BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Vivir a galope’, algunha errata e mala memoria

María Xosé Queizán.

Primeira parte do comentario crítico sobre a autobiografía de María Xosé Queizán, unha das obras máis sonadas do 2018.

Xesús González Gómez.

Acabo Vivir a galope, de María Xosé Queizán (Vigo, Edicións Xerais, 2018), é dicir, as súas «memorias» ou, talvez mellor sería dicilo así, a súa «autobiografía», ou quizais debiamos denominar este libro cun substantivo moi usado nas autobiografías: Confesións. En fin, que o/a lector/a escolla o que máis lle guste ou apeteza ou pete. Con todo, penso que este libro podería iniciarse, como todo libro de «confesións», de «memorias», como toda «autobiografía», cos parágrafos iniciais con que Jean-Jacques Rousseau (en certa maneira o «iniciador» dos libros de memorias, das autobiografías «modernas»); adaptando o texto do xenebrino, quizais estas memorias puideron comezar así:

«Enceto unha tarefa da que poucos exemplos hai en Galicia e que talvez terá imitadores. Quero descubrir perante os meus semellantes a unha muller con toda a verdade da natureza, e esa muller serei eu.

»Eu soa, até certo punto. Sinto o meu corazón e coñezo as mulleres e os homes: non son como ningunha de cantas vin e coñecín, e mesmo me atrevo a crer como ningunha das que existen. Se non vallo máis, son, cando menos, distinta de todas. Tan só despois de lerme poderá xulgarse se fixo ben ou mal a Natureza ao romper o molde en que me baleirara.

»Ás miñas contemporáneas, e ás xeracións futuras, podo afirmarlles decididamente que neste libro presento todo o que fixen, o que pensei e o que fun. Ben e mal, descubertos foron coa mesma franqueza. Nada malo ocultei, e se algo bo dixen de min, quizais só sexa un adorno indiferente e mesmo innecesario, mais que serviu para encher un baleiro imputábel á miña falta de memoria. Mostreime como fun: desprezábel e indigna, ou boa, sublime e xenerosa: puxen a miña alma de manifesto tal como é e como a vin diante do espello. Reunida arredor miña a innumerábel multitude dos meus semellantes, que escoite as miñas confesións, que se avergonce das miñas ruindades, que lamente as miñas fraquezas, e que cada quen descubra logo o seu corazón, con sinceridade idéntica á miña, a ver se hai alguén que se atreva entón a dicir: Eu fun mellor que esa muller

Este podía ser o inicio, se se le atentamente, de todo canto di a autora de Vivir a galope, e tamén de todas as autobiografías, todos os libros de memorias, sexa quen for o autor ou autora. Os parágrafos transcritos, que remedan o inicio d’As confesións de Jean-Jacques, acáenlles a todos, sen distinción –salvemos as excepcións das regras, e deixemos as excepcións para cada lector/a (a miña sería L’âge d’homme, de Michel Leiris, e algún máis, incluíndo As palabras, de Sartre, libro que se ben é autobiográfico non é unha autobiografía, nin unhas confesións, nin unhas memorias, é, simplemente, literatura… da boa). Porque cada autobiografía, cada libro de memorias ou confesións, por moi sinceras que sexan –nun principio non debemos dubidar nunca da sinceridade; si, en segundo grao, da autenticidade– non son outra cousas que aquilo que anuncia Rousseau no inicio da súa obra: mostrarse como é a/o autor/a: desprezábel e indigna/o se o foi, mais tamén, e aquí é onde adoitan usar tinta grosa o/as autore/as: bo/as, xeneroso/as, sublimes, etc. E evidentemente, remarcando sempre que se ispen perante, o lector… para escribir mellor á contra e, sobre todo, para que o que os e as len non poidan afirmar, ou o teñan difícil: Eu fun mellor que esa muller, que ese home. Ao cabo, non é outra a función dun libro de memorias, dunha autobiografía, dun libro de confesións e, talvez, mesmo dun dietario ou diario. Este tipo de libros son, maiormente, (auto)xustificatorios, á parte de serviren para que os seus autores ou autoras agredan os seus lectores (os dos libros), xa que se presentan (os autores) como modelos de todo: desde o literario até modelos de conduta. En segunda instancia, normalmente, entra en xogo iso que denominamos, ás veces un pouco alegremente, literatura. Acho que o lector o ten moi claro, se a literatura brilla por ausencia neste tipo de libros, estes só serven para o que dixemos, á parte de ser pasto da curiosidade e do «cotilleo», facetas ambas que non se deben descartarse, pois ambas están entre os alicerces da gran literatura, como demostra, entre outras, esa gran obra da literatura do século XX que é Á busca do tempo perdido. Mais talvez todo o que escribimos até aquí foi iso, tempo perdido, e as autobiografías non son, en primeira e última instancia, nin mais nin menos que unha tentativa… de rectificar o erro dos outros.

Vivir a galope goza de todas esas características de que falamos, mais antes de nos introducirmos un pouco no libro, vaiamos ao que debería ser a parte final dunha recensión clásica: os erros máis ou menos factuais e as erratas; erros e erratas debidos, sobre todo, a dúas cousas: a memoria da autora, que, como toda memoria, sempre é traizoeira, e a unha falta de edición do libro. Erros por, exemplo, na transcrición de nomes: na páxina 217 podemos ler: «A editorial Aguilar facilitoume a lectura do teatro irlandés contemporáneo: a Synge, a Georges Shehadé […]», supoño que quere referirse ao poeta e dramaturgo Georges Schehadé, quen, por outra parte, era libanés e escribía en francés (é dicir, errata máis erro todo xunto); na p. 478 a cantante catalá Marina Rosell aparece como Marine Russel; a transcrición de nomes e apelidos franceses é abondo deficiente: p. 257: Moustaky, Leo Ferré, Edith Piaff (esta aparece corrixida páxinas despois); Pierre Lerroux por Pierre Leroux (socialista utópico); o biólogo Jacques Monod é transcrito, as dúas veces que aparece o seu nome, como Jacques Monaud –que, foneticamente, soa case igual, por non dicir que igual, en francés, polo que penso que a autora citou de memoria e de aí o erro–; na páxina 740, despois de aparecer o seu nome e apelido correctamente en diversas ocasións, a cantante francesa Françoise Hardy aparece como Françoise Ardy; p. 256: «[…] Jeu de Pomme onde por aquel entón estaban os impresionistas», ten, cando menos, graza: Jeu de Pomme sería xogo de mazá. O museo en que estaban os impresionistas, actualmente un museo dedicado sobre todo a fotografía, vídeo, etc. chámase Jeu de Paume (xogo de palma, un deporte algo parecido ao pádel), etc. Erros, todos estes, que son de edición e corrección, pero que «afean».

Os erros «factuais» son debidos tanto a despistes como á memoria, polo que debeu imporse un traballo de edición exterior á autora que non se fixo, ou se se fixo non se fixo moi correctamente. Vexamos algúns erros, ás veces un pouco «gordos».

Na páxina 44, falando do traslado de seu pai (de avogado en Vigo, a defender diante os tribunais militares a encausados republicanos á fronte), lese: «o traslado forzoso do meu pai no ano 1934», cando é evidente polo que se está a ler que debía ser 1938. Na p. 436 lese que «grazas ás loitas feministas» conseguiuse legalizar o divorcio durante o goberno socialista, «en xuño de 1981»: os socialistas gañaron as eleccións xerais 16 meses despois, en outubro de 1982. Como se sabe: foi o goberno da UCD, sendo F. Fernández Ordóñez ministro de xustiza, quen presentou a lei no Parlamento, e a súa aprobación non foi debida ás loitas feministas –naquel entón os grupos feministas eran, infelizmente, aínda moi débiles–: o divorcio era unha reivindicación de toda a esquerda e de certos sectores da dereita non reaccionaria que daquela moraba no interior da UCD. Na páxina 461 lese: «En abril de 1975 prodúcese a Revolução dos cravos […]» é o lector pode pensar que é un erro de imprenta, pero máis adiante, na  p. 464, lese: «En agosto dese mesmo ano, nas rúas do Ferrol mataron a Moncho Reboiras», polo que se ve que é un erro de memoria, polo que se bota en falta o traballo dun editor. A ausencia de editor nótase demasiadas veces, por exemplo, e como mostra, e para non aborrecer, na páxina 574 lese: «Xa comentei a ilusión que me produciu o libro El azar y la necesidad, do premio Nobel Jacques Monaud (sic)», comentario que non aparece nin en páxinas anteriores nin en posteriores. Na p. 522 lese: «desaparecido Triunfo [revista na que colaborou a autora], xorde no ano1976 Teima»: Triunfo desapareceu en agosto de 1982, e Teima moito antes. Na p. 514 lese: Armando Cotarelo, un escritor da época das Irmandades e erudito secretario da Academia Española». Cotarelo Valledor foi un escritor da época das Irmandades e da Academia Española só foi membro correspondente, o «erudito» secretario era Emilio Cotarelo Mori, pai do escritor galego. Etcétera. Erros, con todo, que non afectan ao libro en si: é dicir, ás memorias, ou á autobiografía de María Xosé Queizán. Edición que tamén eliminaría reiteracións, repeticións, non sobre feitos ou acontecementos fundamentais da biografía, mais si sobre pensamentos ou ideas que deita a autora. Con todo, debemos subliñar, seguindo a Georges Gusdorf, que se ben unha autobiografía ten unha función documental ou histórica, a función literaria ten máis importancia que a función histórica, documental ou obxectiva.

One thought on “‘Vivir a galope’, algunha errata e mala memoria

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *