BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Unha saca de patacas’, na procura da galeguidade cosmopolita

Francisco Coimbra

César Lorenzo Gil.

Unha saca de patacas, de Francisco Coimbra, podémola definir en dous planos. Por unha banda, é unha novela de cidade, neste caso Macau, a antiga colonia portuguesa, hoxe parte da República Popular da China (cun estatuto especial). Pola outra, é unha novela “lingüística”, no sentido de que a poética xira ao redor das diferentes expresións do galego e do portugués. Os personaxes son a súa fala e o autor interesouse por manifestar as diferentes variantes no texto. Son os seus xeitos de falar os que van definindo a propia función deses personaxes, até o punto de que de cando en vez toman a palabra no canto do narrador principal. Por exemplo, Marilús, a personaxe galega que compite por contar a historia, quere ser un arquetipo, unha paleofalante que esquiva a lingua estándar e atende a todos os tópicos que se esperan dunha persoa maior aldeá, que malia ser emigrante de nova, apenas viaxou por pracer. O mesmo ocorre cos outros representantes de cada unha das culturas desa Galeguidade universal que presenta Coimbra.

A escolla de Macau non é casual. A capital asiática do xogo preséntasenos como a gran metrópole do galego-portugués. Unha cidade feita de anacos en cartón-pedra de imaxes doutras cidades (unha chisca de París, unha chisca de Veneza…) a onde van parar galegófonos, ou lusófonos, dos diferentes puntos nos que se falan variantes lingüísticas herdeiras do galego.

No plano literario, a proposta é frouxa. Abusa dos xerundios, dos adxectivos, dos diminutivos e da voz pasiva. O texto flúe á velocidade dun mastodonte con artrite. O narrador principal está construído con tal solemnidade oca que só podería admitirse moi rebaixado, convertido nunha representación dunha artificiosa lingua literaria. Nese caso quedaría diáfana a visión irónica sobre as posibilidades e excesos da lingua culta, mais e tal e como decidiu empregala Coimbra marca e lastra demasiado a narración.

Outro problema da novela é que consegue moi poucas veces dar unha visión subxectiva de Macau. Conténtase con descubrírnola, consciente da súa ausencia das letras galegas, con documentar a súa historia e mitoloxía, o contraste entre as súas orixes e o seu presente. Intenta equilibrar os mecanismos do narrador omnisciente e épico coas intervencións dos personaxes populares e mais o propio impacto da metrópole e así a obra sae bastante mal parada do triple xogo de pratos chineses.

En definitiva, Unha saca de patacas é unha curiosidade que ten máis interese na teoría que na práctica, interesante porque recoloca o eixe xeolingüística en coordenadas exóticas, pero ao tempo familiares para os galegofalantes. Pero sen suficiente fol como libro de ficción.

♦ Unha saca de patacas, de Francisco Coimbra . Xerais, 2023. 136 páxinas. ♠18,50€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *