‘Virtudes (e misterios)’, a muller da nosa vida
César Lorenzo Gil.
Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga, publicado por Galaxia, gañou o Premio Nacional español de Narrativa 2021. Antes xa gañara o Premio Blanco Amor de Novela longa 2019.
Esta novela válese das técnicas habituais na narrativa de non ficción e do rexistro xornalístico para inmortalizar a figura de Virtudes, a avoa do propio autor, protagonista indiscutible da obra: emigrante galega en Londres, empregada doméstica, convertida nunha personaxe inesquecible grazas ao bo facer do seu neto na captación da súa esencia fundamental. Conforme avanza a novela coñecemos outras vivencias: a do avó e tamén a dos pais, asemade emigrantes, ou a propia experiencia do autor cando novo.
Todos deberiamos escribir a historia da muller da nosa vida, non a que amamos por elección, senón a que nos amou antes tan sequera de coñecernos. A Virtudes desta novela é unha desas mulleres.
Xesús Fraga consegue neste libro algo moi difícil: falar daquilo que coñece en profundidade sen caer na condescendencia ou na mitificación. Mediante o distanciamento e grazas á súa fidelidade aos postulados de calquera obra xornalística (rigor nos datos, lealdade á ollada propia e atención ao contexto), consegue que Virtudes deixe de ser simplemente unha avoa, ou unha inmigrante ou unha traballadora e se converta nunha personaxe única, chea de matices, capaz de traspasar as páxinas e apegarse para sempre na memoria do lector.
O primeiro acerto do autor foi desprenderse do pudor. Fala dos seus coma se non lle fosen próximos moitas veces, non ten problema en amosalos débiles ou errados. Obsérvaos con valentía, sen xulgalos, mais sen sobreprotexelos.
Outro acerto da novela é o ton: documental e desapaixonado. Ese distanciamento do que falabamos que converte a Fraga máis nun xornalista ca nun literato, a esta obra acáelle mellor ca o habitual intimismo da autoficción. Ás veces cae nos perigosos abrazos dese xénero tan de moda arestora, especialmente na parte na que fala de si mesmo, mais consegue na maior parte do libro que os personaxes se defendan a pelo. E aí é lóxico que destaque a avoa Virtudes sobre todos os demais. O tópico literario di que unha novela só pode manterse mediante o interese que provoca o que conta. Ben polas situacións que narra (esas partes interesantes de calquera vida) ou porque os personaxes protagonistas son, en por si, interesantes. Velaí o que ocorre con Virtudes. Sexa polos méritos da súa personalidade ou pola habelencia do seu neto, o certo é que a avoa é unha auténtica personaxe de novela e cada vez que aparece en escena sabemos que vai brillar. Infelizmente, estas cotas non as consegue Fraga cando retrata os demais personaxes e, por iso, a novela vai de máis a menos, perdendo interese conforme se afasta da súa indiscutible protagonista. É discutible concluír que, polo tanto, á novela lle sobran páxinas porque o autor concibiu a obra cunha estrutura tal que precisa dos demais personaxes para que se manteña no alto a protagonista. Quizais, sen esa armazón na que aparecen os pais de Fraga e o propio autor, a novela non conseguiría os seus obxectivos. Ás veces, tan importante é a santa coma os que portan as súas angas.
Virtudes e misterios é unha novela sobre as voces baixas. É pouco común, tamén nas nosas letras, que a literatura estea protagonizada por mulleres de clase traballadora. Menos aínda por emigrantes. Este libro visibiliza e dignifica, nunha reivindicación que non necesita demasiados adubíos nin adxectivos, a capacidade de esforzo e adaptación das moitas “Virtudes” que foron e que seguen sendo, nunha forma de épica democrática que debera marcar unha tendencia narrativa con moitas historias e vivencias por recordar.
É moi destacable, tamén, o diálogo narrativo que o autor logra establecer coas fotografías que se inclúen na obra. Eses comentarios están moi logrados pola evocación que logran, máis alá do evidente, e ademais están moi ben escritos.
♦ Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga. Galaxia, 2020. 368 páxinas. ♠19,70€
Concordo bastante coa crítica que fas. Con todo, ao meu ver, o personaxe da nai está moi ben tratado. Quizais non chega á caracterización de Virtudes, mais paréceme unha muller críbel, con moita personalidade.