BiosBardia

O país dos libros en galego

Vuillard e Nicolás, dúas novelas ao redor do totalitarismo

DIARIO DE LECTURAS

Éric Vuillard.

Xesús González Gómez.

18-19 de novembro do 2018.– Releo, en versión galega de Antía Veres, A orde do día (Kalandraka, 2018), de Éric Vuillard (1968), obra coa que o seu autor, tamén guionista de cine, gañou o Premio Goncourt. Con esta novela (sic), Vuillard apuntouse a unha certa moda, ou maneira, de narrar que consiste en recrear escenas históricas reais máis ou menos contemporáneas que, monografías á parte, nas historias xerais se despachan cun par de liñas. Nestas escenas cuxos detalles se despregan diante dos nosos ollos, ou tal semella, adóitase, tamén, humanizar os seus protagonistas, o que ás veces é un perigo.

Este breve libro (144 páxinas) recrea unha serie de escenas relevantes que, cando chegan ao seu punto álxido, son abandonadas para deixar paso a outra nova escena. Iníciase a novela en febreiro de 1933, coa reunión entre o novo chanceler alemán Adolf Hitler e uns vinte industriais e banqueiros que teñen apelidos como Opel, Krupp, Flick, Thyssen, Siemens ou Farben. A reunión foi organizada polo presidente do Reichstag (parlamento alemán), Hermann Göring, e acaba con xenerosas doazóns ao NSDAP, ou sexa, ao partido nazi. A seguinte escena desenvólvese en 1937, en novembro. Xa se abriron diversos campos de concentración en Alemaña, Gernika xa foi bombardeada pola Luftwaffe e o ministro británico de Asuntos Exteriores, Lord Halifax visita o ministro do Ar alemán, que non é outro que Göring, o Reichstag xa non existe: primeiro foi queimado e logo foron eliminados os partidos políticos. Halifax, seguindo a denominada «política de pacificación», dille ao ministro alemán que Gran Bretaña non porá ningún tipo de pexas ás pretensións (fagotización) alemás sobre Checoslovaquia e Austria.

Meses despois, febreiro-marzo desenvólvese a seguinte escena: asistimos ás conversas entre Hitler e o chanceler austríaco Schuschnigg –herdeiro de Dollfuss, asasinado polos nazis–, un católico reaccionario que exerce unha represión sen límites contra comunistas, socialdemócratas e todo aquel que se mova a un milímetro da súa esquerda. O austríaco é insultado, humillado, ameazado polo alemán, quen lle lanza un ultimato. Pasamos inmediatamente a outro plano: unha cea en Downing Street, residencia do primeiro ministro británico, Neville Chamberlain, que despide o embaixador alemán: Von Ribbentrop, que volve a Berlín para ser nomeado ministro de Asuntos Exteriores. Durante a cea, á que entre outros asiste Wiston Churchill, o premier británico recibe un telegrama e non ve o momento de levantar a reunión: o embaixador alemán alóngaa artificialmente. Por fin, remata e o premier explica aos seus comensais non alemáns de que vai o telegrama: Alemaña acaba de invadir Austria, aínda que, aparentemente, foron reclamados polas autoridades austríacas mediante un telegrama que expediron… as autoridades nazis.

Seguinte escena: o xuízo de Nuremberg, volvemos atopar a Göring. Nesta escena reprodúcense dúas conversas telefónicas deste. Unha primeira en marzo de 1938, daquela era ministro de Economía, e fala con Von Ribbentrop do tempo e da alegría con que os austríacos recibiron os nazis: a conversa fora gravada polos servizos secretos ingleses. Outra conversa ten lugar tres días despois, gravada polos asistentes de Göring, e nelas dá, con ton imperioso e tallante, ordes e instrucións de quen deben ser ministros en Austria.

Os outros capítulos lévannos a unha tenda de disfraces en Hollywood, tenda na que traballa o filósofo alemán Günther Anders e á Conferencia de Munich, onde se lle regalaba o que quería a Hitler. O libro acaba nunha escena que se desenvolve, en 1944, na residencia do industrial Gustav Krupp, fabricante dos tanques e canóns usados polo exército alemán. Krupp, como os banqueiros e industriais que aparecen na primeira escena, beneficiouse do traballo escravo e resistiuse, como os outros industriais beneficiarios da man de obra escrava, a compensar os superviventes. Os industriais e banqueiros alemáns que financiaron a Hitler non pagaron e hoxe os seus herdeiros ou as súas empresas continúan a manter o poder económico na actual Alemaña que manda en Europa. Unhas empresas que, mesmo están a pasar como benefactoras das artes e da cultura coa aquiescencia e aprobación de xente que mesmo se autodenomina de esquerdas: pobre esquerda.

Mais se o libro acaba cunha denuncia, se noutros capítulos se denuncia o entreguismo da Gran Bretaña con respecto a Hitler, a financiación deste por parte dos banqueiros e industriais alemáns: máis que financiación, investimento, xa que baixo o nazismo obterían grandes beneficios, non se pense que nos achamos diante dun panfleto. A orde do dia é unha novela conseguida. Non se sabe que libros usou Vuillard para montar esta obra. Vese claramente que usou libros de memorias ou recordos escritos polos protagonistas e a partir deles argallou unha trama interesante e un pouco volátil, que no fondo subxuga e atrapa, que emociona e, tamén, espanta e inquieta –sobre todo o capítulo final. Non sei se se pode afirmar que está a obra ben documentada, aínda que isto, como dixo hai pouco Eva Moreda, nada significa cando se fala de novela, mais o certo é que se ben se denuncian e se evidencian os erros e as perversións e a perversidade británicas, alemás, austríacas, italianas (estas de rebote, ou de perfil), Vuillard, pasa por riba dos erros e das perversións francesas: os franceses acompañaron os británicos en Munich, non puxeron pexas ás invasións de Checoslovaquia e Austria, participaron sen denunciala na pantochada denominada non-intervención a respecto da guerra de España, e as súas clases dirixentes, e a maioría das clases medias e media alta, afirmaban, e non en voz baixa, que preferían Hitler a Blum (este último, xudeu e dirixente da Frente Popular Francesa). A orde do día entra dentro desa corrente que atravesa a literatura francesa e que se caracteriza por unha escrita seca, unha acción rápida e  nunca máis de duascentas páxinas.

Lapis na noite

Acabada a novela de Vuillard dáme por ler unha novela galega coa que me agasallaron hai pouco.

Unha profesora de galego que fixo a súa tese doutoral sobre unha escritora interesante mais de pouca obra e case descoñecida de principios do século XX entra no circuíto de conferencias e actos culturais por mor de que a esa escritora lle dedican o Día das Letras Galegas. Debido a isto, é convidada a ir a Buenos Aires a unha serie de actos programados naquel país sobre a cultura e literatura galega, etc. A pesar de ter unha filla pequena, divorciouse non hai moito, decide ir: a filla quedará coa avoa. Decide ir porque na súa familia hai un misterio: un irmán de seu pai, xa morto (pai e tío), foise a Buenos Aires en plena ditadura franquista e a familia nunca máis se relacionou con el. Souberon que o tío (Ramiro de nome) morrera porque a súa viúva (Tatiana) chamou por teléfono para dar a nova. E deixou o seu número e o seu enderezo de Buenos Aires, cidade á que chega, en avión, a profesora. Cidade pola que pasea e esas paxinas, da man da profesora, xa que está narrada en primeira persoa, convértense nunha guía turística para galegos que queiran ir a Buenos Aires, etc. O penúltimo día de estadía na cidade arxentina chama á súa tía, Tatiana, e queda con ela. Vai vela. Falan, etc. E a historia de Ramiro, Ramiro cha contará, dille a viúva, polo que a profesora fica un pouco abraiada e o lector, se leu aínda que só sexa unha novela de misterio e de non moita calidade, supón que o tal Ramiro deixou escritas unhas memorias ou recordos, etc. A viúva tamén lle di que tiveran unha filla. A profesora quere saber máis. Todo está no que escribiu teu tío. Despídense, ela volve a España, colle de novo o avión, cara a Madrid; na viaxe le o que deixou escrito seu tío: unha nova voz narrativa. Nos recordos do tío nárrase porque marchou de Galicia, a súa chegada a Buenos Aires, o coñecemento de Tatiana, o nacemento da filla, a chegada dos militares ao poder, etc. E entre capítulo e capitulo do que vai lendo do seu tío, outra voz narrativa explica a historia de Iria, a filla de Tatiana e Ramiro, a súa curmá. Finalmente acaba todo, con moita moral e un superplus de kitsch consolativo e consolador. Mais ou menos, menos que máis, este é o «argumento» de Lapis na noite, de Ramón Nicolás, Vigo, Edicións Xerais, 2018.

A novela, no fondo, debería ser a historia de Ramiro e a súa filla Iria, mais, en realidade, o que se narra é un digest da ditadura militar que asolou Arxentina de 1976 a 1982. Digest mediante o cal o lector tira a conclusión de que a ditadura arxentina foi a realización duns militares desalmados e non o intento de recolocación do capitalismo arxentino (do que os militares eran simples mercenarios) no novo cambio que se estaba a operar na repartición do sistema produtivo capitalista mundial despois da crise de 1973: o advento de neoliberalismo e os primeiros pasos do que logo se ía denominar globalización. Un digest onde a voz autorial entra demasiado, como se tivese medo o autor de que o lector o puidese considerar neutral e non condenase a ditadura arxentina, ou calquera outra ditadura. Ao ter Nicolás ese pavor, as voces narrativas –por certo, son tres, pero todas teñen o mesmo ton– confúndense coa voz autorial, como se o que din os personaxes fose aquilo que pensa o autor. Noutras palabras, o autor non lles concede ningunha autonomía aos seus personaxes, de aí que todos sexan bos, solidarios, case que anxelicais, etc.

Mais o este non sería o problema maior da novela, sendo, con todo, un gran problema. O problema é que ás poucas paxinas a monotonía se apodera da narración, como se Nicolás fose fiel a unhas estratexias (?) narrativas incapaces de xeraren calquera tipo de expectativa e que só se articulan como unha morea de lugares comúns (e algún tópico) que non evita a caída no anecdotario máis trillado e simple do que aconteceu en Arxentina de 1976 a 1982.

Cunha prosa tediosa que non sempre se esforza e en escapar ás trampas da afectación e do sentimentalismo un pouco cutre: «As bandeiras outeaban o camiño, en anárquica disposición. E os ríos que alimentaban aquela fervenza…»; «mal pasaran cinco minutos desde que traspasara o limiar da porta, e xa se formulaban aínda máis incógnitas das que en primeira instancia imaxinara»; «gardaba na memoria toda a infancia»; «o convite que me cursaran constituía unha sorpresa maiúscula e absolutamente inesperada» (home, iso de esperar sorpresas…); «Ao día seguinte, no almorzo, lin todos os xornais bonaerenses do hotel. Neles incorporábanse crónicas da multitudinaria concentración…»; «Os ollos gacios dela confúndense co mar infinito que lle asoma ás costas nun fondo no que rompen con suavidade as ondas sobre a area…», etc, etc.; unha escrita sen nervio e sen músculo, que diría un vello comentarista literario, e uns diálogos nos que os dialogantes semellan máis profesores de retórica que persoas máis ou menos normais a falar de maneira normal.  Lapis na noite é tamén unha reunión de personaxes e de feitos seriamente estereotipados, personaxes e feitos que se ben poden ou son estes últimos reais, en primeira e última instancia só serven para que a novela avance forzosamente no seu obxectivo de propagar o seu ton desagradabelmente moralizador e que todo acabe como debe acabar nunha novela destas características: da maneira que xa comentamos parágrafos atrás.

One thought on “Vuillard e Nicolás, dúas novelas ao redor do totalitarismo

  1. Na defensa de Nicolás direi que, tal e como as gasta a crítica promocional literaria da que el é cómplice, cómpre trasladar a ideoloxía do escritor á do narrador e/ou personaxes (sempre e cando esta sexa unha ideoloxía correcta, claro) para evitarmos problemas.
    Do contrario, algún ou algunha especialista en literatura (poña aquí risas que lle pida o corpo) podería acusalo a el das miserias dos seus personaxes de ficción e, daquela, que?
    Moito mellor que algunha páxina de xente afecta á literatura (uns friquis, para entendérmonos todos e non ferir sensibilidade identitaria ningunha) lle faga un traxe a que os compañeiros o acusen de ser ‘poña aquí o epíteto que guste’. Que coas cousas de comer non se xoga.
    E nada, así todo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *