BiosBardia

O país dos libros en galego

Venerando, un moinante do século XX

Fotograma do filme 'Pickpocket', de Robert Bresson, 1959
Fotograma do filme ‘Pickpocket’, de Robert Bresson, 1959

Xosé Luís Méndez Ferrín escribiu no 1971, para a revista Triunfo un artigo titulado “Los mercheros mal llamados quinquis”, que se leu con sorpresa tras o paso do escritor polas cadeas franquistas. Nese texto falábase tamén dos moinantes galegos. Agora, Xosé Enrique Acuña escribe do máis famoso deles.

Xosé Enrique Acuña.

“O Venerando”. Venerando Fernández González, con alcumes e alias varios. Ladrón, estafador, desertor e, a sumar, adxectivos propios dunha vida na delincuencia. Un home que nunca deixou de roubar. Na rapazada, de mozo, xa home, con idade maior e medio ancián.

Nacera, fillo de Francisco Fernández Lafuente e Rosa González, en Nogueira de Ramuín un 3 de xullo de 1893, sempre se lle facemos caso á súa partida de defunción. Pode ser data certa ou non. O propio Venerando xogou co día e ano no que nacera como xogou ante gardas e xuíces coa orde e disposición dos seus tan correntes apelidos. Unha estratexia natural de defensa para un home que precisou tantas veces de mentir para manter intacta a súa liberdade e escapar das reixas de cárceres, celas e prisións.

O seu lugar de nacemento era dos que alimentaba de brazos hábiles e afeitos os campos de Castela para a dura seitura do mes de xullo. E non sabemos se o Venerando, ou os seus pais, foron daqueles que desde Galicia camiñaban centos de quilómetros con destino ao tan mal pago traballo da sega. O que si coñecemos era o moito que se aprendía, bo e mesmo ben malo, naqueles labores errantes e nómades. Tamén que, en xullo de 1912, Venerando xa entra no cárcere por quince días tras ser detido en Ourense xunto a José Suárez “O Moreno”. Intentaran estafar unha muller nun comercio. Sería a primeira vez? Tanto ten para un mozo que desde aquela no parou de aprender e mellorar no oficio do furto e do calote.

En abril de 1914 prenderíano outravolta no campo da feira da cidade do Miño facendo banda con Antonio Fernández González (o seu irmán?) e Juan Sousa Silva, portugués. En febreiro de 1917, a garda civil do posto de Viladerrei vai collelo con máis compadres. Canda el, Manuel García, Gregorio Martínez, José Fernández, Carlos García, Juan López, Inocencio Pardo e dúas mulleres: Consuelo Álvarez e Carmen Pérez Incógnito. Todos, como Venerando, carteiristas que non puideron acreditar a propiedade dos seis cabalos que se lles ocuparon. Xa era pois coñecido dos que gardaban o dereito á propiedade e era cousa de pasar desapercibido cando caía en mans de gardas e policías. Inventar ou descadrar nomes e apelidos ben sabía facelo. En xullo de 1917, reclamado polo xulgado de Ordes por un roubo na casa dos “señores de Liñares”, dixo chamarse Manuel Domínguez González, ao ser detido. Outras veces utilizou o nome de Gelasio Rodríguez González e moitos dos seus compañeiros alcumábano “O Venancio”.

Venerando actuaba xa por toda Galicia e, para a súa desgraza, era unha cara, un rostro recoñecible. E por feiras, festas, trens ou calquera lugar onde existise concentración animada de xentes, roubaba. Na linguaxe policial e na dos xornais, conservadores e liberais, deu en ser un “sujeto de malos antecedentes”. E como tal —agora xa como veciño de Pontevedra e dunha parroquia como Lérez que acollía e asentaba unha colonia de moinantes— recibía multas dos gobernadores civís de cada unha das provincias galegas. A súa sona, actividades e andainas xa chegaran con asiduidade periódica ás páxinas de sucesos cando o xeneral Primo de Rivera, na súa Ditadura, decidiu que esta delincuencia dos camiños merecía maior dureza no código penal. O da Restauración non abondaba. Venerando, que xa mostraba unha intelixencia ben distinta á de moitos dos seus colegas cacos e rapapetos, ben sabía da diferenza de penas e sancións ante un furto ou un roubo, e das dificultades nas que se metería, acabar preso nun penal ou non, se recorría á violencia ou as armas.

Venerando actuaba xa por toda Galicia e, para a súa desgraza, era unha cara, un rostro recoñecible.

Cando en xaneiro de 1924 foi detido en Santiago xunto a Victoriano Reboredo e Felipe Rodríguez, a policía puxo os seus datos á disposición da Caixa de Recrutas a efectos de concretar a súa situación militar. Saltou a alarma e por ela sóubose que Venerando estaba reclamado pola xustiza dos militares por ter desertado, o 28 de xuño de 1921, do Rexemento de Infantería San Fernando de gornición en Melilla. Unha fuga, en plena guerra colonial cos rifeños, pola que deixa de ser soldado do Rei e pasa a se converter nun perseguido desertor que logra, sabe deus como, abandonar o norte de África, cruzar toda a península e retornar a Galicia. Ao seu oficio de caloteiro e ladrón.

Cumpriu as débedas que tomara co exército e en abril de 1927, na feira de Curtis, a garda civil, xa deu conta del por roubarlle 600 pesetas en billetes a un veciño de Xanceda, co seu especializado e favorito método de roubo: Cortar no preciso lugar as roupas da escollida vítima cun cristal e de tal xeito furtarlle unha agachada carteira. Aquel día Venerando fallou e mesmo se cortou coa súa hábil e indigna ferramenta de traballo. Chatas dun oficio que o conducía a pagar multas e cumprir leves condenas de cárcere para, solventadas e xa na rúa, entrar de novo na roda do delito. En agosto de 1927, Venerando foi detido en Monforte xunto a Ángel Fernández González (outro seu irmán?) por un roubo na casa da potentada familia Rueda, que en parella perpetraran dous meses antes. Un ano máis tarde foi preso no cárcere de Becerreá por ter roubado unha carteira con 50 pesetas a un labrador veciño de Veiga. Facía sufrir coas súas rateiradas.

Mais nese 1928 xa andaba en cuadrilla coas Fontán. Coas Fontán de Barro. Por algunha circunstancia cadrou con Constantina Fontán, fixéronse noivos e casaron. Deixou de vivir en Lérez e decide asentar na casa da nai de Constantina en Agudelo. A muller chamábase María Fontán e era de armas tomar (houbera unha prostituta de igual nome e apelido que rexentaba unha casa de putas no pontevedrés barrio da Moureira en 1910). Ao abeiro e na contorna da familia Fontán, radicada e arraigada no lugar de Valbón, chegou a verdadeira madurez de Venerando como delincuente. Xa tiña banda, nunca deixara de tela, pero esta xa era de altura e, sobre todo, de confianza absoluta, familiar. Deste tempo data tamén a capacidade de Venerando para incidir nunha prensa que non poucas veces lle concedía crédito e espazo. Un exemplo nun xornal de 1929: “Los ex-carteristas Venerando Fernández González, de 34 años, su esposa Constantina Fontán de 26, Ángel Fernández de 29 y su esposa Gumersinda Fontán de 24, domiciliados en Barro, enviaron una instancia al gobernador civil solicitando a los agentes de su autoridad que le dejen hacer vida como a las demás personas decentes pues ellos se han retirado ya del negocio”.

Foto Venerando para BIOSNada máis afastado da realidade. Venerando coidaba a súa imaxe e na súa parroquia, especialmente, quería pasar como unha persoa de orde, achegada aos veciños e á que se podía apelar cando xurdían problemas. Fóra dun incidente en 1929 cun veciño de Baliñas, que ao parecer lle disparou a Venerando cunha pistola, o antigo moinante de Lérez e a súa nova familia trataban de non ser máis que simples propietarios e labradores ricos. Pero Ramón Fontán, irmán da súa dona, foi preso por ter unha pistola sen licenza e Venerando non deixaba de coincidir e tramar, iso si, fóra de Pontevedra e Barro, coas súas vellas amizades moinantes. Co “Chaval”, co famoso “Adolfito”, co “Camisón” e mais tamén co “Arango”, un asturiano de perigosa traxectoria con quen foi detido Venerando en 1930. Tampouco deixaba de ser reclamado polos xulgados. Polos de Celanova, Arzúa, Noia e Allariz e, aos poucos, xa foi detectado aquel novidoso método delicuencial da nova e áxil banda que montou coas Fontán.

Xa non eran uns bandallos nin unhas moinantas calquera. Ían, motorizados, a roubar por toda Galicia nun automóbil, de sete prazas, marca Hudson e matrícula PO-1607.

Xa non eran uns bandallos nin unhas moinantas calquera. Ían, motorizados, a roubar por toda Galicia nun automóbil, de sete prazas, marca Hudson e matrícula PO-1607. Un vehículo a nome da matriarca María Fontán e no que guiaba Ramón, o seu fillo. Pero non foi este modelo o único que utilizou a banda de Venerando nas súas corrarías por camiños e estradas de Galicia naqueles anos 20 e 30 do século pasado. Outros, algún roubado en Barcelona, repintado e logo trasladado a Galicia, foran un Packard e un luxoso Marmon. Algún destes foi o que perdeu machucado por un temporal. Caéralle unha árbore encima e partírallo. Venerando sempre o contaba de vello, como contou que o implicaran, xunto a outro sonado moinante lerezán, Víctor Hermida Rúa, nun roubo no Pazo episcopal de Ourense. Un golpe de altura, no que foi detido xunto o “Pernacanda”, a súa cuñada Francisca Fontán, a súa dona e Ramón Fontán. Feito delitivo que mereceu un rexistro policial da “base”, da súa casa, de Valbón en Agudelo. Alí atoparon, entre outras cousas, un título de débeda amortizable do Estado por valor de 50.000 pesetas e tres de débeda perpetua ao 4% de 500 pesetas cada un. Un exemplo de botín acumulado e do cambio de rango dun Venerando que, a maiores de ladrón, xa collera creto como prestamista e mesmo como asesor doutros delincuentes no canto de investir as ganancias dos seus golpes.

Coa chegada do tempo republicano as cousas comezaron a ir mal para Venerando e a súa banda. A vella María Fontán foi ao cárcere por un tempo e mesmo Venerando cumpriu unha condena de catro meses por furto en 1932 á vez que se converteu en vítima propiciatoria da nova Lei de “Vagos e Maleantes”. Ferramenta contra os malfeitores errabundos promulgada polo novo réxime democrático case ao mesmo tempo que, en 1933, a policía lle incautara un coche a Venerando logo dunha detención. A resposta do moinante, xa posto en liberdade, foi a de reclamar o seu automóbil e comunicarlle con fachenda á prensa viguesa que el non era o xefe de banda ningunha “sino un ciudadano honrado y buen padre de familia” e ameazar —seguramente asesorado por algún avogado de confianza, Valentín Paz Andrade?— con que había enviar cartas de denuncia “aos xornais de Madrid”.

O certo era que Venerando víase reclamado por distintos xulgados de Galicia e que por este motivo en maio de 1935 estaba ingresado no cárcere de Caldas de Reis. Un depósito do que se fuga despois de serrar cunha lima dous barrotes da cela e deixar unha carta manuscrita. No texto aseguraba que non aceptaría nunca máis que se lle aplicase a lei de “Vagos e Maleantes” porque, declarou, era “un honrado propietario que destina dinero a varias actividades” e que pensaba “emigrar a América con su familia, mujer e hija, para dedicarse a un trabajo honrado”. A noticia da súa fuxida chega até a prensa de Madrid e a americana da emigración. No monárquico ABC escríbese que Venerando “tiene abiertas cuentas en dos o tres bancos” e “que posee varios automoviles”. A evasión de Caldas acada fin en agosto ao prendelo a policía en Tui cando tentaba entrar en Portugal.

Foxe da cadea de Caldas serrando os barrotes cunha lima.

Chegados os días do alzamento militar de xullo de 1936 —Venerando vírase implicado só un mes antes nun importante asalto á casa en Redondela do fabricante de conservas José Otero onde se roubaran cartos e alfaias por valor de 10.000 pesetas— o seu perfil cambiou. Vira o que vira, soubo ler máis que ben o que acontecía e administrou a súa vida e andadura co pé das autoridades e tempos que arribaron. Arrimouse sen disimulo aos novos poderes e certos rumores que xa circulaban entre os seus compañeiros de andanzas, xa de antes da guerra, confirmáronse. Venerando pasou a ser un activo e fundamental confidente da policía pontevedresa, que o tiña como un valor seguro e disposto para resolver delitos acaecidos na súa demarcación. Á vez que chivato e garulo, continuaba a forxar, xunto á súa familia —tivera unha filla que casou cun garda de asalto— aquela imaxe de propietario con casa grande e terras en Barro e que, definitivamente, abandonara os vicios moinantes. Agora viste de traxe e gravata, ten criados na casa, cultiva o prestixio social e xoga, con habilidade manifesta, coas necesidades dos seus veciños e veciñas en tempos de fame e escasezas. Mais, malia o embargo de noticias dos primeiros anos do franquismo, ben se sabía, e a policía que del se aproveitaban tamén, que Venerando seguía a roubar por fóra de Barro e Pontevedra.

Un exemplo. En setembro de 1953, a moitos quilómetros da súa casa, na localidade de Viloria, no Barco de Valdeorras, Venerando foi detido cando lle roubara unha carteira con nada menos que 2.250 pesetas a un paisano na feira de gando que alí se celebraba. Quixo fuxir ao ser descuberto pero non puido evitalo. Superaba os 60 anos e nin de lonxe conservaba os temperos e mañas da súa mellor época. O xulgado de Valdeorras impúxolle unha dura multa de 8.000 pesetas. Entrementres non deixaba de visitar o Lérez que o acollera cando era un vulgar rateiro. Agora frecuentaba o famoso crego da parroquia, aquel Leandro del Río Carnota, co que abriu escuros negocios, tan semellantes aos do estraperlo. Venda de sulfatos para as vides que, previamente, foran desviados —o poder de don Leandro— dos almacéns da franquista e vertical Hermandad de Labradores.

Agora viste de traxe e gravata, ten criados na casa, cultiva o prestixio social e xoga, con habilidade manifesta, coas necesidades dos seus veciños e veciñas en tempos de fame e escasezas.

Venerando Fernández, “O Venerando”, “O Gelasio”, “O Venancio” non soubo ou non quixo parar. Dicir: até aquí cheguei. Inconsciente, quixo deixar constancia e mostra da súa decadencia en agosto de 1962. Collérono con 69 anos, ou os que realmente tivese, cando intentaba roubar unha carteira na feira de Celanova, tan lonxe da súa casa, a un tal José Benito Carnero. In flagranti, dixo a Garda civil no atestado. A Audiencia de Ourense, por furto, condenouno a un mes e un día de arresto maior. Foi o seu derradeiro roubo? A última sentenza? Se cadra non, pero xa adiviñou que estaba vello para roubar. O de confidente e lareta policial era outra cousa e tamén lle daban cartos.

No seu refuxio de Valbón, na parroquia de Agudelo, deixou caer os días. Os que coñeceran aquela casa, lembran o moneco a tamaño natural que Venerando tiña na entrada. Das súas roupas penduraban pequenos axóuxeres. A lenda transmitiu que o mantiña para se adestrar. Se cando lle metía a man, algún axóuxere soaba era que o roubo estaba mal executado. Como aquel día de Celanova. Unha noite de agosto de 1971 morreu. Por causa, seica, dunha trombose cerebral á conta da arterioesclerose que sufría. Pero morreu na cama familiar. Ao contrario de tantos moinantes e moinantas que coñecera. Os que faleceran de calquera navallada ou disparo. Ou nos camiños, feiras e cárceres. Ou, con mellor sorte, en hospitais de beneficencia, asilos ou manicomios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *