‘Veleno en familia’, o pasado e os seus segredos
Lois Z.
Veleno en familia arrinca con Dosinda ingresada por un envelenamento por praguicida e a conmoción que isto provoca nas persoas que a coidaban, a súa filla Carme e o seu xenro Ramón. Sería algún deles? Ou foi Dosinda que se envelenou a si mesma? Cando se recupera, Dosinda deixa a casa de Carme e Ramón –por non dicir que a botan por telos acusado a eles do delito– e vai vivir cunha sobriña, Rosa Mari, que se ve involucrada nun drama familiar que en realidade nunca lle fora alleo de todo e no que, como di con acerto a contracapa, todas son vítimas e verdugas.
A novela abrangue uns meses na vida desas personaxes, deste o punto inicial xa citado ata unha conclusión na que todos os segredos quedan revelados e cada personaxe sofre o seu destino particular. A trama do presente apóiase na vida pasada das personaxes e en como evolucionou a súa relación –ó seren familia isto da moito xogo. Ir descubrindo pouco a pouco, como quen arma un puzzle, os feitos clave do pasado de Carme, Rosa Mari e Dosinda, que son os que establecen e explican as súas relacións no presente, foi o que máis me gustou da novela. Tamén se nota a boa man de Rocío Leira no deseño das personaxes, é inevitable non facer comparacións entre as protagonistas de Veleno en familia e persoas que coñeces da vida real. Dosinda, Carme, Rosa Mari e Ramón son tópicos viventes. A autora conseguiu extraer eses catro trazos de personalidade cos que podes definir a alguén de forma que parece que o coñezas de toda a vida.
O reverso negativo deste deseño de novela é que co pasar das páxinas as personaxes revélanse unidimensionais, anormalmente estáticas. As voces de Dosinda, Carme e Rosa Mari (demasiado parecidas entre elas, por certo, será porque son do mesmo sangue) non logran superar o tópico do que naceron porque a autora actúa como censora dos seus pensamentos, impedíndolles expresar calquera cousa que desvele máis información da que Rocío Leira quere darnos. A narración en primeira persoa vólvese entón falsa, allea ós personaxes, ós que non se lles permite ser sinceros co lector e teñen que facer verdadeiros malabarismos nos seus propios monólogos para evitar mencionar cousas que a autora non desexa que saibamos ata o final.
Como as personaxes non son libres de expresar as súas preocupacións inmediatas, Rocío Leira vese obrigada a narrar maioritariamente mediante accións e descricións. Carme exerce máis como narradora en terceira persoa da vida de Ramón que de narradora en primeira da súa propia (isto non é malo per se, é malo en Veleno en familia porque neste caso esborralla a personaxe de Carme).
Nalgunhas ocasións vai máis aló e sen pudor ningún as personaxes actúan coma narrador-testemuña das súas propias circunstancias, como cando Dosinda, en pleno paro cardíaco, segue narrando –recordemos, en primeira persoa presente– o que fan os médicos e enfermeiras ó seu redor. Ata cando as personaxes teñen un momento de introspección o manexo da primeira persoa renxe, pois en lugar de inferir do texto o estado anímico dos protagonistas, estes comunícano dunha forma tan autoconsciente que semella que se autopsicoanalizan para deleite do lector.
Penso que a autora se trabucou ó fialo todo a enganchar o lector coas (modestas) intrigas do argumento e deixou sen explotar o mellor que tiña, especialmente as personaxes de Dosinda e Carme, narradoras capciosas (Dosinda coa escusa de que é vella, se lle vai a cabeza e non recorda o que fai) ó seu pesar.
Se a novela prescindise dos efectismo e presentase os pensamentos de todos con naturalidade, a novela gañaría en autenticidade e non perdería unha miga de relevancia o intre da revelación final.
♦Veleno en familia, de Rocío Leira, Baía, 2019. 164 páxinas. ♠13€
Pois eu lin a novela e pareceume fresca, orixinal e divertida. Recomendolla a todo o mundo, porque para os que nacimos e vivimos en sitios pequenos, e non tan pequenos, as personaxes teñen un trazo, un algo, de “realidade” que os fai cribles. E o remate non é o que cabería agardarse, o que como lector agradëcese.
Visto o resultado, en conxunto, animaría a Rocio Leira a que fixese un romance semellante sobre as personaxes que xiran arredor do estraño mundo critica e a creacion literaria. Material a súa disposición ten a esgalla.