BiosBardia

O país dos libros en galego

Unha idea para renovar o xénero narrativo en galego

Carta aos responsábeis do Premio Blanco Amor de Novela Longa

Desde a esquerda: Aurelio Gómez (asesor de Cultura da Deputación de Ourense), Alba Cid, Montse Pena Presas, Luís González Tosar (membros do xurado do certame que quedou deserto, 2017), Rosendo Fernández, vicepresidente da deputación, Xosé Carlos Caneiro e César Lorenzo Gil (tamén integrantes do xurado).

Xesús González Gómez.

Estimadas señoras e señores:

Como vostedes saberán, nestes momentos existen en Galicia catro premios de narrativa –de novela– considerados de “referencia”: o Blanco Amor de novela longa, o Xerais, o García Barros e, por fin dividido en dous, o Torrente Ballester, cada un deles coa súa traxectoria particular e as vicisitudes e problemáticas debidas. Todos os catro premios moi dignos, aínda cando hoxe en día talvez non teñan a repercusión sobre os lectores que tiveron no seu día. As causas desa falta de repercusión son moitas, e non imos agora e aquí nin enumeralas nin analizalas, aínda que non dubido que a vostedes lles interesaría que alguén as enumerase e analizase e, se fose posíbel, entregase pautas ou esquemas para a súa resolución. Causas que, está claro, non interesan só a vostedes, senón tamén aos responsábeis dos outros premios citados e aos colectivos formados por editores, libreiros, escritores e lectores, e mesmo críticos ou comentaristas literarios…

No plano persoal debo confesarlles que despois de ler bastantes, que non todas, das novelas galardoadas cos devanditos premios nos últimos seis ou sete anos, se a partir da lectura desas novelas debese emitir un diagnóstico sobre a novela galega hoxe, penso que sería contundente: a novela galega non está en crise… está en fase terminal. Ou tal impresión pode tirar un lector interesado, e un menos interesado, ao ler a maioría destas novelas. Este diagnóstico –realista ou pesimista?– vén, en certo xeito, a ser confirmado polo xurado da convocatoria 2017 do Premio Blanco Amor. Xurado ao que hai, antes de nada, que felicitar: os concursantes que se presentaron non merecían levar os cartos (públicos) que se debían entregar. O xurado debeu considerar que premiar un libro por premiar, é dicir, por non deixar deserto un concurso –concurso, repetimos, no que se barallan cartos públicos– era estafar os contribuíntes. Noutras palabras, se un concurso é convocado por unha editorial, esta pode premiar a quen lle pete: os cartos son seus e xa saberán os contábeis da empresa onde están mellor investidos. Se os cartos son públicos, o xurado debe actuar como servizo público. É dicir, polo mesmo prezo, entregar o mellor servizo aos usuarios. Ou postos en plan literario, premiar o mellor do mellor, e se non existe, se as propostas presentadas non alcanzan a categoría mínima esixida, rexeitalas en bloque (como se rexeitan ofertas nos concursos públicos de obras, comedores, etc. etc.) e declarar o premio deserto. Que se estenda o exemplo.

Poden vostedes, estimadas señoras e señores, pensar que se afirmo que a novela galega está en fase terminal o mellor que poden facer, xa que se trata de cartos públicos, é eliminar dunha vez por todas o premio que vostedes conceden e dedicalos a outros mesteres que realicen en verdade un servizo público. É unha opción, non o vou negar, mais eu envíolles esta carta para suxerirlles algúns cambios que, acho, serían para mellor, tanto para o galardón concedido por vostedes como para o conxunto da narrativa galega e, xa que logo, para o conxunto da nosa literatura.

Non vou facer a historia do Premio Blanco Amor de novela longa, que durante anos foi concedido e dotado por diversos Concellos do país. Non vou falar da importancia que tivo, sobre todo nos primeiros anos da súa concesión, etc. Agora o Premio é concedido por vostedes, non sei ben as causas nin por que se retiraron os Concellos, aínda que teño entendido que vostedes rescataron o premio e con ese rescate salvárono da desaparición: agora trátase de que o salven do naufraxio.

Penso, estimadas señoras e señores, que o primeiro que debería facer é retirar ese engadido de “novela longa” ao premio Blanco Amor. As novelas son boas ou malas, iso é o importante, que sexan longas ou curtas, ese é outro cantar. Curta é Pedro Páramo, de Juan Rulfo, e é unha gran novela. Longa é Los cipreses creyentes, perdón pola confusión, Los cipreses creen en Dios, de José María Gironella, e non é tan boa novela. Podía incluír exemplos nosos, é dicir, galegos, pero, para que? En fin, o que queremos dicir é que o de novela longa sobra xa na convocatoria: o premio cumpriu amplamente esa “función” (a do “cultivo da novela longa”), agora cómpre que realice novas, penso eu.

“Funcións” novas. Se o Premio Blanco Amor de novela longa realizou durante anos a función pola que foi creado, chegou xa un momento en que esa función ficou esgotada. Por diversas causas, que non imos enumerar. Algunhas destas causas son, ou foron, alleas ao premio en si e teñen que ver máis co desenvolvemento da literatura e da sociedade que con calquera outra cousa. Unha destas causas talvez serían as diferentes concepcións de novela que se barallan hoxe no mundo literario.

É a partir desta última causa (sic) que o galardón, o premio que vostedes, estimadas señoras e señores, conceden, se pode renovar e pode, novamente, render un servizo á literatura galega e, xa que logo, aos lectores e escritores galegos, en primeira instancia, e aos editores e libreiros en segunda e, xa en última instancia, aos comentaristas ou críticos literarios. Como pode realizar o Premio Blanco Amor ese servizo?

O novo nome debería ser Premio Blanco Amor de Prosa. Hoxe, cando as barreiras entre os xéneros foron escangalladas, un premio concedido por unha institución pública, como é o galardón concedido por vostedes, estimadas señoras e señores, debe situarse á cabeza para premiar e promocionar aquelas formas literarias que están hoxe na avanzada literaria e que no noso país, infelizmente, ou non son cultivadas ou os editores teñen medo de publicalas, por non seren rendíbeis, ou por medo a quen non sexan rendíbeis. Desde o libro de viaxes até o diario ou a autobiografía, pasando polos libros de lembranzas e outros. Libros como Danubio, de Claudio Magris, A loucura Baudelaire, de Roberto Calasso, Os aneis de Saturno, de G. Sebald, Limonov, de E. Carrére, Final de novela en Patagonia, de Mempo Giardinelli, Ensaio sobre o cansazo, de Peter Handke, Laëtitia ou a fin dos homes, de Ivan Jablonka, ou mesmo HHhH, de Laurent Binet, etc., son novelas? Algúns poida que si, outro clarisimamente non, mais son grandes libros narrativos. Libros que de seren escritos en galego serían, maiormente, rexeitados polas editoriais do país e, de seguro, eliminados de calquera premio literario –de narrativa– dos que se conceden entre nós xa na primeira “peneira”. De aí a necesidade dun premio que recoñeza estas novas (sic) formas da prosa literaria que hoxe por hoxe están no ámago da nosa contemporaneidade, e así, señoras e señores responsábeis da convocatoria do Premio Blanco Amor, que lles suxerimos que de agora en adiante, é dicir, a partir da próxima convocatoria, introduzan cambios nas bases do premio, sobre todo nas tres primeiras: “Primeira.- Poderán participar nel todos os autores e autoras que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial. Segunda.- As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos, ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos. Terceira.- As obras presentadas terán que ser inéditas”. Estas tres primeiras poderían reconverterse nunha única (e primeira) base: “Poden optar ao Premio Eduardo Blanco Amor obras en prosa escritas en lingua galega e inéditas. Enténdese como prosa un texto de carácter predominantemente literario, sen limitación no xénero: novela, libro de viaxes, memorias, biografía, diarios, etc. O autor da obra garantirá a autoría e a orixinalidade da obra presentada ao Premio, que a obra non foi presentada a ningún outro premio ou certame pendente de adxudicación, e que non é copia nin modificación de ningunha outra. Os autores participantes só poderán gañar o galardón unha soa vez”. No apartado “xénero” non se introduce o relato ou o conto porque os libros de relatos e de contos hai que lelos na súa totalidade, o que é unha dificultade nun concurso literario. Unha novela pódese ler case en diagonal para saber de que vai e mesmo chegar a unha valoración máis ou menos axeitada: un libro de contos hai que ler todos os contos, o que para aquel membro dun xurado que teña que ler 12 ou 14 libros é un pouco pesado ter que ler libros de contos e, ademais, case todo lector adoita a menosprezar o conto fronte á novela, polo que recomendamos que os concursos en que se premien contos ou relatos sexan concursos específicos para contos ou relatos.

Debo dicirlles, para que non se chamen a engano, que esta primeira base é, con algunha eliminación, unha adaptación ao galego da primeira base do Premi Josep Pla de Prosa concedido pola Editorial Destino e do que hai poucos semanas se conmemorou o 50 aniversario. Este galardón premiou novelas: Onades sobre unha roca deserta, de Terenci Moix, foi o primeiro libro premiado e lanzou na literatura catalá o seu autor. O ano seguinte o premio concedeuse a Baltasar Porcel, non descubriu un autor, mais si que, digamos, o “canonizou”. Noutras convocatorias concedéuselles o galardón a novelistas como: Robert Saladrigas, Llorenç Villalonga, Miquel Àngel Riera, Gabriel Janer Manila, etc. En 1970, na súa terceira convocatoria, premiouse o libro de Tomàs e Teresa Pàmies, Testament a Praga: foi o primeiro libro de testemuño premiado polo “Josep Pla”. Logo houbo outros como El vel de Maia, de Marià Manent, Temps barrat, de Alexandre Cirici Pellicer (segundo volume das súas memorias), Gent que he conegut, de Jaume Miravitlles, Quadern venecià, de Àlex Susanna e outros máis; libros de testemuño, de memorias ou dietarios. En 1976 gañou o premio Josep Maria Castellet co ensaio Josep Pla o la raó narrativa e en 1998 Valentí Puig con L’home de l’abric, outro ensaio sobre Pla. No 1975, Enric Jardí gañárao con Història del Cercle Artístic Sant Lluc. En 1995 Isabel Olesti gañouno con Dibuix de dona amb ocells (contos). Dez anos antes o premio concedérase a Dotze biografies imperfectes, de Gerard Vergès, que se pode considerar un libro de relatos, etc. Estatisticamente, digamos que o 60% dos libros premiados foron novelas e o resto está conformado por libros de memoria, dietarios, libros de ensaio, de contos, etc.

Si, penso que o Premio Blanco Amor pode reconverterse e facer un novo servizo á literatura galega. Os xéneros de que falamos enriba: dietario, memorias, libros de viaxe, etc., case non existen na nosa literatura, talvez necesiten un trampolín para o seu lanzamento, por que non pode ser o Premio Blanco Amor ese trampolín? A crise da nosa novela non se vai resolver xa a base de premios literarios. Talvez a desaparición destes premios de novela axudase, por efecto de rexeitamento, á renovación da nosa novela. Unha renovación tan urxente como necesaria. Mais ese é outro problema. O problema actual é que diversos xéneros literarios que están no ámago da nosa contemporaneidade, como dixemos, non gozan do favor editorial no noso pais e, xa que logo, do favor dos escritores, porque ninguén, ou case ninguén, escribe para que non lle publiquen. O que non sabemos é se gozarían do favor do lector. Teñan vostedes o valor necesario e reconvertan o Premio Blanco Amor. Non o limiten á novela porque, estou seguro, os membros do xurado volveranse atopar na mesma situación que o da pasada edición: premiamos ou non premiamos? Ante a dúbida, mellor non premiar.

Evidentemente, señoras e señores, deben vostedes manter, entre outras, base oitava: “Oitava.- O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado”.

Desexándolles que teña un bo 2018, despídese de vostedes o s. s. s.

13 thoughts on “Unha idea para renovar o xénero narrativo en galego

  1. Totalmente dacordo, entre o amiguismo literario(esa parede invisible para os novos autores sobretodo se tentan facer algo diferente), a ofuscación en vellos estándares… mataron a este tipo de premios, que xa son algo ritual sen peso de ningún tipo que non sexa o decorativo…triste

  2. Hai unha parte do artigo que non sei se é sarcasmo ou XGG o di realmente o que pensa. Se é sarcasmo, todo o artigo debería selo, e unha vez lido non é o que me pareceu, por iso vou falar coma se non o fose.

    Refirome á parte na que menciona ós libros de relatos. E desgloso o meu comentario en 2 partes.

    Unha, afirmando que a forma de valorar un libro de relatos e unha novela é idéntica. Se les 1/3 dunha novela e che parece mala, continuas? para que? O mesmo pasaría cun libro de relatos. E se les 1/3 da novela e che parece boa, que fas? Ou a xulgas con esa info ou continuas para verificar que non perda calidade. O mesmo que cun libro de relatos. É máis, co libro de relatos podes lelos en calquera orde e empezar polo final se cres que o autor puxo os bos só ó principio. De feito, calificar un libro de relatos curtos pode ser máis rápido que facelo cunha novela.

    E dúas, dicindo que non hai revolución se non é unha revolución para todos. Non vale sacar o fouciño para reivindicar o libro de memorias, de viaxes, a novela curta, a biografía e o ensaio e ós contos se lle siga dicindo “contigo no, bicho”. Os libros de relatos son tan valiosos como as novelas. Vouno dicir doutra maneira para deixalo mais claro: un libro de relatos maxistral é tan maxistral coma unha novela maxistral. Pódese cambiar a palabra “maxistral” por “pésimo”, “mediocre”, “alucinante” ou calquer outro adxectivo.
    Pensar o contrario é facelo con prexuizos ou complexos.

  3. Parabéns. Todo moi rico e moi ben presentado, si.

    Agora, ao tema: pero que carallo fai Montse Pena Presas nesa foto??? Que o xurado deixou o premio baleiro porque ningunha das obras daba o talle!!! Que se reivindicaba a excelencia no ditamine!!! E Montse aí!!! No medio!!! Impasible o ademán!!!!
    Para aquela persoa non iniciada, todo isto pode soar estraño, porque Montse hai tempo que perpetra crítica literaria polo país adiante, e o normal (o normal… xa me vale) é iso: atopala no xurado dun premio de cousas para ler. Mais, como xuíza, ocorre que Montse é quen de defender o si, o non e o todo o contrario así todo xunto, de vez.
    Para comprender todo isto, cómpre poñérmonos en antecedentes, e para iso pode resultar bastante instrutivo botarlle un ollo aos primeiros dez minutos do seguinte vídeo. Na! Que digo instrutivo, indispensable. Botádelle un ollo porque estades ante un plano secuencia que entrará por dereito propio no olimpo cinematográfico patrio:

    https://vimeo.com/231417690

    Que, como vos quedou o corpo? Impresiona, que non? Ver a Montse aí, soltando con alegría que o nivel da nosa narrativa é manifestamente cativo, que se publica máis do que se debera e outras perlas polo estilo que empurrarían a calquera a caer de xeonllos aos seus pés para proclamar co corazón nun puño: “Namorei, Montse! Quero pasar o resto da vida contigo!”. Confeso que eu aínda non me dei recuperado do frechazo inicial, mais, coma en todos os noivados, a pouco de coñecer a outra parte, comezas ver que non todo era tan marabilloso como semellaba.

    1. E é que Montse é unha muller capaz de soltar semellante proclama diante dunha cámara e quedar toda pancha, mentres que noutra galaxia moi, moi afastada, nunha realidade literaria alternativa, a outra Montse, cómplice de (entre outros moitos delictos) participar na famosa tabela dos libros xunto a outros cantos sospeitosos habituais (habituais… se é que cando me poño…), non ten vergonza ningunha en elevar ao altar da excelencia excrecencias literarias coma a que segue:

      https://blog.xerais.gal/2017/o-potencial-do-autor-para-contar-historias-de-misterio-con-asasinatos-segredos-de-bretana-de-carlos-g-reigosa-critica-de-montse-pena-presas/

      Ollo aí a cando, logo de poñer polas nubes unha novela con máis sabor a chumbo que un caramelo de tubaxe, Montse remata o seu labor comerc… perdón, cando Monste remata a súa análise crítica dándolle as grazas á editorial por, entendo eu, o exemplar que lle mandaron. Asín, cun par. É dicir, senta cátedra sobre como no país publicamos por riba das nosas posibilidades, asina (supostamente) unha resolución na que se reivindica a calidade literaria, e simultaneamente pon polas nubes “Segredos de Bretaña”!!!! E a editorial encantada!!! Pero en mans de quen estamos a deixar o suposto canon ese, cristo bendito!!!
      Alguén dirá: “Home, é a súa opinión, non?”. Claro, e a miña como crítico cinematográfico é que “Andrei Rublev” é bastante cativa, pero para cine con maiúsculas, “Los Energéticos”.
      Se cadra, neste intre do relato, sería convinte recuperar o vídeo do meu anterior comentario para ver a Montse riscar libros (si, si, si: riscar) que non son do seu agrado persoal nun encerado dixital, pero non en base ao seu maior ou menor valor literario, non: en base ás súas teimas ideolóxicas!!! Semella Belín, 1936, pero non, sucede durante os primeiros dez minutos pasada a primeira hora de doutrina. Despois moito Oliver Laxe e moito Novo Cinema Galego, pero logo de ver a Montse riscando libros nun vídeo, xa pode o señor Laxe buscar produtores podres de cartos que non vai dar acadado semellantes niveis de narrativa visual.

      E a que vén todo isto? Pois ben a que o problema non está neste ou naquel premio ou certame. Nin sequera no canon, xa que, prostituído como está, nin sequera cómpre referirse a el como tal. O problema de base está nas editoriais, que andan todas a mover o rabo diante deses catro ou cinco gardiáns para a doutrina da fe que teñen o sistemiña nas mans, para ver se lles publicitan os libros, mentres que estes catro ou cinco fenómenos fan o propio, e moven o rabo diante das editoriais para que lles enchan os andeis de balde ou, deus non o queira, os petos de cartos. No entanto, nin uns nin outros semellan estar moi preocupados por ver que fan os lectores.

      (NOTA: a culpa é de Feijóo… a culpa é de Feijóo…)

      Así que si, retomando o fío do artigo, temos unha narrativa de tipo “Sexto sentido”: non é que estea terminal, é que está morta, malia que algúns nos resistamos a crer que espichamos. Polo menos, podemos presumir de non ter as mans manchadas co noso propio sangue, que xa é bastante.

      Saúdos.

      1. Pablo: Non entendo a que vén atacar a Montse Pena Presas aproveitando que a viches nunha foto. Formou parte do xurado (tamén eu) e dixo o que quixo e o que lle pareceu. E o mesmo fará no seu día a día como crítica. Este non é o lugar nin o medio para ningún ataque persoal que ademais inclúe referencias ao Berlín nazi ou ao sangue nas mans ou á prostitución. Non vou borrar o comentario porque vai asinado por ti, Pablo Fernández Barba, e es ti quen se ha facer cargo do que aí pós. Pero ‘Biosbardia’ non comparte a túa opinión e considéraa bastante inxusta, sen razoar e baseada en temas persoais aos que son alleos os lectores desta revista. Polo tanto, non admitirei futuros comentarios deste ton de non estaren abondo xustificados. Grazas.

      2. Vén a conto de que non se pode estar en misa e repenicando á vez, César.
        E falo dela porque non me colle na cabeza que coa liña de crítica que segue (moi allea a cuestións literarias) e poñendo na diana, xa non libros (que tamén, como podes ver no vídeo, que manda moito carallo de deus riscar libros no 2018) senón autores que non coñece de nada para que uns segundos disparen e uns terceiros recollan os froitos, paréceme incompatible cun ditamine no que se di defender a excelencia literaria.
        Con todo, como podes ler, falo tamén de ‘resto de sospeitosos habituais’. E asino co meu nome, non co da túa páxina. E fágome responsable único do que aí pon. E o que aí pon, é que os culpables diso do que tanto nos laiamos uns e outros aquí teñen nome e apelidos (ademais de Núñez Feijóo, digo). E semella que falar deles dá certo incomodo.
        Pois ben estamos.
        O canon blablabla… O sistemiña blablabla… A excelencia blablabla… Pero cando a un autor lle retiran do prelo a novela a 3 días da presentación, ninguén di nada. Cando a outro se lle retira do circuíto comercial baixo intolerables acusacións persoais, tampouco ninguén di nada. Cando ao fundador dun proxecto editorial o invitan a marchar da súa casa, outra vez ninguén di nada. Cando alguén fai listas de libros que se poden e que non se poden ler nos centros educativos, tamén calamos. E agora que esa mesma xente se arroga a defensa da excelencia, pois nada, a seguir calando.

        E mira: non.
        Cando a estas alturas do naufraxio, ademais de todos os males que nos asisten, temos que sufrir censura, non me pidas que cale, porque non.
        Aínda que, tamén é verdá, só pola que vos caeu coa garatusada da infantilización da literatura galega, como para sinalar culpables. Quen me mandaría a min, ho!

        Aperta!

        P.S.: falo de Berlín 1936 en clara alusión a prácticas pirolíticas que semellaban pasadas (pero non), de sangue nas mans porque a narrativa non morre, estana matando, e de prostitución porque o canon que temos hoxe é á literatura o que o sexo pagado ao amor. Non lle busques máis voltas que non as hai.

  4. Eu aínda poñería unha cláusula máis, que evitaría moita trapallada: Que ningún representante de ningunha editorial estea presente na deliberación do xurado.

  5. Penso que hai unha grande investigación por facer no terreo da historia literaria galega, que é: por que nun momento dado nos 80 e primeiros 90 nos deu a todos por pensar que o mellor xeito de dar pulo e dignificar a literatura galega (se cadra só a narrativa) era crear premios? Porque podemos argumentar que todo sistema literario ten os seus premios e entón era unha cuestión de normalización, pero vaia, noutros sistemas literarios tamén hai outras cousas que non copiamos.

    O conto é que parece que se segue un pouco coa mentalidade daquela; ás veces cando vexo o anuncio dun novo premio (non todos, ollo) a impresión que levo é que hai algún concelleiro ou técnico de cultura voluntarioso que quere facer algo pola literatura e organiza un premio porque é o que toca, sen pararse a pensar moito que se cadra outros proxectos serían máis interesantes. Logo o que adoita suceder é que o premio deixa de convocarse cando o goberno municipal cambia de mans, ou cando tras unhas cantas edicións as obras premiadas pasaron sen pena nin gloria, etc.

    Vou facer unha achega máis ás bases: os nomes dos membros do xurado, que se publiciten por adiantado nas bases.

  6. Eu o que vexo por aquí é moita dureza, moito sangue fervendo, un chisco de clasismo e moito sentar cátedra. Falades da excelencia das obras (e, por extensión, das autoras) pero non da excelencia do xurado (que non discuto, non coñezo ninguén, pero si teño o dereito de por en dúbida). Porque a palabra “excelencia” (se non vai dirixida a un militar) implica case que a perfección, esa que non existe. Implica que non pode haber literatura se non é excelente (fóra a literatura de simple lecer). Implica que non pode haber restaurantes sen estrela Michelin (fóra as fondas e as casas de comidas). Implica que non pode haber fútbol de barrio (fóra o deporte amateur)… O que me quedou claro é que as novelas presentadas ao Blanco Amor non eran (a xuizo do xurado) “excelentes”. O que nunca saberei é se eran puro lixo, infumábeis. Tamén me quedou meridianamente claro que non vin en todo o artigo o máis mínimo respecto polas autoras. Xustamente, no argumentario ábrese a porta a moitos tipos de literatura. Poño un exemplo (aproveitando a cantidade de exemplos de literatura catalá expostos): Manuel de Pedrolo (que non é precisamente autor da miña devoción), posto a parir nos medios “excelentes”, tanto da “droite divine”, como da “gauche divine”, foi un súper ventas en vida co topicazo “Mecanoscrit del segon orígen”. Entón pregúntome: e non será que quen mata á literatura en galego (no senso de que non atrae ás lectoras) é a xente que só entende esa literatura como “excelencia”? E non será que compre máis literatura popular para que haxa máis lectoras? Nun ecosistema literario poden convivir moitas especies, e non me parece que sexa malbaratar os cartos públicos se se premia unha boa novela, que non é excelente, que non pasará á historia universal da literatura, pero que pode proporcionar unhas boas horas de evasión (evasión do cárcere da vida) ás potenciais lectoras, mesmo aumentando o número destas, facendo así máis pola literatura galega que o que se acada declararando deserto un premio literario. É só unha opinión.

    1. Entendo o teu argumentario, eLector, pero penso que as túas son unhas reticencias que teñen pouco reflexo na realidade. A xente que só entendemos a literatura como “excelencia” non estamos matando a literatura galega. Que capacidade de aniquilación temos? A maior parte dos blogs de crítica dan por xeniais todas as novelas que recensionan. Galaxia e Xerais sacan novos libros sen parar (as editoras pequenas tamén). E a cantidade de lectores que deixen de mercar x libro porque alguén diga que é malo é insignificante.

      Que un premio quede deserto conforme ó que dictan as súas bases é unha excepción no sistema, tan lexítima para o xurado coma dar un ganador (do contrario non estás aceptando as normas do certame). E non creo que fose porque non había ningunha “excelente”, senón simplemente porque as consideraron inmerecedoras do premio pola súa baixa calidade.
      Non te obsesiones co da excelencia. Dicir que o premio quedou deserto porque se busca a excelencia é só unha tirita para o ego dos autores. Estou seguro de que se houbera unha novela que o xurado considerara “boa”, “decente”, ou mesmo “pasable” seguramente gañaría o certame.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *