‘Xeración’, unha enchente de esdrúxulas

César Lorenzo Gil.
Xeración. Breve tratado de males inespecíficos gañou o Premio Victoriano Taibo de poesía no 2022. O galardón está organizado polo Instituto de Estudos Miñoráns e publicado por Galaxia. O seu autor é Javier (sic) Rodríguez González, “poeta e profesor” (segundo a biografía da contratapa) con bastantes premios tanto en galego coma en castelán.
O poemario, en verdade breve, pois ten 51 páxinas, está dividido en tres partes, dúas das cales xiran, dalgún xeito, en torno á educación. A primeira, “Xeración”, sitúase nas protestas contra a Lei de Ordenación Universitaria a primeiros do século XXI en Santiago. A terceira, “Notas para unha poética despois da LOGSE (sic)” ten un título dabondo elocuente.
A interpretación máis benévola para este libro é tomalo como unha parodia. Unha peidorreta en toda a cara á escola ferriniá e da súa principal herdeira, Chus Pato. Só así, desde unha homenaxe satírica, se poden deglutir os centos de adxectivos (moitos deles esdrúxulos), os centos de referencias centroeuropeas e euroasiáticas (principalmente históricas, tamén xeográficas), certa prosodia cansa, que se autointerrompe, que creba o ritmo da lectura dun xeito tan perfecto que parece imposible que non se fixese a mantenta.
O problema é que este recital de metralleta contra gran parte da contemporánea poesía galega escólleo facer Rodríguez González sen moito plan, un tanto ao chou, cunha escrita automática que se nota falta de traballo máis alá dalgún achado feliz da libre asociación de chistes. É máis vibrante o ton cómico ca o enxeño e iso provoca que a meirande parte dos poemas non acaben de expresar todo o seu potencial. Por exemplo, o que abre o libro, que convoca unha épica de léxico empoado e referencias vigorosas, mais que apenas se sostén porque necesita repetirse decontino, non buscando un retrouso (xa falei que o ritmo poético está ausente neste libro), senón asegurar o “dobre check” sobre o universo paródico que debuxa.
Sen peneira, só sustentado nas cabriolas dialécticas e nesa ópera saltimbanqui das esdrúxulas, o libro aparece inerte, só lexible como curiosidade, como reverso chusco da tremoia literaria contra a que pretende rebelarse. Tamén, por algún dos escenarios onde pousa os ollos, como desasosegante resaca das batallas dos millennials, que xa empezan a ter canas e pasado.
Na edición de Galaxia chama a atención certo desleixo, especialmente o autorretrato (ao fondo o Bankinter) do autor.
♦ Xeración. Breve tratado de males inespecíficos, de Javier Rodríguez González. Galaxia, 2023. 51 páxinas. ♠9,95€