BiosBardia

O país dos libros en galego

Unha enquisa sobre hábitos lectores na Galicia do 1970

Rosalía de Castro

Xesús González Gómez.

Entre finais da década do 1960 e comezos da do 1970, no xornal El Progreso de Lugo, Xosé de Cora e Juan Soto, ás veces conxuntamente, outras individualmente, publicaban unha sección titulada «Hombres y letras». Pouco despois, no mesmo 1970, aparecería en tal xornal o suplemento «Táboa redonda das letras», dirixido por Ánxel Fole. Suplemento cuxa importancia aínda non foi estudada, xa que nel deitaron as súas primeiras letras poetas e escritores como M. A. Fernán-Vello, Xosé María Costa, Xosé Lois García, Claudio Rodríguez Fer, Antón Costa Gómez, Carlos Casanova e moitos máis cuxo nome non recordo agora. Cabe lembrarmos, simplemente, que Josep Pla, en Direcció Lisboa (a parte dedicada a Galicia deste volume foi publicada pola editorial Galaxia co título Viaxe por Galicia, 1999), escribe, en 1972, sobre Lugo: «Nesta poboación é posíbel achar —máis que en calquera outro lugar de Galicia— a produción intelectual do país, que é notábel, tanto en galego coma en castelán. Ás veces é moi inxenua, ás veces é extremadamente irónica e elevada».

Mais non queriamos falar da «Táboa redonda das letras», nin da sección que mencionabamos ao comezo, senón falar dun traballiño que apareceu, precisamente, nesa sección, o 17 de maio de 1970, é dicir, o Día das Letras galegas, dedicado aquel xa afastado ano a Marcial Valladares. O traballo ía asinado por X. de Cora (autor de Barreiro contra Barreiro, Pecados manuais, Diccionario de Fole, Trapero Pardo, etc.), e levaba como título A universidade galega e a nosa literatura. Encosta (sic) feita por «Hombres y letras. Desta enquisa, quizais a primeira que se facía na universidade galega, cando menos despois de 1936, non sei se antes se fixera algunha, sobre os hábitos de lectura en lingua galega dos universitarios composteláns e do que queriamos falar. Dos seus, digamos, resultados.

A enquisa fíxose entre 100 universitarios, dos que 92 eran galegos e 8 non. A primeira pregunta que se lles formulaba aos enquisados era se lían escritores galegos contemporáneos, vivos (1970, lembremos): o 39% afirmou, segundo De Cora, que si lían escritores galegos vivos, o 44% que case non coñecían nomes de escritores galegos, e un 17% afirmaba que si lía algo, moi pouco, de escritores galegos vivos.

A mesma pregunta referida xa a escritores galegos mortos (digamos, clásicos) daba as seguintes respostas: 51% dos enquisados afirmou que os lera, un 28% que non e un 19% que tiña destes escritores un coñecemento case nulo («Dous dos preguntados, non quixeron responder a pregunta», engadía J. de Cora).

Outra das preguntas da enquisa referíase á chamada daquela «Nova canción galega». As respostas recollidas por De Cora sobre este «movemento» foron as seguintes: o 75% afirmou que o seu labor podía ser positivo e que gustaban dela (da nova canción) e da súa música; un 24%, reproducimos as palabras do «enquisador»: «botaron chizpas (sic) cando lles perguntamos sober dela e dixeron que polo camiño que levan non se vai a ningures, entre outras, por istas razós: esnoubismo (sic), falla de sinceridade, e hastra non faltou quen os culpase de centralismo nos tema sociaes». Un 9% afirmou que non lle interesaba e dous dos enquisados non contestaron.

A continuación, De Cora preguntoulles aos enquisados: «Que opinión tés dos escritores galegos que non usan a sua lingoa (sic) e falan en castelán?». O 43% opinou que cada un debía escribir na lingua que mellor lle petase; o 38% «falou mal» deses escritores; para un 15% o escritor galego debe escribir en galego e en castelán. Dos preguntados, catro «non souberon dar resposta».

Para acabar, De Cora pediu que destacasen tres escritores galegos «de calquera tempo ou estilo, tanto se escribiron en galego como en castelán». Velaí as respostas (reproducímolas integramente):

Rosalía de Castro: 73.

Curros Enríquez: 38.

Valle-Inclán: 34.

Castelao: 31.

  1. J. Cela: 20.
  2. Emilio Ferreiro: 17.
  3. Cunqueiro: 16.
  4. Pondal, 11.

Pardo Bazán: 9.

Otero Pedrayo: 6.

Iglesia Alvariño: 3

Concepción Arenal, Manuel María, Neira Vilas, Rábade Paredes, Trapero Pardo, M(enéndez). Pidal, Fernández Flórez e Gregorio Fernández: 2 mencións cada un.

E tiveron unha mención: P. Feijóo, M. X. Queixán, R. Dieste, C. Casares, P. Sarmiento, Johan Zorro, Vicente Risco, Filgueira Valverde, Ramón Cabanillas e Martín Codax.

E á pregunta de que salientasen unha «obra representativa da literatura galega ou de aportación á castelán d’un galego», a cousa ficou así:

Follas Novas, de Rosalía: 25.

En las orillas del Sar, de Rosalía: 10.

Sonatas, de Valle-Inclán: 8.

Los pazos de Ulloa, de Pardo Bazán: 8

Sempre en Galiza, de Castelao: 5.

Viaxe ao país dos ananos, de C. E. Ferreiro: 4.

Tirano Banderas, de Valle-Inclán: 3.

Cousas, de Castelao: 3.

Longa noite de pedra, de C. E. Ferreiro: 3.

O divino sainete, de Curros: 3.

Teatro, de Valle-Inclán: 3

A Virxe do Cristal, de Curros: 2.

Romance de lobos, de Valle-Inclán: 2.

Toxos e frores (??!!): 2.

Queixumes dos pinos, de Pondal: 2.

E cunha mención ou voto: artigos de Moure-Mariño; Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas; La cocina cristiana de Occidente e Un hombre que se parecía a Orestes, de A. Cunqueiro.

En fin, así estaban as cousas na Universidade de Santiago hai xa máis de cincuenta anos. Como están hoxe? Bonito sería sabelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *