BiosBardia

O país dos libros en galego

Xornada preliminar da II Liga Maruxairas

Comeza a II Liga Maruxairas coa publicación dos primeiros oito relatos que compoñen a xornada preliminar. Este “todos contra todos” servirá para definir as posicións dos duelistas no caso de que cumpra desfacer duelos que acaben en empate.

O sistema de votación nesta xornada será por puntos. Cada votante (autores/as) deberá outorgar 5, 3 ou 1 puntos aos seus tres relatos favoritos. Os duelistas non poderán votarse a si mesmos.

Tras as puntuacións de cada xornada cada autor recibirá unha asignación de posto do 1º ao 8º. En caso de empate a puntos, a posición final decidirase por sorteo.

O público en xeral de Biosbardia pode comentar os relatos, igual que en calquera xornada.

Velaquí os relatos de Carlos Vega, Ana Vigo, David Botana, Breogán Martínez, Pilar Vilaboy, Fran Fernández Davila, Xosé Duncan e Marisol Gándara, anónimos, coma sempre, até despois do resultado da votación.

A soidade do ciclista revisitado

Ergueuse cando a rapaza xa se perdera tras a curva. Logo de semellante accidente automobilístico refregou as mans contra as canelas, intentando despegar a lama do camiño, que lle aplaudía a caída. Andaba a recoller a bicicleta cando escoitou un murmurio que se lle achegaba polas costas. Agudizou o oído e puido entender unha borralla de palabras que cada vez soaban máis preto: monstro, animal, máquina, xigante, gacela, tigre, besta, mole, samurai, coloso, paladín, canario, vikingo, gozi…

Sen moito tempo para pensar, os ollos do ciclista decidiron aforrarlle ao cerebro a imaxe do home correndo cunha bandeira cruzada aos ombreiros e, que a poucos metros del, estoupou nunha fumareda. As mans, pola súa parte, limitaron a deixar caer a bici encima dos pés, que non se queixaron.

Tempo despois, nun especial de Samaín do Facebook do lugar, leu pampo a historia de Ramón o do Burgo, o ultra do ciclismo estadounidense que morrera de síndrome de Stendhal cando pasara a Volta por alí.

Carlos Vega.

 

Leaving Las Vegas revisitado

Cada día paseaba en bicicleta. O único luxo na súa vida era o frescor do vento na cara, e devecía por sentilo con máis intensidade de cada vez. Chegara a alcanzar velocidades inimaxinables para calquera humano. Ata que un día topou cunha curva inesperada.

A bicicleta precipitouse pola ladeira, pero el non a acompañou. Ascendeu e ascendeu, sen saber onde acabaría, pero si que acabaría mal.

Sobrevoou a vila e ao chegar á cidade comezou a descender. Puido recoñecer o elegante edificio ao que se achegaba. Estaba listo para rebentar o cranio contra o asfalto, pero un obstáculo apareceu no seu camiño.

Non cría en fronteiras e sempre pensara que as bandeiras servían só para enfrontar e dividir a xente. Naquel intre, pendurado daquel anaco de tea a raias, decatouse de que el nunca sería un salvapatrias, pero dalgún xeito a patria salvara a súa vida.

Ana Vigo.

Leaving las vegas revisitado 2

Marchou a las vegas, marchou para revelar o nome exato de todas as cousas e conseguiu-no, si, o último dia quando já não o esperava conseguir, o último dia quando se uniu a uma conga espontânea que se formara no casino, esquecendo as coordenadas do seu próprio código deontológico, ressignificando as suas ideias sobre a indecência mentres sujeitava bem forte a cintura suada daquele tipo de chantada que conhecera ali, deixando-se perder no preciso funcionamento daquela conga, aquela conga no casino de las vegas —impensável no casino de chaves, inconcevível no casino da toja— onde se sentiu como são paulo caindo do cavalo em damasco, onde encontrou o Aleph ao som de gloria estefan, ela, rodeada pero mais soa que nunca, agarrando e sendo agarrada por ninguéns, por compinches incapazes de ver naquela epifania algo mais que um simples, ingénuo passatempo.

Breogán Martínez.

Leaving Las Vegas vs A soidade do ciclista

O soño de Brais revisitado

Brais cambiou o seu soño ao pouco de chegar aos Estados Unidos. Ía coa maletiña chea de proxectos de queixos veganos, pero en Wisconsin tropezou con Megan e reviroulle a vida.

Mandoulle unhas letras a Candela, a súa irmá, que quedou abraiada coas novas:

 “Nin imaxinas as oportunidades que che abre América. Éche o capitalismo en estado puro. Pagáronme 1.000 dólares por choutar abrazando a bandeira americana. Atopei este choio grazas á miña moza, Megan. Coñecémonos nas clases de ioga, aprendeume varios trucos de flexibilidade e agora xa paso por acróbata. A foto ten un case nadiña de Photoshop. Vai ser para un anuncio a favor da campaña de Donald Trump. Megan di que non hai que ter escrúpulos de onde veñen os cartos.”

Candela decatouse de que a imaxe do Brais con ideais férreos só existía no pasado da súa imaxinación. Aquel rapaz iluso morrera ao cruzar o Atlántico.

Pilar Vilaboy.

O soño de Brais revisitado 2

Chimpou da cama, deixando tras de si un ronsel de sabas suorentas con cheiro a queixo de cabra. Empurrado polo ímpeto do seu último soño, arrincou a bandeira da súa independencia da parede. Contemplouse no espello do dormitorio e, cun sorriso de orella a orella, pousou o longo anaco de poliéster sobre os ombros, a xeito de capa.

Ela, a crúa realidade, viuno pasar coma un raio por diante da cociña. Deixou a cunca de café enriba da mesa e botou a correr abraiada, temendo que cometese algunha tolaría. Así como cruzou a porta da sala, reprimiu un salouco ao velo abalar sobre o peitoril da ventá.

Xusto no intre en que se precipitaba ao baleiro, a muller pisoulle a punta da bandeira, que ondeou no ar coma un pano de despedida. Vinte metros abaixo, a xente esquivaba os miolos rebentados do soñador, ignorando o sangue que tinxía a rúa.

Xosé Duncan.

O soño de Brais

Sobre augardentes e despedidas revisitado

Mírate nesta foto, Mario, que guapo coa camisa de cadros. A miña cara de sorpresa, a caixa co anel, unha piscina de aire no peito. Cóllesme. Abrázasme. Ollamos París dende as nubes.

Que bonita imaxe. Aveceu traer o vestido. Sábenche os beizos a lúa de mel. Nova York espreita detrás. Tennos envexa. Somos virais.

A cea perfecta. Chicago ao fondo. Reviso as redes. Uns coreanos comprometéronse no Taj Mahal. Moitos likes. Quito as candeas, desmerecen a cidade. Mellor así: branco e dourado. Veña un bico. Fagamos click. O noso amor é trending topic.

Ben agora, natural, co pantalón xusto e a camiseta cinxida. Un pasiño atrás. Sen ollos de tolo, espontáneo. Os coreanos, en Dubai. Retrocede un pouco. Tacóns no borde. Que non saia nada debaixo. Pon a bandeira, darános apoios. Case está. Conto tres e saltas, si? Un. Quérote moito. Dous. Claro que non… Tres… non van gañar os coreanos.

Fran Fernández Davila.

Sobre augardentes e despedidas

Seguro de cancelación revisitado 

Os dedos esvaran frenéticos de dereita a esquerda, de arriba abaixo. A outra man sostén o móbil e traballa a fondo o Tinder do paraíso. Cavo na fosa. Extraio orgasmos. As horas son mojitos solitarios e na cabeza teño máis nomes ca a funcionaria do rexistro. Dilúen o meu ex pero o maxín non descansa e esta illa parece a ONU dos cachas: estadounidenses, cubanos, brasileiros… as bandeiras desátanme. Entre foto e foto pregúntome se estou xa morta ou só borracha. Perfís e conversas mestúranse coma piña colada, axítome entre o xeo pero acabo escaldada. Delirium phallus. Baixo á piscina probar a auga. Un home achégase á miña hamaca. 

—Le aplico cremita, señorita —sorrí. Engraxa a palma, ofrecéndose. Nun varrido descarado topo coa erección asomando pola petrina aberta. Un Tarzán de ximnasio que devorar.

Recóstome con fastío e albisco un avión suspendido no ceo. De súpeto unha luz. O aeroplano estala.

Marisol Gándara.

Seguro de cancelación

Limoeiro revisitado

Ardera todo. A noite transcorrera entre un fractal luminoso de bombas de fragmentación. Eu patrullaba entre as cinzas coma un leucocito despistado nun cadáver inda quente. As ennegrecidas estruturas semellaban as costelas dun peito aberto. As areas do deserto brincaban alegres co vento, reclamando o que era seu.

«Alpha Tango, que ves? Cambio».

Diante miña, un espello esnaquizado deconstruíame. Ningún dos anacos mostraba xa a bandeira que me trouxera ata alí.

«Nada. Corto».

Crucei a ponte. Deste lado fedía menos a morte queimada. Unha pequena casa mantíñase intacta no medio da nada. As ramas verdes dun limoeiro despuntaban tras o murete do patio. A nena saíu de aí. Deume un limón e marchou correndo. Era grande, pesado e deforme; coma unha gárgola. Craveille os dedos ata o aceirado corazón da granada. O seu lume levoume ao Fruntilleiro da miña nenez, onde os limóns son brandos e doces por dentro.

David Botana.

Limoeiro

 

 

20 thoughts on “Xornada preliminar da II Liga Maruxairas

  1. Pois semella que vou ser o primeiro en votar nesta xornada preliminar. Antes de nada, moita sorte a todos os participantes e espero que gocemos de boas lecturas.

    Os meus votos:

    5 puntos –> O soño de Brais revisitado
    3 puntos –> Seguro de cancelación revisitado
    1 punto –> Limoeiro revisitado

      1. César, poderiamos votar polos tres que máis nos gustan e opinar dos outros catro? Entendo que do noso non debemos dicir nada…

  2. Boa sorte a todos e todas. Dou os meus votos:
    5 puntos. Limoeiro revisitado
    3 puntos. Sobre augardentes e despedidas.
    1 punto. O soño de Brais revisitado2

  3. Por aquí estamos unha vez máis, sorte a todo o mundo!
    Estes son os meus puntos:

    5 para A soidade do ciclista revisitado.
    3 para Sobre augardentes e despedidas revisitado.
    1 para O soño de Brais revisitado 2.

  4. A soidade do ciclista revisitado ten 163 palabras. Xa sabedes que podedes cambiar o voso voto se considerades que o autor ou autora abusou das regras. Neste caso, a organización non vai penalizar o relato.

  5. Boas! Grazas a Biosbardia e a libraría Maruxairas por este espazo para reencontros e desafíos. Cando sexamos normais de novo será visita obrigada.
    Curiosa selección de relatos a revisitar e grande idea a de revisitalos. Imos ó lío.
    5 puntos van para Limoeiro revisitado porque me fascinou como está escrito, o léxico que emprega e as imaxes que resultan.
    3 puntos doullos a O soño de Brais revisitado 2. Descoloucoume esa muller que aparece de non sei onde, non sei se é a crua realidade personificada ou que pero gustoume como se narra o pouco que pasa, preciso e sen voltas.
    1 punto para Sobre augardentes e despedidas. Deste relato gustoume o trasfondo, a crítica a todo o mundillo dos likes e o xeito de meter toda ese linguaxe de redes sociais e menos parte da redacción que me resultou un tanto confusa por momentos.

  6. (o wordpress sigueme dando problemas, asi que é posible que saia algun comentario duplicado meu)

    Eu non participo, asi que non podo votar, pero si que quero comentar un pouco cada relato. Estou contento por ver 2 relatos meus escollidos para ser revisitados, especialmente o de Brais, que xa nin me acordaba del.

    A soidade do ciclista revisitado

    foi innecesariamente arriscado usar a palabra automobilístico cando se trata dunha bicicleta que ainda non se mencionou no texto. tamen me fai dubidar o uso de “semellante”. semellante a que? si, si, xa sei o que quere dicir, non vos ergades das cadeiras. refirome a que da a impresion de ser usado de forma sarcastica pero non queda claro, porque non sabemos nada do accidente.
    Empezar un relato curto in medias res está ben, é boa eleccion, pero hai que ter coidado de transmitirlle iso correctamente ó lector. Non é o mesmo que che presenten unha accion xa empezada e ti teñas que incorporarte de cero a ela que que o contexto che de sinais dunha complicidade autor-lector (ainda) inexistente.
    un exemplo:
    “Ergueuse cando a rapaza xa se perdera tras a curva. Refregou as mans contra as canelas, intentando despegar a lama do camiño, que lle aplaudía a caída. Andaba a recoller a bicicleta cando”
    aqui o lector pensa “o tipo caeu da bici”. e basta con iso.
    En cambio, se metemos o de “Logo de semellante accidente automobilístico” o autor introduce un xuizo propio co que o lector non pode identificarse nin valoralo. É unha referencia a un baleiro, como un chiste que non entendes de todo.

    Tiven que buscar en google porque non coñecia o meme (creo que a palabra meme xa vale para todo) monstro figura crack etc. Está simpático.
    Un pouco retorcida a frase dos ollos e o cerebro, inda agora non sei como interpretala.É mellor dicir as cousas de forma mais sinxela e directa. Fíxate se o é que a primeira vez que o lin quedei tan distraido por ese enrevesamento que non lle din importancia ningunha a que o home desparecera como fumeira espallada. Non vos poñades paus nas rodas, se nunha frase ides mencionar algo que ten que captar a atencion do lector expresadeo de forma clara, sen reviravoltas. Se tal, poñedeas despois, pero non antes.

    Unha pena que o relato necesite ese “un tempo despois” para continuar. Non estaba facil evitalo, pero é un handicap e compre darse conta diso. Ademais fixadevos no verbo “leu”. Quen leu? O prota, non? vale, pois agora retrocedamos ata a ubicacion do ultimo verbo que se refire ó noso prota. Atopastelo? É “puido”, na 3º liña do relato. E estamos agora na ultima! É moito espazo sen darlle ó lector verbos nos que o suxeito é o nos protagonista. Os ollos do ciclista, as mans.. de novo ese innecesario retruco da expresion nos incordia á hora de disfrutar do relato (a min, polo menos).

    O final está ben, rematao co mesmo ton de humor co que comezou. É un relato lixeiro, se cadra demasiado lixeiro, porque non hai apenas sinerxias entre os seus elementos. Refirome a que hai un ciclista como prota e un fan(tasma) do ciclismo, pero realmente funcionaria igual se fose un corredor ou un paisano paseando. Tampouco a caida importa, nin o paso do tempo serve a mais proposito que dar a opcion a que o prota lea no FB sobre Ramon. Son só elementos que se van introducindo no texto ata cumplir coas 150 palabras.

  7. Leaving Las Vegas revisitado

    O das velocidades inimaxinables para ningun humano penso que foi unha esaxeracion pouco pensada polo autor/a. Podía ter engadido algo como “sobre 2 rodas” ou algo asi para baixar mais á terra tal aseveracion.
    En xeral penso que ó relato lle faltou ou revision ou un beta detrás. Hai expresions, palabras ou comas que non están onde deberían. Son detalles pequenos que impiden o pleno disfrute do conto, porque penso que esta clase de contos necesitan unha fluidez de lectura imperturbable para non pararte a pensar no que estás lendo, para crer a fantasia. Por exemplo, para que dicir que o edificio é elegante ou que o recoñeceu se iso non é importante? Só distrae. Por que dicir qeu el nunca sería un salvapatrias cando o relato non ten nada que ver con iso? Non compensa, na miña opinion, introducir ese concepto por facer o xogo de palabras despois. Afinando cousas coma esta penso que quedaría un texto agradable de ler.
    Parte do problema pode estar na foto, que non da lugar a moito mais que a imaxinarse a alguen caendo ou saltando amarrado a unha bandeira. É moi complicado facer que un relato pase por unha situacion tan concreta. E ollo, que aqui inda se fiou ben o tema co ciclista E.T., quen sabe onde poderia chegar a cousa se na bici fose un extraterrestre. talvez por iso as velocidades eran inimaxinables para os humanos.

    Leaving las vegas revisitado 2

    Penso que o relato empeza algo apresurado, como se o estivese escribindo alguen que chega tarde a unha cita. Empeza dicindo que marchou a las vegas e para que. inmediatamente despois dinos que o conseguiu (o ultimo dia), e de seguido volvemos atrás para ver como o conseguiu. Esta cronoloxia fai que me perda un pouco. Que é o importante aqui? que marchou? que conseguiu o que queria? a maneira de conseguilo? Ou, pola contra, o importante para pode ser que lle sucedeu (en que cambiou) á prota despois de conseguir o que buscaba? Non se me ocorre agora mesmo como suavizar esa entrada no relato, ó mellor quitando o de que foi o ultimo dia, que tampouco importa tanto.
    Polo demais, gustoume, está ben levado, a ausencia de puntos é un punto forte (ha!) que axuda a levar ó lector por onde queres sen que lle de tempo de pensar demasiado porque está lendo seguido, coma se o relato fose unha conga da que non podes sair nin para respirar. Moi ben pensado todo. Un dos meus favoritos da xornada.
    nota: no relato so hai 3 mauisculas. Las no titulo, Marchou no inicio e Aleph. As duas primeiras poden ser erros de edicion, pero Aleph, por que? poderia ser unha conga infinita, sen maiuscula ó comezar nin punto final no remate.

    O soño de Brais revisitado

    Mmmm non me parece eficiente mencionar a Megan 2 veces no mesmo contexto exacto. Poderia omitirse na intro e deixala só na carta, onde xa se di que é a moza e se intue que formou parte activa do cambio qeu se obrou nel.
    Tamén é unha pena non aproveitar mais a carta. gastase moito no tema da foto cando non deberia ser mais que unha anecdota. Eu non son un fanatico do realismo nos relatos, pero quedou unha carta/mail/wasap raro. Vale porque entendo que o relato está enfocado ó humor ou á satira, e efectivamente Brais queda ridiculizado, como sente a sua irmá tras lela. Está ben que esa critica sexa ampliable á humanidade, non é que Brais fose parvo, é que o capitalismo volve parva á xente (digo isto asi a modo de exemplo simplificado, non é necesariamente nin a miña opinion nin o que poida dicir o relato). Sen embargo Brais si que era ambicioso. Foi aló coa maleta chea de negocios por facer. O malo enton aqui non é o capitalismo, nin a infelicidade (Brais is happy), o malo é a perda da dignidade. O relato non da ferramentas para ir máis aló. O relato é, en realidade, un esquelete, unha idea potente apenas revestida de carne literaria, o xustiño para erguerse do cadaleito.

  8. Bo día¡ Antes de nada, moitas grazas por deixarme volver a participar e agardo que teñamos bos duelos¡
    Gústame o concepto de inspirarse en relatos anteriores, penso que é unha forma de darlle valor a moi bos relatos que se crearon grazas ao torneo. Nesta ronda foime difícil escoller o ranking, pero ao final os meus puntos van para:
    5- Limoeiro revisitado está demasiado ben para 150 palabras, que envexa. recordoume ao xogo Spec Ops, se o autor ou autora non o coñece igual lle gusta a ambientación¡
    3-Sobre aguardentes e despedidas revisitado, pois pareceume que tiña mérito o ritmo ben levado e a cadencia de imaxenes, gustoume e creo que está ben logrado.
    1- Seguro de cancelación revisitado, nunca é fácil chegar a ese ton sen caer vulgar, pero as sesión de Tinder modo mona borracha ben que o valen.
    En xeral coido que para unha primeira ronda os relatos están case que demasiado ben comparados co meu así que porfa go easy on me.

  9. O soño de Brais revisitado 2

    A min tamen me descoloca esa crua realidade. É unha contraposicion ó soño de Brais? Se esa muller é metaforica, enton todo o relato o é tamen. Entendendoo asi relato sería unha alegoría na que se mostra como Brais se estrelou na vida por perseguir un soño (que demostrou suicida). Sería unha revisitacion dun posible futuro do relato orixinal. Eu entendoo asi e paréceme ben realizado.
    A unica pega é esta suposta alegoria apoiase nunhas patas moi curtas. Se quitamos a crua realidade xa case non hai forma de defender esta idea, e inda con ela os simbolos son difusos, a bandeira, o espello.. significando algo ou son só elementos de atrezzo? non saberia dicilo. Paréceme un bo relato, así e todo.

    Sobre augardentes e despedidas revisitado

    Gustoume. Foi un acerto usar frases curtas (sempre o é), adaptanse moi ben ó que se conta. Pequenas instantaneas, pensamentos rapidos e cambios de escena. O final recordame á coleccion esa de selfies feitas antes de morrer. Estivo ben parar aí e deixalos no aire. Paréceme un relato elegante, ben escrito e cun bo uso da 1º persoa.

  10. Seguro de cancelación revisitado

    Non sei se está feito adrede pero o 1º que pensei foi que os dedos esvaraban nunha pantalla de movil, pero claro, logo resulta que o aparello está na outra man. Moi boa forma de entrar en materia. Chegados a este relato penso que alguns/algunhas autoras/es se enfrascaron demasiado en representar a foto tal cal se ve ou en poñer a referencia á foto no centro (ou final) dos seus relatos cando basta con inspirarse nela ou nunha parte dela. É só unha sensacion que me deu. Neste relato o tema da foto despachase ben e rapido e iso permite que a/o autor/a poida dedicarlle espazo a transmitir outras cousas, e iso nun relato de 150 palabras conta moito de cara o resultado final.
    Penso que hai unha boa combinacion de introspeccion e accion (refirome a que pase algo tamen fora da mente da prota) no relato. Gustame tamen que o final do relato non sexa unha revelacion divina interior da prota, senon unha explosion externa tan inesperada como acertada (porque se relaciona totalmente co relato orixinal), en contraste, apenas sabemos que qeuda pensando ela no final, iso queda da nosa parte, e é interesante que sexa asi porque fai traballar o musculo da empatia. Un relato perfectamente montado.

    Limoeiro revisitado

    Este é o que mais me gustou. É un eco do seu orixinal. E inda se podia podar algunha frase feita (reclamando o que era seu). É incrible con que poucas frases se pode compoñer tan ben unha imaxe na nosa cabeza. Ata os dialogos contan mais que o que esas palabras poden conter. Fala de que non ve a bandeira e responde a continuacion “Nada”.
    Tamen me parece un acerto entregarlle a granada ó lector (sí, ó lector) dentro do limon e marchar correndo o autor xunto coa nena. O importante non é que a explosion mate ó soldado, é a nós a quen vai dirixida. Se non nos fai dano a nós, non vale de nada, e penso que aqui o consegue, porque a pesar de ter a granada encima temos que seguir lendo a utlima liña, e non da tempo, estoupanos nas mans xusto ó chegar ó punto final.

  11. Boa tarde a todas e todos.

    Primeiro quero dicir que é un pracer estar aquí de volta compartindo relatos con vós. Moita sorte a todas e todos e, sobre todo, que pasemos moi ben. Here you have my votes:

    5 points go to “Seguro de cancelación revisitado” por irreverente, por porco e por arriscado. Gústanme os relatos que tratan sempre de ir un pouco máis alá do esperado e este vai. Ademais ten ritmo, o que fai moi fácil a súa lectura. P.S.: a miña neurona e máis eu estivemos a falar e ningún dos dous pilla o do avión. A ver se a autora ou autor nolo explican despois por privado.

    3 points go to “Limoeiro revisitado”. Este relato, como diría aquel, pareceume moi profesional. Ben feito, dereito ao celme da cuestión e cun final ben rematado. Encántanme as imaxes creadas ao principio aínda que a aliteración de erres fai que a segunda frase me sexa difícil de pronunciar.

    1 point goes to “A soidade do ciclista revisitado” do que me prestou o principio e o seu dicionario de apelativos.

    Quédame pena de non puntuar outros que ben o merecen, pero a cousa non deu para máis.

  12. O ultimooo… tedes que perdoar. Xa só dou collido o ordenador ás únicas horas onde podo ter a pestaña do porno ao lado da de Biosbardia. Alégrame moito estar aquí de novo con todos vos, os veteranos desta cúpula dos lóstregos literaria e os novos participantes que non saben onde se están metendo (isto é droga amigos). Ao tajo.

    Os meus cinco puntos son para “Seguro de cancelación revisitado”, gustoume moito o ambiente, a maneira de abordar o sexo, desenfadada e tamén cun punto decadente que lle da moi ben. Creo que pilla o cerne do meu relato moi ben, e iso, como pai da criatura, é un punto que me chega ao corazón. A explosión vaille xenial tamén, un esbourazo que rompe a escena e te saca completamente de maneira aleatoria. Lembroume ao mesmo momento da peli El lobo de wall street.

    Os meus tres puntos van para “Sobre augardentes de despedidas”, gústame a linguaxe, como está montado, as escenas e a rapidez. Fixádevos como resume toda unha boda/relación con tres pinceladas. Penso que o final podería ter algo máis de punch porque quedou algo lixeiro…

    O meu derradeiro punto vai para “Leaving las vegas revisitado II”. É un relato que me gustou moito por como explota ao máximo unha escena. Son moi difíciles de conseguir e de que teñan carga de profundidade coma este. Nunca unha conga nas vegas deu para tanto.

  13. Boa noite¡ Quería aclarar, que se me esquecer, o de pasarse do límite de palabras. Cando o escribín púxenas todas xuntas, sen despegar as comas, porque pensei que lle daba o toque de barullo instantáneo que ten o meme. O que non sabía era que o contador de palabras, ao facelo así, conta todo como unha soa, cousa que me fixo gracia e pareceume unha lagoa legal.
    De todas formas, non era a miña intención pasarme do limite, tan só quería deixar claro que o señor ese era unha fera da nomeación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *