá daquela década), etc.; os epígonos do realismo, que fixeran seu un poeta pseudo-vangardista e cuxa calidade quizais sexa cousa de discutir: Joan Salvat-Papasseit, esmorecen pouco a pouco. Tamén, hai que subliñalo, en 1966 aparece El quadern gris, de Josep Pla, toda unha revolución na prosa catalá do século XX. Unha prosa que nesa década entrega algunhas das novelas máis importantes da literatura catalá de todos os tempos: La Plaça del Diamant (1962), de Mercé Rodorera e Bearn o La sala de les nines (1961)[5], de Llorenç Villalonga. Mais aínda que non entra dentro dos anos estudados por Marta Vallverdú, anotemos que o poeta catalán máis popular, máis vendido, nos finais dos 80 e inicios dos 90 foi un poeta considerado, en certo xeito, como epígono do «realismo histórico»: Miquel Martí Pol.
Se a hexemonía do realismo na literatura catalá foi de curta duración (de acreditarmos en Marta Vallverdú, de 1959 a 1956), debeuse, sobre todo, a que este foi introducido serodiamente, en comparación coas literaturas europeas e mesmo coa literatura española en lingua castelá, por mor da represión franquista –se o franquismo dificultou e retardou a entrada na modernidade da literatura española en lingua castelá durante, digamos, uns 25 anos; o retardo das literaturas «rexionais», que dicían eles, foi, como mínimo, de 40 anos, cando non máis, xa que estas foron duramente perseguidas os primeiros 15-20 anos do franquismo e logo amplamente vixiadas e menosprezadas. Diciamos, que se a hexemonía do realismo na literatura catalá foi de curta duración (outro cantar é no teatro), o certo é, como afirma Marta Vallverdú, que para os defensores realismo histórico este formaba parte da modernidade e servía para conectar a literatura catalá coa literatura europea daquel momento –precisamente no preciso momento en que esta, é dicir, a literatura europea, comezaba a fuxir tanto do realismo, póñanlle vostedes o adxectivo que máis lles guste, como do «nouveau roman»– e, ademais, ese realismo daría algo así como «a visión do estudo do coñecemento como un progreso cara a unha sociedade máis xusta» (cando xa en 1950 André Breton denunciara o realismo socialista como medio de exterminación moral –e eu engadiría, física), ademais de formular «un modelo cultural socialmente aberto, progresista, que inflúe en boa parte dos xoves intelectuais da época, e que incidirá no trazado das liñas mestras do proceso de recuperación nacional do final da Ditadura e advento da democracia»; nestas liñas, Vallverdú confunde desexos e realidades. O «proceso de recuperación nacional» de Cataluña foi por outras vías, moi afastadas das proclamadas polo «realismo histórico», que serían unhas vías máis ou menos socialistas, equivocadas, segundo a miña opinión, pero, ao cabo, socialistas. O proceso de recuperación nacional catalá ao final da Ditadura podía contar con elementos saídos do «realismo histórico», as forzas de esquerda (socialistas e comunistas) eran en 1977 hexemónicas, pero cando ese proceso se iniciou de verdade, é dicir, cando empezou a realizarse na práctica, as vías foron as do noucentisme, porque a política pujolista de recuperación nacional non foi alén da política realizada por Enric Prat de la Riba (un político moito mellor administrador e «realizador» que Jordi Pujol) e os seus herdeiros ao fronte da Mancomunitat de 1914 a 1923. Pujol e CDC (Convergència Democràtica de Catalunya, o seu partido) non fixeron outra cousa que poñer ao día as institucións creadas por Prat de la Riba, iso si, con moito máis partidismo e axudados por moitos daquela/es que proviñan da esquerda (sic) nacionalista.
En 1971, os defensores do realismo protagonizan a última polémica (polémica da que Vallverdú non fala) contra os seus inimigos: esta vez centrados na persoa de Josep Maria Castellet, e de esguello Molas, e en Edicions 62. O motivo: foi o premio Sant Jordi de novela a Nifades, de Josep Maria Sonntag, que se descubriu un plaxio dunha novela erótica chinesa. Sobre a «polémica» pode verse Cas Obert (Una polèmica literària sota el franquisme), en diversas entregas de quen isto asina.
[1] Edicions de l’Abadia de Montserrat, 2007
[2] Algúns destes grupos presentábanse como «nacional e de clase», infelizmente (ou intelixentemente) nunca dixeron de que clase se trataba: a maioría dos seus militantes foron parar, despois de 1984, ás ringleiras do pujolismo. Ou sexa, que a clase a que se referían era a unha pequena burguesía radicalizada na… cuestión nacional e que esqueceu rapidamente a famosa cuestión de clase. Como acontece con diversos grupos independentistas cataláns actuais.
[3] Naqueles anos era doado escoitar que en Cataluña había marxistas «pro-chineses», «anti-chineses» e «capuchinos».
[4] Habería que sinalar algo que adoita esquecerse: os homes e mulleres que incluíron dentro da denominada Gauche Divine, sempre foron de esquerdas. Baixo Franco e coa «democracia» e máis dun pasou pola cárcere.
[5] A novela, segundo quen, foi escrita entre 1952 e 1954 en catalán (dialecto mallorquino). Debía publicarse no 1954 ou 1955 neste idioma na Editorial Selecta, que recomendou unha serie de correccións lingüísticas que Villalonga rexeitou. Traduciu a novela ao español e publicouna en 1956 por conta propia. Segundo Baltasar Porcel, a novela foi escrita directamente en castelán en 1945.