BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Vigo, puro milagre’, a ollada de Bragado a media distancia

César Lorenzo Gil.

Vigo, puro milagre (Xerais) reúne setenta e cinco artigos (algúns “lixeiramente modificados”, indica o autor) dos mil que Manuel Bragado foi publicando no Faro de Vigo baixo o epígrafe “Campo de Granada”. Os textos escolmados para este volume atinxen o período de publicación 1999-2007 e responden ao mesmo espírito mixto da crónica semanal no xornal vigués.

Bragado tomou o título dunha expresión de Celso Emilio Ferreiro que serve para definir o principal obxectivo desta recompilación: fixar unha idiosincrasia do viguismo, non desde un enfoque localista, de concelleiro ou de remendón de bandeiras senón desde unha postura cultural e de filosofía política. Bragado propón unha síntese dunha cidade que, malia ser a primeira de Galicia en canto a poboación e líder e pioneira en moitos aspectos, aparece diante dos ollos do resto de Galicia como unha anomalía, unha excrecencia da modernidade que choca con todas as tradicións históricas do vello reino. O milagre do título é a rapidísima evolución dos antigos lugares de pescadores de Santiago e de Santa María cara a unha cidade dinámica e contraditoria, excesiva e melancólica en cuxas cicatrices carga con todo o século XX.

Pola súa orixe xornalística, o libro carece dunha estrutura rexa ou dunha tese central, algo que o lector pode botar en falta se o que busca é unha aproximación académica á esencia do Vigo contemporáneo ou a un percorrido pola súa historia. Pola contra, o libro é máis ben unha invitación fragmentaria a respirar por entre as fírgoas da cidade mediante o roteiro da memoria do autor (vigués de nacenza e de liñaxe) e do seu compromiso político e profesional con Vigo. Bragado, quen dirixiu Xerais durante 25 anos, asumiu o compromiso (a sección no ‘Faro’ formaba parte dese compromiso) de revelar e provocar unha reflexión sobre o papel que debería asumir Vigo nunha Galicia democrática, moderna e con capacidade propia para escoller o seu destino. O ronsel dese esforzo vese perfectamente neste volume.

Os artigos que forman parte da obra intentan fuxir do efémero rostro do xornalismo e case sempre o conseguen. As reflexións sobre o presente (tendo en conta que ese tal presente é xa o 2007, hai 13 anos) logran, na maior parte dos casos, trascendencia. Lemos Vigo, puro milagre sen sentir o desgaste do paso do tempo; ben ao contrario, en moitos textos descubrimos unha visión da cidade aínda vixente. De aí que a ollada de Bragado se poida definir como de media distancia: sen os riscos do primeiro plano dunha análise temporalmente acoutada pero sen preeminencia do elemento teórico que lle podería restar valor divulgativo. Esta obra pode verse como a porta de entrada cara a unha reflexión máis profunda sobre todos os aspectos que formula, unha invitación a entender e explicar Vigo.

Vigo, nas palabras de Bragado, deixa de ser clixé. O clixé do escenario de turbias tramas literarias ou televisivas. O clixé da desorde, o atasco e o antigaleguismo. O clixé do ghicho que traballa na Citroën e vai ver o Celta. Quen le este libro descobre figuras e momentos que nos serven para entender como foi posible o milagre vigués e tamén, cun punto de saudade, o que Vigo puido ter sido e non foi. É moi curioso ver como Bragado repara en temas que co pasar dos anos foron tomando conta da axenda municipal, caso do Entroido ou da Festa da Reconquista. Ben antes de que eclosionasen ambas celebracións como as máis numerosas e esperadas no calendario vigués xa el vai compondo a súa oportunidade. Aínda así, o personaxe central do carnaval popular vigués non é o escabicheiro, que el reivindica, seguindo a Xoaquín Lourenzo, senón o merdeiro.

As lembranzas da propia vida de Manuel Bragado van aparecendo entrefebradas nas páxinas. Nótase que nos textos orixinais do periódico buscaban servir de introdución e de santo e seña para que o lector se identificase coa súa voz nas crónicas. Ao apareceren todas xuntas neste libro provocan no lector unha necesidade: completar o marco. Vigo é unha cidade na que, até a década do 2000, tiña censados máis veciños nacidos fóra do que dentro dos seus límites. O vigués de xínea viguesa é escaso e, polo tanto, case todos os grandes cronistas de Vigo (Méndez Ferrín, Cid Cabido, Xosé María Álvarez Blázquez, Manuel Veiga Taboada) non mamaron Vigo aínda que chegaron a coñecelo moi ben. Obviamente, temos a ollada literaria de María Xosé Queizán, Fran P. Lorenzo ou Antón Reixa pero segue faltando memoria viva do Vigo que pasou de 145.000 habitantes no 1960 aos 295.000 da actualidade. O fillo de Emiliano Bragado e Maripola Rodríguez, criado no espiñazo que vai do Barrio do Cura a Casablanca, ten o xeito e a memoria para contar a historia recente da cidade, coas voces altas e baixas.

♦ Vigo, puro milagre, de Manuel Bragado, Xerais, 2019. 262 páxinas. ♠17,50€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *