BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Vento e chuvia’, mitoloxía oxidada

aededf6f94_medium-VENTO-E-CHUVIA-MITOLOX-A-DA-ANTIGA-GALLAECIAO libro Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia, de Manuel Gago, é unha aposta editorial de Xerais moi ambiciosa. Coido que por primeira vez no caso galego, a experiencia do lector vai máis alá do propio volume en papel xa que mediante o enlace ventoechuvia.com os interesados poden ampliar as historias, acceder a documentación sobre a redacción do libro, roteiros baseados no relato e incluso adquirir produtos relacionados co universo do proxecto. Sen coñecer o resultado cuantitativo da empresa, é moi reconfortante que desde Galicia se innove, se integren as diferentes linguaxes e formatos para maximizar o desfrute dun produto cultural aproveitando as novas vantaxes tecnolóxicas.

Vento e chuvia é un libro con dupla cara. A primeira parte está composta por textos literarios, episodios que levan cada un por título o nome dun deus galaico: Reue, Bandua, Cossue, Nauia, Lugoue, Berobreos, Poemana, Bormánico, Sula Abana, Sula Ebura e Sula Coventina (as tres sulas están agrupadas no capítulo “Sulas nantugaicas”) e Vestio Alonieco. A segunda é unha parte máis ensaística na que o profesor Gago explica o porqué da obra e a propia filosofía da nova historiografía galega da Idade do Ferro.

Tan diferentes son ambas as partes como diferente o interese que esperta cada unha delas.

Tan diferentes son ambas as partes como diferente o interese que esperta cada unha delas. O traballo máis académico do autor de Palmeira é moi orixinal e amais de transmitir moita emoción polas novas sendas que a ciencia arqueolóxica abriu para coñecer o noso pasado remoto, racha determinados tópicos sobre a sociedade castrexa. Ademais, consegue algo moi acaído: vincula a cultura popular coas tradicións prerromanas dun xeito diáfano e plausible, algo que non sempre foi doado para os nosos académicos.

A paixón pola historia e as súas ciencias auxiliares xa estaba recollida no vídeo que ilustra esta crítica, realizado baixo o selo TEDx. O texto do libro vai na mesma liña e enriquece esta visión. Gago, a pesar de que é profesor de Ciencias da Comunicación, coñece o momento actual da ciencia histórica e aproveita o seu poder de divulgación para visibilizar o traballo inxustamente esquecido de técnicos científicos que pescudan nos catro cantos do país para preguntarlle á terra como era a vida daqueles galaicos de hai miles de anos.

O traballo neste sentido de Manuel Gago complétase co posfacio de Marco García Quintela, catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago, que serve para emparentar as dúas almas do libro: a divulgación histórica co descubrimento dunha mitoloxía propia. Quintela faino desde o academicismo, cos límites que deixa a ciencia, nunha área na que a documentación non é prolixa aínda que cada vez máis elocuente.

Pola contra, Gago, na primeira parte do volume, opta pola literatura para construír un universo mitolóxico galaico. Ese é o erro máis grande do proxecto. Porque os relatos non funcionan.

Seguindo o camiño de autores como Jean Markale, por exemplo, que actualizou os mitos celtas, Gago vai debuxando un mundo habitado por deuses que conviven cos homes das aldeas-fortalezas das diferentes nacións que convivían no que logo foi definido como a provincia romana de Gallaecia. O escritor escolle o camiño do distanciamento. Primeiro ao alterar a percepción do lector sobre a autoría dos textos: nas notas ao pé de páxina (abundantísimas) créase certa confusión sobre a orixe dos textos ao tempo que se intenta contextualizar o relato ao xeito do que fai un editor académico que esculca unha obra clásica. E logo ao empregar un ton narrativo deliberadamente epopeico que aproxima os contos mitolóxicos aos vellos cantos prerrománticos sobre a orixe das nacións (o escocés Macpherson foi o máis destacado compositor destas historias, cando inventou o bardo Ossian no século XVIII).

As historias non avanzan, van tropezando frase a frase na redundancia, no exhibicionismo do adxectivo, nas constantes chamadas ao pé da páxina que fan fatigosa a lectura.

Estas dúas estratexias fallan porque esa tentación de volver clásicos o que son unicamente contos inventados polo escritor do Barbanza converte os textos en artificio, puro cartón pedra sen pulso. As historias non avanzan, van tropezando frase a frase na redundancia, no exhibicionismo do adxectivo, nas constantes chamadas ao pé da páxina que fan fatigosa a lectura, no uso de versos por veces cacofónicos e nos diálogos grandilocuentes.

A pesar de que o escritor utiliza a materia prima do relato oral que, disque, forxou estes mitos ao longo da historia, non está neste libro nada da habelencia dos contacontos para apegar o público á súa historia. Parece meirande o interese por colocar todas as referencias (xeográficas, históricas, relixiosas, antropolóxicas) que o autor obtivo nas súas investigacións. E cando o prato ten demasiados ingredientes, case sempre é difícil de comer.

Cómpre ademais preguntarse cal é o valor da mitoloxía no tempo de hoxe. As mitoloxías tiveron dúas funcións na historia. A primeira, difundida na Antigüidade, tentou explicar, mediante unha cosmogonía, o universo. Hoxe resultan cándidos os relatos sobre a orixe das arañas ou a descrición do paraíso no que Adán e Eva vivían como apracibles recolectores de froitas.

No mundo contemporáneo, a mitoloxía ten unha función política. Nalgúns casos axudou á construción nacional, noutros a espallar determinados movementos sociais a través da personalización de condutas, case sempre heroicas ou tráxicas.

Gago déixase levar pola nostalxia, coma calquera bo galego; no seu caso, pola dor da perda da identificación entre poboación e territorio, cuxa metáfora perfecta é o abandono: o abandono da lingua e da terra propias.

A mitoloxía do libro de Gago escapa da tentación de formar parte dun esquelete identitario galego e só reivindica unha función didáctica:

“Os deuses parecen rebelarse contra este proceso de xerarquización social que dá lugar a aristocracias. (…) É coma se os relatos fosen recollidos en comunidades que se rebelan contra este proceso de concentración de poder. Tamén é a outra capa desta historia: a dunha narrativa que está feita desde un momento especialmente complicado para as nosas sociedades, cando en Europa vemos esmorecer o espazo público construído desde a Revolución francesa e refeudalización da nosa sociedade, da que fala Jean Ziegler, entre outros. Non podemos pretender escribir sobre o pasado ignorando o presente”.

É a mitoloxía un modelo para defender o Estado do benestar? ¿En que se diferencia, daquela, esta nova mitoloxía non nacionalista da que debuxaba unha Arcadia feliz para os antigos galaicos, a que pintaron os historiadores (algúns, caso de Benito Vicetto, nin tal nome merecen) do romantismo galeguista? No fondo, Gago déixase levar pola nostalxia, coma calquera bo galego; no seu caso, pola dor da perda da identificación entre poboación e territorio, cuxa metáfora perfecta é o abandono: o abandono da lingua e da terra propias. Como obxectivo literario é impecable pero a súa xenealoxía de deuses libertarios non o consegue.

É moi valioso o traballo de ilustración de Manel Cráneo. O ambiente das escenas, a caracterización dos personaxes, a composición e o trazo volven mostrar que o debuxante coruñés é un grande. Oxalá tivese maior espazo no noso precario mercado da banda deseñada para ampliar os límites da súa creatividade.

♦ Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia, de Manuel Gago, Xerais, 2013. 149 páxinas. ♠24€

César Lorenzo Gil.

One thought on “‘Vento e chuvia’, mitoloxía oxidada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *