Volve o Torneo Aira de Novelas


Por segunda tempada consecutiva abrimos o prazo para participar no Torneo Aira de Novelas, que abre o espazo de Biosbardia para aquelas persoas aspirantes a escribir unha obra longa a través do modelo da revista, que leva anos funcionando, tamén para relatos curtos.
Coma en todos os nosos torneos, o importante non é só escribir cumprindo os prazos de entrega, senón comentar os textos dos demais participantes para enriquecer a experiencia creativa e axudar a resolver calquera vicisitude que xurda no seu desenvolvemento. Esta edición contará, ademais, cos comentarios do gañador do I Torneo, Lois Z, que fará un oco para esta nova edición mentres segue a traballar na obra coa que gañou e que se publicará proximamente en Aira editorial.
Tamén se sumará ao catálogo da editorial allarizá a novela que gañe esta edición, se así o considera conveniente a persoa campioa. Este ano a principal novidade é que non haberá eliminación. Todas as novelas participantes terán 14 xornadas para demostrar a súa valía, nunha carreira de resistencia que obrigará os autores e autoras a publicar os seus capítulos cada dúas semanas.
Logo das xornadas regulares, no caso de que o proxecto novelístico gañador non estea completado, as e os participantes terán opción de rematar o seu traballo narrativo nas páxinas de Biosbardia ou a continualo ao seu xeito.
Se che gusta escribir e necesitabas un aliciente para poñerte ao teclado, este torneo está pensado para ti. Le as bases e reserva canto antes a túa praza en biosbardia@gmail.com.
BASES DO II TORNEO AIRA DE NOVELAS, 23/24
1. Convocatoria
O Torneo Aira de Novelas 23/24 é unha competición entre escritores e escritoras, composta por entregas periódicas dun macrotexto literario de xénero narrativo escrito en lingua galega, estruturado en base a certas características. A cerna do torneo son os comentarios ao texto narrativo, non os textos en si, por iso é importante participar activamente nas dúas dimensións do torneo, a de autor/a e a de comentarista dos traballos dos demais. O obxectivo torneo é compartirmos o gusto pola literatura, desfrutar da convivencia e aprendermos todos xuntos.
2. Inscrición
As inscricións deben facerse no correo biosbardia@gmail.com. Os participantes deben ser maiores de 16 anos. A preferencia será por orde de solicitude, pero incluirase un factor de corrección para favorecer a paridade entre autores e autoras. Como máximo, poderá haber oito participantes.
2.1 Lectores/as beta
Recoméndase que cada autor/a participante no torneo conte cun ou con varios lectores beta. Os lectores beta axudan a puír os textos antes de publicarse e preparan os autores e autoras diante das futuras críticas ao redor dos seus textos.
3. Mecánica do torneo
3.1. Participantes
O torneo constará dun mínimo de cinco e un máximo de oito participantes. Se non se consegue a cifra mínima non se disputará o torneo.
3. 2. Comentarios e votos
Cada participante escribirá un capítulo por xornada que debe ter entre 5.000 e 20.000 caracteres con espazos. As xornadas celébranse cada dúas semanas. Unha vez publicados os capítulos da xornada, os participantes deberán comentar os textos.
Durante as primeiras xornadas comentaranse os capítulos, pero non haberá votación. Segundo o número de participantes, a organización anunciará a partir de que xornada cada participante deberá outorgar os seus votos. Haberá tantos votos como participantes menos un, xa que non se pode votar pola propia novela. Por exemplo, se hai cinco participantes haberá votos de: 6 puntos, 4 puntos, 2 puntos e 1 punto. Se houbese seis, serían: 8, 6, 4, 2, 1. Se fosen sete: 10, 8, 6, 4, 2, 1. Se fosen oito: 12, 10, 8, 6, 4, 2, 1.
As puntuacións non son acumulativas. A clasificación reinicíase en cada xornada. Gaña o torneo aquel ou aquela participante cuxo proxecto reciba máis votos na xornada derradeira.
4. Acabar a novela
Entra dentro do posible que o torneo remate antes ca a novela gañadora. Nese caso, o participante ten a opción de seguir publicando os restantes capítulos en Biosbardia, e contará cos comentarios públicos como durante o torneo.
4. Organización
A data prevista para o inicio do torneo é o 30 de novembro do 2023.
O primeiro capítulo do proxecto de novela debe enviarse a biosbardia@gmail.com antes do 26 de novembro, o segundo antes do 10 de decembro e así sucesivamente cada dúas semanas, agás en períodos especiais como o Nadal ou a Semana Santa, cando o torneo para canda a actualización de Biosbardia. A organización recordará as datas de entrega convenientemente.
Os capítulos deberán enviarse en formato .doc, .odt ou similares.
5. Comentarios
Non serán anónimos nin os textos narrativos nin os comentarios.
Todos os participantes do torneo están obrigados a comentar de maneira pública en todas as xornadas agás nos seus propios textos. Os comentarios realizaranse na páxina web de Biosbardia, no fío correspondente a cada capítulo de cada xornada.
O esquema de comentario é o seguinte:
1º parágrafo: impresión xeral do capítulo.
2º parágrafo: comentario sobre o capítulo en relación ao proxecto total de novela
3º parágrafo: comentario crítico sobre capítulo + conxunto (melloras, eivas, suxestións…)
As persoas participantes (agás as excepcións xa referidas) poden debater libremente durante o período de votación calquera aspecto sobre os relatos ou sobre a valoración doutros votantes, sen menosprezar a opinión doutros comentaristas nin o traballo dos autores/as.
O público en xeral tamén pode comentar e opinar, sempre co seu nome completo, a través dos comentarios da revista ou nos espazos do Twitter e do Facebook de Biosbardia.
6. Votos
Os votos son secretos.
Os votos emitiranse segundo o modelo do apartado 3.2.Cada votante pode empregar o seu propio criterio persoal de valoración, sempre que se axuste a razóns literarias, sexan de forma ou de contido.
Deben enviarse por correo a biosbardia@gmail.com un día antes da data de publicación da xornada.
6. Premios
Premio para o campión/campioa de liga: a edición e publicación da obra en Aira editorial.
Premio para todos os demais que acaben a novela: Asesoramento gratuíto de editores profesionais para darlle a feitura final ao proxecto.
A organización, en acordo con Aira editorial, pode ofrecer a publicación de calquera outra das novelas que non resultasen gañadoras.