BiosBardia

O país dos libros en galego

Xavier Queipo: “Cando se publica un libro dunha calidade subóptima é sempre culpa do editor”

Xavier Queipo.

Visitamos desta volta a ‘Biblioteca íntima’ de Xavier Queipo, un dos escritores máis premiados e influentes das letras contemporáneas. Narrador, poeta, ensaísta tradutor, os seus libros foron moitas veces adiantados ao seu tempo e sempre se deixaron levar polo instinto de autor, alén de modas e xeracións. O seu libro de máis recente publicación é Corazón de manteiga (Galaxia).  

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

A primeira vez que miña nai me atopou lendo de xeito autónomo, estaba eu acompañado de Aladino y la lámpara maravillosa, nunha edición magnífica onde Aladino non era un neno árabe senón de Asia Oriental, con ollos riscados e chapeu cónico, coma o que usan os labregos do sueste asiático.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

A súa pregunta contén dous conceptos un bocado ambiguos o que a converte nunha pregunta moi aberta. Se por pouco coñecidos se refire a libros non-clásicos e non-best-sellers (desculpe a definición por exclusión) eu considero toda a obra do escritor suízo Nicolás Bouvier de contrastada calidade. Citaría, por exemplo, para os que queiran abrir boca, Le poisson-scorpion. De aí a dicir que é unha obra mestra vai un treito. Deixarémolo en obra de mérito como hai moitas -descoñecidas ou non- na literatura universal. 

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

A última que eu lembro foi A la recherche du temps perdú. Un verán lin catro tomos da edición de peto de Gallimard, mais quedei a medio camiño do último deles e xa non dei enganchado. 

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Aínda bo é que pode estar vivo! Se tivera finado estaría pasando unha noite de festa co espírito dun morto e iso, enténdame, daríame algo de medo. Imaxino un contacto frío e pouco acolledor. Dos vivos non sei que entende vostede por festa a esta miña idade. Se é para cear e dar un paseo, se cadra con Mia Couto, pois únenos a profesión de biólogos e romancistas, mais algo leve como festa, xa me entende. 

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Seguindo o razoamento precedente, cos mortos nin pensalo. Cos vivos non me agradaría estar con alguén que non quixese estar comigo, que fose refractario á miña presenza. Ninguén expresou de xeito público nin privado esa querenza pola miña persoa e daquela a prudencia aconsella non dar o primeiro paso. Así e todo non teño grandes fobias e sempre podería ser unha experiencia interesante estar con alguén arrogante ou egocéntrico. Daría para un conto.

Un libro recente que lle gustase moito…

Eu sigo e non sigo as novidades e daquela a delimitación de recente ten que ver con cando eses libros entraron na casa máis que cando foron editados. Centrándome nos que lin neste confinamento da primavera de 2020, podería citar Thésée, de André Gide, Os largos e longos campos de liño azul, de Isaac Xubín, a novela de Ursula K.LeGuin The Word for World Is Forest e o conto de Anxos Sumai (‘Aproximadamente, dous quilos e medio’), que apareceu no libro coletivo Contra o vento.

Unha novela que non puido terminar…

Moitas, pois ás veces póñome retos lingüísticos ou estilísticos para os que non estou preparado. A última que ven á memoria é The unnamable, de Samuel Beckett, mais non renuncio a intentalo outra vez, pois é sabido que o que hoxe non nos acae ben, mañá ben pode ser de gusto. 

Que novela lle gustaría protagonizar?

Vaille soar egocéntrico. Éo, sen dúbida, mais esa é característica necesaria para ser artista, da palabra ou de calquera outra disciplina. A min gustaríame ter sido o cirurxián e naturalista Mirabeau que aparece na novela O Paso do Noroeste, infelizmente fóra de catálogo.

Que novela o reconciliou coa literatura?

Varios libros e non todos eles novelas poderían entrar nesa categoría, pois sufrín varias rupturas e reconciliacións nunha relación complexa, produto, se cadra, do concepto que cadaquén ten de literatura e escrita (que para min non son intercambiábeis). Eses libros clasifícoos como “relecturas” (unhas veces parciais e outra totais). Podería citar, así, das que veñen á memoria e por diferentes motivos, 1984, de Orwell, Moby Dick, de Melville (que confeso ter lido en catro linguas cando propuxen –sen éxito- a súa tradución ao galego), Rayuela, lectura obrigada unha vez cada década, Los pasos perdidos, de Alejo Carpentier, Hamlet, de Shakespeare, por descontado, as poesías completas de Octavio Paz e De donde son los cantantes, de Severo Sarduy. 

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Hai un que leva á espera algo máis dun ano, mais que barrunto que me vai gustar aínda que teña que escoller ben cando o vou ler e a que velocidade. Trátase de A Moth to a Flame, do escritor sueco Stig Dagerman, que leva unha introdución de Siri Hustvedt (a quen admiro). Logo de ler a introdución, facer un par de ‘catas’ no interior e despois de ver a foto da portada (esa ollada perdida no infinito do nada, esas mans, esa fraxilidade intuída), deume algo senón de medo, si de desacougo, como todos os libros escritos antes de acabar a vida pola propia man despois dunha tempada de silencio e, supoño, de sufrimento. Agora, neste tempo tan especial que nos ten tocado vivir, se cadra non é o mellor momento e terá que seguir esperando o que foi considerado, segundo Hustvedt “a raw new genious”.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Non me importaría nada ter escrito L’amant, de Margerite Duras, Salamandra, de Octavio Paz; Paradiso, de Lezama Lima ou Le città invisibli’, de Italo Calvino. Xa ve que teño gustos heteróclitos e que calculo a traxectoria do disparo por elevación. 

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Eu comecei a publicar con trinta e tres anos, ou sexa que non teño no meu haber eses libros de mocidade que un rexeita decontado. Así e todo, xa desapareceron varios deles, que están descatalogados neste sistema noso tan terríbel na ausencia de memoria. O que se cadra me gustaría é poder revisar algúns que saíron un pouco antes de tempo, pois quer non se entenderon ou quer eu non conseguín que se entendesen, como foi o caso de Dragona ou quer aínda non estaban ben armados, caso de Saladina, onde algún parvo pretendeu que eu estaba imitando a Cunqueiro. Cando se publica un libro dunha calidade subóptima é sempre culpa do editor, que se lle supón capacidade para peneirar o que lles chega como proposta e separar o grao do salvado. 

Leva vostede un diario ou un dietario? 

Comecei a levalo nas viaxes marítimas dos anos oitenta, mais non dou atopado eses cadernos. Despois xa entrado o ano 90 comecei un diario que levo dende entón de xeito ininterrompido. Debo ter máis dun cento de cadernos de peto, que xa estiveron nos cinco continentes e sucaron varios mares e océanos. Se cadra é a miña única obra, pois nela están trazas de todas as que saíron e sairán. Alí se define a cosmogonía propia, incluídas as obsesións, as teimas e os labirintos do comportamento, alí están as personaxes reais e ficticias, as visións, as observacións do natural, os soños, é dicir o material de base para despois escribir escollendo aquí e alá entre os proxectos que están no diario. Esteticamente son ben bonitos pois non sendo eu un artista plástico aínda así inclúen pequenos deseños, autocolantes, colaxes, rueiros, postais… de xeito que constitúen un repaso da vida que eu fun vivindo estes anos e das contornas onde se desenvolveu. Darían para unha exposición, se houbese un comisario interesado. Darán tamén para repensar a vida cando chegue o intre da desmemoria.   

Escribirá as súas memorias?

O dietario do que lle falei, son as miñas memorias dos últimos trinta anos, que son os anos que levo de escritor publicado. O de escribir as memorias non sei se sería unha boa idea. Teña en conta que eu levo traballando de funcionario varias décadas e supónsenos unha vida pouco interesante. Ende máis, nin son un político nin unha persoa que faga acordar intereses alleos e daquela a proxección sería mínima. 

Por certo eu escribín xa unhas micro-memorias, que co título de ‘memorias apresuradas’ apareceran no libro 55, onde contaba en pouco máis dunha ducia de páxinas acontecementos que marcaron os primeiros trinta e cinco anos da miña vida, que é onde Ionesco na súa novela Le solitaire sitúa o ecuador ou, se o prefire, o punto máis alto antes do comezo do declíneo. 

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Todos eles e ningún en particular. Algúns influíronme en varias etapas da miña vida como Octavio Paz, Valle-Inclán, Lorca, Edgard Alan Poe, Jules Verne, Álvaro Cunqueiro, Severo Sarduy e Julio Cortázar. Se cadra non se atopan trazas dos seus estilos nos meus escritos (e se se atopan pois benvidas sexan). Mais se tivera que escoller un só que me animou no empeño, diría Cortázar e non precisamente pola súa novela máis coñecida, senón polos seus libros colaxe (Último Round e La vuelta al día en ochenta mundos). Dalgún xeito os meus libros Contornos, Mundiños e Manual de instrucións exploran territorios próximos, mais –malereusement- o tempo de que as editoras galegas apostaran pola experimentación semella algo do pasado, supoño que por razóns da magreza do mercado do libro galego e pola necesidade de garantir un mínimo de lectores, case sempre -mágoa- forzados.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Non lle descubro nada novo se lle digo que os libros teñen a tendencia a aboiar e daquela se quixera desfacerme deles deixaríaos nun banco dun parque (como xa teño feito con algún). A destrución de libros asócioa aos réximes totalitarios, ás ditaduras e ás inquisicións varias. Daquela non me sentiría moi á vontade  no rol de destrutor de libros (sexa polo método que sexa). Non creo moito nos canons literarios (nin noutros) e daquela o que para min é prescindíbel para outra persoa pode ser de interese. Sentiría pudor en destruílos e prefiro deixalos ao azar da sorte que poidan ter noutras mans.  

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Unha boa parte dos autores que publicaron despois de 1970 están vivos, pola simple razón que agora hai máis “masa crítica” de escritores, en particular de escritoras, que antes do 1970 onde case non había, ou apenas eran publicadas. Eu non son moito de facer amigos mais tampouco de darlles motivos aos inimigos que de seguro terei, mais que sempre se expresaron a distancia. Outros, xa morreron e daquela non se poden defender dun ataque, co que sería innobre asestarlles unha estocada. Ademais, e non me mal interprete, esas categorías maximalistas de non-soportar/adorar non van moito comigo, pois non entra na miña cabeza un mundo en branco e negro.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Remítome á resposta anterior no que refire a estabelecer categorías excluíntes, mais voulle dicir dous que me animaron a seguir lendo os seus autores e, por extensión, outros coetáneos: Festina lente, de Marcos Calveiro e Así nacen as baleas, de Anxos Sumai.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

Para min, enténdase a herexía ou non, Castelao como autor literario está sobrevalorado, pois se converteu nunha especie de santo laico. Eu quedaríame coa súa obra plástica e o seu ensaio maior Sempre en Galiza, mais nin Os dous de sempre nin Os vellos non deben de namorarse me pareceron nunca obras de mérito para pasar á historia. 

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Hai varios, mais se quixese escoller un sairíanme dous: Amor de Artur, de Xosé Luis Méndez Ferrín, e Si o vello Sinbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *