Víctor Pérez: “A miña intención é xogar e aprender moito”
Coñece os participantes do Torneo Aira de Novelas: Víctor Pérez
Víctor Pérez Estévez (Vic PE) naceu lector en Vigo, no 1972. Criouse e medrou no barrio de Coia. Refuxiouse xa desde moi pequeno na lectura de libros e bandas deseñadas que atopaba na casa ou na dos seus primos, ata que descubriu as bibliotecas, e pasou a devorar lecturas nas tardes despois de rematar os deberes e os traballos que lle encargaban para a clase. Xa como adolescente no instituto Alexandre Bóveda (antigo Coia II), e grazas a unha mestra de Filosofía e Ética recén chegada, Chis Oliveira, descubriu entre libros, películas e artigos a Pessoa e os seus heterónimos, e grazas a ese afortunado suceso, comprendeu que as voces (artísticas) que escoita na súa cabeza, son amigas, e non un síntoma de loucura. Abandonou os estudos de Relacións Laborais, e traballou no eido do lecer educativo e o tempo libre, alternándoo con outras actividades ata o ano 2019. Este período case coincide coa súa pequena ausencia da escrita, duns 22 anos, máis ou menos, no ano 2018 descubriu que perdera toda a tinta que tiña nas veas e decidiu volver escribir e debuxar, para, paseniño, recuperar as emocións perdidas. Actualmente, e xa van máis de 20 anos, reside coa súa familia no paraíso, coñecido para a xente corrente como Panxón, Nigrán.
Esta é a súa segunda participación no Torneo Aira de Novelas. Mais muda o seu proxecto narrativo:
“A novela que vou desenvolver xira ao redor da vida dun axente inmobiliario, que non o quere ser, e que intenta sobrevivir en tempo de crise. Un protagonista torpe, que é un perdedor, un ninguén, pero que ten que finxir en moitas ocasións, no traballo principalmente, mais tamén na súa vida cotiá, que todo vai ben, moi ben”.
Pérez explica que vai ser unha novela de personaxes:
“Agardo amosar unha serie de personaxes que amosen, e tamén un pouco, caricaturicen a nosa sociedade actual, onde as aparencias e as mentiras son marca e moeda de cambio, e cunha forte presenza, como é normal en min, de ninguéns. Vou procurar que teña humor, ao mellor un certo cinismo, pero na que poidamos rirnos de nós mesmos e mesmas. E de paso, colocar o rei espido diante dun espello, ou dun cativo cun smartphone“.
O autor cóntanos un pouco sobre o seu sistema de traballo:
“O mesmo que na pasada edición, a miña intención é xogar e aprender moito. Esta historia ten moitos parágrafos escritos na miña cabeza, e tamén algúns diálogos. En papel, unhas poucas notas. Así que, ter a sorte de poder participar de novo no Torneo Aira de Novelas, é adquirir un empurrón e un compromiso para desenvolver as ideas nesta escrita”.
E aclara que tivo que mudar a súa primeira idea sobre o título:
“O título orixinal que tiña pensado inclúe algunha palabra malsoante, aínda que poderedes atopar a frase na novela. Porén, mellor empregar o segundo título: A cidade das luces“.
Moita sorte e a gozar da aventura literaria! Seguireite, compañeiro