BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Vémonos mañá’, as cicatrices do 36

Xosé Monteagudo.

César Lorenzo Gil.

Vémonos mañá, de Xosé Monteagudo, publicada por Xerais, é unha novela que podemos encadrar no xénero da narrativa histórica de perfil biográfico. Conta a historia do matrimonio formado por Josefina Arruti e Bibiano Fernández Osorio-Tafall tomando como foco o momento do regreso deste a Galicia tras medio século de exilio.

Osorio-Tafall é un dos homes máis brillantes do século XX galego. Alcalde republicano de Pontevedra, presidiu a Deputación e foi deputado e alto cargo no goberno central antes de que o golpe do 1936 o obrigase a exiliarse en México, onde viviu até o retorno definitivo. Doutor en Ciencias Naturais, de novo foi secretario da Misión Biolóxica de Galicia, fundamental na innovación agraria do país, e despois dirixiu a FAO en varios países antes de ser subsecretario das Nacións Unidas. Cando chegou o poder, o presidente español Adolfo Suárez chegou a ofrecerlle o cargo de primeiro presidente preautonómico de Galicia, encarga que el rexeitou. 

Arruti estivo presa dezaoito meses simplemente por ser a muller dun alto cargo republicano e viviu, xunto cos fillos, a dureza da represión interior. Asaltos domiciliarios, acoso e miseria, para unha muller que tivo que manter a familia con moi poucos apoios e grandes atrancos.

Monteagudo escolleu unha feitura moi tradicional para achegarse a esta historia: narrador omnisciente, frases longas, mirada psicolóxica sobre os personaxes… todos os alicerces da ficción narrativa. O escritor amosa a súa veteranía e nunca perde o pulso. A escolla funciona ben, é dicir, cumpre co que lle ofrece ao lector desde as primeiras liñas. Agás en dous puntos: os diálogos soan artificiais, case sempre porque non supoñen unha ruptura do rexistro do resto da narración. Asemade, en moitas ocasións, a construción narrativa tropeza cos conectores e as subordinadas, o que lle resta ritmo á historia e lle engade unha sensación de rixidez que se mantén nas súas 300 páxinas.

É posible que nisto teña a ver o feito de que, tal e como conta o propio Monteagudo no epílogo e nas páxinas de “recoñecementos”, para documentarse para esta historia real non só manexou unha ampla bibliografía, senón que mantivo varias conversas con Carmen Fernández e José Ángel Fernández, fillos da parella protagonista. A proximidade a persoas tan vinculadas ao obxecto da novela e o rigor que buscou o autor quizais explique o seu distanciamento como autor, o segundo plano que ocupa e que, se cadra, lle restou risco literario ao resultado final.

Se tivésemos que usar unhas coordenadas, de seguro inexactas, pero si orientativas, Vémonos mañá está máis na órbita das novelas históricas de Luís Rei Núñez que no ámbito de obras como Un señor elegante, de Suso de Toro.

♦ Vémonos mañá, de Xosé Monteagudo. Xerais, 2023. 296 páxinas. ♠18,95€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *