BiosBardia

O país dos libros en galego

Víctor Pérez: “Centrareime nos ‘ninguéns’, porque estou un pouco aburrido de personaxes con máis filtros ca unha ‘influencer’ de Instagram”

Víctor Pérez.

Coñece os participantes do Torneo Aira de Novelas: Víctor Pérez

Xa está moi perto o Torneo Aira de Novelas e seguimos coñecendo as persoas que forman parte del. Neste caso, recibimos a Víctor Pérez, que nunca participara nas competicións de creación de Biosbardia, pero que ten unha longa relación coa literatura.

Víctor Pérez Estévez (Vic PE) naceu lector en Vigo, no 1972. Criouse e medrou no barrio de Coia. Refuxiouse xa desde moi pequeno na lectura de libros e bandas deseñadas que atopaba na casa ou na dos seus primos, ata que descubriu as bibliotecas, e pasou a devorar lecturas nas tardes despois de rematar os deberes e os traballos que lle encargaban para a clase. Xa como adolescente no instituto Alexandre Bóveda (antigo Coia II), e grazas a unha mestra de Filosofía e Ética recén chegada, Chis Oliveira, descubriu entre libros, películas e artigos a Pessoa e os seus heterónimos, e grazas a ese afortunado suceso, comprendeu que as voces (artísticas) que escoita na súa cabeza, son amigas, e non un síntoma de loucura. Abandonou os estudos de Relacións Laborais, e traballou no eido do lecer educativo e o tempo libre, alternándoo con outras actividades ata o ano 2019. Este período case coincide coa súa pequena ausencia da escrita, duns 22 anos, máis ou menos, no ano 2018 descubriu que perdera toda a tinta que tiña nas veas e decidiu volver escribir e debuxar, para, paseniño, recuperar as emocións perdidas. Actualmente, e xa van 20 anos, reside coa súa familia no paraíso, coñecido para a xente corrente como Panxón, Nigrán.

Pérez explica o valor que ten para el participar neste torneo.

“O meu proxecto literario xorde, por unha banda como xeito de seguir ampliando coñecementos no mundo da escrita, e por outra, atopar un plus de motivación, que preciso ao aceptar un compromiso de participación, ter un calendario de datas de entrega, poder contar con algúns lectores beta aos que respecto moito e contar cun reporte sincero, deses que poden proer, pero axudan a medrar. Hai algún tempo, nun curso de escritura creativa, un importante escritor e editor da nosa terra, preguntounos tres razóns para escribir, e eu, no lugar de contestar o que debería, deixeime atrapallar por unha desas voces da miña cabeza, e contestei como aspirante a poeta, no lugar de como aprendiz de escritor. O certo é que escribo, e debuxo tamén, para escapar de onde estou, escribo para lembrar de onde veño, e escribo para ser quen quero ser”.

No relativo a quen protagonizará a novela, Pérez teno claro:

“A miña novela céntrase nos ninguéns, nos que están nas marxes, porque estou un pouco aburrido de personaxes excepcionais a nivel social, económico e cultural, con máis filtros embelecedores ca unha influencer en Instagram”.

O autor tamén desvela algo do argumento:

“A trama transcorre nunha vila ficticia que se inspira en varias vilas que coñezo, onde a personaxe protagonista terá que peneirar as verdades e a memoria para intentar atopar o que busca”.

Mais as metas desta aventura literaria non quedan aí:

“Tamén hai un obxectivo de xogar coa escrita, coas palabras, e divertirme. Tamén me gustaría repetir a marabillosa sensación de que alguén che diga que lle gustou ou se emocionou con algo que escribiches, porque como me dixo un escritor que me gusta moito, ao final escribes para que outra persoa o lea. Así que benvidas e benvidos a Vilaningures, agardo que gocedes da vosa estancia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *