BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Viva a Comuna’, novela didáctica e entretida

Carlos Meixide.

César Lorenzo Gil.

Quizais o xénero que máis se resiste á normalización da narrativa popular en lingua galega que se puxo en marcha, dun xeito máis ou menos organizado e irregular desde a afastada década do 1980 sexa a novela histórica. Poderiamos lembrar agora os intentos (encomiables aínda que frouxos) de Xoán Bernárdez Vilar, Luís Rei Núñez e outras voces, mais cando a literatura galega se pon a pescudar no seu pasado ten case sempre máis peso o artístico ca o artesanal. As obras históricas de Alfredo Conde ou Darío Xohán Cabana, entre outros, marcaron unha liña moi persoal que é difícil encaixar nos moldes dun tipo de ficción cuxas regras están moi asentadas.

O camiño contrario é o que escolle Carlos Meixide en Viva a Comuna!, publicado por Xerais. O escritor coruñés opta por abrazar con todas as consecuencias un modelo de novelón que se axusta cento por cento ás esixencias do xénero da novela histórica non literaria, pensada para atraer un público afeccionado que adoita ser esixente e ortodoxo.

O fresco histórico sobre a Comuna de París (1871) deseñado por Meixide é, nese sentido, unha gran fazaña para o sistema editorial galego e debería servir de avanzada para unha nova xeración de autores que se acheguen ao pasado con máis obxectivos didácticos e lúdicos ca literarios, pois é unha mágoa que o amplo interese que sobre a historia existe na sociedade se enfoque moitas veces (e refírome a libros en castelán) en acontecementos ou mitos case sempre conservadores, cando non reaccionarios, e case sempre ao servizo dun concepto historiográfico precientífico ou utilitarista.

Viva a Comuna! ten como principais calidades a proximidade co lector a través dunha linguaxe accesible, cinematográfica, que crea ambientes nos que é doado entrar a pesar do caudal inxente de información que o autor tivo que administrar nas case 600 páxinas do libro, e a reivindicación (nada oculta xa desde o título) do proxecto que iniciou a era revolucionaria contemporánea e que foi tan influente na evolución das ideas progresistas nas décadas seguintes.

Dous son os principais problemas da novela. Por un lado, os diálogos. En moitos casos son prescindibles e o autor case nunca consegue que singularicen os personaxes que os enuncian. Por outro, a obra ten un exceso de “graxa narrativa” (frases feitas, excesiva adxectivación, grandilocuencia expresiva) que produce certo cansazo, sobre todo cando a temática é atractiva de seu para non precisar dese “lubricante”.

É certo que o estilo de Meixide permite asimilar Viva a Comuna! á tradición do folletón, onde case sempre sobran páxinas e cualificativos. E nese sentido é coma se esa normalización da narrativa histórica popular da que falabamos padecese unha chisca de desaxuste con modelos do xénero máis modernos.

♦ Viva a Comuna, de Carlos Meixide. Xerais, 2023. 600 páxinas. ♠24,50€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *