BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Vaivén’ vs ‘Lúa chea’

O Arnado coa ponte de Vilanova ao fondo, Allariz. ALBERTO BOTANA.

Xornada 6. Ana Vigo fronte ao invitado enmascarado.

Vaivén

Sentiu un zunido na cabeza. Rapáranlle a cabeza a María? Tentou moverse pero non era quen de facelo. Sentiu voces fóra e o ruído do motor da camioneta. Fora un tiro? Non podía ser. Outro. Eran tiros, claro que o eran. Levaran o neno? Onde estaba? El non o raparan. O neno choraba e el non podía facer nada. Canto tempo pasara? Aquela era a ponte, víraa perfectamente cando os ollos engradados do Juan pousaran a vista nel. E que ían morrer, José, hostia, que escoitases. Un dos falanxistas, o Cubano, batéralle entón co fusil na cabeza. Caera deitado, mirándoo. Que lle facedes ó Juan!

O ruído do motor da camioneta agora escoitábase algo lonxe. Cando acordou, case non era quen de respirar. A noite cambaleaba da esquerda á dereita e viu formulada a morte en tres diagonais: ardíalle o pescozo, non podía respirar e o José sentía morrer e noutra –e máis triste aínda–  víase morrer. A terceira era unha formulación distinta, que era aquilo? O río, o monte, a casa ao lonxe, era a casa aquela a do correo? Éraa, e ao fondo a lúa e as montañas. Botou a vista abaixo sen deixar de ver toda a paisaxe, de esquerda a dereita e de dereita a esquerda. Ergueu con dificultade os brazos e levounos á gorxa.

A corda. Volveu escoitar disparos. Arriba. E el afogaba.

 

Abriu os ollos mazados e enfocou con dificultade o Cubano. Estaba bébedo. Colleulle a pistola do cinto e foi rápido. Disparoulle nos dentes e o sangue do falanxista saltoulle á face. Baixou do camión. Sentiu o asubío das balas, tropezou cun vulto e caeu riba dun corpo. Era o Juan? Ergueuse chorando e correu cara á casa. Na porta estaban a María e o neno. Apertáronse. E que onde te levaran, Jose e que calases muller, ven aquí ti, homiño e onde estabas o papá e que che fixeran. E que calase a boca e se levaran o Juan e respóndeme, José. Bicábalos. 

Pero non che saían as palabras, José, de esquerda a dereita e de dereita a esquerda, o monte, a lúa, a Casa do correo, era noite.

–Quitade os corpos do camiño –ordenou o Cubano, achegándose ao bordo da ponte.

Quen quixese probar, que probase, pensaba o Cubano. A corda termaba do vaivén. Os corpos do Juan e do José eran como dúas retinas inquedas nos ollos da ponte.

…………………………………………

Lúa chea

Non me gusta o río, nin a ponte. Todos din que é precioso, pero é onde atoparon o corpo do meu pai.

Sucedeu hai cousa dun ano. Lembro que había lúa chea, mirábaa mentres agardaba en van o son da porta ao abrirse. Din que estaba canso de vivir, pero nunca crin aquela versión.

Dedicárame a pescudar durante un tempo. Escoitara que os asasinos adoitan ser persoas do contorno achegado, e sospeitei da miña nai. Levaban moito tempo xuntos, e ten un carácter forte. Desbotei a teoría axiña, porque ela estivera traballando durante a noite do suceso.

Outro criminal en potencia era o meu irmán, que herdou o mal xenio da miña nai, e sempre discutía a berros co meu pai por calquera parvada. Anoxárase porque non lle mercara un patinete eléctrico. Decidín que tampouco podía ser o culpable; é o máis preguiceiro da familia, non erguería o cu da cadeira nin para recibir un premio.

Rompín os miolos durante meses, até dubidar de min mesma. Supoño que cansei de teimar no mesmo sen resultados, e finxín crer na teoría da depresión.

Pasou o tempo. Empezaba a pasar máis tempo nas rúas, cos amigos, e de cando en cando volvía á casa pasada a medianoite, o que me provocaba certo orgullo.

Unha noite regresaba tras unha festa na casa dunha amiga. Non vivía lonxe, unhas rúas máis arriba á outra beira do río. Xa eran case as dúas, nunca quedara ata tan tarde, e andaba a paso lixeiro. Sentíame observada, pero non había ninguén máis no camiño. Chameime parva e obrigueime a non sentir medo, nin sequera cando puxen un pé na ponte e un calafrío percorreu o meu lombo. A lúa chea reflectíase na auga calma, e o efecto espello facía pensar que alá abaixo había outro mundo, paralelo ao noso, coas estrelas no chan e o mundo tocando a superficie.

Demoreime sen motivo, e conseguín chegar á metade da ponte pasados algúns minutos. Detívenme sen saber por que. As présas e a inquietude abandonáranme, e aquel ceo acuático hipnotizárame. Nin me inmutei cando algo brillou no centro da lúa reflectida, dous puntos verdosos que fitaban con voracidade para min. Algo xurdiu da auga, catro ou cinco cousas que na escuridade semellaban pólas de árbore rematadas en gadoupas. Botáronse contra min. Quixen reaccionar, pero non puiden mover un músculo.

Escoitei o meu nome e, a continuación, un estrondo. Algo termou de min, pero non eran aquelas extremidades hostís. Vinme xa fóra da ponte, no camiño, e o meu irmán apertábame entre bágoas. Tremiamos ao unísono, coma cando eramos pequenos e nos asustaban con historias de monstros que atacaban en noites de lúa chea.

Decateime de que preto de nós estaba a nosa nai, escopeta en man e cunha expresión inescrutable na cara. A arma aínda fumegaba. Pareceume sentir un renxido de agonía que procedía do río, mentres as augas recuperaban a tranquilidade de sempre.

Ana Vigo.

7 thoughts on “‘Vaivén’ vs ‘Lúa chea’

  1. Vaivén

    parece que esta é a xornada dos relatos complicados. este relato transmite moi ben as sensacions, inquedanza, confusion, suspense, esperanza truncada. Podo sentir iso sen ser capaz de entender a cronoloxia e feitos exactos que describe. Liome con Juan, José, o presente, o pasado, o real, o imaxinado e a segunda persoa. Non sei se o texto perderia maxia se se explicase mellor. Penso que non.
    Un apunte, a retina está no fondo do ollo, non se ve nin ten unha forma definida. É mais unha zona que unha cousa. Supoño que o autor se refería ás pupilas.
    Gustoume, pero non o disfrutei plenamente.

    Lúa chea

    Aqui hai dous relatos. Nun deles unha nena sofre porque lle mataron ó pai e fantasea con quen puido ser porque pasado un ano inda non atoparon ó asasino. Como atoparon o corpo na ponte asocia os seus medos a ese lugar. é un inicio de relato un tanto xuvenil pero que quen sabe, poderia ir dar a algun lugar literariamente bo.

    O segundo relato (comeza en “demoreime sen moitvo”) é o de outra rapaza que volve a casa despois dunha festa e ó pasar por unha ponte é atacada por un ser tentaculado que sae do rio. Sua nai e seu irman seguramente sabian algo e por iso foron na sua busca coa escopeta. Mágoa que o relato rematara aqui porque é intrigante saber onde demos ía dar esa cesta con tales vimbios.

    Á/Ó autor/a deberonselle traspalepar ambos relatos nalgun copypega apresurado e enviou o texto así, que lle imos facer, estas cousas pasannos a todos.

  2. Paso a dar a miña opinión deste duelo.

    Vaivén
    Estou de acordo con Lois en que é un relato un chisco complicado. Pero se cadra son eu a que non entendo o que o autor ou autora me quere contar. Só teño claro que o falanxista é o Cubano. Despois xa me lío se aforcan a Juan, fusilan a José ou fanlle todo aos dous. Non o entendin ben polo que non podo xulgalo ben.

    Lúa chea
    Empaticei coa protagonista que non ten boas lembranzas na ponte onde apareceu morto seu pai. Tempo despois nese mesmo espazo a súa familia sálvaa da morte dun ser estraño. Espertou a miña curiosidade sendo un relato sinxelo e verosímil.

    Voto por Lúa chea.

  3. Menudo fotón a verdade, non me importaría telo de fondo de pantalla.
    Vaivén transmíteme o mesmo mareo que o seu titulo, non se me queda quieto en ningún momento, así que non podo contarlle ben as patas. A imaxe das pupilas inquedas vouna ter gravada, iso é o único que teño claro. Creo que transmite todo o que se lle pasa pola cabeza a un dos que levan no camión, pero si, fáiseme confuso e chego a perder ás personaxes. Xa lle din un par de lecturas e quedo con esa sensación de fuxir a carreira, de animal acurralado, pero que non sei moi ben a onde chega. De todos modos, escribir algo tan dinámico ten que ser fodido.
    Non sei porqué Lúa chea me deixou tan bo sabor de boca. Debe ser porque xa botaba de menos algún relato de uuuuhhh un monstro ou que pero moitas grazas ao autor ou autora¡ Si que noto unha rotura cara o final que non sei a que adxudicalo. De todas formas, de ser dous relatos distintos ou unha segunda parte que non dei conectado, lin ben as dúas partes.
    O cluedo da primeira parte, que podo dicir, tamén me caeu en gracia porque facía tempo que non pillaba nada que tirase por alí. Igual é que boto a lingua a pacer, pero se intento conectar as dúas partes, é porque ao pai o levaron os extraterrestres do rio, e o converteron en un dos seus. Por iso, ao mesmo tempo que se abalanzan sobre ela, co novo integrante, a rapaza escoita o seu nome, nunha última faísca de humanidade. Se isto non ten nada que ver e mo estou inventando queda rexistrado aquí ehh, a idea para min, ATRÁS BECHOS¡
    O meu voto, por deixarme botar as miñas películas, vai para Lúa chea.

  4. Se teño que dicir a verdade, non me chistou moito ningún dos dous relatos. O primeiro polo que comentan os demais, moi atropelado, cambios sen sentido da persoa á que se dirixe o narrador e unha narrativa que semella unha proba do psicotécnico. Do segundo gustei da primeira parte, da intriga que crea arredor da familia da orfa e ese suposto misterio ao Agatha Christie, mais claro… 500 palabras son 500 palabras. Como xa dixeron antes, na miña opinión, a segunda parte do relato é case coller a todas as personaxes expostas e vivas da historia e soltalas enriba da ponte a ver que pasa con elas.

    O meu voto é para ‘Lúa chea’ porque non me vexo capaz de valorar ‘Vaivén’

  5. Bo día. Pouco podo dicir máis que a compañeira e compañeiros. Gustáronme ambos relatos.

    O primeiro, Vaivén, resultoume algo críptico, dos que sabes que vas precisar múltiples lecturas para collelos. Porén, o esforzo paga a pena. Adóitame pasar tamén coas cancións, aquelas máis duras as primeiras veces son as que non aburren despois. Encántame a ambigüidade, a elección dos diálogos, a mestura confusa do que eu imaxino os derradeiros pensamentos desordenados dun home pendurado ata morrer. Parabéns a quen o escribiu.

    O segundo, Lúa Chea, desfruteino dende a primeira lectura. Creo que fan falla máis relatos así. Unha historia de misterio transmutada a fantástica. Esta idea dá para moito, un relato longo ou unha novela tipo Stephen King. Pena que xa a reclamase Carlos para si. Andaches espelido, meu.

    A cousa está xusta, pero o meu voto é para Vaivén. Case sempre me gaña quen arrisca.

  6. Unha foto ben bonita que dou pé a dous relatos ben tráxicos. Entre o duelo post 11497 / fervenza e este voume tirar ao río. Co ben que o pasei a xornada pasada na lavandaría e no fondo do mar!
    Creo que quedou unha xornada moi drámatica. Con todo parabéns aos autores que nos ofrecen dúas boas historias.
    O Vaivén
    Un vaivén foi o que lle meteu ao meu cerebro este relato. Recoñezo a miña total ineptitude pero perdinme varias veces. “Sentiu un zunido na cabeza. ” quen? José entendo. Tampouco entendín de todo o que pasa co Cubano porque dispáranlle aos dentes pero despois está vivo. Creo que de fondo hai unha boa historia pero tal e como está non me quedou nada clara.

    Lúa chea
    Un relato bastante mais coherente a pesar de que como di Lois parecen dous relatos distintos. Non son eu moito de seres abisais e quizais a segunda parte fáiseme un tanto rara, especialmente cando, oh sorpresa a nai aparece cunha escopeta. Polo demais resultoume un relato ameno e ben narrado.

    Voto por Lúa Chea.

  7. Segundo fotón de meu irmán… e os que non saíron… Foto moi aberta para dar pé a divagar, e así pasou.

    “Vaivén”. Pois a min gustoume moito este relato. É moi sensitivo, dinámico e mareante. Lembroume á película aquela de Reversible, ou a algunha do bo de Lynch. Non chega a esos niveis de surrealismo porque para min o relato ten os pés na terra… bueno, colgando máis ben. As atropeladas últimas sensacións e pensamentos dun aforcado, fuxida soñada ao limbo da morte incluída aí polo medio. Igual debía rematar así, sen volver ao Cubano. Porque aí o José e o Juan xa non existen e o vaivén xa non importa. Pero entendo que ese diálogo do Cubano era para remarcar esa fin, cousa que para min non facía falta.

    “Lúa chea”. O relato comeza ben. Está narrado de maneira solvente e moi coherente. Toda a primeira parte ten bastante peso e solidez. Pero ese cambio de rexistro tan brusco sacoume algo de contexto. Igual facía falla algún marcador Cuthulesco nos primeiro parágrafos para conectar de maneira máis natural todo iso que pasa ao final. Semella un tanto apresurado.

    VOTO por “Vaivén” polas sensacións que tan ben transmite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *