BiosBardia

O país dos libros en galego

Unha novela colonial galega

Con lentes de sol, Josefina, muller de Gómez Vilabella, xunto a veciñas de El Gali.

Xesús González Gómez.

Alá polo ano 2000 publicouse un libro que se non é importante, iso depende do punto de vista de cadaquén, cando menos é interesante, aínda que só sexa pola información que achega: La novela colonial hispanoafricana. Las colonias africanas de España a través de la novela, de Antonio M. Carrasco Gómez, publicado por Edicións Sial, de Madrid, na colección ‘Casa África’.

Carrasco Gómez informa de canta novela, libro de relatos e mesmo de viaxes e/ou impresións sobre as colonias africanas de España se publicaron –en español e en España– até, máis ou menos, 1999. Nin que dicir ten que “prevalecen” as novelas (ou os libros de viaxes e narración) de carácter puramente colonialista: é dicir, novelas, relatos, en que se glorifica a acción colonizadora de España naqueles lugares (Marrocos, Sahara, Sidi Ifni, Guinea..) e normalmente vese o mouro (ou o negro, caso de Guinea) desde un punto de vista paternalista, reaccionario e maiormente racista. Tamén é de subliñar que moitos autores da dereita reaccionaria que se dedicaron a escribir sobre as colonias, e algo menos sobre a vida colonial, enxalzan, cando de cidades marroquís se trata, os xudeus, sobre todo se son de orixe sefardí, etc. En fin, que como non queremos facer unha recensión do libro non imos espraiarnos máis, só subliñar o que di Carrasco Gómez no prólogo: “Ao final predominarán as novelas de ambiente bélico e será a guerra a que mellores libros deixou [obras de Arturo Barea, J. Díaz Fernandez, Ramón J. Sender]. Aínda hoxe aparecen algunhas onde o militar é o importante, carecendo entón e agora case por completo, de novelas dedicadas á vida civil no Protectorado [Marrocos] […] No caso de Ifni ou Sahara apenas hai referencias contemporáneas [é dicir, no tempo en que estes territorios eran aínda colonias españolas] e moi poucas novelas posteriores…”

Para información do lector que non coñeza o libro nin saiba, como quen isto asina, moito do tema, digamos que escribiron novelas, libros de recordos ou de viaxes sobre as colonias, sobre todo Marrocos, autores como Pedro A. Alarcón, Pérez Galdós, os tres citados mais enriba, Manuel Leguineche, Jesús Torbado, Ramón Buenaventura, Juan Goytisolo (aínda que este autor non se pode considerar como escritor colonial), Ángel Vázquez, cuxas novelas se desenvolven todas en Tánxer, e outros[1].

Carrasco Gómez non o di mais, que é necesario para que se lle engada a unha novela o adxectivo de colonial? A grandes trazos, podiamos dar os seguintes puntos ou “premisas”: a acción debe situarse nunha colonia; debe pórse en escena un colonizador que á vez se relaciona cos colonizados, que deben ocupar o primeiro ou o segundo plano –por presenza, desexábel; ou por ausencia–; a relación de dominación; a descrición, ou, cando menos, a evocación dos conflitos dos modos de vida ou dos modos de cultura: os valores do colonialismo poderán ser gabados ou combatidos, etc. Mais, e sobre todo, debe evitarse calquera trazo de exotismo, xa que a novela pasaría a ser outro tipo de novela, que aínda que pode ter relación co que denominamos “novela colonial”, normalmente convértese nunha novela exótica ou estraña, máis ou menos pintoresca, etc. De aí que, por exemplo, non se poida considerar unha “novela colonial”, aínda que se desenvolva na África do XIX, As florestas do Mañuema, de Xosé M. Martínez Oca, que é unha novela de aventuras. Ou as diferentes obras de Xavier Alcalá que se desenvolven en espazos americanos, Arxentina, sobre todo. Latitude Austral, para min a mellor desta serie de obras, se ben trata de colonizacións, non é unha novela colonial. Por non falarmos de Os kowa, de Xavier Queipo, etc.

Todo este pequeno prolegómenos vén a conto porque acabo de ler unha novela galega “colonial”. A única, que eu saiba. A única que, para quen isto asina, cumpre cos requisitos ou premisas que adiantabamos no parágrafo anterior. Evidentemente, o seu autor é un case, ou sen case, perfecto descoñecido para aqueles que se moven (nos movemos) no “ambiente” da literatura galega actual –o autor aínda, felizmente, está vivo–, a pesar de que publicou diversos libros en galego (e en castelán), colabora en xornais como El Progreso ou publicou nalgunhas revistas… e ten un blog: Xosé María Gómez Velabella (1930), cuxo nome é consignado no Diccionario da literatura galega, tomo autores, dirixido por Dolores Vilavedra (o/a redactor/a da entrada, a todas vistas, non leu nin un libro de Gómez Vilabella). E se o lector curioso pica no Google, aparecen moitas entradas dedicadas ou que falan deste escritor. No entanto, e a pesar de entrar no mencionado dicionario, podemos consideralo, en certa maneira, como un autor subalterno, tal como o definimos non hai moito nestas mesmas páxinas.

Gómez Vilabella que, infelizmente, acho, non traspasou os límites do pequeno ambiente ou círculo ao que se dirixe, en primeira e case última instancia, o escritor subalterno, deberá entrar, que non entrou aínda, que nós saibamos, nas historias da literatura galega por unha novela, se máis non (a verdade, é a única obra que coñezo del; non sei se escribiu outras en galego): Cacería de ciclóstomos en Ifni (A Coruña, Editorial Berlán, 1991[2]). Deberá entrar como precursor dun xénero de narrativa que non existía, ou só existía infimamente, por así dicilo na nosa literatura: algún conto e talvez pouco máis, confeso a miña ignorancia: a literatura colonial.

Cacería de ciclóstomos…, digámolo de entrada, é unha novela autobiográfica ou que contén moitos elementos autobiográficos, e, como tal, tamén é un “axuste de contas” cos anos que pasou o autor naquel lugar, Ifni (de 1954-67), como empregado bancario. Por outra banda, o autor non se preocupa moito por problemas de estrutura: divide a súa obra en capítulos máis ou menos longos, e se ás veces conteñen unha pequena introdución informativa e/ou descritiva, esta adoita non ter moita importancia: a información na novela está nos diálogos e nas cartas que Raimundo, un amigo do “narrador”, galego coma el (polas informacións que dá o autor, aquela “colonia” española estaba chea de galegos: civís e militares), lle envía á súa noiva coruñesa. É por medio dos diálogos que o lector se vai informando –ou é informado– de como era a vida naquel Ifni colonial: as divisións entre militares e civís, as diversas clases de civís, a función das mulleres e das “cuñadas”, as patentes divisións de clase, o colonialismo exercido ás veces paternalmente, outras desprezativamente (“[…] estes nativos son uns dexenerados, unha raza en descomposición”), o desgoberno que existía na colonia, a compra de “notables” por parte do goberno español, a deixadez total cara aos habitantes do Ifni (nun momento determinado, nun dialogo, dise que se ben os franceses desprezan os nativos máis que os españois, pero cando menos lles fan escolas, etc.), a censura na correspondencia, a prohibición de intimar cos nativos –considerados sempre seres inferiores–, o ruxe-ruxe dunha rebelión nativa sempre, por outra parte, incitada e apoiada desde Marrocos, o enfrontamento-debate entre as dúas relixións, a católica e a mahometana, os negocios, máis ben ilegais que se facían no Ifni, o esquecemento deste territorio por parte do goberno español, a vida cotiá dos colonizadores etcétera etcétera. Todo isto desde unha ollada máis ou menos crítica. É dicir, nunha primeira instancia atopámonos cunha “novela colonial”, e dentro deste, digamos, “xénero” ou subxénero, cun “subconxunto”: a novela colonial anticolonialista… pero menos. Menos como se demostra cando a insurrección de 1957, na que os críticos co colonialismo (críticos que non poden dicir en voz alta o que pensan) tamén collen as armas para se defenderen.

No entanto, pódese considerar Cazar ciclóstomos… unha novela anticolonialista, se non afondamos demasiado, o que tampouco fai o autor, xa que narra a súa novela en ton humorístico, como se todo o que acontecía no Ifni fose unha broma –porque broma era o territorio “colonizado”, as construcións que se erguían, as ordes que emanaban tanto do gobernador da colonia como de Madrid, etc.– que se puidese arranxar con diálogo; diálogo ao que chama ao longo de toda a novela, e o diálogo, sábese desde hai séculos, só pode darse entre iguais, e no Ifni non había iguais, había, simplemente, dominados e dominadores, como en toda colonia.

A pesar de todo, e a pesar de mesmo non ser unha novela boa, Cazar ciclóstomos… lese doadamente, non só polo ton humorístico (o autor pon como epígrafe unhas palabras de Celestino F. de la Vega, tiradas de O Segredo do humor: “O humorismo que non quere entregarse á traxedia, á dor, á tristura, á lamentación dramática e xesticulante, non ten máis remedio que escarnecelos, mofarse deles, ata chegar ó lubidrio e ó sarcasmo nos casos extremos”), senón porque o lector está a esperar a ver que “máis conta” o narrador, sabendo que o que vai “contar” envolve unha nova información de feitos. Por outra parte, hai que matizar o de humorismo. O humorismo usado polo autor é máis escarnecedor ou “mofador” que sarcástico, claro, xa que o sarcasmo é revolucionario e humorismo “mofador” ou satírico acaba banalizando a política, como avisara no seu día Theodor Adorno. Non é que entre as intencións de Gómez Vilabella estea a de banalizar a política (ou si, cando menos a política “oficial”), nin mesmo o que acontecía no Ifni (aínda que bote man demasiada veces do humor groso e considere case todo o que alá acontecía como unha gran broma), mais o resultado é ese, porque, finalmente, ese é o resultado de toda sátira. Resultado non buscado, pero xa se sabe, o camiño do inferno, e máis o do inferno literario, está empedrado de boas intencións. O que si intenta o autor con esta novela  é, en certa maneira, “desmitificar” tanto a “grandeza” do colonialismo español como, sen proclamalo –e ás veces sen deliberación– a loita ou resistencia dos nativos, que resultan só ser, seica, axentes do Marrocos, aliado de España, mais tamén dos estadounidenses –como o era, e aínda o é, esta última–, que coartan a resposta armada española á rebelión.

Gómez Vilabella, polo demais, non se preocupa por outro “estilo” que non vaia directamente ao espírito do seu lector, que albisca “popular” (ou subalterno), coñecido, veciño, porque el así o quere. O que el desexa é que as cousas vaian rápidas, que ese lector popular non se aburra, que reciba o que el (o autor, mais tamén o lector) desexa: información e sátira, política e de costumes. E no que respecta ao conxunto de “acontecementos” que aparecen na novela, novela na que o tempo non semella transcorrer, non responden a unha relación de intencionalidade estética, senón a unha causalidade que poderiamos denominar, así, un pouco pedantuelamente, “insubsistente”; “causalidade insubsistente” que se debe a unha estrutura narrativa basicamente irreal, a unha prolixidade ás veces fatigante, a un maniqueísmo pouco matizado, á dispersión á que tende ese conxunto de acontecementos, etc.

Mais non carguemos as tintas. Cazar ciclóstomos… é unha novela que se non atrapa, tampouco cae, de primeiras, das mans. E non cae porque o lector espera, a cada capitulo, máis información (non en van o seu autor denomínaa “novela-documento”), non do que lles pode acontecer aos seus “protagonistas”, senón da vida na colonia, de que acontecía en verdade no Ifni. Noutras palabras, nas intencións do autor tampouco estaba entregar unha novela literaria, senón transmitir unha información ao lector sobre anos determinados nun lugar determinado: unha colonia española. Información que o autor considera que non se deu, ou que se deu, e aínda se dá, equivocadamente, ou parcial e, sobre todo, partidariamente. E en verdade, a pesar do humorismo, da sátira, do sal groso, da baixa calidade literaria da novela –nótase que foi escrita moitos anos despois de que o autor abandonara o lugar dos feitos: os personaxes da novela usan palabras e expresións que se puxeron de “moda” a partir dos oitenta; e hai momentos en que os diálogos non son verosímiles se se contextualizan historicamente: segunda metade dos 1950 e primeira dos 1960, o que non quere dicir que non sexan “reais”, ben que o dubidamos; tamén, talvez, fallou, en certos intres, a memoria–, información hai moita: non en forma de documentos, senón a base de diálogos. Talvez por todo isto –e porque na novela non existe tampouco unha vontade de estilo, nin a busca de estilo–, e porque en última instancia non é a presente unha novela “literaria”, habería que falar desta obra desde outra perspectiva. Desde unha perspectiva cultural.

Toda obra de arte é interesante por si mesma en canto satisfai unha esixencia da vida, afirmaba Antonio Gramsci. Mais a primeira esixencia da obra de arte é ser interesante por si mesma, continuaba a dicirnos o comunista italiano. Mais á parte diso, unha obra de arte pode interesar por outros conceptos, ou pode ter outros “elementos de interese”. Elementos que poden ser, ou son, infinitos. E ilustra esta hipótese (ou tese?) con exemplos: “Un gramático pode interesarse nun drama de Pirandello porque quere saber cantos elementos lexicais, morfolóxicos e sintácticos introduce ou pode introducir na lingua italiana literaria: velaquí un elemento ‘interesante’ que non contribuirá moito á difusión do drama en cuestión. Os ‘metros bárbaros’ de Carducci eran un elemento ‘interesante’ para un círculo máis vasto, para a corporación dos literatos de profesión, e para aqueles que intentaban chegar a selo: foron polo tanto un elemento de ‘éxito’ inmediato xa notábel, contribuíron a difundir algúns miles de exemplares dos versos escritos en metros bárbaros. Estes elementos ‘interesantes’ varían segundo os tempos, os climas culturais e segundo as idiosincrasias persoais”. Pero o elemento de “interese” máis estábel, segundo Gramsci, é o “ interese ‘moral’ […]. Estreitamente ligado a este está o elemento ‘técnico’, nun certo sentido particular, é dicir, ‘técnico’ como maneira de facer entender do modo máis inmediato e máis dramático o contido moral da novela, do poema, do drama: así temos no drama os ‘golpes’ de escena, na novela ‘a intriga’ predominante, etc. Todos estes elementos non son necesariamente ‘artísticos’, mais non son tampouco necesariamente non artísticos. Desde o punto de vista da arte son, en certo sentido, ‘indiferentes’, é dicir, extra-artísticos: son datos de historia da cultura e desde este punto de vista deber sen valorados».

Segundo Gramsci, que isto sucedera (sucede así) vén dado, precisamente, pola denominada “literatura mercantil”, na que o “interesante” non é nin inxenuo nin espontáneo, nin esta intimamente fundido na concepción ou na intuición artística, “senón [que é] procurado no exterior, mecanicamente, dosificado industrialmente como elemento seguro de ‘éxito’ inmediato[3]. Isto significa, en todo o caso, non obstante, que tampouco a literatura comercial debe ser esquecida na historia da cultura: incluso ten un valor grandísimo precisamente desde este punto de vista, porque o éxito dun libro de literatura comercial indica (e a miúdo o único indicador existente) cal é a ‘filosofía da época’, é dicir, que masa de sentimentos [e de concepcións do mundo] predomina na ‘multitude’ popular”[4].

Evidentemente, este non é o caso de Caza de ciclóstomos…, xa que non gozou de ningún éxito popular nin dos outros –mais talvez si chegou ao público, ao lector, ao que se dirixía. E tampouco actúa, como ese tipo de literatura mercantil, a modo de “estupefaciente”, xa que, en certa maneira, o autor quere situarse por riba dese tipo de literatura aínda que use dela (no sentido de fuxir de toda procura literaria que espante o posíbel lector que se busca, é dicir, un lector popular e de usar algúns deses elementos que noutros autores axudan ao “éxito” máis ou menos inmediato). Porque o autor desta novela, a pesar de citas “cultas”, etc., procura ante todo un público popular, mais antes que a procura dun público, o que quere o autor é informar de todo canto sucedía no Ifni e por que sucedía. De aí que o seu “elemento de interese”, en primeira instancia, estea na información que vai entregando páxina a páxina (información ás veces tamén relativa a Galicia ou os galegos (diálogo entre o narrador e un mouro amigo que estivo durante en 1934 e en 1936 en España, para reprimir a revolución de 1934 e para axudar á rebelión franquista): “Os galegos sempre chorando; ¡é polo que din de nós en Madrid! Choramos porque somos aínda máis submisos cós mouros, digo, ¡musulmáns!, que xa sei a vosa teima”… [Cando se refire a Galicia, ou fala dela, á súa situación, digamos, económico-social, a obra deita se non unha conciencia de clase, si unha “posición de clase”, que é o primeiro paso para chegar a esa conciencia: léase integramente o diálogo citado no parágrafo anterior.] Elementos que, evidentemente, non son literarios senón de cultura. e o seu segundo elemento de interese, que nada ten a ver coa calidade literaria intrínseca da obra,é que inaugura un xénero ou subxénero na literatura galega; inauguración,tamén é verdade, que aínda non foi recoñecida por ninguén.

“[…] Territorio [o Ifni] gobernado por un omnipotente e fiel Xeneral Gobernador Xeral, cumpridor da pacífica convivencias sempre que se cumplise un tácito apartheid”; “¡Esto é España; tanto como Almería! ¡Que esto non é Protectorado!”, “[…] Todo se fai con miras ó lucimento e á comodidade españolas, sen planificar de forma axeitada,asentando edificios onde, según entendo, habería que enxertar cultura. En definitiva, que con esta fanfarria nosa débese estar incubando un clima de envexa, de racial envexa, de humillacións,que Deus sabe a que pleitos nos leva”, “Os Notables trasvasando para Suiza; e os desfarrapados bebendo té e papando algún que outro pinchito. Por parte española, os militares acumulando abonos dobles; e militares e civís aguantándose mutuamente, todo polo Patria, á costa da Patria, facendo Patria e peto simultáneamente, en cordial entente presupuestaria”, “Que na Zona a xuventude está a bramar polo aillamento de Mohamed V; e que empeza a haber fuxidos, como daquela en Galicia, na guerra. Polo que conta, está acabándose o ‘Si, bwana’ dos escravos. ¡Ben, é un dicir, que escravos non só os que levan argolas nos pés!”, “Eu só atopo [a falar da conduta dos españois] tres verbas axeitadas, ¡altanería, insuficiencia e insolidaridade”, “Como algún día che dé por falar dos segredos do Territorio, querido amigo, vas de cú, que como son tantos e tan gordos ninguén chos crerá. ¡Ademais terás que esperar a ser vello, para que non che metan no cárcere de Amezdog!”, “¡Discrepo pola maior! No de civilizar, sempre foron máis civilizados os vasalos cós señores, supoño que seria polo seu esforzo para rompe-las cadeas do feudalismo, etc. E no de compartir, se te fixases no comercio dos nativos, decataríaste de que entran aquí as pesetas, ¡a caixas!, como sabes, polos sobres dos militares, maiormente, pero logo pasan ós petos da señoras, a eses bolsos de pel de cocodrilos, ¡sen haber aquí cocodrilos!…”, “¡Moritas queren comer, queren vivir; e nosoutros saber de moitos abusos, enganos, falsías…; pero calamos, sempre calamos!”, dille un mouro ao narrador. Este pregunta porque non van a policía, e o mouro contesta: “¿Para qué, para que apunten papela, cachondeo, e safi? ¡Mulana sabe; todos saber, todos calar! ¡Arriba, no Norte, Marrocos, tampouco respetar mujeras! ¡Despois dicir que España estar aquí para civilizar! ¿Civilizar? ¡Nosoutros chitón, pacencia, suerte mulana!”, etc.

Penso que está claro, e aos artigos sobre literatura subalterna publicados nesta web me remito, que as intencións primeiras deste autor non eran, ou non son, as de acceder ao “campo literario”. Gómez Vilabella, como a maioría dos autores/escritores desta literatura que denominamos subalterna, ou ben escribe para si (como, digamos, práctica terapéutica: simplemente coa publicación do libro, aínda que sexa en autoedición, xa se senten estes autores recompensados) ou, o que pode ser a orixe desta novela, escriben solicitados pola esfera familiar, amigábel ou profesional. Noutras palabras, dá a impresión de que esta novela naceu, moitos anos despois de que transcorreran os feitos, porque llo demandou algunha desas esferas (ou as tres). [Lembremos os poemas para bautizos, vodas ou mesmo mortes que os familiares lle demandan a outro familiar ou a un amigo; tampouco está de máis esquecer poemas e contos, e mesmo lembranzas, publicados en boletíns[5] de festas, en revistas de centros galegos espallados polo mundo, etc. Todos estes textos entrarían dentro do que denominamos literatura subalterna.] Facendo suposicións: o autor explicaba estes, ou outros parecidos, feitos aos representantes desas esferas e estes cominárono a que pasase a escrito esas lembranzas.

Ora, se ben esta novela de Gómez Vilabella, como tantas outras –a maioría– que demos en chamar “literatura subalterna” non se debe confundir co que se denomina literatura popular (nin mesmo o que se dá en chamar literatura para as clases populares). Esta clase de literatura é máis ben unha “práctica popular da cultura en sentido restrinxido, unha práctica ‘cultivada’, “artística”, ás veces mesmo reivindicada como tal polos excluídos da cultura lexítima”, como afirma Claude Fossé-Poliak (“Écritures populaires. Note de recherche”, in Politix, vol. 6, nº 24, outubro-novembro-decembro 1993, pp. 168-198). Unha práctica que cómpre estudarmos sobre todo porque forman parte do acervo popular no que a lecturas se refire (ou, cando menos, do acervo dunha, digamos, “fracción clase”)[6], polo que, acho, o seu estudo debe entrar dentro do estudo da cultura, xa que a “incidencia” e “importancia” destas obras, destes textos, se é que teñen algunha, é máis cultural que literaria, sen descartarmos, porén, esta última. E, tampouco hai que esquecer, como dixemos ao inicio, que esta novela, Caza de ciclóstomos… inaugura un xénero (ou subxénero) novelesco que en Galicia non tivo cultores e, tememos, xa non os terá.

Para acabarmos, dúas cousas. a) Esta literatura, penso, é máis unha literatura de clase media (sic) máis ou menos culturalizada ou “literaturizada”, algúns de cuxos autores intentan a “profesionalización”, é dicir, a publicación en editoriais institucionalizadas; e b) unha suxestión para investigadores sen ideas ou en paro: porque non estudar este tipo de literatura? A publicada en libros e os textos aparecidos en boletíns, revistas, xornais, etc. Unha primeira achega sociolóxica a este tipo de textos, e á profesión dos seus autores, sería, por exemplo, estudar e investigar os “autores” que envían os seus relatos a ese “concurso” que convoca un xornal galego cada verán no mes de agosto, no que se publican un bo numero de textos de escritores “subalternos” –subalternos porque consideran, en principio, que o importante é a novela por entregas elixida por “profesionais” da literatura que é presentada como modelo para conseguir a institucionalización– intentan “profesionalizarse”, ou, simplemente, ver o seu relato publicado; publicación pola que a maioría destes autores recibe unha compensación, en principio satisfactoria. Tamén a partir desa investigación (dos últimos cinco anos, por exemplo) podería saberse cantos participantes nese concurso chegaron a se institucionalizar, é dicir, entrar no canon das editoriais.

[1] Vázquez foi “descuberto” postumamente, sobre todo pola novela La vida perra de Juanita Nairobi (1976), mais obras anteriores súas, como Se enciende y se apaga una luz, Premio Planeta 1962, non deberan desestimarse. Nesta novela nótase a intervención da censura: a última frase do libro, que despistará completamente o lector –isto é curioso, porque a finais do franquismo, Vázquez, para poder vivir, exerceu de censor. (Véxase nesta mesma web: A censura franquista: unha historia de delatores e libros feridos.)

[2] Tal editorial, seica, só publicou libros de… Gómez Vilabella

[3] Cantas novelas actuais galegas se botaron a perder, precisamente, por buscaren os seus autores ese “éxito inmediato” introducindo elementos nas súas obras que descompensaban, literariamente falando, estas? Estou por asegurar que un monte delas, e podería sinalar bastantes, mais como non nos trae ese tema, calo.

[4] A. Gramsci, Quaderni del carcere, Turin, Giulio Einaudi editore, 1975, pp. 686-587 (Quaderno 5(IX). 1933-1932: (Miscelánea), § (54). I nipotini di padre Bresciani).

[5] Se a miña memoria non me falla, o primeiro texto un pouco longo escrito en galego que lin-vin na miña vida foron uns poemas no boletín de festas de San Cristovo da Rúa-Petín, hoxe Rúa de Valdeorras, alá polo 1959: era un poema que asinaba un señor que antes de 1936, iso sóubeno logo, militara no Partido Galeguista.

[6] No entanto, talvez este tipo de obras teñan unha incidencia, nun espazo xeográfico restrinxido, nas diversas clases dese territorio. Non debemos esquecer que o autor resulta ser coñecido por todos os habitantes dese territorio, ou oíron falar del, e talvez como curiosidade o lean tanto uns como outros. Evidentemente, toda esta nota é unha pura elucubración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *