Unha panorámica histórica sobre a tradución literaria en catalán (I)
Xesús González Gómez.
Paseando polo barrio de Sans, entrei na biblioteca Vapor Vell (unha das bibliotecas municipais mellor servida en literatura galega). Entrei para ver se había novidades, e non, pero dei cun libro que non coñecía e que collín porque me interesaba o tema que trata: Traducció, món editorial i literatura catalana (1975-2000).VI Simposi sobre traducció i recepció en la literatura catalana contemporània, a cura de Ivan Garcia Sala e Diana Sanz Roig, Lleida, Punctum, 2017. O simposio foi organizado por TRILCAT (Grup d’Estudis de Traducció, Recepció i Literatura catalana, conformado por investigadora/es de diversas universidades catalás.
O libro recolle as achegas do simposio e, segundo nos din os curadores, estas contribucións continúan «a tarefa iniciada noutros volumes anteriores do citado Grup, como Gèneres i formes en la literatura catalana d’entreguerres (1918-1939) (2005), Llengua, literària i tradició (1890-1939) (2009), La traducció i el món editorial de posguerra (2011) ou Traducció indirecta en la literatura catalana (2014) –libros que confeso non coñecer, infelizmente. Nesta presentación, se ben avisan de que a partir de «1986, a publicación de traducións ao catalán experimentou un novo incremento», non deixan de lembrar, «que este aumento foi proporcionalmente inferior ao número de traducións publicadas entre 1962 e 1970, un momento insólito na historia da tradución ao catalán». Foi no momento en que apareceu Edicións 62; esta editorial foi a grande iniciadora das traducións ao catalán na posguerra. Vexamos uns exemplos (até 1970): a colección de narrativa El Balancí, ao acabar a década de 1960 (de 1962 a 1969) acada 60 títulos, sendo este número El dia que va morir Marilyn, de Terenci Moix (grande éxito de vendas). Destes primeiros 60 títulos, 44 son traducións: de Vasco Patrolini a Gombrowicz, pasando por Sciascia, Bassani, A. Sillitoe, W. Golding, N. Mailer, M. Duras, Muriel Spak, Italo Calvino, Henry Miller, H. Böll, J. Dos Passos, Pasolini, G. Greene, Pavese, Carson McCullers, Scott Fitzgerald, Truman Capote, B. Brecht, W. Faulkner, etc: o melloriño da narrativa occidental. De 1963 a 1969, na súa colección La Cúa de Palla, publica 71 títulos de novela policial, dos que 69 son traducións (só dous orixinais en catalán Joc Brut e Mossegar-se la cua, ambos do director da colección, Manuel de Pedrolo), de Simenon a Ross MacDonald, pasando por Hammet, Chandler, Patricia Highsmith, John Le Carré. Ed McBain, J. M. Cain, Frederic Brown, etc. Na colección de ensaio Llibres a l’Abast, dos cen primeiros títulos, 61 son traducións: de Marx a Simone de Beauvoir, sen esquecermos os nomes de Engels, Gramsci, Marcuse, Sartre, Betty Friedan, Ernst Fischer, B. Brecht, Jean Piaget, Karl Jaspers, etc. Dos primeiros 20 títulos da colección de teatro El Galliner, 8 son traducións: Ruzante, Genet, Strindberg, Gorki ou Gerad Haptmann… Tamén publicou Edicions 62 traducións de poetas na colección L’Escorpí de poesía, e en L’Escorpí de pensamento, entre os 30 primeiros títulos de esta última (que chegan a 1971), hai 18 traducións: tres de Karl Marx, dúas de F. Engels, unha de Marx&Engels: La ideologia alemanya (Feuerbach), 2 de Marcuse, un colectivo entre cuxos colaboradores se conta a Marcuse (La tolerància represiva), e con un título autores como B. Rusell, Lévi-Strauss, Vargas Llosa, A. Dubcek, Karl Kosic, Leo Apostel e Norman Mailer (os ideólogos marxistas gañan por goleada). E a colección Blanquerna, de pensamento relixioso, conta tamén con diversas traducións: unhas 40. Sen esquecermos a colección de narrativa para mozos El trapezi, que de 14 títulos 12 son traducións. Este empuxe de Edicions 62 obrigou a outras editoriais, como Proa (Aymà), a pór ao día, na década de 1960, a súa colección de narrativa, A tot vent, e continuar a apostar novamente polas traducións: Sartre (Els mots, La nàusea), Camus (L’estrany), Malraux (La condició humana), Kerouac (Els pòtols místics), Elsa Morante (La meva illa), Dos Passos (Manhatan Transfer), Iris Murdoch (Dins la xarxa), Roger Vailland (La truita), Hemingway (El vell i el mar), Kafka (El procès, traducido e presentado por Gabriel Ferrater), Truman Capote (Desdejuni a can Tiffanys), Pavese (El diable als turons), Graham Greene (El poder i la glòria, El fons de la qüestió), etc. Lembremos que de 1932 a 1938, entre outros autores, esta colección publicou obras de Dostoievski (Crim i càstig, tradución de Andreu Nin), Tolstoi (Anna Karenina, tradución de A. Nin; Resurrecció) Maupassant, Irene Nemirovski (David Golder), Proust (Un amor de Swann), A. Moravia (Els indiferents) ou A. Schnitzler, O. Wilde, Ch. Dickens, etc. Aymà creou tamén unha colección propia de novela policial e de espionaxe, L’enjolit, sendo o autor máis editado Ian Flemming e as súas novelas protagonizadas por James Bond, e outros autores como Eric Ambler, Leigh Deighton e o soviético I. Semiónov, até un total de vinte títulos : como La Cua de Palla, L’enjolit acabou saldada. Tamén as editoriais Nova Terra e Estela publicaron esa década, lembremos, a de 1960, abondo traducións, de libros cristiáns e outros: Jean-Paul Sartre, Henri Alleg, José Luís Aranguren, Manuel Sacristán (ambos publicados tanto en castelán como en catalán), Ernest Mandel, Joseph Conrad, Maurice Dobb, Jean-Marie Domenach, L. S. Senghor, etc. A Editorial Vergara, na súa colección Isard, publicou traducións de Camus: El mite de Sísif, La pesta, L’exili i el regne, L’home revoltat, de Saint-Éxupéry (Vol de nuit), J. Joyce (Retrat de l’artista adolescent), Graham Greene (L’americà pacífic), Orwell (Mil nou-cents vuitanta quatre), Rimbaud (Una temporada a l’infern e Il·luminacions), A. J. Cronin (Enllà), Faulkner (Rèquiem per a una monja), etc. Club Editor, que na década de 1960 publica nove traducións: de Dostoievski (Els germans Karamazov) a Salinger (L’ingenu sedutor, é dicir O vixía no centeo; o cambio de título na tradución seica levantou as iras do seu autor), pasando por Lampedusa (El guepard) ou I. Silone (Fontamara), entre outros.
Nesta década aparecen novas editoriais catalás, como Edició de Materials (Edima), fundada en 1965 por Eduard Castellet, irmán de Josep María Castellet, e Manuel Nadal Abella, xenro do avogado e escritor demócrata cristián Maurici Serrahima[1]. A Edició de Materials, en 1967 aplicáronlle a nova lei de prensa inventada por Manuel Fraga Iribarne e pasou malos momentos, en 1968 acabou desaparecendo. Edició de Materials (Edima) publicou tamén en español case que todos os títulos que publicara en catalán, agás aqueles cuxos dereitos os tiñan editoriais latinoamericanas ou un libro como La CIA, govern invisible, do que a censura só deu permiso para publicar en catalán. Albert Manent, entregou na revista Els Marges (nº 88, Primavera 2009, p. 83-85) un pequeno traballo sobre esta editorial: «Edició de Materials (1965-1988). Una editorial de combat», traballo do que tiramos os nomes dos fundadores e no que comete algúns erros menores: Edició de Materials non publicou só 22 libros (en catalán), como afirma: a editorial, á parte da colección «Història inmediata», cuxos títulos transcribe (os 22 que dá como únicos publicados pola editorial), tiña outras coleccións, como «Notes de societat / Notas de sociedad», en que se publicaron, en castelán e catalán títulos como Economía política. Curs popular, de A. Bogdanov, La inmigració a Cataluña, DD. AA[2]. Outros títulos desta colección son España 1898, de F. Pi Margall, Sociología de la literatura, de Robert Escarpit e Sociología Política, de Gaston Bouthoul, todos estes libros publicáronse en catalán e castelán, agás o de Pi i Margall, só en castelán. Os 22 títulos da «Història inmediata» son todos traducidos: velaí a súa relación, tirada do mencionado escrito de Albert Manent: Robert Merle, Ben Bella; Wilfred Burchett, Vietnam. La segona resistència; David Wise e B. Ross, La CIA. El govern invisible; François Fetjö, Hongria 1956. Socialisme i llibertat;Ania Francos, Sud-Àfrica. Nazisme i apartheid; Isaac Deutscher, Stalin. Biografia política; K. S. Karol, La Xina de Mao; Wilfred Burchett, Hanoi sota les bombes; Evtuxenco, Autobiografia precoç: Malcom X, Malcom X. El poder negre; Pierre Dommergues, Retrat polític dels USA (importante libro cuxo título orixinal é: Les USA à la recherche de leur identité. Rencontres avec 40 écrivains américains); “Les Temps Modernes”, El conflicte àrab-israelita; K. Marx-F. Engels, Cartes sobre El Capital; Robert Sherrill, Johnson, el president accidental; Col·lectiu, Documents de Cuba; Luis Mercier Vega, Mecanisme del poder a l’Amèrica Llatina; John Snomley, El poder militar als USA; Tribunal Russell, Judici a Estocolm (xuízo contra a intervención estadounidense en Vietnam); Jacques Droz, Història del Socialisme: Isaac Deutscher, Trotsky. El profeta armat; A. Du Roy, La guerra dels belgues; Wilfred Burchet, Corea altra vegada.
No citado artigo, Albert Manent escribe: «Aquel ano [1968] saíron aínda unha historia do socialismo, La guerra dels belgues, Trostky, el profeta armat, etc. Algúns foron secuestrados, mais distribuíronse despois dos recursos gañados. Ora ben, un libro colectivo, titulado Documentos de Cuba, disparou todas as alarmas. Comezaba con textos de José Martí, un pai da patria, mais incluía unha lei de Fidel Castro (1960) que era de feito a incautación por parte do Estado das propiedades inmobiliarias e agrarias do país. O vaso da censura rebordou. Secuestraron o libro, vendéronse algúns exemplares nas librarías, mais, xa con débedas acumuladas, a editorial quebrou. Publicara vinte e dous títulos.» (Digamos que libros desta editorial, unha libraría de libro de lance e antigo de Barcelona, hoxe desaparecida, sita na Rúa de Muntaner, entre a Gran Vía e a rúa Diputació, tiña centos e centos de exemplares desta colección até ben entrados os anos 1980.) Todo o que di Manent sobre a quebra da editorial de seguro que é certo, mais tamén houbo outras causas. Nun traballo de Francisco Rojas Claro, Poder, disidencia editorial y cambio cultural en España, durante los años sesenta, reproducido na revista dixital Represura, nº 4, na nota 42 pódese ler: «Una orden de 23 de abril de 1968, dirigida a EDIMA [Edició de Materials] de Barcelona, firmada por Robles Piquer, decía lo siguiente: “Comunico a Vd. que no puede accederse a la tramitación del depósito de la obra (…) ya que esta editorial carece de la capacidad legal para ejercer nuevas actividades hasta tanto quede formalizada su inscripción en el Registro de Empresas Editoriales, considerándose, a todos los efectos, clandestina e ilegal la difusión de las citadas obras, todos cuyos ejemplares deben quedar constituidos en depósito en sus propios locales y bajo su responsabilidad”, en AGA, SC, expediente 4895-68.». A desaparición da editorial impediu que visen luz libros xa escritos ou dos que se pedira a tradución como Història del cinema, de Georges Sadoul, Trotski. El profeta desarmat i Trotski. El profeta desterrat, ambos de Isaac Deutscher, Trujillo, la tramoia d’una dictadura, de A. Espaitllat, e La dona jurídica, da coñecida avogada laboralista Montserrat Avilés.
Houbo máis traducións esa década (Història social de la ciència, de John D. Bernal, Història social de l’art i de la literatura, de Arnold Hauser, Història social de la filosofia, de Bertrand Russel, editados todos por Edicións 62, constando os dous primeiros de dous volumes e o terceiro de tres), pero non se trata de darmos todos os datos, mais lembremos que durante esa década continuaron a publicarse as traducións de clásicos gregos e patrocinadas pola Fundació Bernat Metge, hoxe, esta colección supera os 400 títulos.
Quería falar do libro, dos datos publicados nel, Traducció, món editorial i literatura catalana (1975-2000).VI Simposi sobre traducció i recepció en la literatura catalana contemporánia, mais quixen, antes de entrar en materia dar uns pequenos datos sobre a tradución ao catalán na década de 1960, para apoiarmos os que din os curadores do mencionado libro na súa introdución e, de pasada, informar un pouco a aquele/as lectores galegos e galegas que non coñezan o mundo editorial catalán, mundo do que estamos tan lonxe no noso país. A semana que vén falaremos da tradución ao catalán nos anos que van de 1975 a final de século. É dicir, diremos unha palabras do libro que prometiamos ao inicio comentar.
[1] Serrahima, II volume das súas Memòries de la guerra i de l’exili (Barcelona, Edicions 62, 1981), explica como en marzo de 1938, durante catro días, foi interrogado por membros do SIM (servizo de información militar dominado daquela polo Partido Comunista de España e centralizado naquel momento en Barcelona) como sospeitoso de espionaxe a favor dos franquistas. Mais adiante soubo quen eran os seus dous interrogadores: «El que “manava més” era asturià i es deia Antonio Ramos, i l’altre –no em recordo el nom personal– era gallec i portava els cognoms de Pérez Guerra, amb la u pronunciada. Tots dos eren advocants e pertanyien a la carrera de fiscals. I tots dos eren militants del Partit Socialista» (p. 62). O nome que non lembra Serrahima podemos pólo nós: Ernesto Pérez Guerra, máis coñecido en Galicia como Ernesto Guerra da Cal, que aparece nas páx. 62, 65, 70, 72, 74, 76, 68, 81, 83, 84, 110 e 123 deste tomo de memorias.
[2] Este volume consta de traballos de Antoni Jutglar, Josep M. Muntaner, Àngels Pascual, Antoni Pérez González, cuxa colaboración, «Problemàtica sociològica de la integració dels inmigrants», p. 75-116, debería, aínda hoxe, ser de lectura obrigatoria, Jaume Nualart, Manuel Ribes, Josep M. Martorell e Miquel Siguan, que no seu traballo «La integració dels inmigrants: el punt de vista del psicòleg», escribe –p. 46; traducimos–): «A inmigración galega ten carácteres propios. Parte dunha situación económica e cultural tan baixa ou máis que a andaluza. A aldea galega é máis miserábel e illada que non o pobo andaluz. En cambio, unha división da propiedade máis esaxerada aínda que a castelá e unha tradición migratoria moito máis antiga produce unha emigración xove e ambiciosa. Máis aínda que o castelán, o galego emigra solteiro e é remiso á peonaxe. Ao mesmo tempo, e a semellanza do andaluz, é consciente do seu carácter rexional distintivo. Coma os andaluces, os emigrantes galegos tenden a se agruparen. Máis que os andaluces aínda, continúan sentimentalmente ligados á súa terra de orixe. Mais a diferenza dos andaluces, esta consciencia rexional toma un certo carácter defensivo. A consciencia de comunidade rexional é en cambio moi pequena nos inmigrantes das outras rexións.»
[…] uns meses, nesta mesma web, publiquei un pequeno traballo en dúas partes sobre a tradución ao catalán nos anos 1960, e hai outros tantos meses, a editorial L’Avenç deu […]